batrob_capitalVisto así, o sistema capitalista non é outra cousa que unha estafa. O proceso de valorización mediado pola mercadoría consiste, desde un principio, na alienación do tempo traballo. O paso da “distribución das riquezas”, das que se dispón por natureza e sen mediar produción na episteme antiga, á “creación de valor” introdúcese coa economía (política) moderna –A. Smith e D. Ricardo–. A partir de A. Smith, o principio de equivalencia dos seres –mercadoría– será o traballo reificado nos produtos, e a partir de D. Ricardo, o valor dependerá da capacidade de capturar tempo de traballo nun proceso de transformación. A fonte única de valor, entón, é para os clásicos o traballo, que intervén mobilizando os medios de produción para a realización dos obxectos. Tempo-traballo do proletariado que se transforma en mercadoría e dá a lei ao valor.

Pouco importan agora as distincións que estabelece Foucault entre o traballo como “Medida do valor” –Smith– e o traballo como “fonte de valor” –Ricardo–, porque o que nos interesa é pensar o valor desde o traballo, tout court.

Coñécese como período dos Trinta Gloriosos ao que vai desde o final da Segunda Guerra Mundial, até mediados dos 70. O que caracterizou este lapsus histórico niso que se chamou Occidente foi unha tendencia constante cara ao crecemento do P.I.B., fundamentado na expansión da produción industrial, a organización taylorista do proceso de produción e a inclusión fordista do traballador no consumo de mercadorías. A ideoloxía económica para este período estivo marcada pola reactivación ao estilo Rooseveltiano, favorecida pola necesidade de reconstrución dunha Europa en ruínas –Plan Marshall–.

1944, como se sabe, marca o traspaso da hexemonía mundial dun lado –Inglaterra– a outro –USA– do charco, e impón o pacto internacional que rexerá as relacións económicas até que Nixon o suspenda en 1971, data esta última de máxima relevancia. En Bretton Woods páctanse dúas cousas moi importantes: o regreso ao patrón ouro, e xa que logo una certa vinculación á “economía real” na medida en que o mineral ataba en curto a produción de divisa; e o estabelecemento do dólar como moeda de cambio internacional, que ao cabo supoñerá o dominio absoluto da nova superpotencia sobre a totalidade planetaria, na medida en que se fai coa chave da representación do valor.

A intervención de Harry S. Truman en 1949 universaliza a ideoloxía desenvolvista, imbuído da fe no progreso que aporta a valorización indefinida favorecida polos resultados do New Deal e os novos tempos postbélicos:

Máis da metade da poboación mundial está vivindo en condicións próximas á miseria. A súa alimentación é inadecuada, son vítimas da desnutrición. A súa vida económica é primitiva e miserábel (…) Por primeira vez na historia, a humanidade posúe o coñecemento e a técnica para aliviar o sufrimento desas poboacións. Estados Unidos ocupa un lugar preeminente entre as nacións en canto ao desenvolvemento das técnicas industriais e científicas. Os recursos materiais que podemos permitirnos utilizar para asistir a outros países son limitados. Pero os nosos recursos en coñecemento técnico (…) non deixan de crecer e son inesgotábeis. Eu creo que debemos poñer a disposición dos pobos pacíficos os beneficios da nosa acumulación de coñecemento técnico co propósito de axudarlles a satisfacer as súas aspiracións a unha condición de vida mellor (…) Unha maior produción é a chave para a prosperidade e a paz. E a chave para unha maior produción é unha aplicación máis extensa e máis vigorosa do coñecemento técnico e da ciencia moderna. [Fonte].

