Thomas Hauser

Resumo.

A aparición de movementos contestatarios críticos coa situación xerada a raíz da crise económica xurdida no 2008 fai que sexa cando menos relevante formularse a posibilidade de que conceptos que caeran en desuso –revolución, clase, partido– poidan volver ser repensados á luz da nova situación económica, política e social actual. Inténtase amosar dende unha reactualización de tales conceptos –tomando como referencia teórica principal certos textos de Daniel Bensaïd– como aínda seguen mantendo unha carga crítica capaz de axudar á construción dun proxecto crible alternativo á democracia liberal e á mundialización económica.

Xustificación inicial.

A seguinte reflexión xorde nun contexto de contrarrevolución neoliberal e resistencia social. A crise económica aparecida no 2008 provoca, entre as súas máis importantes consecuencias, unha apropiación da soberanía democrática por parte dunha elite económica representada polo evanescente significante “os mercados”. Estes manteñen subxugados aos Estados a través da dependencia crediticia –necesaria para manter o crecemento, axioma fundacional capitalista– quedando sometidos ás decisións dos intermediarios –grandes corporacións, fondos de inversión e banca– que, non procuran tanto atopar vías de saída á crise económica en Occidente, como maximizar os seus beneficios particulares. Moi sinteticamente poderiamos caracterizar a situación actual do xeito seguinte: existencia dun mercado único, libre circulación de capital, descentralización, desaparición de espazos nacionais na mundialización, complicidade dos Estados-nación –promulgando leis e regulamentacións de carácter internacional– permitindo e desenvolvendo as prácticas mercantís e financeiras da mundialización económica, desenvolvemento desigual, espazos económicos incontrolados –paraísos fiscais. Libéranse as trabas para o fluxo libre de capital mais continúan para a circulación das persoas. Xérase inxustiza social en tanto aumenta a desigualdade económica; crece a insolidariedade e a exclusión na mesma medida en que o fai o poder de concentración de capital. O neocapitalismo xera unha crise social de inmenso calado que poderíamos caracterizar con tres puntos: unha nova e violenta repartición imperialista do mundo; un tipo de relacións laborais –traballo asalariado– que xera desemprego e precariedade, e un auxe das privatizacións que asfixian a vida pública e concentran os recursos en mans de particulares1. Neste contexto –submisión da soberanía democrática ao ditado dos mercados, crise de representatividade; empobrecemento das clases medias; precarización das condicións laborais, cando non aumento desbocado do número de parados; desmantelamento do estado de benestar –xa en si criticable en diversos aspectos– a través de privatizacións e reducións dos sistemas básicos de protección social…: é onde aparece unha serie de movementos sociais críticos e insatisfeitos coa situación actual sinalada e que se poden focalizar, no estado español, no movemento 15M.

As súas reivindicacións parecen apuntar a sinalar a absoluta decepción respecto dos distintos ámbitos de decisión democráticos que din representalos, sendo que non defenden a idealizada soberanía democrática respecto dos desexos dos “mercados”. Porén, a indignación, a crítica, as distintas iniciativas de contestación social producidas nos últimos meses non atenden a unha lóxica antidemocrática; máis ben son froito dun clamor que ten como fin unha revisión, cando non unha subversión, do modelo de democracia liberal constituída na globalización económica, no marco das sociedades industriais avanzadas, xunto co modelo de relacións laborais que se dan nestas. Intentarase, no que continúa, repensar en certas categorías da tradición marxista, hoxe desbotadas, para recuperalas, actualizadas á situación presente, e para observar se aínda dispoñen de forza explicativa e crítica para reforzar a actividade contestataria, no marco do contexto de resistencias ao neocapitalismo dominante na actualidade.

Hipótese de base.

Certas categorías vellas, usadas e desbotadas seguen sendo útiles precisos non só para analizar a situación actual, senón para actuar nela. A tarefa é recuperar o crédito perdido tras anos de derrotas e humillacións –moitas veces provocadas polos propios erros e outros pola inmensidade e voracidade do adversario–. Categorías en desuso que cobran nova forza: revolución, clase –suxeito–, partido, para enfrontarse ao neoliberalismo e á mundialización económica imperantes.

