Elisa Hauser

Sören Hauser

Trata de soster un discurso que non se enuncie en nome da Lei e/ou da Violencia: un discurso cuxa instancia non sexa nin política, nin relixiosa, nin científica; que sexa, dalgún xeito, o residuo e o suplemento de todos estes enunciados. Como chamariamos a este discurso? Erótico, sen dúbida, pois ten que ver co gozo; ou talvez estético, se se prevé dar pouco a pouco a esta vella categoría unha lixeira torsión que a afastaría do seu fondo regresivo, idealista, e a achegaría ao corpo, á deriva”

Roland Barthes por Roland Barthes

Escribir o corpo. Nin a pel, nin os músculos, nin os ósos, nin os nervios, senón o demais: un iso pailán, fibroso, peludo, esfiañado, a opalanda dun pallaso”.

Roland Barthes por Roland Barthes

PANKARTA BARTHES

O pracer do texto é ese momento no que o meu corpo comeza a seguir as súas propias ideas

pois o meu corpo non ten as mesmas ideas que eu

Logo isto será un falar a partir da lectura dun texto, si, mais en compaña doutros, cando menos doutra individua, monstrua. Si, si, monstrua! Dun corpo alén do xénero, das convencións e das recomendacións… Seguirá sendo isto unha recensión? Non talvez…

Acaso un mapa para non perdernos, ou para perdernos de todo no que chega… (alteridades) acontecemento. Para que o noso pen(s)ar varíe, derive e delire, para que se acolla sen intereses de débeda a unha lingua por inventar, que cando menos estea á altura da invención d*s tol*s, d*s amantes ou da señora que limpa sucursais bancarias…

Da rúa e do cosmos (caosmos) onde se dan as pasaxes, os paseos, os tropezos, os choques ao arribar os corpos en liña de fuga…Fóra da lei. Contra límite.

el-placer-del-texto-y-leccion-inaugural-roland-barthesO que faremos será tirar –e tirarmos– dos apuntamentos que no transcurso das lecturas feitas do “autor” francés Roland Barthes foron quedando canda os nosos corpos… corpos estraños que, por certo, pese a non envolverse en ningún dualismo metafísico, non pensan, non cogitan(coma nós). E, sobre todo, polo camiño que no ano que remata nos levou a pensar outra vez no texto bartheano Le plaisir du texte. O que segue, pensamos, fai un pasear polo acontecemento, é dicir, polo impacto que nos toca, polo (in)tacto que nos palpa, por aquilo que nos contaxia e contamina, e tamén por aquilo que se vai pola tanxente, que ten tanxido fúnebre e, ao tempo, promete vida… É dicir, aquilo que caeu canda nós, aquilo que nos tocou  toucher. Mais en definitiva o que propomos é un patchwork.

Estamos a falar tamén do outro alén da sociedade; dos tribunais, da escola, do manicomio, dos centros de detención para migrantes, do que está alén da cultura, de toda idea de dominio, de toda ideoloxía… E sabemos, con Barthes, que estas cristalizacións do poder e a tortura (escola, tribunais, centro de detención…) limitan ese outro por-vir, é dicir, pretenden suxeitalo e prevelo, transformalo nun simple futuro, cando o por-vir non está senón no entre, dentro-fóra de nós mesmas  as inadactadas. Vivimos sempre nun entre, nunha fenda na que o corpo –un corpo que é con e por outros– entra en combate e dá de seu, e faino fóra de si propio en modos deconstrutivos de toda experiencia dada, momificada, gaseada, espectacularizada. Corpo nos corpos, textos, derivas polo intelectual e o sensíbel. Asuntos, casos, xeitos de des-organización ao límite.

– Vaia co ben que te portabas até o de hoxe!

Xa que os nosos corpos non pensan coma nós, entón nada nos suxeita nas relacións cos outros que son os nosos corpos e os outros que somos nós para os nosos corpos. Nada máis sinxelo de entender! Nada xa que logo nos obriga, nos religa [relegere] a soportarnos máis ala do gozo, do pracer do corpo. Mais nada nos suxeita entón na mesma membrana como corpo social que somos, e se ese corpo social que construímos entre todas pensa… segue el tamén as súas propias ideas? Ou é que a membrana que apaña as forzas provoca un gozo nos arranxos que deslinda e lanza ao propio corpo social alén de calquera estrutura ou cristalización? Un CsO, pensara alguén… Un vivir na radicalidade do(s) outro(s), pensamos nós.

