“SER ATRAPADO E SER AFORCADO”:AUTORES DO GOLPE, A PENA DE MORTE1

Thomas Dutoit


O meu título carrexa un erro que é culpa miña. En lugar de “ser atrapado e ser aforcado” debería entregar “Atrapar e aforcar” porque é unha cita, pero unha cita dunha gravación e non dun texto. A cita “Atrapar e aforcar” vén da gravación da primeira sesión do seminario sobre a pena de morte que Jacques Derrida imparte entre 1999 e 20012. Cando lle había que dar a Cristina de Peretti un título para o coloquio lembrei unha frase que Jacques Derrida pronuncia durante a sesión, frase que non ten escrita. Sen embargo a miña memoria estaba cansa, mais o lapsus xa di todo o que será o meu propósito hoxe. Velaquí a parte da gravación en cuestión na columna da dereita e o texto do curso na columna da esquerda:

 

O que Derrida escribe

Xa que se fose así, se ninguén pretendese ser aforcado ou arriscarse a ser aforcado, pois ben, nunca habería asasinato nin pena de morte. É certo que Rousseau é máis minucioso na súa expresión xa que di “presumir” que ninguén “premedite ser aforcado.” (06-12-1999)

O que Derrida di

Xa que se fose así, se ninguén pretendese en modo ningún ser aforcado ou arriscarse a ser aforcado, pois ben, nunca habería asasinato nin pena de morte. Non se debe excluír, pois, que hai partes contratantes que non exclúen que o seu desexo é ser aforcado. É certo que Rousseau é aínda máis minucioso na súa expresión xa que di “presumir” que ninguén “premedite ser aforcado.” É posible, presume, polo tanto é unha hipótese, é posible que a xente queira ser colgada de xeito inconsciente, iso é… criminal… iso quere dicir… atrapar e aforcar. Pero o que Rousseau exclúe é que o premediten, é dicir, que conscientemente o calculen por adiantado, etc.

 

Atrapar (roubar, matar) e aforcar é case a mesma cousa. No momento no que Derrida di “atrapar e aforcar” semella percibirse que o “ser aforcado” de Rousseau podería confundirse cun “ser atrapado”, coma se o criminal, ao cometer o crime, quixese ser collido, arrestado, atrapado, para a continuación ser aforcado. Este é o sentido da primeira parte do meu título: ser aforcado presuporía un “ser atrapado”, ser atrapado en flagrante delito.

Na segunda parte do título, por “autores do golpe” quería indicar que ía tratar, ler, comentar outros autores ademais de Jacques Derrida ou aqueles autores que o propio Jacques Derrida comenta no seu curso. Con “Autores do golpe” quería sinalar a Norman Mailer, Ernest Gaines, Harper Lee, Mikal Gilmore, Heinrich von Kleist, autores a partir dos cales escribo un libro dedicado á pena de morte seguindo o ronsel do seminario de Jacques Derrida. O presente artigo limítase a Norman Mailer e a Mikal Gilmore. Con este propósito será necesario comentar ao autor que máis lle importa a Derrida dende un punto de vista filosófico, a saber, Immanuel Kant, e xustapoñelo co autor que ocupa un lugar estratéxico dende un punto de vista psicanalítico, a saber, Theodore Reik.

Pero baixo este título atópase tamén a cita seguinte de Jacques Derrida que eu lera pero esquecera:

O Pai é á vez e non é Deus-Home-Besta. A tripla cuestión das perversións criminais (violación, homosexualidade, bestialidade) non está lonxe. O Pai é o Ser Vivo en xeral (Deus-Home-Besta) pero este Ser Vivo en xeral, xa que está por riba da distinción Vida/Morte, está destinado á morte, a ser asasinado por aquilo mesmo ao que, a quen dá nacemento. […] Todo iso —se me atrevo a dicilo— dun só e mesmo golpe. Dunha vez por todas. Un só e mesmo golpe. Porque este seminario sobre a pena de morte podería reducirse a unha soa cuestión, dun só e mesmo golpe: que é un golpe?, que é un só e mesmo golpe? Levar un só e mesmo golpe? Matar, a execución como asasinato son cada vez un golpe. E como a cuestión do golpe reúne a matriz das cuestións que propuxemos a última vez respecto ao interese en xeral e ao que paga ou non paga a pena ser vivido, a cuestión do golpe (g.o.l.p.e.) é tamén a cuestión do prezo, do custo (c.u.s.t.o.), da pena que custa, como a cuestión do golpe que corta, como, na época do cadafalso, do machado e da guillotina, a cuestión do colo que se corta. A culpa nunca está demasiado lonxe do colo cortado. (07-02-2001)3

Arredor do colo. Teño todo iso arredor do colo ao subir ao cadafalso da escena do coloquio. Falar do seminario de Jacques Derrida —porque o preparo para a súa publicación con Marc Crépon e Geoffrey Bennington— é falar dun texto inédito que teoricamente se pode ler en manuscrito no Institut des Manuscrits des Écrivains Contemporains (IMEC), mais sexamos francos: estoume a poñer en posición de privilexiado, en posición de Vor-recht (por dicilo como Walter Benjamin4), é dicir, en posición de violencia e o risco é que intento tirar proveito profesional mediante a miña utilización interesada dese privilexio.

Hai aí un nó de serpes salvaxes: confesión, declaración, escenarios de Edipo, pena e punición, culpabilidade que precede ao delito, delito que sucede á punición.

