Giacomo Hauser
Varias asociacións de veciños do Ventorrillo na Coruña e de Monteporreiro en Pontevedra protestan contra o reacollo nestes barrios de familias provenientes dos poboados de Penamoa e O Vao respectivamente. Os medios de comunicación destacan a motivación racista como causa do conflito. Con todo esta afirmación non esclarece as circunstancias nas que se desenvolveron os acontecementos. Se aceptamos que a fustrigación do que foron vítimas as familias reacollidas en Monteporreiro ten a súa orixe na irracionalidade do racismo, a repulsa de tal comportamento ocúltanos o segredo e aleivosía con que se xestionou este asunto por parte da administración; ademais neste barrio conviven desde fai anos tanto payos como xitanos, polo que se nos fai difícil asimilar estes actos a motivacións racistas. Para poder entender os motivos deste enfrontamento temos que referirnos en primeiro lugar a cales son os obxectivos prioritarios que a administración quere cumprir co seu plan para a erradicación do chabolismo.


No caso das chabolas do Vao, o plan está baseado no proxecto urbanístico do concello de Poio que implica a construción da conexión viaria entre as estradas PO-310 e PO-531, como recolle o DOG con data do 12 de Novembro do 2003, enlace que atravesa o poboado. O proxecto urbanístico tivo unha longa e complexa historia, na que chocaron as diversas administracións, o que queremos destacar é que a erradicación do chabolismo está enraizada no artigo 94 da Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia na que entre as razóns de interese público que se esgrimen para erradicar o uso non desexable da infravivenda son o desconxestionamento urbano[…] a resolución de problemas de circulación e a outros fins públicos, como son, supomos, o abastecemento da industria que a administración espera recale nos novos polígonos e traia progreso e desenvolvemento; pois para iso aprobouse a Lei 10/2003, de 20 de maio, de medidas urxentes de liberalización no sector inmobiliario e transportes, que foi ratificada polo goberno xa que como a propia lei indica: A evolución positiva da economía española, na que tiveron especial incidencia as medidas liberalizadoras acordadas polo Goberno, fai necesario seguir avanzando no proceso de liberalización para manter o ritmo de crecemento económico.
O desmantelamento das chabolas do poboado do Vao, realizouse sen existir un plan de reacollo para as familias afectadas. Durante os últimos meses a administración desprazou ás familias por diferentes lugares, ata que ao final decidiron instalalas nos barrios de Caritel de Pontecaldelas e de Monteporreiro en Pontevedra. Estes aloxamentos fixéronse ás costas dos veciños que se sentiron ignorados pola administración. Uns barrios que tiveron que loitar moito para desembarazarse do estigma de problemático, atopáronse nas súas casas con outros estigmatizados. Desde un primeiro momento as mobilizacións leváronse a cabo en contra da administración, aínda que é certo que a frustración e a impotencia dos veciños descargouse sobre os novos inquilinos.
O concello de Poio desembarazouse do problema adquirindo pisos para o reacollo fóra da súa poboación; pola súa banda o concello de Pontevedra ante a inminencia do proceso electoral apresurouse a satisfacer aos veciños de Monteporreiro, conducindo aos reacollidos a outros lugares. Unha vez depositado o voto na urna, reintroduciron ás familias do Vao en Monteporreiro, aumentando o malestar e o desengano nos veciños habituados ao abandono da administración.
O portavoz da Asociación do Pobo Xitano, Sinaí Giménez presentou unha denuncia contra o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, e contra o presidente da asociación de veciños O Mirador de Monteporreiro, contra o que pediron unha orde de afastamento ao denunciar ameazas contra as familias xitanas residentes neste barrio pontevedrés.
A día de hoxe só foi sancionada unha veciña cunha multa de 1500 euros por unha infracción administrativa grave consistente no intento de agresión ao alcalde de Poio Luciano Sobral.
Ademais en declaracións de Mario Lago directivo da asociación O Mirador de Monteporreiro se insistiu que as mobilizacións que se levaron a cabo desde a asociación de veciños sempre foron ante as administracións públicas.
A vicepresidencia da Xunta propón os poboados de transición, é dicir, que os asentamentos conten con vixilancia policial permanente, e que traballen a diario un equipo de integración; espérase que esta nova figura sirva como instrumento para intentar unha integración real, xa que durante lustros non se fixo nada para evitar os problemas graves de habitabilidade, de delincuencia e de integración que se rexistran nos asentamentos chabolistas.
Esta última medida tómase a partir da representación e interpretación racista que do conflito se fixo nos medios de comunicación; tómanse medidas para evitar a xenofobia e o racismo, pero quizais estas medidas non van cara á raíz do problema. Non son no fondo leis como a da liberalización do chan as que permiten a especulación tendo como consecuencia a marxinalidade de grandes grupos sociais aos que se lles condena a unha vida precaria? Non son as medidas da administración pobres remendos ante a expulsión en diferentes graos que a propia política económica da administración xera? E non pode ser que a acusación de irracionalidade que tan a treo se fai ante certas protestas, leve ao enfrontamento entre dous grupos, vítimas ambos dunha mesma lóxica de exclusión social?