Oriana Méndez
Resumo: Rexeitemos a orde para protexernos do caos. A dor, a angustia que se crava nos pulmóns ao vermos ideas opostas a si mesmas, ideas cruzadas consigo mesmas, un pensamento que xa non é transparencias: pensamentos apodrentados ou peor, pensamentos contraditorios que foxen da nosa comprensión, que non entran no aparato coherente dunha calma porque se aceleran e se multiplican e se dilapidan os uns aos outros e nós estaremos, entón, por debaixo, estaremos por riba do espazo e do tempo, entraremos na parte escura, produciremos cabalos alados e dragóns de lume.
Recuerdo las negras mañanas de sol
cuando era niña
es decir ayer
es decir hace siglos
Que hai neste amoreamento de tanta sede como límites?
Mantendo a lingua atravesada
por un corazón de insectos
fala de si mesma con problemas:
A miña propia cidade
a que levo dentro
alá onde estea, a que me constitúe:
sen ela, sería a mesma?
A cidade, son eu?
Quen é a cidade?
Unha braña infinita de sentido
que se despraza
que se tronza
que fai xirar o enigma
Ser cidade é un enigma
Chamemos por nós
para que arrinque o frío
desde o pulmón da terra:
Somos quen comprendemos entre o lume
Chamemos por
liñas soldadas de utopía
cidade soldada de metal
cidade engarzada de soños de metal
eles brillan
nas nosas pupilas cada día
tomamos a decisión de non espertar
eles tecen
eles son ferradura
é posible observalos nacer dunha luz
vermella e mucilaxinosa, brotan
sobre as palmas, no interior das palmas
dentro da forma ao partila
para trazar
a perspectiva do horizonte
sen lembranzas
fóra dos recordos, por un instante
fóra dos anais
entre a desmemoria e o relampo:
un soño orgánico
propiedade dos nosos órganos
o intre da luz da humanidade
todas as físgoas
Nesta
-Cidadáns mansos coma as vacas?
-Si
-Equivócase: contra bisontes
-
O mar adentro é unha illa de auga
rodeada de ceo por todas partes.
“Entón a xeografía e o imaxinario serían unha unidade. Tanto que para a pregunta favorita dos antigos exploradores -‘Que seres existen nunha illa deserta?’-, a única resposta sería que o home xa existe dentro dela, pero un home pouco común, un home absolutamente separado, absolutamente creador: nunha palabra, unha Idea de home, un prototipo, un home que sería case un deus, unha muller que sería unha deusa, un gran Amnésico, un Artista puro, conciencia da Terra e do Océano, un enorme ciclón, unha fermosa meiga, unha estatua da illa de Pascua.
Velaquí o home que se precede a si mesmo. Tal criatura na illa deserta sería a illa deserta mesma en tanto se imaxina e se reflicte no seu movemento primeiro. Conciencia da terra e do océano, tal é a illa deserta, lista para recomezar o mundo.”
Exército sobre ela
Exército sobre as cuncas do viño
Exército sobre os días que quedaron partidos
Cidade aberta
Lingua proletaria partida
Cavar cavar cavamos ventres para a escapada
que comerán en nós
ventres nas avenidas
e farannos seus
e sairemos entón cando o lume do mundo entre polas Cíes
como só os elementos entran polas illas:
recomezando a vida
Sindicato sobre exército
Sindicato sobre reconversión naval
Sindicato sobre os días que quedan por partir
Malláronnos por todas partes
menos por unha, o pobo.
A miña lingua nativa é o fascismo.
“Só pedimos un pouco de orde para protexernos do caos. Non hai cousa máis dolorosa, máis angustiosa, ca un pensamento que se escapa de si mesmo, que as ideas que foxen, que desaparecen sen apenas bosquexar, roídas polo esquecemento ou precipitadas noutras ideas que tampouco dominamos (…) Son velocidades infinitas que se confunden coa inmobilidade da nada incolora e silenciosa que percorren, sen natureza nin pensamento. É o intre do que non sabemos se é demasiado longo ou demasiado curto para o tempo. Recibimos lategazos que estalan como arterias. Incesantemente extraviamos as nosas ideas. Por este motivo insistimos tanto en aferrarnos a opinións establecidas. Só pedimos que as nosas ideas se concatenen de acordo cun mínimo de regras constantes e xamais a asociación de ideas tivo outro sentido, facilitarnos estas regras protectoras, similitude, contigüidade, causalidade, que nos permiten por un pouco de orde nas ideas, pasar dunha a outra de acordo cunha orde do espazo e do tempo, que impida a nosa ‘fantasía’ (o delirio, a loucura) recorrer o universo nun intre para concibir del cabalos alados e dragóns de lume.”
Elle est retrouvée
Quoi? –L’Éternité
C’est la mer allée
Avec le soleil.
Ishtar
Lapislázuli aquí
na túa profundidade, Rosa
Vermello-Luxemburgo
Quen é rico ou é ladrón, ou é fillo de mangantes.
BIBLIOGRAFÍA
PIZARNIK, A. (2006): “El despertar”, en Poesía Completa [ed. Ana Becciu]. Barcelona, Lumen.
ANTONIO, M. (1928): “Os cóbados no barandal”, en De catro a catro. [ed. facs.] A Coruña, Nós.
DELEUZE, G. (1953-1974): “Causes et raisons des îles désertes”, en L’île déserte et autres textes [ed. David Lapujade]. Consultable en castelán o 28 de novembro de 2012 en <http://ebookbrowse.com/gilles-deleuze-causas-y-razones-de-las-islas-desiertas-pdf-d336142146>
SASTRE, A. (1976): “Homenaje a Machado”, en Balada de Carabanchel y otros poemas celulares. París, Ruedo Ibérico.
PATO, C. (1995). [Sen título], en Fascinio. Noia, Toxosoutos.
DELEUZE, G. & GUATTARI, F. (1997): ¿Qué es la filosofía? [trad. cast. Thomas Kauf]. Barcelona, Anagrama.
RIMBAUD, A. (2002): “L’Éternité”, en Une saison en enfer. Paris, Seghers.
Dito popular.