NÚMERO 10. Decembro 2012

portada

EDITORIAL

Este ano produciuse algo que para Proxecto Derriba foi da orde do acontecemento: un encontro cunha deconstrución da escritura, cunha repolitización do discurso (pre)individual que sempre fai parte dun desexo colectivo, cunha performance da experiencia da escritura. Estamos a falar, á fin, do noso encontro coas Escrita(s), esa tentativa de construción do común diferencial co gallo das múltiples escritas por vir e realizar, que leva facéndose marxinal e precariamente –dous dos modos da excelencia– dende o ano 2009.

Por iso as derritaxes deron desta volta cun apaño en ritornelo, cunha cantiga antiga que nos pon xusto nos bordos da morte, alí onde o único posíbel é tanxer unha cantiga que retorna da intelixencia do amor, que nos agarda para acollernos infinitamente nesa repetición onde se dá a escritura.

Pensar, falar, escribir… asubiar con un nós que non arreda.

Bosques de texto

Liñas de forzas  Un pensar que vai fóra de toda teleoloxía. Unha escritura espectrográfica que atravesa o real e que fai fincapé na alteridade propia da pantasma, que pon en infinito desaxuste o sentido para facer posíbel que o outro da xustiza adveña. Un pensar comunitario non xerarquizado e que conta cos pistilos e cas pedras que as abellas depositan nas flores.

 T(r)opos ou unknow pleasures

* Logos, logo e por forza un curral de pitas de porc*s con alas e cocoteiros por tetas. * Un toque, un roce, un roce que de primeiras atravesa canda as frechas o corpo das criadas. * Mandelstam  “Hemos aprendido no a hablar sino a balbucear, y sólo prestando el oído al ruido creciente del siglo, y una vez blanquedos por la espuma de su cresta, hemos adquirido una lengua”.

Pensar doutro modo deunos a razón dos monos, dos aliens –dos zombis– e tamén a diferenza e a multiplicidade das singularidades dos pelos cos seus poros e os amores e as margaridas da África… En Alphaville cando Natascha trae dende o corpo alienado o brote da palabra consciencia.

 Errantes e místicas

Ela non quere saber nada dos centos de posibilidades que hai para calmala. A partir de aí comeza outra historia que como todas ten capas e canda as capas  restos. Amor e restos. Foi que comecei a punteirar notas, a tomar apuntes, a comentar, a apuntalar as relacións, as forzas que notei en falta entre tanta falta e entre tanto resto que non restaba. Logo viñeron días nos que o ollo volveu á súa caverna, logo así de vagabundear. E darme que pensar. Palabras; como cando dis desterritorialización semioclástica supercalifragilisticoespialidoso…

e sentes que algo se arranxa na historia. Corpos fóra da lei, da historia  corpos doutra historia.

Deconstrución e outro

Podes beber da copa ou non mover nadiña o cu da túa nada e non deixar que elas re-veñan. Mais se dicides beber has facer os traballos de perfeccionamento. Imos falar dun desvío, dun dicir desviado, no caso dun desvío na correspondencia dunha escritura que re-traia no envés da rostridade unha aclaración, unha chamada á orde. E unha real alteridade atrincheirada. Un so-porte sobre o cal debiamos ler unha idea, a do negro de Platón. Pero como? Imos falar de Abraham, alguén dirá facer un sacrificio, sacrificarnos ou sacrificalos. É que por iso repito aquí ese dicir desviado xa como presentación do negro de Platón. Pois tamén alguén dirá: un escravo que lle escribía os diálogos ao grego Platón. Así as cousas velaquí unha pantasma, un por-vir, unha concepción de tempo afastado da presenza. Aínda, cando cousas dan en corazón que corazón non entende. Pero si, o irrealizábel.

Vidaextra

Unha imaxe que se move, que se temporaliza, que se fai pensante… dicimos imaxe que pensa. Escoitamos o pensamento que pensamos nós, di esta imaxe que nos fai pensar:
A REVOLUCIÓN SERA FEMINISTA OU NON SERÁ.

Un día chegou o son, antes diciamos o cine era mudo  se acaso un subalterno.
Así, coa orella posta no ollo dun século que había dar outras moitas imaxes,
filmouse a chegada do ferrocarril á estación de Vilagarcía de Arousa,
e así a saída das obreiras da fabrica de tabacos d´A Coruña, a Galicia de Carlos Velo e o cineclube Carlos Varela. Falamos dun músculo que pensa. Dreyer o revirado, o mudo, o momo, o subxectil, a vacaloura, o escornabois. Alguén, vostede ou eu, adiántase e di: “bailo sempre igual de mal”. Ou tamén “Alguén, vostede ou eu, adiántase e di: quixera aprender a vivir, por fin”.

A domadora

Os artefactos son corpos porosos onde se apaña a luz por inter-locución dunha superficie.Todo corpo achega un sentido que é disparado pola afección dun igual, ou pola violencia dun superior xerarquizado. O artefacto que nos presenta a domadora fala dende a noción de igualdade e comunismo, pois trata de disparatar á súa vez o sentido do eu non desterritorializado polas sucesivas ondas da psicanálise e o sentido do nós non deconstruido polas sucesivas revolucións socialistas. Un artefacto, logo así que nos re-trae cara o corpo das escritas que viven no roce que xera a xente. Corpos nos corpos, nervaduras do cerebro, músculos das bulbas, unllas das mans, pelos dos antebrazos… A pancarta di as balas no corazón da raíña trans.

