NÚMERO 8. Decembro 2011
pdf completo
.

Faltan os nomes e quedan as datas. O 15 de maio prendeu simultaneamente en moitos lugares do Estado español un movemento que escapa, nas súas derivas heteroxéneas e na complexidade dos seus artellamentos, á asignación dun nome único. No inicio, unha convocatoria por internet no nome dunha “Democracia real ya” sacou ás prazas do Estado español a milleiros de persoas “indignadas” pola xestión da crise e a situación política; porén, esas etiquetas non se mantiveron moito tempo como significantes hexemónicos ou aglutinadores. Como no caso das revoltas no Magreb as redes sociais e o uso masivo de internet fixeron posíbel a extensión dos chamamentos; mais o que comezara na rede tornouse nunha reocupación do espazo público e nunha afirmación doutro xeito de facer política fóra das canles da representación. Algo estaba a pasar nos bordos de Europa; e iso que acontecía o facía quizais de xeito intempestivo. Había ben tempo do inicio dunha crise cuxo principal efecto, esperado ou inesperado, era conformar novas subxectividades ao servizo do capital e impoñer a retórica económica como marcha natural das cousas. O 15-M xurdiu como un acontecemento que máis que propor un programa político, afirmaba na súa indecisión outro xeito de política e de constitución do común.

Nun proceso case simultáneo á súa xestación, o “movemento” deu lugar a achegamentos diversos en forma de artigos e libros colectivos: o 15-M é tamén a serie de discursos e imaxes que o produciron performativamente. Aquí e agora ese movemento continúa; mais resta quizais por pensar, e darlle tempo. O 15-M, ou calquera dos múltiples nomes cos que se lle chama, pode encadrarse nunha serie de revoltas periféricas que aínda están, como el mesmo, por vir.

Que a urxencia de dar máis tempo a ese “15-M”, a nosa propia urxencia dende unha condición periférica e aínda residual, caia neste novo número de Derritaxes. Que máis podemos dicir, aquí e agora, nós?  Dende ese nós, cuxa incompletude estrutural o estende nun movemento continuo, queremos convidarvos a todxs a tomar o tempo de darlle unha volta (de) máis ao que nos está a acontecer.

 

 

Derritaxes

desenvólvese mediante un percorrido imposíbel á

procura das pegadas, lembranzas e retornos

daqueles que perseveraron con e por ela. Fai dó, así

mesmo, polxs amigxs inesquecibeis.

Derritaxes, á fin, edítase na memoria de

Paco Vidarte.


 

DOCUMENTOS

15M ou a relación entre o común e o acontecemento – Sören Hauser

Estamos a vivir tempos convulsos no capitalismo, en Oriente, en Occidente, en Europa, no Estado español. A convulsión é froito de moitas continxencias, de moitas realidades vividas ao mesmo tempo, pero tamén de certo malestar, dunha indignación, dun desexo (do) común, a saber, a esixencia de democracia, dunha democracia real, dunha democracia absoluta, reivindicación fundamental do movemento español coñecido polas siglas 15M.

Outras políticas: lingua, tempo e as diferenzas Beatriz Hauser

Neste artigo téntase percorrer o xeito no que o común acontece dende as diferenzas a través da experiencia dos conflitos en torno á Comisión de feminismos de Sol. Partindo da relación entre o feminismo e a política, e os artellamentos con moitos outros que poden darse aí, exponse a necesidade dunha noción distinta de universalidade e dunha política fóra do consenso e do programa. Isto require un darse tempo que é, como se revelou nas prazas, xa un acto político.

Dislocando conceptos vellos: Bensaïd e o 15MThomas Hauser

A aparición de movementos contestatarios críticos coa situación xerada a raíz da crise económica xurdida no 2008 fai que sexa cando menos relevante formularse a posibilidade de que conceptos que caeran en desuso –revolución, clase, partido– poidan volver ser repensados á luz da nova situación económica, política e social actual. Inténtase amosar dende unha reactualización de tales conceptos –tomando como referencia teórica principal certos textos de Daniel Bensaïd– como aínda seguen mantendo unha carga crítica capaz de axudar á construción dun proxecto crible alternativo á democracia liberal e á mundialización económica.

 

Unha ollada ao movemento 15-M dende a filosofía orteguiá – Jacobo López Castro

O día 15 de maio de 2011 ficará na nosa memoria colectiva como aquel domingo no que comezou o movemento dos «indignados» e «indignadas» en España, en medio desa ola de manifestacións que tanto o precederon como o continuaron noutros países. Neste ensaio queremos atravesar a costra deste «feito histórico» tomado puramente polo seu lado externo e introducirnos e profundar no seu sentido interno. Faremos isto partindo dun par de frases das tantas que se foron plasmando nos cartaces exhibidos nas manifestacións e nas ocupacións das prazas e apoiándonos, á vez, nun texto filosófico que, malia estar escrito nos anos vinte do pasado século, ofrece magníficas claves de interpretación da nosa actual indignación: falamos de El tema de nuestro tiempo de José Ortega y Gasset.

En torno ó 15-M e a deconstrución do relato transicional español – Manuel Artime

Neste artigo trátase de establecer unha relación entre as mobilizacións cidadás do 15-M e as que tiveron lugar nos anos previos e posteriores á transición democrática. Seguindo a reivindicación que fan os ‘indignados’ de outra democracia máis real, tirarei do fío histórico sobre a participación política fóra dos partidos no Estado español, e sobre qué artificios se frustrou. En concreto, defenderei que a desmobilización de hoxe ten as súas orixes nun relato determinado que se fai da transición, como un logro vertical e de progreso, e que á súa vez ten moitas continuidades con certos mitos cultivados pola ditadura.

CONVERSA

Entrevista a dous participantes na asemblea do 15-M LugoProxecto Derriba

 

DERIVAS

Manifestación – Drocha Hauser

 

RECENSIÓNS

Observatorio Metropolitano: Crisis y revolución en Europa. People of Europe, rise up! – Beatriz Hauser

 

CONTEXTOS

Conclusións de Toni Negri e Michael Hardt no encontro cos movementos sociais o 7 de outubro de 2011 no Centro Social Autoxestionado La Tabacalera.

 

ILUSTRACIÓNS

Sao Hauser

http://santatorpeza.wordpress.com/

http://copygrafias.wordpress.com/

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies