NÚMERO 5.

Xunho 2010


EDITORIAL

O Procomún son espazos institucionais nos que podemos practicar un tipo particular de liberdade: liberdade fronte ás restricións que normalmente aceptamos como precondicións necesarias do funcionamento dos mercados”

Yochai Benkler. The Political Economy of Commons

“Non haberá unha resposta verdadeira á crise ecolóxica máis que a escala planetaria e a condición de que se realice unha auténtica revolución política, social e cultural que reoriente os obxectivos da produción dos bens materiais e inmateriais.”

Félix Guattari. Les trois Écologies

A discusión acerca dos bens comúns, aqueles que estarían á marxe das lóxicas de mercado e que, por tanto, reclamarían un eido de xestión alternativo –Procomún– que evitase a súa desaparición nos movementos e prácticas de apropiación dos grandes axentes do xogo neoliberal, obtivo nos últimos tempos un pulo considerábel. A raíz das transformacións acadadas polo desenvolvemento das TICs e dos novos dispositivos electrónicos, así como da aceleración abafante do risco medioambiental e humano a nivel global, a urxencia dunha reformulación do Procomún é cada vez máis evidente.

A ampliación epistemolóxica, produto da aceleración na produción de dispositivos e técnicas de elaboración e análise de información, acaecida nas últimas décadas, está a provocar a emerxencia de novos territorios e territorialidades que entrarían neste marco de discusión. A contextualización no xa clásico Capitalismo Cultural, Capitalismo Post-industrial, Cognitivo, Mundial Integrado... eleva ó máximo nivel a cuestión da propiedade da información, e obriga a unha reflexión inmediata en torno á nova situación para estes procomúns.

Dende o xa clásico The Tragedy of the Commons [G. Hardin, 1968], a máquina de produción significante adscrita á expansión do mercado global ven argumentando a inevitabilidade hobbesiana do control centralizado dos bens comúns, para evitar a súa desaparición -o constitutivo egoísmo humano- e garantir unha xestión óptima en beneficio de todos, mesmo daqueles a quen o acceso lles quedaría vedado polas regras do mercado global -i.e. “filtrado” polo xogo financeiro e as leis que controlan as condicións de acceso e distribución-. Ben sexa a través do aparello de Estado (Leviatán), ben sexa a través do modelo de privatización total que promovería a liña máis “liberal” da (chamada) “política” actual (Man invisíbel), a enunciación que toma forma neste estado dos fluxos globais esfórzase en presentar a necesidade da anulación do Commons. Neste par de posibeis, asistimos certamente á construción ideolóxica da necesidade do segundo, unha vez perdida a posibilidade do primeiro coa caída do “Estado benfeitor” encarnado no Wellfare State socialdemócrata, na Europa post-bélica.

A actual discusión en torno ós dereitos de acceso ó coñecemento -irrisoriamente denominados dereitos culturais– e á internet, a cuestión da apropiación sistemática da nova información -sementes, código xenético humano e animal, código informático- por parte de grandes grupos privados, a destrución medioambiental coa anteposición dos beneficios duns cantos particulares, obriga a pensar nun novo modelo de Goberno dos Bens comúns [E. Ostrom: Governing the Commons. The Evolution of Institutions for Collective Action, 1990] que garanta e expanda o inalienábel, e poña freo á evolución actual cara ó desastre. Así mesmo, é precisa unha análise causal -arqueolóxica- e un desmantelamento do discurso que pouco a pouco se está a artellar para dar lexitimidade social e política a este saqueo.

DOCUMENTOS

A economía política do procomún – Yochai Benkler

Este artigo define cales son as características institucionais e normativas do pro-común e explica a súa sostibilidade en circunstancias diversas. Explica, tamén, por que manter unha infraestrutura común básica dos recursos necesarios para a información, produción e intercambio no entorno informacional é importante tanto para a democracia como para a liberdade individual. Conclúe salientando unha serie de accións políticas prácticas necesarias para construír semellante infraestrutura básica común.

