NÚMERO 7. Xuño 2011
.

Bolonia, 19 de xuño de 1999. Declaración de Bolonia. Declaración conxunta dos señores ministros europeos de educación. Construír unha universidade europea. A Europa do coñecemento, crecemento social e humano, a cidadanía europea, promocionar a mobilidade, obtención de emprego, independencia e autonomía das Universidades, responder ás demandas da sociedade, que o sistema de educación superior europeo volva ser atractivo…

Independentemente destas de seguro excelsas e boas vontades, Bolonia agachaba a submisión total da universidade a determinado modelo de produción científica que iguala coñecemento a capital.

Se a construción da realidade é un proceso social que se demostra a cada intre máis dificilmente unificable e reducible a un só eixo director, resulta paradoxal seguir mantendo que aquela institución cargada da responsabilidade de ser a que debe ofrecer o coñecemento de maior nivel e calidade, siga operando dende a máis pura xerarquía vertical. Semella que o universitario busca ante todo autoreproducirse, ben sexa porque iso llo impón o sistema para permitirlle seguir nel nunha posición social e economicamente privilexiada, ben sexa porque á universidade lle resulta máis cómodo dar voltas sobre si mesma que ter que atender ás demandas reais da sociedade.

Xunto coa crítica da mercantilización contemporánea do saber na universidade, trátase de indagar que tipo de modo de transmisión de coñecemento opera aquí e en que medida son posibles alternativas. Deben ser elas buscadas fóra da actual institución universitaria? Deixa esta aínda ocos e espazos nos que construír outro tipo de relación co coñecemento non xerárquica, non maxistral, non monolóxica, e si democrática, si participativa, si colectiva?

Aínda flotando na resaca das múltiples protestas contra Bolonia e comezando a saborear xa intensamente as raquitizacións de planos de estudos baleirados de contido teórico, o incremento dos custos das matrículas, a introdución radical da rendibilidade económica como factor determinante… entre outros males, Derritaxes 7, quere invitarnos a pensar sobre a universidade.

 

Derritaxes

desenvólvese mediante un percorrido imposíbel á

procura das pegadas, lembranzas e retornos

daqueles que perseveraron con e por ela. Fai dó, así

mesmo, polos amigxs inesquecíbeis.

Derritaxes, á fin, edítase na memoria de

Paco Vidarte.


 

DOCUMENTOS

A Universidade do capitalismo cognitivo Xulio Ferreiro Baamonde

Neste artigo estúdanse as diversas reformas do ensino universitario realizadas nos últimos anos no Estado español, englobadas, a meirande parte delas, baixo o logo de “Proceso de Boloña”. No traballo preténdese sistematizar as diferentes reformas realizadas e sacar á luz tanto o fío condutor único de todas elas, así como a intención última das mesmas, que non son outras que adaptar o sistema de educación superior aos requirimentos do capitalismo cognitivo. Esta adaptación implica un duplo proceso de precarización e mercantilización, que se proxecta tanto cara dentro como cara fóra da Institución.

O goce universitario como mero saber: o discurso da universidade na teoría psicanalítica de Lacan. – Francisco Conde Soto

Neste artigo faise unha exposición da teoría do psicanalista francés Jacques Lacan sobre o discurso da universidade, quen entende esta como unha mera produción de saber baleirado de goce no seminario XVII, O reverso da psicanálise (1969-70). A proposta é entón pensar na posibilidade dunha universidade alén desta estrutura, cuxo modelo o ofrecería o discurso do analista, axudando a que o estudante descubra o seu desexo e non se contente cun saber alienante e baleiro.

Fe na universidade – Drocha Hauser

O famoso debate medieval entre fe e saber ten unha inédita actualidade na universidade contemporánea. Esta, garante e gardián do saber, é a fe como garda e guarida, a fe como saber e o saber como fe. Este concepto de fe —previo ao relixioso— maniféstase como inseparable do saber na era do cientificismo e das tecnoloxías.
A deconstrución que Jacques Derrida pretende pivota sobre a intención de manifestar o devandito nó e sobre o desexo de abrir un porvir para a universidade que require certa fe nela.

 

CONVERSA

UNIVERSIDADE INVISÍBEL: “A construción do movemento esixe moito máis que a mera produción de saberes” – Proxecto Derriba

DERIVAS

Universidade – José María Ripalda

 

RECENSIÓNS

La universidad en conflicto: capturas y fugas en el mercado global del saber – Beatriz Hauser

 

CONTEXTOS

Educar para podrecer Thomas Hauser

 

ILUSTRACIÓNS

Sao Hauser

http://santatorpeza.wordpress.com/

http://copygrafias.wordpress.com/