Como recuperar o seu potencial crítico? Aplicando a Verwindung (Vattimo, 1985), entendida como estratexia de relación co pasado que permite que este permaneza aberto, resoante, enviando mensaxes que aínda se poden recibir e que deben ser escoitados2. Corresponder a tal chamada implica entender que o presente está cargado de débedas, sendo non tanto o produto dun proceso lineal orientado de xeito predefinido polo xa acontecido, senón máis ben, un lugar da posibilidade, na que o pasado se considera un momento de envío de mensaxes, espazo da transmisión do aínda por chegar. O presente é o momento da apertura de posibles –da apertura ao posible–, xogo descontinuo de ecos e resonancias, onde se impón máis a política, entendida como espazo onde os humanos loitan polos seus dereitos, contra as desigualdades e contra as inxustizas; lugar onde se sitúan os problemas da historia que se desexan resolver, unha historia entendida como totalidade integrada ou unidade significativa. A política entendémola como o espazo onde se trata de pór en xogo, en acción, as posibilidades inscritas na oportunidade historicamente condicionada (Bensaïd, 2003). Pensamento da estratexia, da loita e da toma de decisións. Política contra policía, a lóxica da distribución, da organización, dos lugares das ocupacións, do control (Rancière, 2006).

Se aínda “revolución”, “clase”, “partido”, nos din algo, e a hipótese é que nolo din, isto debe ser de xeito verwindet –retorcido–. Considérase que se deben aceptar como contidos herdados do pasado, mais non como se xa non significasen nada e fosen categorías finadas e a superar; por outra banda tampouco se debe caer no erro de aceptalas de xeito acrítico, é dicir, en tanto categorías a recuperar, para repetir e continuar. Ao recibilas aplicando a Verwindung poderanse transformar en ferramentas a usar, trocando a súa significación mais sen mudar a súa esencia propia; de tal maneira poderán manter as posibilidades significativas –a apertura– que aínda están implícitas nelas.

A revolución.

A política é concreta e depende do estado do mundo.

A resistencia xorde do enfrontamento ao culto ao progreso, mais sobre todo ás promesas ilusorias e ás apatías conformistas –sobre a imposibilidade de calquera enfrontamento debido ao avance irrefreable de forzas superiores e incontrolables–.

Posicionámonos en contra do culto ao progreso, que pretende establecer un mundo da continuidade, da evolución, da linealidade, do avance ilimitado baseado no enriquecemento, na produtividade, no dominio sobre a natureza segundo o establecido como verdadeiro polas ciencias positivas e a tecnoloxía.

O avance e o progreso determinan unha concepción dunha Historia teleolóxica, entendéndoa como un gran relato no que triunfa a historia sagrada, a dos demagogos que pretenden establecer o pensamento neoliberal como o único posible, permitíndose falar de fin da Historia, fin das Utopías ou fin das Ideoloxías, intentando impoñer a súa visión da realidade como a única e verdadeira. Contra esta historia idealista débese opoñer outra na que o que impere sexan as relacións conflitivas, outra historia na que os protagonistas sexan seres vivos –humanos non entendibles como abstraccións definidas por unha esencia a desenvolver, senón en tanto histórica e culturalmente determinados–. A historia débese entender dun xeito profano no sentido en que dela non se pode extraer ningún fin propio máis que aquilo que é realizado no marco das distintas relacións establecidas por aqueles que habitan nela. Cada estrutura de relación terá o seu ritmo, a súa temporalidade. Polo tanto, non se poderá falar dunha temporalidade única, senón dunha heteroxénea, múltiple e variable. O desenvolvemento desigual entre esferas sociais, xudiciais e políticas obriga a pensar nun progreso nin automático nin uniforme. Cada progreso ten a súa regresión. Non linearidade, senón discordancia de tempos. Alternancias, intermitencias, tempo quebrado pola política e a estratexia. Tempo dislocado que abre posibilidades, oportunidades, bifurcacións, empalmes e orientacións. Falaremos de contratempos, intempestividades. A historia non ten sentido filosófico; é, porén, politicamente intelixible e estratexicamente pensable. Os conceptos iluminan mais non esgotan a realidade. A necesidade explicativa non suprime o azar,eo “como” da historia remite necesariamente ao aleatorio da loita. Neste sentido –como negadoras de determinismos– as forzas produtivas atopan o seu papel. Dende elas, e dende as relacións de produción, os humanos crean as súas condicións de vida. A revolución social débese entender entón só como a apertura a un feixe de posibilidades. A necesidade e a posibilidade históricas só permiten predicións condicionais; de tal xeito que a anticipación histórica pode expresarse só a través dun proxecto estratéxico.