Propiedade e comunidade. A raíz do texto de Marx: Sobre a cuestión xudía (1844) – Francisco Conde Soto

O texto que presentamos consta de dúas partes. Na primeira intentamos facer un comentario de certos aspectos da crítica de Marx a dous textos do teólogo e filósofo Bruno Bauer acerca das relacións entre xudaísmo e estado. Este comentario serve de prólogo para discutir as nocións de emancipación relixiosa, política e humana e para tachar de egoísta o liberalismo da concepción dos dereitos tal e como foi exposta na declaración francesa do home e do cidadán. Nunha segunda parte do artigo intentamos poñer en relación esta crítica de Marx cunha serie de reflexións persoais acerca da SGAE e das relacións entre propiedade e comunidade.

 

O redescubrimento do Procomún – David Bollier

O discurso imperante ao falar da internet é o do mercado. Pero as categorías económicas son demasiado estreitas de miras para comprender as nosas necesidades como cidadáns e como seres humanos no ciberestado emerxente. Tampouco dan para entender a cantidade de sitios web, de servidores de listas, de programas de software de código aberto e de sistemas para compartir arquivos entre iguales que funcionan como un procomún: sistema aberto e comunal para compartir e xestionar recursos. Resulta que esta produción entre iguais moitas veces é unha forma máis eficiente e creativa que o mercado para xerar valor, amais de ser máis humanista. O paradigma do procomún axúdanos a comprender este feito porque recoñece que a creación de valor non é unha transacción económica esporádica –tal e como mantén a teoría do mercado­–, senón un proceso en curso de vida social e cultura política. Cando recoñeceremos que o procomún xoga un papel vital na produción económica e cultural da nosa época?

Ecosofía e Procomún. Paradigmas de re-existencia – D@n Hauser

Este texto é un intento por aproxima-la problemática actual da desaparición do procomún, á expansión crecente da lóxica capitalística, e ós seus procesos de anulación. A partires da análise guattariana da ecosofía, buscamos entender que nos tres ámbitos de actuación que el sinala –a saber: a ecoloxía mental, coas prácticas de subxectivación propias do Capitalismo Mundial Integrado (CMI), a ecoloxía social, que se deriva da implantación destas lóxicas sistémicas no corpus social, e a ecoloxía medioambiental, que refire ó deterioro planetario e denota a urxencia dunha reorientación das dúas anteriores– funciona dunha ou doutra maneira certa concepción do procomún. Propoñemos a defensa dos commons como estratexia de re-existencia, como posibilidade aberta á reformulación das formas de vida.

Da “Era do desenvolvemento” á “Era da sostibilidade” – Edoardo Bazzaco

O texto pon en cuestión a suposta discontinuidade do paradigma da sostibilidade con respecto do modelo desenvolvista da modernización. Analiza, ao fío de diferentes voces críticas, como o concepto de “desenvolvemento sostíbel”, imperante dende o informe elaborado nos anos oitenta pola Comisión Brundtland, se caracteriza por unha ambigüidade que fai á vez lexítimas dúas interpretacións –a ecoloxista e a economicista– que son contraditorias entre si. Así, podería dicirse, o devandito modelo opera unha sorte de camuflaxe conceptual pola que o ambientalismo dos nosos días non deixaría de ser unha etapa dentro da política de desenvolvemento.

ENTREVISTA

Estaleiro editora, unha alternativa editorial – Proxecto Derriba

RECENSIÓNS

Jacques Derrida: Séminaire La bête et le souverain II (2002-2003) – Drocha Hauser

Omnia sunt Communia. Luther Blissett: Q – Oskar Hauser

Unha lectura de “Ecce Comu” – Thomas Hauser

 

CONTEXTOS

Panorámica editorial dende o Limbo – Eva Cañizares

DERIVAS

A identidade do idioma – Ainat Fees

 

 

ILUSTRACIÓNS

Sao Hauser

http://santatorpeza.wordpress.com/

http://copygrafias.wordpress.com/