O Obradoiro

Obradoiro_Revoltas_GlobaisA política, o político, non é un territorio ben delimitado; senón un espazo agonístico no que as súas redefinicións discursivas son xa accións políticas, e a inversa. Na esixencia de atender aos nosos contextos concretos e repensar, dende unha teoría sempre situada, os lazos entre as palabras e as accións, propoñemos neste obradoiro un percorrido polos diversos efectos que as revoltas inda en proceso están a ter no xeito de facer e pensar a política nun momento de fin de ciclo e mutacións globais. Como pensar a relación entre corpos, accións e discursos na era das mallas sociais? Que implican os procesos de resignificación para termos como “democracia”ou mesmo “política? Que impulsa a xente a saír a rúa co obxectivo de tornarse en axentes dun cambio social? Como contestar a legalidade dende unha xustiza que deslexitima os poderes de feito? Que pode facer unha multitude que se quere constituínte para arranxar as diferenzas sen abolilas? Que implica para o campo enteiro das nosas posibilidades e desexos a irrupción do común como acontecemento? Esas liñas diversas, que non tentan esgotar o obxecto, propóñense como outras tantos percorridos polos que pensar entre todos o que está a acontecernos. Este obradoiro, que se pretende un camiño de ida e volta entre a tradición filosófica recente e a nosa artefactualidade, vai dirixido a calquera que queira participar nun proceso común de pensamento.

Cando e onde

4 e 5 de Septembro do 2013 na Facultade de Filosofía da U.S.C. Cursos da Universidade de Verán da Universidade de Santiago de Compostela.

Contido

Presentación

 

0.1 O malestar na cultura: individuo ou sociedade?

Partindo dunha discusión das liñas xerais coas que Freud se enfronta no seu texto central O malestar da cultura (1930) á pregunta acerca de cal é a fonte principal do malestar do individuo na sociedade, trátase de poñer en marcha unha reflexión conxunta en torno a como deben ser lidas as queixas contemporáneas do individuo na sociedade, é dicir, acerca de cal é o desexo que transluce por entre as súas demandas.

Imparte: Francisco Conde Soto (Vigo, 1978). Doutor en filosofía pola Universidade de Barcelona (2007). Profesor da facultade de filosofía da USC. Diploma de Estudos Avanzados en Psicanálise pola Universidade de París VIII (2009). Autor dos libros “Martin Heidegger” (Baía edicións, 2007) e “Cosmopolitismo vs. Globalización” (Estaleiro editora, 2012).

0.2 Micropolíticas en transición: do local ao global.

Do local ao global. Coa crise estanse a multiplicar no noso contorno as tentativas de crear unha alternativa real ao capitalismo, nunha mestura de urxencia ante a precarización do estado de benestar, crecente desconfianza ante as institucións estatais, certa inviabilidade da toma de poder e unha actitude proactiva na constitución do que nos gustaría que fose. A política encárnase así no cotián, evitando as intermediacións, nunha estratexia de resistencia perante a lóxica de dominación. Mais como se está a pensar aquí o cambio, a transformación? Un novo paradigma parece impoñerse fronte á idea máis clásica de revolución, pero obríganos a somerxernos nunha experiencia da súa propia imposibilidade.

Imparte: Lucía Castro Varela (A Coruña, 1980). Licenciada en Filosofía pola USC (2003) e doutoranda no Departamento de Filosofía da Universidad Autónoma de Madrid, obtivo nesta universidade o Diploma de Estudos Avanzados no 2006 e é membro do grupo de investigación Filosofía Geopolítica de la Historia dende 2008. Entre as súas publicacións destaca “Lógos y téchne. El lenguaje en la pro-ducción”, no libro conxunto Martin Heidegger: la experiencia del camino (UniNorte Barranquilla, 2009), así como diversas traducións do alemán publicadas na obra Filosofía del Imperio (Abada, 2010).

0.3 A cuestión das “drogas”: unha abordaxe dende a xenealoxía foucaultiana.

Mediante a escisión entre “droga” ilegal e “medicamento” autorizado, o antigo phármakon ligouse na sociedade consumista ao illamento individual no seo dun comportamento masivo. Tras unha “realidade” definida en termos xurídicos e clínicos, atópanse relacións de saber-poder que canalizan as prácticas e tenden a normalizar a poboación. As loitas de resistencia ao trazar alianzas transversais e heteroxeneizar os discursos para incluír colectivos e problemas antes non observados, teñen por diante conseguir o que esta sociedade esnaquiza: o asexo dunha relación non fatídica coas poderosas substancias capaces de mudar o ánimo.

Imparte: Diego Lubián Prieto (1979). Licenciado en Filosofía pola USC (2005) e doutorando no Departamento de Filosofía da UNED. É coordinador do Seminario de Estudos Críticos de Compostela, director da editorial Corsarias e autor do ensaio inédito “Ebriedade e poder. O devir do concepto “droga” na sociedade contemporánea”.

04. Desobediencia civil.

O movemento 15 M desafía —antes que a unha forma de goberno determinada— a un estado de conciencia xeral caracterizado tanto polo letargo aciago coma polo malestar da sociedade civil. Moitas veces os seus fluxos e refluxos traballan na marxe da legalidade. Ás veces debúxana.

Imparten: Delmiro Rocha (Salceda de Caselas, 1980). Licenciado en Filosofía pola USC, Doutor Europeo pola UNED e a Université Charles de Gaulle Lille 3 (Francia), Premio Extraordinario de Doutoramento e membro do Seminario de Investigación Decontra. É tradutor ao castelán, xunto a Cristina de Peretti, dos seminarios de Jacques Derrida La bestia y el soberano I e II. Entre as súas publicacións cabe destacar, en galego, o libro Deconstrucións: unha volta a Jacques Derrida (Estaleiro editora, 2011) e, en castelán, Dinastías en Deconstrucción (Dykinson, 2012).

Francisco J. Rey (Salceda de Caselas, 1983). Licenciado en Dereito pola USC (2009). Actualmente está preparando oposicións para o ingreso no Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia. É o xuíz de paz titular de Salceda de Caselas.

05. O afecto indignado e outro desexo.

Que lle sucede a unha sociedade cando ela mesma deixa de poder crer na solvencia do seu modelo? Cales son os factores que determinan aos suxeitos a mobilizarse, a estoupar ou a calar? É necesario formularse estes aspectos para poder entender cales son os erros do noso paradigma social e que podemos facer para mudalo. Desexar outra cousa e, sobre todo, desexar doutro xeito poder ser a chave (ontoética e) política.

Imparte: Rebeca Baceiredo (1979) é licenciada en Xornalismo (2001) e doutora en Filosofía pola USC (2011) cun traballo sobre a onto-ética en Gilles Deleuze. Publicou os ensaios O suxeito postmoderno. Entre a estética e o consumo (Galaxia, 2005), (repeat to fade) (Estaleiro, 2011) e “A revolución non vai ser televisada” (Euseino, 2013)

06. O acontecer do común.

No “acontecer do común” trátase de pensar a revolta como un acontecemento, que ten o seu fundamento na reivindicación dunha concepción do común que está en perigo polas derivas neoliberais actuais e que trata de taponar os fluxos de desexo que pivotan ao redor dese común, que funciona como un punto de condensación e que pode servir así mesmo como punto de resistencia.

Imparte: Abraham Rubín (Ourense, 1978). Licenciado en Filosofía pola USC (2004) e Doutor en Filosofía pola UNED (2012), cun traballo sobre filosofía e política contemporánea. Publicou os ensaios “Da revolta italiana á potencia da multitude” (Estaleiro editora, 2010), “Entre posmodernidade e utopía” (Estaleiro editora, 2011) e “Acontecemento e desexo”(Estaleiro editora, no prelo). É profesor de ensino secundario da Xunta de Galicia.

07. Outra política: lingua, poder e as diferenzas

Como se pode artellar un movemento dende a asunción radical das diferenzas? Como concibir o común sen que sexa nin un punto de partida nin o termo dun proceso? É o antagonismo “o real” ou o fóra do espazo político? As actuais revoltas -e moi especialmente o chamado 15M- mostraron a relevancia, mesmo a necesidade, dunha acción política dende a diferenza irredutíbel, pero isto non tivo lugar sen conflito. É o consenso o ideal regulativo da praxe política? Como pensar a acción común fóra da racionalidade comunicativa? Neste módulo intentara percorrerse, dende os textos producidos polo propio movemento e certos autores xa clásicos da teoría contemporánea, a complexa heteroxeneidade do común e o necesario artellamento das diferenzas irredutíbeis.

Imparte: Beatriz Blanco (1980). Licenciada en Filosofía pola USC (2003) e doutora europea pola UNED cunha tese sobre a indecidibilidade do resto e o traballo de dó na obra de Jacques Derrida. Realizou estancias de investigación en París (Palais de Tokyo) e en California. É membro do seminario de investigación permanente Decontra. Actualmente está preparando unha monografía sobre a filósofa Judith Butler.

08. A policía na democracia.

Con ese título trataríase -partindo das teses políticas do filósofo francés Jacques Rancière- de analizar a actuación política no contexto da actual democracia neoliberal. Neste contexto faise pertinente distinguir entre a “policía”, xestión das poboacións e dos recursos, e a “política”, situando nesta última unha noción radical de “democracia” irredutíbel ao modelo neoliberal, cuxos procesos de resignificación foron claves nas revoltas do 2011.

Imparte: Brais González Arribas (Ourense, 1980) é licenciado en Filosofía pola USC (2003) é doutorando do Departamento de Filosofía da UNED, ademais de ter realizado estudos de Psicoloxía. Actualmente é profesor de Filosofía no IES de Arteixo. Entre as súas publicacións cabe destacar o ensaio Outro xeito de ser (Estaleiro editora, 2010).

Máis información 

Inscripcións, matrícula e prazos