O seminario sobre a pena de morte de Jacques Derrida —mediante o lugar que ocupa alí o argumento kantiano a favor da pena de morte— servirame como punto de partida para ler un caso célebre da pena de morte, a saber, a execución do asasino e grande criminal Gary Gilmore nos Estados Unidos no ano 1977. A historia de Gilmore está narrada en dous libros, The Executioner ‘s Song de Norman Mailer (1980) e Shot in the Heart de Mikal Gilmore (o irmán de Gary), publicado en 19955. Neste escenario articularanse as seguintes ideas: por un lado, o criminal que comete un crime porque se sente impulsado por un sentimento orixinario de culpabilidade. En lugar de ser a causa da culpabilidade, o crime é o efecto dunha culpabilidade que precede ao crime sendo a súa causa. Por outro lado, a posibilidade de que o criminal ocupe o lugar do xuíz, isto é, de que as posicións do criminal e da lei sexan invertidas.

A miña aposta consiste en que atoparemos a posición de Derrida ao intentar ler a Kant cos ollos de Gary Gilmore. Recorrer a Gilmore, é dicir, ao escritor Norman Mailer co obxectivo de ler a Kant repite o punto de vista metodolóxico de Derrida, quen recorre a Kafka para despregar a argumentación kantiana. Máis que do lado da ciencia política, da socioloxía, da filosofía ou doutros discursos semellantes é do lado da literatura onde Derrida atopa a panca máis eficaz para explicar o texto filosófico kantiano.

Agora quero articular, por así dicilo, o caso do criminal Gilmore —que quere ser executado polo Estado de Utah— co caso do criminal segundo Kant —que, nun sentido moi particular, quere ser executado legalmente—. A palabra coa cal estes dous casos se articulan é a palabra alemá Befugnis ou befugen, utilizada tres veces na sección que Kant dedica á pena de morte. A discusión de Derrida en Spectres de Marx da palabra fugen6 —que se pode traducir por “unir” ou, en inglés, polo raro verbo “to fay” [unir]— está en segundo plano, mais Derrida non recolle esta palabra no seu seminario.

Primeiro exemplo: Kant imaxina o caso dun asasino condenado a morte que se queixase de que a pena de morte é excesiva e, polo tanto, inxusta: todo o mundo se riría na súa cara. Se non riran, se o tomasen en serio, nese caso onde segundo a lei o dereito non se aplica senón ao criminal, entón deberiamos concluír que “a violencia lexislativa do Estado non é apta (nicht befugt, non é competente ou lexítima, non ten autoridade) para pronunciar ou impoñer esta clase de pena, e se [a violencia lexislativa do Estado] o fai, será en contradición consigo mesma”7. Nicht befugt significa aquí que a violencia legal do Estado non sería igual a si mesma se as dúas condicións se desen: o condenado quéixase e o pobo non se ri na súa cara. Destaco este exemplo porque no caso de Gary Gilmore non só non se queixa senón que obriga ao Estado a matalo. Gary Gilmore, o nome legal do cal era Fay Coffman, mantén a lei consigo mesma, forma a sutura entre o que castiga e o castigado.

É coma se Kant previse a idea inquedante de que puidese ser o propio criminal quen permite á lei ser igual a si mesma, plenamente xustificada, xa que inmediatamente Kant intenta invalidar a idea de que alguén podería querer ser castigado. O contexto é o seu desacordo co argumento de Cesare Beccaria contra a pena de morte. Segundo Beccaria, a pena de morte e o contrato social son incompatibles porque a promesa —necesaria para cada individuo— de aceptar morrer se comete un asasinato querería dicir que cada un quere, nese caso, dispoñer da súa vida, o cal é non obstante imposible. Kant considera isto un sofisma e a perversión do dereito. Para Kant, ninguén se somete a un castigo porque quere, senón porque quixo facer un acto punible. Kant pensa que o problema se evita dese xeito, visto o seu encadeamento retórico-pseudo-lóxico: “xa que non é un castigo, cando o que lle acontece a alguén é o que quería, é imposible querer ser castigado”. No seu seminario Derrida daralle numerosas voltas a esta afirmación. É o lugar no que Derrida deconstrúe a Kant. O argumento de Kant consiste en que é o home racional en min o que somete, o que suxeita o home sensible en min ás leis de castigo. O home racional pon o home sensible a disposición do home racional. Todo acontece, todo pasa, a través desta distinción, a través deste límite entre as dúas persoas, entre eses dous “outros”, a “outra persoa” como “home racional” que é “outro que” o outro outro, é dicir, “o criminal”. Non obstante Derrida dirá: se tal racionalidade existise, o culpable debería “aprobar e esixir a súa condena a morte” e, simbolicamente polo menos, “participar na súa execución”, que é a “verdade dun suicidio” (31.01.2001). O que aquí está en xogo, o perigo aquí é a confusión entre execución e suicidio, hetero-castigo e auto-castigo, lei e criminal, e entre castigo, crime e culpabilidade. O home racional e o home sensible corren o risco de confundirse, o un e o outro, o un para o outro. Un corre o risco de ser atrapado polo outro, de-pende do outro, corre o risco de ser aforcado polo outro.

É aí onde Kant, apelando á raíz de fug, rexeita a idea segundo a cal podemos querer deixar que nos castiguen. “Posto que se unha promesa por parte do delincuente de quererse deixar castigar tivese que aloxarse na base da aptitude para castigar (Befugnis zu strafen, autoridade, capacidade, lexitimidade para castigar), entón habería que abandonalo á tarefa de atoparse merecedor de pena, e o criminal sería o seu propio xuíz” (Kant, p. 335). Noutros termos, se o criminal é capaz de manter unha promesa consigo mesmo segundo a que, como criminal, aceptaría ser considerado como susceptible ou merecedor dunha pena, straffällig, entón iso significaría que calquera distinción entre criminal e xuíz caería, se afundiría. Straffällig, traducido por “merecedor dunha pena”, componse de “fällig“, de Fall, caso; “promesa de caída”, quizais poidamos dicir. O sentido de fällig é corresponder, tocar. O perigo —para Kant e que Kant quere afastar— consiste en que a autoridade que hai que castigar (Befugnis zu strafen) podería confundirse, ser confundida con, a vontade de deixarse castigar ou mesmo co celo de verse condenable, culpable. O perigo é que o xuíz e o criminal se converterían na mesma cousa, que o xuíz sería igual (gleich) ao criminal. Unha auto-afirmación que se anularía simultaneamente en auto-destrución.