Fisuras nunha liña de progresión

Díxolle Alicia ao gato inter-nauta:

– Chúspeme nos ollos, Wil, así sexa a través do ecrán.

Comezamos a pensar nas posibilidades da blogosfera ou, se queredes, da cousa internet ao fío de certos acontecementos que percuten na cabezota extensa, cogitante e trans-cibernética que acolle a este novo campo de escritura.

No peor dos casos o chuspe do gato internauta é tan patente como o desazo de Alicia ao caer polo fondo – furado da rede. E , porén, o chuspe pon en situación a frase: Coidade da intelixencia, botádelle carniza e pedra á vosa forza de traballo, que non ilegalicen as mans cas que amades, tede logo conta da difícil pregunta acerca do que é extenso e do que é cogitante, non vaia ser que o pelicano trace nas veas da rede outra volta ao plus-valor.

Entón

En todo caso por que insistimos na manía da escritura?

E por que é preciso facer a partir das máquinas de escritura cando nos recollemos no instante dos berros?

E por que é sempre a partir dos berros que pomos en marcha esta máquina de guerra á que chamamos escritura e que dalgún xeito intensifica as relacións e pon en marcha o pensamento d+s outros?

Pois quizais diso se trate, de poñer en marcha e de andar sempre á procura do outro inventando resortes e camiños que nos fagan saír de nós mesmxs, que fagan que xa non sexamos máis nós mesmxs, senón un nós novo, desubxectivizado, expectante, desafiante, en continua expansión.

Quizais sexa isto e non outra cousa no que collen pulo estas Derritaxes – Escrita(s).

Derritaxes

desenvólvese mediante un percorrido imposíbel á

procura das pegadas, lembranzas e retornos

daqueles que perseveraron con e por ela. Fai dó, así

mesmo, polxs amigxs inesquecibeis.

Derritaxes, á fin, edítase na memoria de

Paco Vidarte.

 

ARTIGOS

Bosques de texto. Rosalía de Castro e a lóxica da sensación – María do Cebreiro

O artigo tentará mostrar a produtividade lingüística, ética e política dun motivo que funciona dun xeito transversal á totalidade da obra de Rosalía de Castro, e que constitúe unha figuración imaxinaria do mundo natural como algo susceptible de ser vulnerado ou ferido. Refírome á representación literaria da talla das árbores, presente dun xeito explícito en poemas como “Los robles” ou “¡Jamás lo olvidaré…!” de En las orillas del Sar (1885), na novela El primer loco (1881) ou no artigo “El domingo de Ramos”, apéndice desta última obra. Nestes textos a autora bota man da descrición da natureza para facer visibles os efectos da acción depredadora da man humana sobre a terra, froito do capitalismo industrial, e tamén para demostrar a posibilidade real de que esta acción sexa politicamente conxurada ou invertida. Pero o funcionamento verbal das súas obras ten, ademais, o efecto de interrogar reiteradamente o mundo natural, atrevéndose a preguntar polo xeito específico no que a natureza traballa. Neste sentido, os seus textos (especialmente os narrativos) axudan a establecer analoxías entre o modo de produción do natural –aquilo que a filosofía da arte denominara natura naturans– e a linguaxe a través da cal a literatura, en tanto produto social e humano, tenta represental

T(r)opos ou unknow pleasures. A subversión do goce – Rebeca Baceiredo

A linguaxe empápase dunha orde social e reprodúcea. A linguaxe, logo, funciona con consignas. Que un texto dinamite a armazón pola que se liga ao statu quo é que as palabras dun texto deixen un espazo ao seu redor para poder latexar o seu ritmo, o seu tacto. Facer balbucir a lingua é do que se fala. Ir máis alá da linguaxe, e que isto signifique unha revolución… das conciencias.

Errantes e místicas. Andar sen rumbo no cinema contemporáneo- Marta Pérez Pereiro

A figura do flanêur asóciase á época de nacemento do tecido urbano que vai en paralelo ao agromar dos medios de comunicación de masas. O cinema, malia a súa capacidade para transmitir o espazo-tempo, a diferenza doutras artes, aínda non atopou a fórmula para trasladar a imaxes as camiñadas do flanêur ou da súa versión feminina, a flanêuse, unha figura condenada á invisibilidade. O movemento do flanêur/flanêuse no cinema podería ser, por empregarmos terminoloxía benjaminiana, o equiparable á aura contra a pegada. A este respecto, o cinema de camiñantes aproximaríase a un cinema da aura, que transcende a propia marca da realidade no filme.

Deconstrucións e outro. Unha fantoloxía do acontecemento – Sören Hauser

Hai silencios, marcas, secretos, outros, que non son senón fantasmas que se repiten, asedian e esixen unha concepción de tempo afastado da presenza, onde o pasado insiste no presente e a apertura ao por-vir é precisa. O fantasma aparece, ve e deixa marcas secretas e silenciosas que condicionan o noso ver e o noso facer na procura da apertura que deixe paso ao acontecemento.

CONTEXTOS

Vidaextra: Notas de Presentación para un Proxecto de Filme – Ramiro Ledo Cordeiro 

A domadora – Sabela López Pato

CONVERSA

Conversa con… Claudio Pato: “Ser xusto co outro é aceptar a súa monstruosidade”

 

DERIVAS

Fisuras nunha liña de progresión: comprender entre o lume – Oriana Méndez

Burrida

 

RECENSIÓNS

O planeta ben o merece. Por favor, lean Barthes – Elisa Hauser / Sören Hauser .

 

ILUSTRACIÓNS

Sao Hauser

http://santatorpeza.wordpress.com/