Así as cousas, a economía mundial adopta o dogma do crecemento ad infinitum –principio reitor do capitalismo–, contrariamente ao que indicaban as súas dúas fronteiras: o límite inmanente que incumbe á valorización do valor, e o límite exterior –Natural– da transformación material de materias primas e enerxía –ambas con capacidade restrinxida– en mercadorías:

O primeiro, o interno, impono a propia lóxica de valorización, que se considera regra fundamental: as accións dos actores económicos diríxense á acumulación de plusvalor, parte do cal destínase a mellorar o proceso coa tecnificación –competitividade–, parte do cal considerarase beneficio –motivación–. Fácil. O problema aquí –pensar no último parágrafo da cita anterior– aparece cando a tecnificación limita as posibilidades de reificación de tempo-traballo, pola sinxela razón de que se necesita menos para producir máis: menos tempo de traballo –menos traballadores– e máis mercadorías. Isto conduce a unha crise de sobreprodución que desemboca na paralización da reprodución do Capital por ausencia de perspectivas de beneficio, é dicir, de valorización, e o desemprego masivo polo inevitábel excedente de forza de traballo. Se volvemos a Ricardo e á lei da produción de valor, chegamos ao mesmo: menos tempo de traballo, sinxelamente, menos valor.

O que en realidade producen os obreiros é plusvalía. Mentres a produzan, terán algo que consumir. Tan cedo como deixen de producila, o seu consumo rematará. […]

No sistema capitalista, o proceso de acumulación do capital pode levar a unha sobreprodución. Este proceso de sobreprodución é a base inmanente dos fenómenos propios das crises. A medida desta sobreprodución dáa o propio capital, é dicir, a acumulación sen límite do capital constante e o desmedido instinto de enriquecemento e capitalización dos capitalistas. […]

A dificultade de transformar a mercadoría en diñeiro, é dicir, de vender, débese a que unha vez transformada a mercadoría en diñeiro, ese diñeiro non precisa transformarse inmediatamente en mercadoría, é dicir, que a venda e a compra poden disociarse.

Marx. As Crises do Capitalismo 

A capacidade de valorización a través da produción de mercadorías esgótase a principios dos 70, motivo polo cal seguramente o presidente Nixon anuncia en 1971 que USA abandonaría o patrón ouro e, en diante, a FED tería carta branca –superando os trámites políticos e legais de control inflacionario–, para imprimir diñeiro. Aos poucos, a superpotencia mundial se ha ir vendo constrinxida aos límites de valorización para a súa expansión, e impón, como solución, a desmaterialización radical da produción de valor: a financiarización. O que esta decisión manifesta non é senón o cambio dun modelo de crecemento baseado na produción de mercadorías con apego á capacidade real do sistema que se representa na escaseza do mineral, cara a un modelo de produción de valor a futuro, baseado na capacidade que o sistema terá a medio-longo prazo de producir o valor que se “adianta”. Á súa vez, a titularización do crédito vai permitir non só producir valor en base á “economía real” a futuro, senón incorporar as plusvalías que manan “espontaneamente” do tráfico de créditos: a débeda convertida en mercadoría que opera nos mercados financeiros, o “diñeiro financeiro”, que xunto ao diñeiro bancario hipostasía o valor ausente de referentes “reais”. Cando a unha entidade financeira que concede un crédito danlle a opción de desfacerse do risco intercambiando ese crédito no mercado, temos unha entidade financeira que concede créditos sen moitos miramentos. Así pois, unha vez esgotada a capacidade de endebedamento das clases altas e medias, esgotado o business seguro, o cancro da débeda se expande ao precariado, que polo avance da tecnificación e a consecuente aminoración do beneficio compensada coa conxelación salarial, vese obrigada a endebedarse. O que pasa en 2007 con Lehman Brothers non é outra cousa que a creba desta ecuación.

A “desregulación” do panorama financeiro internacional iniciada na década dos anos setenta permitiu que a intermediación financeira se estendera polo mundo empresarial, levando os fenómenos de creación monetaria alén dos confíns da banca e das fronteiras dos Estados. Do mesmo xeito que o “papel-moeda” permitiu construír sobre el “diñeiro bancario”, ambos serviron de base aos novos procesos de creación do que afago denominar “diñeiro financeiro”. Pois xunto á cadea de créditos e depósitos que orixinaba a creación de “diñeiro bancario” despregáronse outras cadeas máis amplas de activos e pasivos financeiros que se apoiaban a si mesmos nos balances das empresas e son fonte dunha nova creación monetaria globalizada amparada na confianza dos aforradores.