No caso de Gary Gilmore os dous motivos que funcionan como unha lectura derridiana de Kant refírense, por un lado, ao desexo ou á sede de morte e de castigo, sobre todo para tranquilizar unha culpabilidade que pertence ao seu pai e, por outro lado, ó devir-xuíz do criminal. Comentar o caso de Gilmore é un pouco como ler a Kant cos ollos de Derrida8. O meu obxectivo non é defender a Gilmore contra a pena de morte senón lelo con relación a Kant.

En primeiro lugar: querer a morte, querer o castigo.

Gilmore ten un soño recorrente no que é decapitado (ES 137). Outro no que o meten nunha caixa que se introduce no burato dunha parede que se pecha cunha porta dun forno. O soño de decapitación asóciao co seu desexo de pagar as súas débedas pero ten ese soño dende os nove anos. Na casa familiar que todos cren que está encantada —mesmo o pai escéptico— o neno de nove anos berra coma se fose estrangulado e a súa nai entra para ver un íncubo aferrado á súa garganta que desaparece cando ela entra (ES 312). Nesa data, os seus soños de ser executado comezan e nunca o abandonarán (mesmo no corredor da morte, ES 362). Unha veciña xudía advírtelles de que a súa casa está encantada. Na mesma época Gary decide que quere ser cura. Xa cando só tiña tres anos a súa nai sabía que o ían executar e vivía dende entón con ese medo. Moito antes do seu xuízo, cando o primeiro policía o interroga de xeito oficial —e Gilmore nin sequera sabe cánto diñeiro roubou— o policía dille que non entende cómo se lle pode quitar a vida a alguén por tan pouco diñeiro. Gilmore responde que non sabe o que colleu e lle pregunta o importe ao policía. Cando se decata, di deseguido, “espero que me executen por isto. Debo morrer polo que fixen” (ES 296). Aos seus primeiros avogados, que queren recorrer a condena a morte, protéstalles: “entón, non teño dereito a morrer? (Míraos fixamente) Non podo aceptar a miña pena?” E engade que cre que xa foi executado unha vez no século dezaoito en Inglaterra. “Sinto que xa estiven aquí. Hai un crime do meu pasado…. Sinto que debo expiar o que fixen entón” (ES 490).

A xuventude de Gilmore está marcada polos golpes dunha extrema violencia que recibe da man e do cinto de seu pai todas as semanas ata a idade de 14 anos, cando o meten no cárcere, onde permanecerá os vinte e dous anos que lle quedan de vida, exceptuando uns meses de liberdade. Antes da súa adolescencia encerrada a Gilmore gustáballe correr sobre unha vía férrea suspendida cando vía o tren saír dun túnel e vir cara a el. O xogo consistía en percorrer a distancia da ponte e saír da ponte antes de que o tren, a só uns metros del, o atrapase e o esmagase. Moito máis tarde, no corredor da morte, fíxoselle unha entrevista (entrevista que se vendeu á revista Playboy por 25 mil dólares); o entrevistador díxolle: “ao ler o seu expediente de prisión, parécenos que foi continuamente encarcerado dende que foi ingresado nun reformatorio, hai vinte e dous anos. É coma se nunca tivese outra opción que vivir (live out) un destino criminal” (ES 794; CB 974). Ao que Gilmore engade, “é moi acertado”. Por suposto, despois do seu arresto polos asasinatos, fáiselle un exame para determinar se é enfermo mental. Aínda que é considerado “psicópata” ou cunha personalidade “psico-” ou “sociópata”, non o diagnostican como “psicótico”. O seu médico explica aos avogados de Gilmore que a lei quere manter “psicopatía” moi diferenciada de “psicose”: psicose é o hospital; psicopatía é a prisión. Se o psicópata nunca debe ser recoñecido legalmente como enfermo mental —lles di el— é porque entón o crime, o xuízo e o castigo serían substituídos polo acto antisocial, a terapia e a convalecencia (ES 385). Aquí introduciríase a lectura dos escritos de Theodore Reik e de Sigmund Freud que Derrida desenvolve en varias sesións do segundo ano do seminario, en particular en relación coa pena de morte, o castigo, o crime e a culpabilidade. A culpabilidade e mesmo a intuición inconsciente dunha culpabilidade preceden ao crime; a culpabilidade non é o efecto do crime senón a súa causa. Matamos porque nos sentimos culpables, valendo isto tanto para os criminais coma para o aparato do Estado que executa a pena de morte. A psicanálise permitir(í)á mostrar o fracaso desta causalidade escura do asasinato polo criminal e polo Estado. A psicanálise substituiría á lei, á terapia, ó castigo e a poena naturalis ou a auto-análise substituiría a poena federalis ou a hetero-punición (07.02.2001). Continuemos con Gilmore. Freud e Reik refírense a un texto de Nietzsche que Derrida non comenta. Menciono aquí a pasaxe extraordinaria sobre “o criminal pálido” (Von dem bleichen Verbrecher) de Así falou Zaratustra porque nese texto de Nietzsche o criminal pretende ser castigado por unha culpabilidade sen causa, sen crime, mais tamén porque Gary lle fala de Nietzsche ao seu irmán Mikal que acode a visitalo ao corredor da morte unhas 72 horas antes da súa execución. Mikal, nunha carta remitida a Gary para que a lea durante a visita, intenta explicarlle ao seu irmán os motivos polos que el e a súa nai poderían intentar deter a execución contra a vontade de Gary. Despois de lela Gary respóndelle durante a súa visita: “está ben escrita: liches a Nietzsche?” (SH 484). Aquí un extracto de Zaratustra sobre o criminal pálido que describe ben a Gilmore:

Oíde, xuíces! Existe aínda outra loucura: e esa loucura está antes do acto. Ai!, non penetráchedes o suficientemente a fondo nesa alma!

