carta a proxecto derriba

 

Por non copar demasiado o foro, nin saturalo, escribo esta carta, na que me extendo un pouco máis que o comentario do foro, no que expoño o asunto que para min é o crucial da filosofía: a filosofía mesma.

1. Mais o asunto me parece claro; e solución pasa, segundo creo, por integrar, reunir, sintetizar, outros dous asuntos que a súa vez semellan ou se tratan como diferentes.

2. Estes dous asuntos aparentemente, ou practicamente tratados como diferentes son:

a. a filosofía en bacharelato: como se houbese algo así como unha rama, unha disciplina, unha metodoloxía incluso para a filosofía do bacharelato, un problema que lle é propio. Normalmente se relaciona este problema coa didáctica da filosofía algo que de por si, sen máis matiz, me repugna, é dicir, o rexeito, pois fai pueril algo que non é nin o pode ser. Porque a filosofía ten que ser risco, perigo, abismo…

b. a filosofía contemporánea pechada en si mesma; querendo saír do seu círculo vicioso mais incapaz de facelo. Queixándose do seu destino, da súa propia traxectoria, renegando das súas bases, recelosa e resentida de si mesma, mais polo mesmo, sen conseguir aínda chegar a saír fóra de si, sen conseguir chegar ao pobo, á sociedade, aos problemas verdadeiros que nos acucian, sen chegar, en definitiva, ao acontecemento.

3. É por iso que me parece, que a solución está precisamente no medio (e quizais isto tiña que escribilo en forma de artigo…), na síntese: nin a puerilidade do bacharelato nin a vacuidade (permítaseme) do postmodernismo. Pero un medio que non sexa un medias tintas! Non, pola contra, un devir sintético dos dous problemas, que é como achegar as dúas beiras do rio a unha mesma corrente. Así:

4. A filosofía de bacharelato ten que partir dos problemas contemporáneos e non obvialos, para que os alumnos e alumnas vexan a utilidade, a capacidade, o volume, a resonancia… da materia. Dá igual que non o comprendan todo, non se trata diso, pois acabo, quen o acaba comprendendo todo? quen o acaba explicando todo? Pero é máis importante achegarlles a esa verdade da incerteza do pensar e dos tempos con tino, e dende un principio, que non achegarlles a unha dogmática para despois mostrar que iso non é así… É dicir, trátase de mostrar a verdade do relativo que non a relatividade da verdade… esto último, que tamén se presenta a cotío nos libros, e quizais unha nova maneira de dogmática.

5. A filosofía contemporánea, digamos que a filosofía máis adulta, ten, pola súa banda, que saír de si mesma, achegarse ao pobo, á sociedade e ao acontecemento. De feito ten que sobrevoalo e contraefectualo. Para iso, como pode facer? Seica de feito, a universidade, aquí en Galicia, Mazarelos, non cumpre este papel. Non o cumpre en xeral a universidade, porque está como illada, isolada, nunha burbulla, respecto ao mundo e o social. E isto é un problema que xa está visto… Mais, no caso da filosofía, como está ese asunto? Aquí apoio en grande medida aquel posicionamento de proxecto derriba respecto á Facultade de Filosofía da USC: non cumpren cuns mínimos de investigación e de preocupación polos seus alumnos e doutorandos. Case non hai actividades e congresos novos, case non hai interese porque os haxa, e cada vez máis aquilo é un recuncho da cidade, polo que se pasean estrañas e extravagantes personaxes, pero pouco máis; un recuncho que pronto desaparecerá se segue con esta dinámica. De novo a pregunta: que facer? Que posición tomar?

6. A solución, está segundo o meu punto de vista, precisamente en iso: en solucionar, solver, di-solver… estes dous problemas. Necesitamos xente nova, que chegue forte á filosofía, con capacidade, potencia, cun sentido asimilado do risco e do perigo, que significa pensar, que é pensar, certamente, contra o normal, contra legal, contra o sistemático… sen que isto sexa non máis que ser extravagante. E para iso, hai que non renunciar a esa actitude dende un principio: é dicir, xa dende bacharelato. Tampouco se trata de poñerlles filmes de medo aos rapaces, nin de andar “acojonando” por “acojonar”… Se pode ser suave, pasear ante o abismo sen achegarse moito, sen achegarse demasiado… pero telo aí presente. Nas sesións. Que non se esqueza, que emerxa…