A clave reside na loita, na loita polos dereitos, contras as desigualdades e as inxustizas: as revolucións –como movementos sociais que esixen a transformación da estrutura social, política e económica– son signos dos problemas que a humanidade quere resolver. Son produtos de sufrimentos e humillacións. Emancipada dos mitos da orixe e da fin, a política que prevalece sobre a historia, constitúese como pensamento estratéxico da loita e da toma de decisións. Anticipación condicional desleal ao inelutable. A política non pode aceptar, resignadamente, un acontecemento anunciado de carácter mesiánico. A política, a economía e a filosofía reflexionan nun marco histórico concreto. Só se poderá falar do que pode ser, non do que será, dunha posibilidade real, ancorada nuns límites definidos, non abstracta ou coxa por exceso de fantasía. Trátase de por en xogo, en acción, as posibilidades inscritas na oportunidade historicamente condicionada. Lóxica dunha historia aberta, na vez da influencia limitadora dun (contra o) modelo científico obxectivista e determinista

Queda algo máis que loita? O actuar revolucionario é un compromiso de saída da embriaguez da produción, do rendemento económico e do fetichismo do capital. Presente político, estratexicamente determinado, no que os humanos fan a súa propia historia.

A clase ou o suxeito perdido.

Isto nos leva á seguinte cuestión : o problema da clase. A clase, como é ben sabido, desenvólvese como un dos nós do pensamento de Marx. É unha noción aparentemente anticuada, pasada de moda, superada tras anos de derrotas; os tempos cambiaron, as relacións laborais modificáronse, o obreiro é cada vez máis difícil de atopar e usar o termo proletario soa arcaico, vello, inútil, para a situación contextual contemporánea pos-todo. Mais é así? Trátase dunha noción filosoficamente vacua, estratexicamente irrecuperable e inútil para as resistencias actuais?

Que é a clase? Marx no 18 brumario de Luis Bonaparte, afirma que “na medida en que millóns de familias viven baixo condicións económicas de existencia que as distinguen polo seu modelo de vida e pola súa cultura doutras clases forman unha clase”3. Proletarios: os que non viven do capital ou da renda, senón só do seu traballo. Engels nunha nota á edición de 1888 do Manifesto Comunista sostén que “por proletariado [enténdese] a clase dos modernos traballadores asalariados, que, porque non teñen ningún medio de producción proprio, son obrigados por elo a vender a sua forza de traballo pra poderen subsistir” (Marx/Engels, 1976: 49).

Tal e como Daniel Bensaïd interpreta a noción de clase, interpretación que estaría xa contida na propia obra marxiana, a clase é clase só en conflito con outra(s) (Bensaïd, 1996a). Non existe fóra das persoas que a forman. A súa realidade dinámica non cae nunca no dominio inerte da obxectividade pura. Non existe unha esencia que defina o ser da clase, non se trata dun suxeito puro, idealmente conformado en base a unha situación histórica dada. Senón que o ser da clase se determina nun proceso de xerarquización social xerada no marco das relacións laborais e ten unha expresión ou forma de aparición no corpo lexislativo, no aparato do Estado, na posibilidade de decisión política e na distribución dos rendementos económicos. A clase non é un gran suxeito, senón que é unha condición identitaria xurdida dende a explotación, a alienación, o sometemento, o control e o disciplinamento social. Non se nace proletario, ou obreiro, ou burgués –ou precario, ou “clase media”, ou como queiramos conceptualizar as diferenzas e discriminacións sociais–: é unha situación política, económica e legal a que crea ás clases; estas revélanse en e polo movemento do capital4. Non se parte dunha concepción mítica do proletariado, senón que este é entendido como un conxunto de traballadores explotados á busca da súa emancipación. É na dinámica social onde xorden e onde poden desaparecer as clases; a emancipación consistirá na disolución, na tendencia á súa desaparición.

Tese: a loita de clase é o proceso de autodisolución das clases, por tanto é o proceso polo cal o proletariado busca disolverse, desaparecer. O proletariado é un suxeito que procura a súa autodestrución. Primeiro debe afirmarse, autoconstituírse; debe procurar unha conciencia da súa existencia e do seu papel nas loitas sociais: niso consiste a recuperación da conciencia de clase na actualidade: repolitizar. Despois, a través da procura dunhas condicións de existencia ancoradas no ideal de xustiza e de equidade social –sempre por vir- debe tentar desaparecer. O proletariado é un suxeito que se sostén sobre unha ontoloxía nihilista. Do ocaso, da declinación.