Así fala o xuíz vermello: “por que este criminal asasinou? Quería roubar”. Mais eu dígovos: a súa alma quería sangue, non roubo: el estaba sedento da felicidade do coitelo!

Pero a súa pobre razón non comprendía esa loucura e foi ela a que decidiu polo criminal. “Que importa o sangue!, dixo; non queres aproveitar o teu crime para roubar, para vingarte?”

E el escoitou á súa pobre razón: o seu discurso pesaba sobre el como o chumbo, —entón roubou, despois de asasinar. Non se quería avergoñar da súa loucura.9

Gilmore é xulgado no Estado de Utah, coñecido pola súa historia e as súas institucións fundadas sobre a “expiación polo sangue”, “blood atonement” (SH 3-30). Dende o cárcere escríbelle á súa amante: “pronto estarei máis pálido que un fantasma. De feito, pronto ben podería ser un fantasma “. (ES 330; CB 412). No cárcere chancea co seu compañeiro de cela sobre o que lle dixo ao empregado do hotel antes de matalo: “O teu diñeiro, fillo, E a túa vida” (ES 357; CB 446); pero en todos os relatos relacionados co que pasou Gilmore non se lembra do diñeiro ou de collelo (ES 441; 296, 735). Lembra o asasinato que cometeu pero non o roubo do diñeiro. A obsesión de Gilmore —a obsesión coa súa futura execución ineludible que o acompaña durante décadas— débese ao agudo sentido que ten dos crimes do seu pai. Gilmore coñece os crimes do seu pai, ao principio de forma máis ben escura durante a súa infancia, despois, en idade adulta, de forma específica pero secreta (segredo que comparte coa súa nai e que os seus irmáns nunca puideron descubrir). En Gilmore atopamos o caso típico do que describen Reik e Freud: o criminal que comete un crime por ter unha causa de culpabilidade arcaica e que sente e busca ser atrapado para que a súa culpabilidade poida ser castigada.

Tras os dous asasinatos, durante e despois do seu proceso, Gilmore non sente nada polas súas vítimas. O feito da poena federalis que debe afrontar non lle causa ningún efecto; máis aínda, di nas súas confesións oficiais e sorprendentes (é un criminal moi duro que xamais confesou nada a un policía) que debe ser executado (ought to be executed) e só cando se decata de que roubara un pouco de diñeiro escápanlle unhas bágoas. Pero en prisión decátase de que un amigo da súa primeira vítima intentou entrar no cárcere, facéndose pasar por avogado, para poder vingar o seu amigo coa morte de Gilmore. Ao decatarse desta noticia Gilmore sente compaixón e di que por primeira vez sentiu algo polos dous rapaces que matou: que vale un morto se non ten amigos para vingalo? (ES 387). O amigo quería realizar o que Kant chama o poena naturalis, un acto de vinganza. Para Gilmore, a súa vítima só ten valor a partir dunha lóxica da poena naturalis. Ao contrario, o Tribunal Supremo do Estado de Utah, do que se esperaría que se apoie nunha poena federalis, decide, ás 07:35, anular a orde de aprazamento que un xuíz pronunciara á 01:05 da mesma mañá da execución (programada para o amencer ás 07:42). A orde de aprazamento polo xuíz Ritter baseábase en que non se probara se era constitucional no Estado de Utah que non houbese unha apelación automática en caso de pena de morte. Os xuíces do Tribunal Supremo do Estado reúnense de urxencia. Antes de emitir o seu veredicto un xuíz intervén para dicir que “o señor Gilmore ten os seus dereitos. Se se está a producir un erro no transcurso desta execución é el quen o provocou” (ES 965; CB 1186). Aviso extraordinario. Os xuíces prefiren correr o risco de que haxa un erro na constitución que comprobalo mantendo a orde de aprazamento, xa que consideran que se hai unha lagoa na poena federalis —ausencia dunha apelación automática— é o condenado quen resulta responsable de facto. O individuo, o condenado, que opera a un nivel de poena federalis (quere ser castigado), permite aos xuíces non examinar a eventualidade de que un erro se estea a producir.

A ambigüidade entre a poena naturalis (unha pena subxectiva) e a poena federalis (a pena obxectiva, xurídica) queda clara cando, uns días antes da data da execución, Gilmore escribe unha carta pública á súa nai para pedirlle que non faga unha solicitude de apelación no seu lugar. Gilmore dita a súa carta aos seus avogados (aos que paga para que non o defendan contra a pena de morte; deben aceptar esa condición antes de que os contrate): “Querida mamá. Quérote moito, sempre te quixen e querereite sempre. (Pausa) Mais, por favor, sepárate deste tío Tom, a NAACP. Por favor, acepta o feito de que desexo estar morto (wish to be dead). Que o acepto. Que o acepto”. O seu avogado Moody: “Quere poñer “que o acepto” máis dunha vez?” Gilmore: “Por favor, acepta o feito de que quero, de que acepto a morte. Como se pode dicir mellor? Por favor, acéptao”. Avogado Moody: “Talvez, por favor, acepta o feito de que acepto o que me impuxo a lei, ¿é iso o que intenta dicir?” Gilmore: “Si, iso podería valer. Non quero que pareza unha confesión de morte (a death wish; Rosenthal traduce por “un instinto de morte”) ao dicir que desexo a morte (I wish for death)”. Moody: “Simplemente acepto o que di a lei”. Stanger (o outro avogado): “Aplicar a lei”. Gilmore: “Gustaríame falarche. Gustaríame verte mais non podo, así que che envío esta carta polo xornal (Pausa larga). Todos morremos. Non hai que darlle demasiada importancia” (ES 696; CB 857). É difícil ver o homo noumenon de Kant nas palabras de Gilmore mais é doado recoñecelo nas palabras dos seus avogados. Cando os medios falan de Gilmore e o xeito no que actúa para acelerar a súa propia execución falan do seu plea for death, a súa “apelación” ou “argumento” por e a favor da morte, coma se o feito de que fixo todo para logralo se volvese un argumento en sentido xurídico. E Gilmore consola ao seu segundo avogado (o primeiro que foi contratado coa condición de que lle axude a ser executado segundo a carta da súa condena) cando este lle di que ten a impresión de ser Xudas ao axudarlle a ser executado. Xudas, dille Gilmore, foi o home máis inxustamente criticado, o máis calumniado (most bum-beefed) da historia (ES 527). Xudas sabía o que ía pasar. Xudas estaba aí para axudar a Xesús a orientarse cara, para acostumarse á profecía (ES 527, tune in). Sen facer de Gilmore unha figura de Cristo (identifícase máis ben co demo), existe non obstante ese punto en común que consiste en que Xesús non cometeu un crime, mais precisaba un castigo, unha pena de morte para responder de e ante unha culpabilidade orixinaria. Gilmore actúa como alguén que debe expiar crimes ancestrais ou arcaicos no que o crime de asasinato parece non ter outra razón que a de apelar ao castigo dese sentimento de culpabilidade orixinaria.