7. E desta maneira terán sentido as investigacións máis “adultas”, universitarias. En contacto coa educación media. I en xeral abertas á interdisciplinariedade. Porque ao mesmo tempo, abrirse á educación media, é abrirse en xeral a unha non-filosofía, é dicir, a unha comprensión allea ao propio e estrictamente filosófico, pois calquera outro “especialista” da nosa sociedade, se achegaría á filosofía desta maneira: como un alumno de educación media…

8. En que consistiría isto? Ben, por unha banda, está o meu teatro resoante, mais… deixémolo agora ao marxe. Vamos ao propiamente lectivo. Vamos ao texto, á escritura, ao pensamento. Vamos á rede, ao foro, á internet. Seica aquí está a crave: un espazo onde por fin o logocentrismo se descentra, onde o dominio do sentido se desfai, se disolve, se resolve nunha rede onde o contido lóxico-intencional se volve tan fundamental como o que sucede ao seu marxe: a imaxe, o comentario, o enlace… que se monta, que se acopla sobre o mesmo. Ás veces, na internet, os contidos dunha páxina son soamente pre-textos sobre os que se monta, sobre os que pode xurdir, todo un outro aparato, toda unha outra maquinaria, toda unha outra serie de procesos e desenvolvementos que tanto por si mesmos, como polas súas relacións vaian creando o verdadeiro pensamento, plural, da nosa época, contemporánea, con todo o que isto quere dicir. Habería polo tanto que ver cómo se fai isto, e como se pode facer…

9. A wiki e a tiddly wiki quizais tamén, poden ser unhas pezas crave, e polo que vou sabendo de informática, e como xa tedes vos comentado, as web 2.0. Porque nelas verdadeiramente acontece isto que acabamos de dizer: descentralizar o grande relato, o sentido único do libro, a súa imponencia e dominancia sobre o acontecer; e ofrecer pola contra un espazo, unha plataforma, unha rede aberta para o pensamento, para que poida pensar e pense o acontecemento de maneira plural, en multiplicidades desbordantes de sentido lóxico, en series inesgotables que entón formaría a rede de sentido(s)… A 2.0 permite o comentario, e polo tanto, permite, dá sempre a posibilidade de desfacernos do axenciamento (arranxo) da nova, do xornal, que tan cínica e hipocritamente, faise tender á actualidade [véxase o tratamento deste concepto eiquí. E isto, é algo que nós temos que ter en conta, pola contra, á hora de tratar contidos, de elaborar contidos: a súa apertura ao maremágnum caótico da rede, incluso, intencionadamente1, provocar esta apertura, deseñala, como xa facemos, abrindo entradas, poñendo enlaces, insertalo dicir como peza da rede e tratar de facer pasar por esa peza, toda a maquinaria… é dicir, que a través de esa peza toda a maquinaria funcione…

10. Pero tratemos aínda de achegarnos un pouco máis. Como se podería facer isto? En que consiste? Proxecto Derriba, ou este asunto que nos vimos plantexando, podería funcionar como unha especie de talleres, en principio virtuais… Talleres-foro, de pensamento e debate, de pensamento e de texto, de escritura. Talleres case xornalísticos, mais cunha nova idea e concepto do xornal. Talleres nos que se debatan asuntos contemporáneos á luz da tradición: á luz dun aparato conceptual co que traballar. Habería que organizar estes debates, organizar estes talleres, quizais en situ, aínda que seguro, tamén na rede, pois sempre, a través de rede, ou de cara á rede acontecerían-acontecen… Talleres de edición de textos (ollo, textos!) como pezas da rede, a modo de comentarios sobre novas, comentarios que aporten novos datos, novas perspectivas, novos aconteceres sobre os aconteceres… Facer unha comisión deste tipo. Case como un xornal que vai ás “aulas”, pero non para dar algo acabado, rematado, senón que vai cunha serie de propostas, iso si, pero que se traballarán e desenvolverán con máis xente, en cada “taller”…

11. O abismo na Filosofía está entre un suposto aprender e un suposto saber.

 

Man Hauser

 

 

1 Aquí poderiamos falar dunha sorte de terrorismo, incluso no sentido de Hakim Bey, terrorismo poético (por exemplo), no que a verdadeira elaboración pasa pola in-filtración, polo que trastoca, rompe, desborda os limites establecidos do dito, soamente así, pódese crear, na desmesura, a plena horizontalidade dunha rede. Evidentemente isto está tamén en relación cos conceptos deleuzianos de rizoma, contaxio, donación e plan de consistencia.