J. M. Naredo. Raíces económicas do deterioro ecolóxico e social.

O límite externo establéceno a biosfera, por unha banda, e as TRE –Taxas de Retorno Enerxético– pola outra. En 1972 publícase o famoso e polémico Informe Meadows, encargado polo non menos polémico Club de Roma a investigadores do M.I.T., a fin de prever os posíbeis escenarios aos que nos conduciría o sistema-mundo en que nos atopamos. Para a súa elaboración ponse en marcha unha nova metodoloxía: a análise do comportamento de sistemas complexos, a partir da dinámica de sistemas de Forrester e un software chamado Wordl3. Resumindo moito, o devandito informe sentencia a imposibilidade do crecemento ilimitado baseándose no aumento exponencial da poboación mundial –multiplicado por catro nos últimos 100 anos–, a finitude de recursos –enerxéticos e materiais– e a capacidade limitada dos sumidoiros. O equipo acaba proxectando varios escenarios posíbeis, e conclúe coa certeza de que, nalgún momento do século XXI, a dinámica de crecemento frearía irremisibelmente.

Entón:

Non unha, moitas crises. Crise de valorización pola incapacidade do sistema de reificar tempo de traballo –regra do valor– nun contexto de hipertecnificación crecente, parcialmente compensada coa produción inmaterial, a mercantilización dos intanxíbeis e a produción de diñeiro financeiro, pero que de xeito evidente descansa sobre a “economía real” e a lóxica capitalista de acumulación material. Crise ecolóxica, por esgotamento de recursos e colapso de sumidoiro. Crise civilizatoria, pola ruína definitiva do paradigma da representación na moeda –representación do valor–, a política –representación do poder no Leviatan– e da definición/clasificación do real –con formas distribuídas de construción de discurso, que afectan á produción de subxectividade e á produción de realidade–. Todas as crises dentro dun mesmo proceso de descomposición, que se prolonga artificialmente, polo menos, desde os anos 70.

Estafa tamén, pero iso non é a novidade 😉

A estafa, na mesma dinámica que segue a cerca dos comúns desde o XVIII –Marx. A chamada acumulación orixinaria–, ou a acumulación por desposesión de Harvey desde os 70, cobra un novo matiz nun período que se caracteriza pola escaseza: o incremento de expropiacións, a colonización de novos territorios para relanzar dinámicas suicidas de valorización. O desmantelamento do welfare state que se pon en marcha a principios dos 80, responde á necesidade de extraer valor a partir de priva(tiza)ción: Business as usual (BAU), pero como pano de fondo o esgotamento das fontes de produción de valor. O que chamamos estafa é a propia lóxica do sistema capitalista, que asumindo o principio fundamental da produción como forma de creación de riqueza, e do traballo como forma de valorización, busca desesperadamente novas vías de acumulación.

Entender que a crise se resolve simplemente coa regulación dos procesos, que entrarían en barrena pola cobiza do capitalista, é pretender que o sistema capitalista, coa súa estrutura de categorías intacto, pode sobrevivir e aínda ser desexábel para os fins dunha humanidade igualitaria –socialdemocracia–. Unha cousa é entender o sistema desde os límites, e outra é entender que hai certas deficiencias –vicios– corrixíbeis, e dos que hai

que se desfacer para alcanzar o “benestar universal”, o fin da historia. Isto é ideoloxía.

Pódese considerar a historia da especie humana no seu conxunto como a execución dun plan oculto da Natureza para levar a cabo unha constitución interior e –a tal fin– exteriormente perfecta, como o único estado no que pode desenvolver plenamente todas as súas disposicións na humanidade.

Kant. Idee zu einer allgemeinen Geschichte in weltbürgerlicher Absicht (1784)

Non hai capitalismo sen crecemento, nin crecemento sen antagonismo: sinxelamente estariamos noutro escenario que esixiría reformular todas as relacións sociais e das sociedades cos ecosistemas, reformular a lei do valor, o traballo produtivo, as formas políticas, o consumo como formalización do desexo, as subxectivacións capitalísticas, o poder. Por que non ir por aí entón?

@danhauser