En segundo lugar, para complicar máis o esquema kantiano ou para ler en Gilmore o implícito que recoñece de xeito moi sutil a Kant, hai un devir-xuíz do criminal na historia de Gilmore, unha transformación do hetero-castigo (que debe padecer) en auto-castigo (o cal reclama) e, por efecto inverso, do auto-castigo (que o Estado se supón debe decidir e aplicar) en hetero-castigo (que o Estado está obrigado a aplicar).

No seu seminario Derrida insiste constantemente no papel dos medios de comunicación para a creación do espectáculo, na espectacularización da pena de morte. Este aspecto, moi importante no libro que Norman Mailer dedica ás execucións de Gary Gilmore, teño que poñelo nun quasi-silencio. Gilmore está na primeira páxina dos xornais nacionais, rexionais e locais. Figura na primeira páxina das revistas máis coñecidas (Time, Newsweek). Fanse películas de televisión e cinema que levan a súa vida á pantalla (exemplificando o que Walter Benjamin, en Para unha crítica da violencia, denomina a admiración secreta polo criminal). Con todo, constátase que o libro ten moitos extractos dos xornais da época. Cando o Tribunal Supremo dos Estados Unidos “ruled that Gary Mark Gilmore had made a knowing and intelligent waiver of his rights“, (a Corte Suprema dos Estados Unidos decretou que Gary Mark Gilmore renunciara con pleno coñecemento de causa a facer valer os seus dereitos) o título do artigo de prensa que ía en primeira páxina era “Non More Delays Gilmore Says” (ES 733; “non máis atrasos, di Gilmore”). Aínda que sexa o Tribunal o que resolve o xornal fai pensar que é Gilmore quen decide. Durante todo o período entre a condena a morte e a execución hai unha batalla entre o Tribunal e Gilmore para determinar quen está na posición xurídica decisiva. Se o Tribunal lle recorda que non é o Tribunal o condenado a morte e que non é el —Gilmore— quen decide, parece certo que o Tribunal sempre fai o que Gilmore quere e o que el lle desafía a facer. Cando o seu dereito de non apelar parece ser aceptado polo Tribunal Supremo dos EEUU o Tribunal de Utah alega a prescrición de 30 a 60 días entre a decisión e a execución. O procurador suxire unha data, 30 días máis tarde, para a execución. Cando lle toca falar a Gilmore, este estoupa ante o tribunal acusándoos de non ter suficientes tripas ou collóns para deixarlle morrer, e acúsaos de jack him around (manipulado, con sentido de masturbación) e desafíaos dicíndolles que se todo isto non é unha broma, entón espera que a súa sentenza sexa aplicada nos próximos días. O menos que a xustiza pode facer é recoñecelo. O xuíz fixa a data en 31 días, dicíndolle a Gilmore que o tribunal non está aí para “cumprir os seus desexos”. O tribunal négao pero Gilmore o desafía constantemente, directa ou indirectamente, nos xornais. E o tribunal dá a data máis próxima que pode. O propio Gilmore quere a execución máis rápida posible segundo unha lóxica da poena naturalis. E cando o deteñen despois dos asasinatos entra en cólera coa súa prima porque lle dixera á policía onde estaba. Ela consólalle dicíndolle que polo menos está vivo, ao que el responde que sería moito máis simple se a policía o houbera matado, liquidado, na Highway 89, estrada do farwest. Semellante poena naturalis sería máis simple e sobre todo moi rápida, mais toda a confrontación entre Gilmore e o Estado de Utah será unha batalla, para un e outro, por obter a única pena legal ao achegala o máis posible a unha pena natural. Por iso Gilmore é condenado a morte —recibe un hetero-castigo— pero será el quen obrigará ao Estado a aplicar a pena contra a vontade do Estado, despois de que a pena pareza en moitos aspectos un auto-castigo de Gilmore por Gilmore, o cal o Estado está máis ou menos obrigado a recoñecer que se converte, no que a el respecta, nun hetero-castigo, nunha pena dirixida polo condenado e inflixida ao Estado.

