NÚMERO 0.
DECEMBRO 2007


EDITORIAL: Proxecto dErriba

Para Paco Vidarte

Ich hasse Euch. Kaspar Hauser

Poderíase conta-la historia daquelas comunidades que fixeron un traballo colectivo a prol dun espazo común, non só pero dun xeito salinetábel, vencellado a unha escrita. Que alén dos límites entre disciplinas e institucións, non perderon o paso (de lobo) fronte a violencia constitutiva do humano, tratando de atopar liñas de fuga que escapen a tolemia do cotiá. Máis non é tempo de historiografías, que cadaquén se escolla na súa herdanza.

Derritaxes quere, ao seu xeito, procurar unha comunidade na exterioridade do sentido, quizáis só para testimoniaren a fractura da que ela mesma é un efecto. Quere dar voltas arredor do gozo e, particularmente, dese gozo tan peculiar que é o sentido. O sentido, o gozo primordial da filosofía, é o máis inútil de todo. Por eso é o lugar privilexiado da plusvalía. A derradeira fantasía da economía
libidinal que é o capitalismo. A dificultade entón, consite en moverse entre a repetición creadora do pulo de morte freudiano, e o plus-de-gozo da reterritorialización capitalista que fai da destrución/reconstrución o seu mellor negocio.

Capitalismo, xa que logo, que se mostra inerme a crítica, que no seu movemento queda atrapada por aquelo mesmo que quere criticar. Aquelo do que por máis que fora consciente mesmo Marx non puido evitar. Esta inercia só puido ser desplazada mediante operacións sofisticadas coma a deconstrución ou a esquizo-análise, que se por unha banda puideron sortear esta trampa, só puideron albiscar posibilidades e advertir sobre aquela outra que non puideron obviar: se a súa sofisticación impediu, polo xeral, a súa reterritorialización, quedou presa nunha economía productiva de recursos ilimitados. O que sinala o problema fundamental dunha ecoloxía social de recursos escasos: cómo dispór de enerxía, sen gastar no proceso máis enerxía da que se produce.

Perante esta situación, e antes de sucumbirmos ao spleen social, cómpre abrir vieiros para investigar qué pulos son os que poden alenta-lo acontecemento nas sociedades do capitalismo tardío operando no seu suplemento cultural, a posmodernidade. Semella inevitábel contar cun espazo social e co artellamento da rede, así como coa renuncia expresa ao lucro no eido da cultura, e a calquera identidade que lle dé soporte. Nada máis conta aquí que dispór de diversos materiais de traballo, de fragmetos dunha cronoloxía do azar que vagan á deriva por unha terra sempre omitida, por que se cadra só un fío pode sobrevoa-lo abismo.

Se, finalmente, a imposibilidade da tradución é a imposiblidade dunha tradución, entre o pasado e o presente, entre a linguaxe e a realidade, se trata de incluir esa imposibilididade, reflexivamente, na súa procura. Nunha lingua que se move así á procura dunha procura.

CONTIDOS

_____________________________________________

DOCUMENTOS

Acontecemento postmoderno e pulos utópicos // Sören H.

Unha deconstrución da soberanía “A paso de lobo”; lendo un(s) texto(s) de J. Derrida //Drocha H.

Vagar á deriva pola terra sempre omitida // D@n H.

Libra. Unha cronoloxía do Azar // Oskar H.

RECENSIÓNS

DERIVAS

CONTEXTOS

Ferrol, 3 de Xuño // Beatriz .H.