- Datas: 22 abril 2017 – 1 marzo 2018
- Lugar: ANEXO (vestíbulo principal)
- Horario: martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
- Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Dirixido por Fran Quiroga
Proxecto gañador da Convocatoria de proxectos ANEXO 2017
Os museos de arte contemporánea son espazos creadores de subxectividades, e tamén amplificadores de narrativas; son lugares para o sublime, mais tamén facedores do presente. Han ser lugares que interpelen a sociedade e que se vexan afectados por ela, nos que o compromiso coa contemporaneidade condicione a creación doutros modos de facer, nos que o discurso se configure como unha pedra angular da arte.
O #SALÓN DO MARCO configurase como un espazo recoñecible pola propia sociedade, como esa sala de estar dun fogar na que reunirse en torno a unha mesa ou sentarse no sofá e falar do devir e do cotía. Este ‘lugar para estar’ concíbese como un proxecto de mediación, experimentación e investigación colectiva que facilita o impulso de comunidades de aprendizaxe; considerando a mediación non como un proceso de explicación do que alí ocorre, senón como un dispositivo que procura tecer redes e xerar conexións.
A apertura dun salón no MARCO abre unha nova infraestructura no propio museo para experimentar outra interface que reivindica a capacidade da cidadanía de construír e facer comúns. A través dunha serie de disposititivos procúrase que a cidadanía se apropie do #SALÓN DO MARCO. A xeración de nodos de investigación, conversas, seminarios, a construción do propio espazo, ou o impulso de comunidades de aprendizaxe, son algunhas das intervencións a desenvolver.
Este proceso comeza coa propia construción do salón: un dispositivo denominado #Facer Espazo que partirá dun obradoiro aberto, previa inscrición, coordinado polo colectivo Tecnoloxías Apropiadas no que grazas a Alejandro F. Palicio construirase un espazo axeitado para os usos do salón.
A continuación impulsarase a comunidade de aprendizaxe #Clínica Colectiva de Proxectos, que sirva como consultora colectiva. E o colectivo Alg-a Lab, referente na creación contemporánea independente en Galicia, realizará un #Obradoiro sobre fabricación dixital.
Ao longo do verán a investigación experimental #Vigo Rebelde, o Metal en loita convertirase nun dos dispositivos centrais ao reivindicar o dereito á cidade e o carácter instituínte dos movementos sociais. Este proxecto, liderado polo colectivo Niquelarte, procura atender á memoria do presente da industria do metal e será coordinado pola investigadora Adela Vázquez.
O pensamento contemporáneo terá a súa presenza a través do #Seminario Comúns e Cultura organizado por Proxecto Derriba, colectivo que se define a si mesmo como unha “comunidade acéfala porque se forma polo conxunto de aqueles que comparten a non pertenza, porque a súa obra é a desobra”.
Pablo Andrade e Rita Caoba abordarán #Pan de Cona a través dunha conversa performativa. E o conxunto destas accións irá acompañado dunha #Curadoría da Escoita, así como a #Documentación en Código Aberto a través do blog https://salondomarco.tumblr.com/
Fotografía de portada: Deseño do Club Obreiro de Rodchenko, para a exhibición soviética na Exposition Internationale des Arts Décoratifs et Industriels Modernes de París, 1925 (detalle)