Cando a condena a morte se pronuncia o xuíz solicita a Gilmore que decida qué forma de execución quere. Gilmore elixe ser fusilado. Poderíase dicir moito sobre esta elección, dada a historia das execucións e a historia da expiación polo sangue (blood atonement) no Estado Mormón de Utah. Destaquemos máis ben que o procurador nese mesmo momento mira a todas as persoas no tribunal e considera que a única persoa que non está tola é Gilmore e que Gilmore é a máis intelixente e a mellor educada (aínda que abandonase a escola con 15 anos). Con frecuencia hai confusión cando nos preguntamos quen é o máis soberano, o xuíz ou o condenado. Na prensa escrita do 2 de novembro o xornal local titula que Carter gaña as eleccións presidenciais (estamos en 1976), que o xuíz ordena un exame do condenado e o artigo precisa que se Gilmore “gets his way“, se obtén o que quere, será a primeira persoa executada en Utah dende hai 16 anos (ES 511). A cadea da xerarquía (Presidente, xuíz, condenado) parece ser respectada pero a prensa fala do que quere Gilmore coma se a poena federalis e o hetero-castigo dependesen en certo modo do seu desexo subxectivo, dunha forma de auto-castigo. Tras unha chamada telefónica que fai ao Assistant Attorney General (que está do lado do procurador) Gilmore obterá un avogado favorable á pena de morte que promete non facer nada para bloquear a súa aplicación (ES 518-19). O reporteiro que conduce a entrevista para Playboy considera que Gilmore esixe un comportamento civilizado e exquisito de todas as partes, un comportamento que case ningún representante da lei é capaz de manter (ES 647). As distincións que Kant quere facer entre o homo noumenon que acepta a lei e o homo phaenomenon que quere ser castigado están moi confusas cando Gilmore leva a tantos homes de lei a recoñecer, explícita ou implicitamente, a súa vantaxe.

Antes do seu proceso Gilmore lanza un desafío á lei dende o cárcere. Dille ao seu compañeiro de cela: “contan con darme a pena de morte mais teño unha resposta que lles dar. Vou a xogar a carta agochada do Estado de Utah (I’m going to check into the State of Utah’s hole card). Vounos obrigar (make them) a facelo. E imos ver se teñen tantas tripas (as many guts, tanta ousadía) coma min” (ES 358; CB 447; a metáfora do xogo de cartas atravesa o segundo ano do seminario de Derrida sobre a pena de morte). Recoñecemos os seus desafíos aos trens cando só tiña 12 ou 13 anos. O seu único temor é que un amigo da vítima estea entre os tiradores: se iso acontecese o tirador apuntaría á cabeza, cousa que Gilmore non quere porque quere doar os seus ollos perfectos. Ao darlle a volta á situación de tal maneira que o Estado quede desposuído da súa posición de mestre do xogo, Gilmore teme, non obstante, un último revés do seu revés, segundo o cal a poena federalis se volvería unha poena naturalis, sería como roubarlla no último instante.

Cando os seus primeiros avogados, xa despedidos, obteñen un informe da execución, Gilmore escribe o mesmo día ao Tribunal: “acaso o pobo de Utah non está orgulloso das súas conviccións? Condenan a un home a morte —a min— e cando acepto este castigo, o máis extremo (this most extreme punishment; Rosenthal traduce “este castigo supremo”), con graza e dignidade, vostedes, o pobo de Utah, queren ceder e falar comigo. Vostedes non son serios” (ES 521; CB 642). A ambigüidade que solicita pódese ler nos xornais. A decisión do Tribunal Supremo de Utah de permitir (allow) a Gary Mark Gilmore morrer ante un pelotón de execución anúnciase na primeira páxina dos principais xornais de New York e de Washington. Pero o anuncio desta decisión di que o Tribunal Supremo vai allow, permitir, a Gilmore morrer dese modo, coma se o Tribunal conferise un estatuto legal a unha vontade natural do condenado. Aínda que dito pola prensa, o anuncio dá a impresión de que a lei só está aí para poñer multas e permitir un dispositivo técnico pagado polo Estado, para satisfacer o desexo do condenado. Gilmore criticará nos xornais o gobernador por aprazar a data da execución, defendendo o seu propio “welfare“, o seu “benestar”, que consiste na morte (ES 548; CB 676); tras o seu intento de suicidio —porque se obteñen aprazamentos que non quere ou porque a execución debe esperar unha trintena de días—, o seu chaplain, o seu conselleiro espiritual (Campbell), anímao dicíndolle que pode, na súa condición de condenado, “poñer a proba a lei”. Se el se suicida nada se resolve. Exhórtao a “forzalos a chegar ata o final” (force them to the issue, ES 621; CB 764). Gilmore segue a recomendación, malia reprocharlle que “a lei non significa nada para min”. O xogo consiste en obrigar ao outro a reaccionar o primeiro para ter o sentimento de que se lle empurrou a un acto no que segue sendo el quen decide.

Fronte á resolución de Gilmore, a lei, encarnada polos procuradores e os xuíces, distínguese pola súa emotividade, polo seu horror á violencia. O procurador que obtivo a condena a morte di que non podía levalo á forza á execución e que fixo o seu traballo, que pediu e obtivo a pena de morte e que cree nela. Pero unha execución é sucia, confusa, e mancha, e non quere formar parte dela (ES 561). De jure pola pena de morte, o procurador está de facto en contra, e aí atopa perfectamente a lectura retórica á que se presta o texto de Kant. Si, a pena de morte, mais sen a menor Misshandlung! O Estado está obrigado a matar para atenuar a compulsión de castigar e matar. Gilmore non solicita senón que o maten segundo a lei ou segundo a lei de blood atonement, que é un vestixio das orixes mormonas do Estado de Utah, mais, como prevé o reporteiro de Playboy (que se chama Barry Farrell), se o Estado non o matase —a el, que quería ser fusilado— entón un tsunami de execucións lle seguirían. Cada conservador preguntará: a quen imos matar e castigar despois disto? (Who are we ever going to punish? ES 639; CB 787).

