cartaz poreticas

O poder fala de crise… A crise converteuse na súa lexitimación e a súa reprodución no seu obxectivo. Con tal estratexia as institucións, os media e o establishment pretenden que reproduzamos aquilo que elxs insisten en producir, a saber, unha subxectividade acorde co poder e o capital, unha subxectividade que leva a débeda no seu interior. Mais existen distintas estratexias de dominación que o poder está a implementar a nivel político, económico, cultural e social na procura da eliminación do común, estratexias que en todo caso topan coa biosfera, co límite do capital.

Si, é unha crise: crise da confianza na representación, crise da democracia representativa, crise da creación de valor, crise da moeda, crise do concepto de autor. Por tanto, se existe unha crise é unha crise de lexitimidade.

Ela non afecta a distintos territorios ou bloques temáticos, senón a poros, que deixan filtrar por eles os fluxos do capital e do poder. Mais a crise non é senón unha consecuencia dos mecanismos que o poder e o capital aplican. Deixan filtrar estes poros espazos de resistencia a semellantes estratexias de reprodución do poder?

Quizais para intentar darlle unha resposta a este interrogante debamos facer unha porética da crise, que intente destapar as finalidades dos discursos do poder, que loitan por enmudecer as palabras que saen dos resquicios, das fallas e dos suburbios, xa guetos, que non deixan de se producir como o outro lado do capital.

PROGRAMA:

PORO I – ECONOMÍAS ANECONÓMICAS

Módulo 1: Cara á aporía económica. Achegas filosóficas do século XX.

Cando: 30 de Xaneiro de 2013

A crise financeira acabou por impoñer o discurso economicista como única ferramenta para comprendérmonos na situación actual. Fronte a esta deriva do capitalismo, a filosofía contemporánea leva moito tempo afondando criticamente na hexemonía do económico: o cuestionamento da calculabilidade, as críticas ás teorías do valor, a problemática da representación, as teorías do signo ou a irrupción da figura do don ou a do procomún poderían estar a problematizar o modelo vixente de intercambio de bens dende dimensións que nos axuden -agora que a escaseza de cartos de curso legal se está a facer máis insistente nas capas baixas da sociedade- a atopar alternativas (an)económicas resistentes ás lóxicas de dominación.

Imparten: Abraham Rubín e Lucía Castro (Proxecto Derriba)

Bibliografía

Este texto será obxecto de discusión ao final da sesión

Máis aquí

Módulo 2: Apropiacións do outro I. A captura do común ou quen fabrica a débeda.

Cando: 13 de Febreiro de 2013

A débeda é un dos motivos centrais que está a articular o achegamento que desde os Estados se fai co gallo dunha política económica. É tal a xeneralización desta perspectiva que a débeda se converteu xa en parte indisociable do proceso de produción e adquisición dunha cidadanía (ou subxectividade); é dicir, considérase que todxs xs cidadáns deben e, por tanto, fabrícase a concepción de ser humano endebedado. Nesta aproximación a unha fundamentación filosófica do concepto económico, seguiremos a Maurizio Lazzarato á hora de formular algúns interrogantes que nos leven a ver de que forma ilexítima se están a trazar as liñas mestras das economías europeas na procura da eliminación do común, ou noutras verbas, da apropiación do outro.

Imparten: Abraham Rubín e Lucía Castro (Proxecto Derriba)

Bibliografía

Máis aquí

PORO II – SOBERANÍA E INSTITUCIÓNS

Módulo 1: Dereito, soberanía e representación: a sobrecodificación das sociedades normalizadas

Cando: 20 de Febreiro de 2013

A partir dalgúns dos desenvolvementos de Michel Foucault, cabe cuestionar o discurso da lei, da soberanía e da representatividade: alicerces estes da lexitimidade do Estado, pero tamén trazos constitutivos da conciencia e do coñecemento individual. Agora que están erosionados polas propias dinámicas do capitalismo ás que deron amparo, é momento de entender que sempre foron xogos de verdade que se desenvolveron en paralelo dunhas relacións de poder que son máis amplas e máis densas do que tales termos permiten pensar. En consecuencia, a reclamación de novos (e vellos) dereitos, o exercicio da vontade soberana, a visibilidade representativa, han de ser para as loitas de resistencia momentos tácticos singulares no ámbito de estratexias máis vastas (e máis vastas quererá dicir aquí, tamén, máis miúdas).

