NÚMERO 1. Xuño 2008

Hoxe, na primeira década do s. XXI semella algo irrefutábel a concatenación existente entre linguaxe e pensamento, sociedade e estado, ou economía e política. I é así non por causa dun suposto progreso no que o pensamento avanza dende a precariedade até a autonomía, cando supersticións e ideais se superan polo bo facer e pola madurez da razón moderna.

Tampouco é así porque na postmodernidade esta idea de progreso se vira refutada a si mesma nos ss. XIX-XX, resultado dun conxunto de experiencias socio-políticas que mostraron de seu que iso de avanzar e retroceder non está nada claro en termos absolutos. Máis ben un dos motivos é que neste intre que vivimos aparece e se desoculta o pastiche formado por tódalas diferenzas, tódalas heteroxeneidades, tódolos matices que viven xa subsumidos uns polos outros. I esta é tamén unha definición de postmodernidade, a saber, o reino da homoxeneidade, tamén alá onde se presenta como unión do diverso, como respecto das diferenzas.

Aínda que non debemos esquecer que un pastiche significa, no francés que aínda conserva por enteiro, certamente unha mestura heteroxénea de cousas, mais primeiramente quere dicir (e todo “querer-dicir” marca xa un problema doutra fondura) amalgama de cousas co fin de suplantar un orixinal, imitación de anacos de obras diversas para que parezan de creación propia. Aparencia e falsificación, pois. Un pastiche fala sempre en francés, mais tamén en galego ou en castelán, de imitacións, copias e plaxios, e a súa sonoridade ten a frecuencia e o ritmo dun potpourri. Os froitos desta situación aparecen especialmente dentro da política mais os seus rizomas xurdiron tal vez na articulación de linguaxes, na lectura de textos, na interpretación de situacións concretas que ían alén delas, que levaban consigo un xeito de entender a realidade. Ás veces non somos conscientes de todo o que presupón a nosa visión do mundo, de canta parte do noso inconsciente se reflicte nas lecturas que facemos, nos pensamentos que expresamos.
A un nivel xeral este problema se está vivindo hoxe en Europa, dende a dilucidación da súa identidade, o seu papel, as súas coordenadas e premisas, até como e por que dar forma a un proxecto novo. Que rastros e pegadas restan en Europa, naconstrución da política, dunha utopía? Cal é a marca que ela resiste dentro súa, na súa apertura, no seu desenvolvemento? E como condiciona ese resto ao seu (re)aparecer?Do mesmo xeito, quizais a linguaxe filosófica da segunda metade do s. XX imprimiu unha marca muda ao pensamento político, dende Heidegger a Jameson, pasando por Guattari e Deleuze, e tal vez sexa iso o que retorna, o que repite, o que (re)aparece cando a novidade asoma o fociño, sexa como algo chamado Europa, Socialismo do s. XXI, posthumano ou ciborg.

O papel da técnica e a tecnoloxía unido ao dominio absoluto que se consigue mediante o uso de mecanismos de control da subxectividade -que desembocan en produción semántica controlada para provocar opinión pública e discurso preestablecido- o consideramos vital en tódalas súas fauces, dende a visión da técnica que se sustrae da postura heideggeriana aos esbozos dela en Deleuze ou á cienciaficción postulada na tecnoliberación e o manifesto ciborg. En todo caso a tecnoloxía ten que pasar necesariamente por unha relación coa ecoloxía, sexa esta de carácter medioambiental, social ou mental (Guattari dixit).

Tamén precisa unha reflexión sobre a máquina natureza-ser humano-tecnoloxía, como diriamos en palabras de O Antiedipo de Deleuze e Guattari.

Seguindo por este rego, continuando na procura, polo menos daremos conta de boa parte do presuposto neste pastiche.


_____________________________________________

CONTIDOS

DOCUMENTOS

A utopia en Europa ou a malla das mallas // Sören H.

Do Acontecemento ou por que xa non máis heideggerianismo // Frank H.

Ecoloxía e Produción de subxectividade. De Guattari ao Ciborg // D@n H. e Sören H.

A tese de O Antiedipo // Mano H.

ENTREVISTAS

Francois Houtart: Socialista no século XXI // Txito H.

RECENSIÓNS
DERIVAS
Heiner Müller. Peza Vital // trad. Oskar H.
 CONTEXTOS