Gilmore non deixa de rirse do Estado con respecto á súa indecisión para executalo. Cada vez que unha instancia se debe reunir para decidir acerca dunha posible prórroga ou dunha apelación Gilmore publica un artigo a véspera na prensa onde os acusa de covardes. Nunha carta publicada no xornal e dirixida ao Consello do Perdón Gilmore escribe: “entón facédeo, covardes, pusilánimes”; precisando que quere unha execución inmediata e que non busca nin desexa a súa graza, subliñando “non” tres veces (ES 672; CB 826). Ao rirse desta maneira, recorrendo aos medios de comunicación, atacando a xuíces, procuradores, avogados e altas instancias, Gilmore consegue unha influencia certamente imposible de medir, pero que sen dúbida ningunha volve dubidosas as denegacións feitas polas devanditas instancias cando proclaman que son elas as que deciden e Gilmore quen padece.

Temendo que os intentos de suicidio obriguen o Estado a repetir o exame do estado mental de Gilmore, a Assistant Attorney General alega que os suicidios avogan a favor de manter a execución. Deixar a Gilmore no cárcere cunha pena longa sería peor que matalo rapidamente. Para el unha execución é como un big bonfire que permite maximizar a esencia do brillo da humanidade (decisión de matar); pode mesmo aumentar a súa esencia (materia inflamable) elixindo unha alternativa (pena de morte) que salvagarde a máis grande dignidade (a morte por castigo e non a continuación dunha vida execrable) (ES 706; CB 869). Se Gilmore inspira a argumentación desta Assistant Attorney General —non inspira a admiración senón máis ben o respecto da Assistant District Attorney, Earl Dorius—, é porque entende que en Gilmore a lei, a violencia da lei, se respecta. Se Dorius descarta a palabra “admiración” (a admiración secreta do pobo polo gran criminal, suposta por Walter Benjamin), o que queda é que Gilmore suscita o respecto de Dorius porque Gilmore presenta un modelo a seguir ao District Attorney cando se trata de respectar a lei. Aceptando plenamente a súa execución e acelerándoa, Gilmore gaña a súa propia redención (ES 679). Dorius está orgullosa de Gilmore (took pride in Gilmore) porque o condenado respectaba a situación. Sería desagradable para Dorius traballar nun informe dunha importancia capital se sentise que o individuo que estaba no seu centro non fose máis que un pequeno canalla de móbil dubidoso (shoddy motives). E Dorius, quen cre que o desexo de Gilmore é xenuíno (auténtico), fai del un role model para o seu propio traballo como District Attorney, que debe garantir o ter lugar da execución. Verdadeiro espello de amor especular entre o condenado e o verdugo.

Aquí, case en codia e deslizado subrepticiamente na Executioner’s Song de Mailer, hai un achado de importancia primordial (que Mikal Gilmore elucida tamén con máis detalle) e que complica totalmente as oposicións entre hetero-castigo e auto-castigo e entre a —digamos— filosofía da pena de morte (ao estilo de Kant) e a psicanálise de terapia (ao estilo de Reik), acerca do cal Derrida desenvolve mellor ca nós algúns contornos. É unha páxina demasiado rica para ser o suficientemente comentada aquí. Abonde con destacar que Gilmore recoñece unha pulsión polos adolescentes, rapaces ou rapazas, e que os seus asasinatos eran o medio de impedirse actuar sobre as súas pulsións, castigándose polo feito de ter esas pulsións. Os asasinatos seguiron directamente á separación da súa amante, Nicole, a quen chamaba a súa fada e a quen comparaba cunha elfa e cun ser adolescente nos comezos da madurez sexual. O reporteiro de Playboy que descobre esta posibilidade relaciónaa co sentido de nobreza que Gilmore derivaba dos seus asasinatos, coma se os asasinatos fosen unha forma de castigo, en efecto, mais tamén unha forma de honra na medida en que con eles impídese cometer actos moito máis innobres. Mata a outros para matar nel esa persoa da que só podería ter vergoña. Os asasinatos permítenlle, de xeito certamente pervertido, gardar certo sentido da honra (ES 882). Con esta hipótese podemos asociar a idea estrafalaria de Gilmore —cando se decata só seis horas antes da súa execución de que un xuíz acaba de pronunciar un aprazamento porque non podía ser que o diñeiro do contribuínte se gastase de forma ilegal— de pagar el mesmo do seu peto o importe da execución. Case ás dúas da mañá, cando a execución estaba programada para as 07:42, Gilmore intenta facer todo o posible para contactar co Attorney General do Estado (o maior procurador) para dicirlle que el pagaría as balas, os fusís e ós tiradores. A partir do momento en que os asasinatos fosen auto-castigos destinados a provocar un hetero-castigo por parte do Estado, o cal permanecía non obstante como dono absoluto, só mediante a burla e as ameazas se podía conseguir certa simpatía secreta entre os xuíces favorables ao blood atonement. Entón Gilmore está disposto a financiar a execución pública do Estado polos seus propios medios privados, gañados coa venda dos seus dereitos en películas e programas de entretemento e libros que se estaban a realizar durante as súas últimas semanas de vida.

Despois do último fracaso dos avogados independentes ao intentar aprazar a execución, a súa última avogada, Judy Wolbach, compara aos xuíces —aqueles que correron o risco, seguindo o móbil da poena naturalis do que xa falamos (expresado polo xuíz Lewis), de equivocarse ao atribuír a Gilmore a priori— cos Fariseos: sempre a carta da lei (ES 952). É unha páxina densa que Mailer dedica á análise feita por Wolbach do blood atonement, da suposta necesidade de facer correr o sangue co fin de conseguir a redención que caracteriza a teocracia dos señores de Utah. Pero se os Fariseos de Utah, como os describe Kant, teñen un pensamento posterior que consiste en impoñer a pena de morte para un fin “utilitarista”, un fin extrínseco a un castigo puro e simple, un castigo que depende dunha imposiblemente simple lei de talión, o mesmo non pode ser dito acerca de Gilmore que se revela máis kantiano que Kant ou tan kantiano como Kant sen ser Fariseo. Gilmore é literalista: é necesaria a morte, a súa morte, para a morte, pero non é “utilitarista”, a diferenza dos xuíces Fariseos dos que se lamenta Judy Wolbach. Aínda que… este Kant-Gilmore será percibido doutro xeito completamente diferente se o vemos e o lemos cos ollos de Nietzsche, de Reik, de Derrida ou de Mikal Gilmore, mesmo do propio Gary.