Imparte: Diego Lubián (Proxecto Derriba)

Máis aquí

Módulo 2: Recuperando a política: a crise da representación e formas alternativas de construción democrática

Cando: 27 de Febreiro

Neste módulo, seguindo o fío dalgunha das máis relevantes obras de J. Rancière, pretendemos levar a cabo unha crítica dos mecanismos e estratexias de apropiación democrática por parte dunha elite dirixente, a cal dispón, no plano político, como principal ferramenta de actuación e (auto)lexitimación o sistema “democrático” representativo. Co gallo da súa posta en crise, algo que se evidencia na aparición e forza dos novos movementos alternativos contestatarios á lóxica de funcionamento do actual sistema democrático (reivindicando para si un espazo de participación política previamente usurpada) intentarase ofrecer unha nova noción de política que esixa, á súa vez, como corolario, unha nova formulación da democracia.

Imparte: Brais Arribas (Proxecto Derriba)

Máis aquí

Módulo 3: As institucións penitenciarias dende dentro

Cando: 6 de Marzo de 2013

Neste módulo contaremos coa presenza dun representante da asociación de apoio a presos PRESOS Galiza, cunha persoa que vén de cumprir condea na cadea e coa nai do preso histórico Xosé Tarrío (autor do libro Huye, hombre huye) para que nos conten cales son as súas experiencias en torno das institucións penitenciarias, e reflexionar sobre os cambios que tiveron lugar nos últimos tempos no seu funcionamento interno.

Imparte: Francisco Conde Soto (Proxecto Derriba)

Máis aquí

Módulo 4: Deconstrución da soberanía na universidade

Cando: 13 de Marzo de 2013

Todo simulacro de esfumación docente mantén á vez un dobre xogo de poder. Por un lado, conserva o poder do corpo docente como autoridade e palabra soberana. Por outro lado, sitúa ese mesmo poder en submisión ao corpo docente que o executa. O corpo docente é soberano ao tempo que submiso á súa soberanía. A deconstrución desta soberanía é inevitable dende o momento en que toda relación de esfumación consiste nun corpo a corpo.

Imparte: Delmiro Rocha (Proxecto Derriba)

PORO III – REPRODUCIÓN DO PODER MEDIANTE A PRODUCIÓN DE SUBXECTIVIDADE

Módulo 1: A comunicación como mecanismo reprodutor do poder. Medios e produción de subxectividade

Cando: 20 de Marzo de 2013

Pretende analizarse o papel dos medios de comunicación como factor de socialización na reprodución do poder. Isto é, como os enunciados que os aparatos de poder emiten ou ordean emitir moldean a cognición dos suxeitos, apelando ás forzas reactivas constituíntes. Así, o tándem saber – poder serve para a conformación ou perpetuación das sociedades fascistas.

Imparte: Rebeca Baceiredo (Proxecto Derriba)

Máis aquí

Módulo 2: Tecnoloxía, medios de comunicación e hiperrealidade

Cando: 03 de Abril de 2013

Nin separación entre valor de uso e valor de cambio, nin alienación ideolóxica, nin orixinal do sentido. Nin absoluto poder, nin fluxos de desexo absolutos. Nada de emancipación. Nin suxeito, nin obxecto, nin posibilidade de metacrítica. Non hai referencia. Nin sequera alteridade, nin por suposto acontecemento. Cando a hiperrealidade e a simulación non agochan a realidade senón que a substitúen: non máis lóxica da representación pois nada escapa ao grande teatro (Director: J. Baudrillard) .

Imparten: Delmiro Rocha (Proxecto Derriba)

Máis aquí

PORO IV – PRÁCTICAS ARTÍSTICAS

Módulo 1: Do museo ao colaboratorio

Cando: 10 de Abril do 2013

Este módulo formula a posibilidade de libera-los procesos de arranxo -agencement- da unidireccionalidade propia daquel “logocentrismo modernizado”, cara a múltiple proliferación de dispositivos de enunciación colectiva, de formas de contaminación molecular entre non-suxeitos -multitudes-. Un cuestionamento do estatus de poder que sostén o marco económico do mundo da arte, dirixido cara aos procesos polos que a cultura se pretende illar da representación e privilexio de clase, e contra a súa circulación polas cauces económicas na procura dunha revalorización perpetua como mercadoría. Abordarémo-la necesidade de entende-los procesos de contaminación discursiva como baseamento da pervivencia dos commons inmateriais -“o cultural” i.e. significación mutante do mundo-real-, como un proceso colaborativo aberto á participación das multitudes que esixe promover, en consecuencia, dinámicas inclusivas de negociación. Verémo-la importancia de forzar a participación das colectividades no artellamento significante, e como neste proceso de producción e agencement se crean novas subxectividades que poden resistir a colonización ideolóxica realizada no medium da comunicación estética.