A súa loita diríxese contra o modo de produción capitalista que torna naturais as condicións de existencia explotadoras como se fosen leis indiscutibles, de tal xeito que se xera un sistema de dependencia do obreiro con respecto ao capitalismo: alienación5 máis fetichismo6. Como saír de tal situación? A través da loita de clases.

Mais como conformar unha conciencia de clase? Como producila para iniciar a loita?

A clase non se xera só a través de vida e costumes iguais; senón que necesita dunha unión política, unha comunidade reivindicativa de intereses comúns que permita adquirir conciencia de si. Trátase de saber en que consisten as relacións sociais que dan lugar ao proletariado e do que este debería facer conforme a elas para procurar a súa disolución.

A base é a loita: contra os fetichismos; contra a dilapidación do traballo vivo e a mutilación física e psíquica –espectáculo, masificación, renuncia a pensar–; contra o valor que se impón como unha lei natural: mundo de cousas que encanta e enfeitiza. Como sacar o proletariado deste círculo vicioso? Proponse a eliminación da mistificación do universo mercantil que presenta as relacións sociais como cousas. Procurar os puntos de conflito, as fendas polas que facer colar a loita.

Non todo conflito é reducible á loita de clases, mais este pode vertebrar as reivindicacións de moitos dos problemas xurdidos no marco do capitalismo –división sexual do traballo, colonialismo, ecoloxismo–.

Se queremos atopar unha noción clara de clase pódese recorrer tamén a Lenin, “as clases son grandes grupos de humanos que se diferencian entre si polo lugar que ocupan nun sistema de produción social historicamente determinado, polas relacións en que se atopan con respecto aos medios de produción, polo papel que desempeñan na organización social do traballo e, consecuentemente, polo modo e a proporción en que perciben a parte da riqueza de que dispoñen” (Lenin, 1981: 228). Se pensamos nas condicións laborais na actualidade darémonos conta de que non fai falta ser un metalúrxico ou un mineiro para comprobar que a gran maioría dos traballadores: a) non son propietarios da súa ferramenta de traballo; b) ocupan unha posición subalterna na división do traballo e non exercen función de autoridade e c) teñen un ingreso reducido.

O proletariado constituiría do 65 ao 70% da poboación. Cuantitativamente debería ter unha forza política acorde a súa relevancia no conxunto da sociedade. Son as divisións internas e a falta de conciencia de clase as que minan as súas capacidades de actuación e decisión social e política. A división: especialización, reorganización flexible do traballo, individualización acrecentada das relacións sociais. A tardía ou, directamente, a non incorporación ao mercado laboral, a privatización do consumo e do tempo libre, exercen tamén un efecto disolvente sobre a identificación de clase das novas xeracións.

As diferenzas establécense en tanto status e salario, converténdose moitos traballadores a súa vez en explotadores. Clase media –enxeñeiros, técnicos e directivos– que reciben plusvalor a cambio dos seus bos servizos. Créase así unha nova pequena burguesía: funcionarios estatais, enxeñeiros técnicos e cadros da iniciativa privada.

Prodúcese unha atomización das solidariedades sociais, ao individualizar ou reducir a sociedade a pequenos grupos. Comprando(nos) con cousas, co consumo desenfreado de produtos, con distraccións banais e inofensivas.

Proponse unha revalorización do concepto de clase e a isto o denominamos repolitización.

Hai un Suxeito que fai, que actúa; porén este suxeito é múltiple, está socialmente determinado baixo relacións conflitivas en base ao seu status social. É unha dynamis, non unha quietude despersonalizada, ou personalizada exclusivamente polo poder. Asúmense as críticas que advirten de como as identidades son un mecanismo, unha estratexia que o poder asigna ou outorga para controlar; certo, mais debe ser posible producir unha identidade que se poida sentir pertencente a un anhelo e desexo colectivo que leve a actuar: por exemplo, a través do desexo do común, do ben común antes que do individual e egoísta, ou da procura da equidade económica e da xustiza social, antes que da autosatisfacción. Hai entón valores posibles nos que recoñecerse e que poden inducir á actuación e á implicación nun proxecto colectivo.

O partido.

Segundo H. Arendt (Arendt, 2006), o que vai mal é a política, ou sexa, nós, na medida en que existimos en plural. O pobo descomponse en tanto unidade, colectivo, a cidadanía anómica pasa a ser multitude. Individuación sen individualidade7. O pobo desclasado, sen potencia política, é a materia prima dos totalitarismos; unha vez que se produce a transformación da clase en masa, séntanse as bases da dominación. Hoxe demasiados individuos se atopan nunha situación de illamento, atomizados.