O seminario que Jacques Derrida dedica á pena de morte deconstrúe o cadafalso da pena de morte mostrando cómo a pena de morte provén dun fantasma de soberanía, dun desexo de controlar o tempo, de calcular o tempo, substituíndo así a finitude por unha infinitude; recorre á psicanálise para volver pensar a relación entre a pena de morte e a sexualidade. Sen querer bosquexar en conclusión todas as pistas que non seguimos aquí, rematamos por unha vía que abre e que tomamos na nosa lectura do caso de Gary Gilmore: é a deconstrución da oposición dentro/fóra, natureza/cultura, oposición que mantén a filosofía da pena de morte establecida por Immanuel Kant no interior da cal a deconstrución está sempre en curso. Deámoslle a última palabra a Derrida sobre este punto:

Esta lóxica da execución suicida, este verdadeiro suicidio da pena de morte, está estruturalmente implicada pola lóxica do veredicto, mesmo se o condenado non cre nela ou non se resolve nela. Como esta pretende ser fundada en dereito, en razón, en racionalidade xurídica supostamente compartida de forma universal, o culpable recoñecido culpable debe dar razón aos seus xuíces e, polo tanto, aos seus verdugos, e dende que dá razón ao dereito, dende que dá razón á razón do dereito, aos xuíces, ao verdugo e finalmente ao presidente que lle nega a graza, dende que a razón ten razón del, é coma se el se xulgase, se condenase, se suicidase, coma se el se executase a si mesmo. Aproba a sentenza, dá razón á sentenza e, polo tanto, el mesmo se condena a morte. E por ir ata o final desta consecuencia, executa el mesmo a sentenza pola cal el mesmo se condena a morte. A execución é sui-cida. Para a autonomía da razón xurídica non hai máis que auto-execución. Digo ben “como se el se suicidara”.(31-01-01)

Tradución: Delmiro Rocha

1Este texto foi lido no “Coloquio Internacional Herencias de Derrida” celebrado en Madrid os días 24-25-26 de Febreiro de 2010. Tanto o proceso de escritura como o de lectura se fixo integramente no idioma francés. Nótese a importancia da oralidade. (N. do T.)

2Jacques Derrida, Pena de Morte, seminario impartido na EHESS, en 1999-2000 e 2000-2001. O primeiro volume deste seminario publicarase en Xaneiro de 2011 (Éditions Galilée) baixo a responsabilidade de Geoffrey Bennington, Marc Crépon e Thomas Dutoit, e o segundo volume en outono de 2011. Todas as citas que aquí hai do seminario proveñen da versión establecida para a súa publicación coa data da sesión entre paréntese.

3 As aproximacións semánticas, morfolóxicas e fonéticas das palabras francesas “coup” (golpe), “coût” (custo), “cou” (colo), así como as que funcionan nas diferentes conxugacións do verbo “couper” (cortar) son imposibles de manter na tradución ao galego. (N. do T.)

4Walter Benjamin, Critique de la violence, tr. fr. Maurice de Gandillac, revisada por Rainer Rochlitz, enOeuvres I, Paris, Gallimard, 2000;Zur Kritik der Gewalt, und andere Aufsätze, Frankfurt am Main, Suhrkamp, 1990.

5O libro de Mailer foi publicado en 1979 e está dispoñible en Vintage International, traducido ao francés baixo o título Le chant du bourreau, tr. fr. Jean Rosenthal, Paris, Robert Laffont, 1980, 2008. Os números de páxinas reenvían á edición americana (ES) e á edición francesa (CB), traducións modificadas. Mikal Gilmore, Shot in the Heart. One Family ‘s History in Murder, London, Penguin Books, 1994, a partir deste momento abreviado como SH entre paréntese.

6Jacques Derrida:Spectres de Marx, Paris, Galilée, 1993, pp. 42-59.

7 Immanuel Kant, “ Vom Straf und Begnadigungsrecht”, Die Metaphysik der Sitten, en Kant’s gesammelte Schriften, tomo VI, Berlin, Georg Reimer Verlag (Akademie Ausgabe), 1914, p. 334, Tradución de T. D. No sucesivo citado: Kant, p. X entre paréntese.

8En 1979 o grupo punk The Adverts escribe a canción “Looking Through Gary Gilmore’s Eyes“, <www.youtube.com/watch?v=CrwI1gKE4jI>. Gary Gilmore doou os seus órganos e os seus ollos a unha persoa que lle escribira co fin de pedirllos e obtelos despois da execución. Gary Gilmore, quen quería morrer en lugar de ficar en prisión, intentara suicidarse dúas veces. Pero a doazón de órganos non está permitida en caso de morte por suicidio. Entre outras razóns Gilmore tamén quería ser executado polo Estado porque era o único xeito de doar os seus órganos (ademais de, por suposto, unha morte natural, pero Gilmore, aos seus 35 anos, tiña boa saúde). The Adverts están moi atentos ao desprazamento dos ollos de Gilmore, que lle sobreviviron e continuaron vendo despois da súa morte dun xeito panóptico, transcendente. The Adverts fannos ver cómo se pode ver cos ollos doutro despois da súa morte.

9Friedrich Nietzsche, Ainsi parlait Zarathoustra. <http://fr.wikisource.org/wiki/Ainsi_parlait_Zarathoustra/Premi%C3%A8re_partie/Du_p%C3%A2le_criminel> ; Friedrich Nietzsche, Also sprach Zaratustra. Ein Buch für Alle und Keinen, Berlin, Walter de Gruyter & Co., 1968, p. 42.