Se queremos tratar o tema da postmodernidade debemos en primeiro lugar ver de onde sae, fronte a que reacciona e cal é a súa exacta relación con aquilo que o seu propio nome presupón que a precede: a modernidade. Para iso pode ser un bo camiño remitirse aos anos 60, onde o pulo ilustrado moderno realiza quizais a súa última tentativa cara unha universalización da autonomía do individuo, da súa liberdade e da súa igualdade.

Neste plano, se os anos 60 foron importantes foi, entre outras cousas, pola magnitude dos movementos sociais, das expresións culturais e da articulación dos desexos que os colectivos realizaron ao longo de toda a década. Desexos como os de alcanzar un saber alternativo ao oficial, a busca dunha sociedade mellor e doutros valores facían a súa aparición a principios desa década de xeito notábel xunto a outras formas de rexeitamento ao estabelecido (cultura hippy, música rock, etc.).
Así mesmo a oposición nos EUA á guerra de Vietnam, a reivindicación dos dereitos civís, o xurdimento do feminismo e un longo etcétera de movementos marcaron a definición e proposta do desexo que pouco a pouco se ía desenvolvendo: un desexo de emancipación, dun coñecemento que afondase o máximo posíbel en exploracións internas, ao mesmo tempo que un sentimento de solidariedade no ámbito social se convertía na bandeira que enarboraba a oposición ao estabelecido, a bandeira de negación das partes máis inxustas da realidade, inxustizas pensadas como tales a partir de premisas ilustradas non cumpridas como a liberdade e a igualdade. Especialmente resaltábeis neste terreo foron o maio do 68 en Francia e a década que cubriu os anos 67-77 en Italia –os anos do Laboratorio–, aínda que estas foron soamente as expresións finais de todo o caldo de cultivo xerado ao longo e ancho da década.

pdf completo