Era de despotilizacións debido a:

  • o despotismo do económico, os mercados.

  • a xestión tecno-administrativa do social.

  • o control dos seres vivos por parte do biopoder.

Importa repolitizar, devolver a capacidade de decisión política, a soberanía ao cidadán en tanto potencia constituínte. Para iso é necesaria a conformación dun suxeito político que se reivindique, tome parte, faga ouvir a súa voz.

Hipótese final: para canalizar esa vontade de acción política parece relevante a función do partido: “A crise nunca se resolveu a favor dos oprimidos sen a intervención resolta dunha forza política portadora dun proxecto, capaz de tomar iniciativas e de levar a decisión” (Bensaïd, 2002: 140-141).

Na actualidade os partidos políticos revelan dun xeito mistificado o enfrontamento de clases. Dáse unha dialéctica entre forzas sociais e representación política. As clases medias están polarizadas, conformándose unha masa informe, difusa. Isto é un obstáculo á creación dunha conciencia de clase. Por outra banda, a estrutura social e a loita política están mediadas polas relacións de dependencia e dominación entre nacións a escala internacional o que dificulta aínda máis a conformación da clase, e entón da loita.

Perigos:

  • caer na burocratización, do dominio dunha elite proletaria que se pretenda depositaria da auténtica conciencia de clase. A clase non pode ser absorbida polo partido.

  • a cuestión acerca de como conciliar as vontades individuais e as colectivas, e ao mesmo tempo manter a liberdade individual fronte á opresión do grupo, aínda que este teña unha vontade emancipatoria.

  • a cuestión a resolver da representatividade, o risco da acrítica adhesión incondicional ao líder que se impón e que se arroga a capacidade de decidir. Tecnocratismo: poder dos que saben.

A aposta pola viabilidade da conformación dun partido –que canalice as esixencias críticas dunha alternativa á mundialización económica, o dominio da economía financeira, os ataques a capacidade soberana da cidadanía para participar e decidir na cousa pública– parte da negación da concepción do Partido como un Gran Suxeito. Este é entendido como a vitoria da Burocracia –da esclerotización burocrática–, da administración coactiva en vez de posibilitante. Ninguén posúe o auténtico Ser da clase obreira, o Ser do Proletariado, entre outras razóns porque non existe tal auténtico ser. Non hai separación entre auténtico e inauténtico. Non hai desocultamento, desvelamento da esencia, xa que non hai esencia. Non hai deber ser en base a un ser determinado. O ser resólvese no sendo, a esencia da clase nas relacións de clase. É así como se pode evitar a tentación do mesianismo e da supravalorización da autenticidade dun determinado proxecto. Porén, mantense a crenza na necesidade do Partido, para poder actuar, ter un certo grao de decisión política. O partido vertebra, vehicula, canaliza; é unha orde mudable baixo o amparo dun proxecto estratéxico, que a súa vez é tamén mudable. O partido permite a posibilidade dunha actuación concreta nun contexto concreto.

A unidade que necesita todo proxecto vén dada polos obxectivos comúns: debilitar o poder de decisión dos “mercados”, loitar contra a división do traballo, contra a desigualdade, recuperar a capacidade constituínte, a soberanía. Promover unha sociedade que controle o Estado, apropiándose das súas funcións. Para Marx, o proletariado é a clase que sofre, a que é tratada inxustamente. Débense erradicar as relacións de explotación social no marco da división do traballo, que é o que constitúe o quid das relacións de clase; de tal xeito que isto é precisamente o que xustifica a loita. Mais a loita, para non ser asimilada, non ser engulida novamente e derrotada, necesita dun suxeito positivo, unha pluralidade organizada que se despregue e se enfronte aos excesos das políticas neoliberais, pois “unha política sen partidos (calquera que sexa o nome –movemento, organización, liga, partido– que se lle dea) conduce a unha política sen política: tanto a un seguidismo sen proxecto cara á mera espontaneidade dos movementos sociais como á peor forma de vangardismo individualista e elitista ou, finalmente, a unha renuncia política en beneficio dunha postura estética ou ética” (Bensaïd, 2002: 174). Bensaïd, de estar hoxe vivo seguramente recomendaríalle ao movemento xerado a partir do acontecemento 15M, para poder manter no tempo o seu potencial crítico e subversivo, non caer en tales erros.

Bibliografía:

ARENDT, H. (2006): Los orígenes del totalitarismo [trad. cast. de Guillermo Solana]. Madrid, Alianza.

