Á par dos procesos de novos cercamentos, que Harvey ten definido como “acumulación por desposuímento”, xurdíu con forza nos últimos anos unha redefinición da “vella” problemática dos “comúns”. Os comúns abren novos espazos, tanto no ámbito inmaterial, coma no material, ao rachar coa dicotomía entre o público e o privado. Supoñen ademais unha oportunidade de transformar as relacións de poder, revertindo asimetrías de dominación ao tempo que facilitan procesos de axenciamento das propias comunidades que fan/pensan e viven eses comúns. Da privatización das sementes á do folklore, os novos cercamentos revelan que o que está en xogo é a reconceptualización da cultura como común. Nesa estela do pensamento recente cómpre pensar a cultura como unha construción colectiva que non ten propietario, senón que se produce/mistura/distribúe pola propia cidadanía, quen é quen de tecer procesos autónomos de decisión, e autoxestión.

Porén, estes comúns, como tecido de diferenzas, constrúense a través de conflitos, e non están exentos de cuestións e cuestionamentos: a propia precariedade ou  a apropiación  e denominación do termo “comúns” por certas prácticas que responden sinxelamente a lóxicas de mercado ou neo-liberais. A achega cara ós comúns non se pode dar sen a comunidade que os sustenta, polo que a problematización dos comúns e a súa relación coa cultura ten que ser abordada mediante unha dinámica de apertura á cidadanía.

Co obxectivo de conceptualizar e pensar entre todxs como os comúns poden supoñer eses lugares de encontro no que pensar a propia produción cultural,  o #SalóndoMARCO, baixo a coordinación de Proxecto Derriba, organiza o seminario “Comúns e Cultura”, que terá lugar o sábado 7 de Outubro no MARCO de Vigo. Este encontro concíbese como un espazo aberto a participación da cidadanía no que, ademais das ponencias e intervencións de diversos investigadores recoñecidos neste eido, haberá lugar para presentacións de proxectos, ponencias ou exposicións, accións ou intervencións e debates. O encontro finalizará coa realización dun obradoiro cuxo obxectivo será o deseño dun “prototipo” de institución cultural en común, para ver a posibilidade de impulsar esas outras institucionalidades.

Aquelas persoas/colectivos interesadas en participar [cunha presentación, ponencia ou intervención] deben enviar unha proposta resumo a salondomarco@marcovigo.com, en formato pdf incluíndo:

  • Título da proposta
  • Nome e apelidos/nome do colectivo
  • Breve bio (un máximo de 50 palabras)
  • Breve resumo da proposta (un máximo de 250 palabras)

*A presentación non debe superar os 20 min e pode ser en diversos formatos como vídeo, performance, charla, conversa,…

O Comité seleccionador estará composto por membros do colectivo de pensamento contemporáneo Proxecto Derriba e Fran Quiroga, director do Salón do MARCO.

Os criterios que se terán en conta:

  • Adecuación á temática do Seminario
  • Relevancia teórica e práctica
  • Vixencia da proposta
  • Innovación no formato de presentación

Prazos:
Ata 22 de setembro: Recepción de resumos
O 27 de setembro: Notificación de propostas seleccionadas
 
Quen?
PROXECTO DERRIBA é unha organización sen ánimo de lucro, adicada á reflexión ao redor do pensamento contemporáneo. Defínense a si propios como “unha comunidade singular e acéfala”.  A súa longa co-operación parte dun aquí e dun agora concretos, malia que sinta a necesidade de abrirse a todo aquilo que poida acontecer noutros lugares e contextos, e dun outro concepto da comunidade e do común, que transita polos camiños da non pertenza da des-obra. Entre os seus proxectos destaca a revista de pensamento contemporáneo Derritaxes, a edición dunha serie de monografías en copyleft xunto a Estaleiro Editora, e organización de múltiples seminarios sobre o pensamento contemporáneo en distintos espazos institucionais e para-institucionais ( USC, Verbum…). O último deles até a data foi o “I Encontro Galego de Nov@s Pensador@s: Estratexias de Visibilización das Culturas Minorizadas”, no marco do Campus Culturae.

Que é o salóndoMARCO?
O #SalónDoMARCO foi a proposta gañadora da Convocatoria ANEXO 2017 do Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Este proxecto configúrase como un espazo recoñecible pola propia sociedade, como esa sala de estar dun fogar na que reunirse en torno a unha mesa ou sentarse no sofá e falar do devir e do cotiá. Este ‘lugar para estar’ concíbese como un proxecto de mediación, experimentación e investigación colectiva que facilita o impulso de comunidades de aprendizaxe; considerando a mediación non como un proceso de explicación do que alí ocorre, senón como un dispositivo que procura tecer redes e xerar conexións. A apertura deste lugar no MARCO abre unha nova infraestructura no propio museo para experimentar outra interface que reivindica a capacidade da cidadanía de construír e facer comúns.

Máis información en www.marcovigo.com e salondomarco@marcovigo.com
Hashtag twitter #seminariocomuns

Relatores participantes

Entre os relatores participantes no Seminario “Comúns e Cultura”, contaremos con Hugo Cruz. Licenciado en psicoloxía pola Universidade do Porto, director artístico do Festival Arte e Comunidade do Porto e o coordinador do libro Arte e Comunidade, editado pola Fundação Calouste Gulbenkian coa colaboración da Direcção-Geral das Artes e a PELE. Tamén é coordinador do núcleo do Teatro do Oprimido do Porto.

Teremos ocasión de escoitar a Amador Fernández Savater, codirector da Editorial Acuarela Libros, e autor de Fuera de lugar. Conversaciones entre crisis y transformación. Actualmente está investigando sobre as institucións do común a partir de casos concretos, como son os centros sociais Tabacalera e Campo de Cebada en Madrid.

E contaremos coa presenza de Montenoso, un colectivo que nace no 2013 e que ten como obxectivo recoñecer a importancia dos montes veciñais en man común, así como activar procesos que revirtan na capacidade das comunidades veciñais para xestionar de forma sostible os seus recursos. Foron gañadores dunha Mención de honra no Festival Prix Ars Electronica 2014 de Austria.

Obradoiro con Andrea Rico

Durante o Seminario acompañaranos tamén Andrea Rico, licenciada en educación social e especialista en facilitación de grupos. Forma parte da Coop Rexenerando e ten traballado como mediadora en proxectos artísticos con museos como o CGAC e o MUSAC. Coa súa colaboración levaremos a cabo un obradoiro a modo de peche do Seminario, no que pretendemos pensar xuntxs como sería o prototipo dunha institución en común.