Di Barthes: “A escrita estaría alí onde a estrutura tolea.”

Mais do que aquí tratamos é de asentar un (sen)sentido, de non importunarnos porque o noso corpo pense distinto do que nós pensamos –non hai nada máis claro–, que se esporee o disparate, que non vivamos senón disparatados, en órbita cos outros que seguen excéntricos, facendo reviravoltas á procura de encontros –e choques–. Non hai medo de fracturar a identidade, esta xa sempre viviu en fisura, a mesmidade non foi senón un escudo que protexía a propiedade. No común non hai escudos!

A mesmidade –e toda identidade que leva consigo– é conservadora! O que fai é prever, anticipar, impedir a chegada do outro, da novidade. Non hai que importunarse porque o noso corpo social –en (de)construción– deixe de pensar como até o de aquí, como até entón.

Disto fala Roland Barthes en Le plaisir du texte, ao noso xuízo, sendo isto (o xuízo) outro que pensa distinto do que nós e á vez distinto que corpo.

– Si, que pensará a escritura de todo este asunto…

Escritura outra que vai ao seu AÍNDA indo sempre con outros. Pois do que se trata é desa estrañeza, dese inconfesábel –que non indecíbel– do que fala Blanchot. O que estamos a pensar é de que xeito a irredutibilidade do outro, a súa disimetría absoluta con aquilo que o considera (o eu) torna nova a relación (eu-outro), e nesa falla, nese burato entre-dous é onde xorde unha nova concepción de comunidade (blanchotiana), que sempre está en risco de non ser recibida, de non ser aceptada como tal, de se poder perder no camiño… Isto é un xogo e unha aposta! A aposta por poñerse en xogo, por expoñer os nosos límites. Pensar ao tempo o común e o outro, a radicalidade da diferenza da que facemos parte, nos nosos aforas, pese a que sexa algo intransmisíbel. Pois o único que paga a pena é transmitir o intransmisíbel, arriscándose a que esa transmisión non sexa a axeitada (nunca o é). Ausencia non é fracaso, senón proba extrema e urxente.

– Vaia! Xa está montada…

Por iso triunfamos (por montala) no afora de nós mesmos. Mais ollo! Triunfamos no interior que fuga as relacións internas e traza un afora interior, unha membrana que só o goce escribe, e nos di: que corpo non pensa dende a mesma situación que eu! Sabemos, iso si, con Barthes, que acaso sen suxeición, sen idea dominante… Pero como? Se non sentimos ao sentir máis que unha multiplicidade de límites… Pois por un esforzo, por unha vontade de sorte, por unha desmontaxe da lei, unha deconstrución –ao dicir de Derrida–, unha semioclástica –ao dicir de Barthes– que deixa todo en fuga.

A fuga do corpo, e do eu, do nós, e dese afora que, intensivo, non deixa de inmiscirse no en-tre-nós que é o texto de gozo. 

 APLAUSOS…

Por isto, non + contradición lóxica, non + loxicismo, non + fidelidade (se acaso, con Derrida, una fidelidade infiel), non + oprobio socrático  obrigar ao outro a contradicirse, non + terror legal nin psicoloxía da unidade, non + repetición vergonzosa –repetición creadora, diferencial!–, non + estereotipos, non + forma canónica, non + significado, non + idea dominante, non + ideoloxía… non + alienación política, non + forclusión do pracer, do gozo, do corpo… non + dicotomía am* serv*… Chegamos a un final que é un comezo… Fican avisados!

Aquí o deixamos, xa o dixemos… Corpo, eu, xuízo, lingua, escritura, cosmos… non pensan coma nós; o patchwork

TERÁ QUE SEGUIR!

Ao mellor Barthes –que non pensaba coma Nietzsche (acaso canda Nietzsche… E isto lévanos a pensar por inclusión, por gozo  a corpo, eu, xuízo, escritura, cosmos…) tiña na cabeza a frase INCIPIT PATCHWORK  o gozo esta servido. O planeta ben o merece.

Non, non era recensión o que nos pedía o corpo. Por favor, lean Barthes.

 (Recensión de BARTHES, R.: “El placer del texto”, en El placer del texto y Lección inaugural. Madrid, S. XXI, 2007)