BENSAÏD, D. (2002): Cambiar el mundo[trad. cast. de Viento Sur]. Madrid, La Catarata.

BENSAÏD, D. (2003): Marx Intempestivo [trad. cast. de Jesús Aguirre]. Buenos Aires, Herramienta.

BENSAÏD, D. (2006a): Clases, plebes, multitudes [trad. cast. de María Emilia Tijoux]. Santiago de Chile, Palinodia.

BENSAÏD, D. (2006b): Resistencias[trad. cast. de Mayra Victoria Góngora]. Barcelona, El Viejo Topo.

BENSAÏD, D. (2009): Elogio de la política profana [trad. cast. de Susana Rodríguez Vida]. Barcelona, Península.

LENIN (1981): “Una gran iniciativa”, Obras escogidas, Moscú, Progreso, tomo 3.

MARX, K. e ENGELS, F. (1976): Manifesto do Partido Comunista [trad. galega de Isaac Alonso Estravis]. Madrid, Akal Editor.

RANCIÈRE, J. (2006): Política, policía, democracia [trad. cast. de M. E. Tijoux]. Santiago de Chile, LOM.

VATTIMO, G. (1985): La fine della modernità. Milano, Garzanti.

_____________________________________

Notas:

1 A tal crise deberíaselle engadir outra de carácter ecolóxico, consistente na ruptura dos equilibrios dos ecosistemas debido á lóxica depredadora do Capital. Fronte a ela débese intentar fomentar unha toma de conciencia da imposibilidade de manter unha economía baseada no crecemento ilimitado e no gasto excesivo dos países occidentais, nun planeta con recursos, precisamente, limitados ademais de inxustamente distribuídos.

2 A Verwindung, que se podería traducir como deturpación, dislocación, convalecencia dunha enfermidade na que se estivo e que aínda, dalgún xeito, persiste– é un concepto de orixe heideggeriana que emprega Vattimo, entre outros aspectos, para referirse á maneira coa que se deben recibir as mensaxes do pasado para non consideralo pechado, rematado. Con ela acéptase que o pasado segue enviándose, segue estando aberto, polo tanto non se pode comprender como superado e integrado, tal e como pretende facer, por exemplo, a dialéctica a través da Aufhebung. O pensamento dende a Verwindung non significa nin unha superación crítica nin unha aceptación que repite e prosegue o repetido, senón que implica unha rememoración –Andenken- na que se poida torcer e desviar o recibido nunha dirección non prevista pero que, porén, aínda mantén conexión coa súa esencia propia.

3 Cita tomada de Bensaïd, 2003: 153. A tradución ao galego feita polo autor.

4Por exemplo, na esfera da produción: a través do conflito entre o horario de traballo necesario vs. plustraballo. Ou no carácter vitalicio ou hereditario de certas ocupacións: castas e gremios –clasificación laboral semellante á clasificación dos seres vivos en especies e variedades. Ou na alienación producida a través do fraccionamento e mecanización do traballo, convertendo ao obreiro en apéndice da máquina. En definitiva, nun tempo de vida transformado en tempo de traballo nunha relación antagónica de explotación.

5Produción de subxectividades acríticas e dóciles asimilables ás necesidades produtivas do sistema, pretendéndoos converter en meras ferramentas ao seu servizo; e a un conxunto de valores que, en último termo, se reducen aos rendibilistas e mercantilistas.

6 Concepción do mundo baseada na súa mercantilización, é dicir, na apropiación inxusta e inxustificada das persoas, das accións e das cousas. Construción dun humano sometido aos desexos baseados na posesión e consumo ilimitado de obxectos –superficiais e innecesarios–. Identificación das identidade cos produtos de consumo: cousificación das persoas, personificación das cousas.

7 “O pobo anulado como poder constituínte, ficou atomizado, reducido a un público de consumidores e enquisados a quen se lles invita a asentir con aire de entendidos e a tomar parte de forma folclórica na opereta mercantil ou no baile de disfraces das vaidades mediáticas. A argumentación razoada desaparece substituída por videoclips e slogans publicitarios. A gobernabilidade clásica desaparece e nada a substitúe. Prodúcese unha grave crise de representación: oligarquía, clientelismo, mafia, grupos de presión. A oligarquía dirixente perpetúase polo plebiscito permanente das sondaxes. A crise de representación revela un terrible esmorecemento da propia política”. (Bensaïd, 2009: 42), tradución ao galego feita polo autor.