Imparten: Óscar R. de Dios (Dazibao), Álvaro Otero e Daniel Fernández (Proxecto Derriba)

Máis aquí

Módulo 2: A Función-Autor-Propietario nun paradigma en descomposición

Cando: 19 de Abril do 2013

O autor non cae do ceo. En tanto que “función”, vai ligado ós fluxos de territorialización que atravesan a cultura -como forma consolidada dunha determinada ordeación do saber-, e como significante, suxeito a múltiples intentos de artellamento semántico que se poden descubrir nunha análise das súas formas de aparición. Imos sinalar aquí algúns momentos nos que se ten manifestado un certo tipo de autoría na historia da cultura recente, coa idea motriz de que o Autor-Propietario se constitúe na intersección dos fluxos que delinean a narración cultural occidental. Trataremos de analizar algúns acontecementos clave na súa construción conceptual rastrexados a través das formas xurídicas, sociolóxicas e políticas adoptadas para comprende-lo papel que desempeña nesa operación de transformación da “orde do saber” que ten lugar a partires do século XVII, co xiro epistémico que centraliza o control da enunciación ante a proliferación textual, e a incorporación da propiedade do sentido para conxura-la ficción e lexitimar certos discursos sobre o real.

Imparten: Óscar R. de Dios (Dazibao), Álvaro Otero e Daniel Fernández (Proxecto Derriba)

Máis aquí

PORO V – ECOLOXÍA E BIOPOLÍTICA

Módulo 1: Eco-políticas para monstros e a defensa do común

Cando: 24 de Abril de 2013

O movemento ecoloxista e o xurdimento da natureza como cuestión política imprimiron un desprazamento, mesmo unha distopía, do campo das políticas contemporáneas. A irrupción da natureza (o excluído e sen voz) como suxeito da política debe ser posto en correlación co feminismo e a incidencia no corpo e a reprodución como cuestións igualmente políticas. Porén, ao igual que nos sucede co feminismo, debemos pensar a natureza dende a noción de suxeito? Cabería outro xeito de pensar a natureza e de pensarnos nela, non dende os suxeitos, senón dende os arranxos e as coalicións? Como pensar a natureza fóra do binomio natureza/cultura ou natureza/historia? A partir da noción de natureza social, do cyborg e do monstro tal e como as desenvolve Donna Haraway tentaremos pensar coalicións insospeitadas para unha política ecolóxica (im)posíbel, que pasa pola defensa dos bens comúns e a resistencia á conversión da natureza en recurso ou valor nos movementos de desterritorialización/reterritorialización do capital global.

Imparten: Rebeca Baceiredo e Beatriz Blanco (Proxecto Derriba)

Máis aquí

 

Módulo 2: Ecosofía na fenda aberta entre a tecno-utopía e a distopía entrópica.

Cando: 10 de Maio de 2013

F. Guattari en “Las Tres Ecologías” formula a interrelación das tres esferas que participan na organización do oikos, nun exercicio por comprende-la ligazón radical entre arranxos, subxectividades e impactos na biosfera: a esfera mental, que ten que ver cos dispositivos de enunciación e o seu control; a social, que reflicte as formas de organización política; a ambiental, que nos coloca ante o grande desafío da crise ecolóxica, ambiental e de recursos. O cambio nas lóxicas de distribución da información convida a reflexionar sobre a posibilidade de intervención das multitudes nos procesos de significación que se negocian dende os dispositivos de enunciación. Analizarémo-la posibilidade dunha certa liberación esquizoanalítica que faga de panca entre utopías e distopías contemporáneas, e nos permita ver pola fenda que se abre entre ámbalas dúas vías de ampliación das marxes do posible. Como propicia-la alteridade?

Imparten: Beatriz Blanco e Daniel Fernández (Proxecto Derriba)

Máis aquí

EQUIPO DOCENTE:

Rebeca Baceiredo (1979). Licenciada en Xornalismo (2001) e doutora en Filosofía pola USC (2011) cun traballo sobre a onto-ética en Gilles Deleuze. Publicou os ensaios O suxeito postmoderno. Entre a estética e o consumo (Galaxia, 2005) e (repeat to fade) (Estaleiro, 2011).

Beatriz Blanco (Ferrol, 1980). Licenciada en Filosofía pola USC (2003) e Doutora en Filosofía pola UNED (2011), cun traballo sobre o libro Glas de Jacques Derrida. Profesora de ensino secundario da Xunta de Galicia.

Lucía Castro (A Coruña, 1980). Licenciada en Filosofía pola USC (2003) e doutoranda no Departamento de Filosofía da Universidad Autónoma de Madrid, onde obtivo o Diploma de Estudos Avanzados en Filosofía no 2006 e onde ultima a súa tese de doutoramento. Membro do grupo de investigación Filosofía Geopolítica de la Historia dende 2008. Entre as súas publicacións destaca “Lógos y téchne. El lenguaje en la pro-ducción”, no libro conxunto Martin Heidegger: la experiencia del camino (UniNorte Barranquilla, 2009), así como diversas traducións do alemán publicadas na obra Filosofía del Imperio (Abada, 2010).

Francisco Conde Soto (Vigo, 1978). Licenciado en Filosofía pola USC (2001), Doutor en Filosofía pola universidade de Barcelona (2007) cun traballo sobre a conciencia do tempo en Edmund Husserl. Diploma de Estudos Avanzados en Psicanálise na universidade de Paris VIII (2010). Profesor de filosofía na USC. Autor das monografías Martin Heidegger (Baía Pensamento, 2007) e Cosmopolitismo vs. Globalización (Estaleiro editora, 2012).

Brais Arribas (Ourense, 1980). Licenciado en filosofía pola USC (2003), Diploma de Estudos Avanzados en Filosofía pola UNED (2009) onde desenvolve a súa tese de doutaramento. Profesor titular de Filosofía no IES Pazo da Mercé de As Neves (Pontevedra). Publicou o ensaio Outro xeito de ser (Estaleiro editora, 2010).

Daniel Fernández (Ourense, 1979). Licenciado en Filosofía pola USC (2002), Máster en Xestión Cultural pola Universidade Carlos III de Madrid (2007) e doutorando do departamento de filosofía da UNED, onde obtivo o Diploma de Estudos Avanzados en Filosofía no 2012. Foi mediador cultural no Medialab-Prado (Área de las Artes del Ayuntamiento de Madrid, 2007), coordinador da área de Humanidades no Centro Cultural de España en México (Aecid) (2008-2010) e formou parte de Plataforma Cero, centro de producción de Laboral Centro de Arte y Creación Industrial (Xixón).

Diego Lubián (Vigo, 1979). Licenciado en Filosofía pola USC (2004), Diploma de Estudos Avanzados en Filosofía pola UNED (2008), onde actualmente está a desenvolver a súa tese de doutoramento. Coordinador e fundador do Seminario de Estudos críticos de Compostela.

Álvaro Otero (Santiago, 1978). Licenciado en Filosofía pola USC (2001). Diploma de Estudos Avanzados en Filosofía (UCM) e en Teoría da literatura e literatura Comparada (USC). Máster en Edición da USC (2005). Profesor de ensino secundario da Xunta de Galicia, e tradutor de Biblioteca Nueva, onde publicou entre outros traballos a edición completa de “La ciudad del sol” de T. Campanella e as “Obras morales” de G. Leopardi.

Delmiro Rocha (Salceda de Caselas, 1980). Licenciado en Filosofía pola USC (2004) e Doutor en Filosofía pola UNED e a Universidade Charles de Gaulle Lille 3 (2010), cun traballo sobre o concepto de soberanía en Jacques Derrida. Tradutor dos dous primeiros volumes do Seminario La bestia y el soberano, de Jacques Derrida [Vol. I (Buenos Aires, Manantial, 2010), Vol. II (Buenos Aires, Manantial, 2011)]. Publicou os ensaios Deconstrucións (Estaleiro editora, 2011) e Dinastías en deconstrucción (Ed. Dyckinson, 2012).

Abraham Rubín (Ourense, 1978). Licenciado en Filosofía pola USC (2004) e Doutor en Filosofía pola UNED (2012), cun traballo sobre filosofía e política contemporánea. Publicou os ensaios Da revolta italiana á potencia da multitude (Estaleiro editora, 2010), Entre posmodernidade e utopía (Estaleiro editora, 2011) e Acontecemento e desexo (Estaleiro editora, no prelo). É profesor de ensino secundario da Xunta de Galicia.

TEMPORALIZACIÓN:

13 sesións de 4 horas de duración.

Mércores, 16.30-20.30h.

PREZO

100 euros para a a obtención de créditos. Entrada de balde para non-matriculados.

ENDEREZO

Facultade de filosofía USC
Plaza de Mazarelos
15703 Santiago de Compostela, A Coruña

Máis info en poreticas.proxectoderriba.org