Yochai Benkler

1. Por que o procomún?

O procomún son espazos institucionais nos que se pode practicar un tipo particular de liberdade, non suxeita ás restricións que normalmente aceptamos como condicións necesarias do funcionamento dos mercados.

– Aínda que a miúdo pensamos nos “mercados libres” como espazos que permiten a liberdade de elección, de feito son relacións estruturadas encamiñadas a resaltar un dato particular: a boa vontade comparativa e a capacidade dos axentes para pagar diñeiro por recursos.

– As restricións máis importantes ás que están sometidos son as que habitualmente chamamos propiedade. A propiedade é un conxunto de regras de fondo que determina:

– que recursos temos cada un de nós cando establecemos relacións cos outros.

– que nos permite facer ou non facer a “posesión” ou a “carencia” dun recurso en relación cos recursos circundantes. Esas regras impoñen restricións sobre “quen pode facer que” no campo de accións que require o acceso aos recursos que están suxeitos ás leis da propiedade.

– Aínda que son unha pre-condición necesaria para os mercados, as leis de propiedade significan que a elección nos mercados non está libre de restricións en si mesma, senón que está restrinxida por un patrón determinado.

– O procomún son espazos institucionais onde os axentes humanos poden actuar libres das restricións particulares esixidas para os mercados.

– Isto non quere dicir que o procomún sexan espazos anárquicos. A acción puramente libre é ilusoria.

– Senón que individuos e grupos poden usar recursos gobernados por un tipo de restricións diferentes das que impoñen as leis da propiedade. Esas restricións poden ser sociais, físicas, ou regulativas. Poden facer aos individuos máis ou menos libres, nun senso agregado, que as regras de propiedade. Que o procomún potencia efectivamente a liberdade ou a vulnere depende do xeito no que ese procomún estea estruturado e do xeito no que estarían estruturados os dereitos de propiedade dese recurso na ausencia do procomún.

2. Que é o procomún?

O procomún é un tipo particular de disposición institucional para gobernar o uso e a disposición dos recursos. A súa característica máis salientábel, o que o define en contraposición á propiedade, é que ningún individuo ten o control exclusivo sobre o uso e a disposición dun recurso particular. En vez diso, os recursos gobernados en procomún poden ser utilizados ou estar á disposición de calquera entre un número (máis ou menos definido) de persoas, baixo certas regras que poden abarcar dende “todo vale” até regras formais escrupulosamente artelladas e cuxo respecto se impón de xeito efectivo.

O procomún pode dividirse en catro tipos baseándose en dous parámetros:

– O primeiro parámetro é se está aberto a todo o mundo ou soamente a un grupo definido de persoas. Os océanos, o aire e as redes de autoestradas son claros exemplos de procomún aberto. Diversas disposicións de pastoreos e zonas de regadío son exemplos clásicos, descritos por Eleanor Ostrom, de acceso limitado ao procomún, onde o acceso está limitado unicamente aos membros da aldea ou á asociación que “é dona” de xeito colectivo dalgunhas das así definidas terras de pastoreo ou sistemas de regadío. Estas disposicións conceptualízanse mellor como réximes de propiedade comunal que como procomún, posto que se comportan como propiedade fronte ao resto do mundo exceptuando aos membros do grupo que as levan en común.

– O segundo parámetro é se un sistema procomún está regrado ou desregrado. Practicamente todos os réximes de propiedade común limitada estudados están regulados por regras máis ou menos elaboradas –algunhas formais, outras sociais-convencionais – que gobernan o uso dos recursos. O procomún aberto, pola outra banda, varía amplamente. Algúns procomúns non están regrados en absoluto, recibindo o nome de procomúns de acceso aberto. Calquera pode usar os recursos nese tipos de procomún á súa vontade e sen ter que pagar. O aire é un recurso dese tipo no que respecta ao aire inhalado (respirar, alimentar unha turbina). Sen embargo, resulta un procomún regulado con respecto á expulsión. Para os seres humanos individuais, expirar esta en certo xeito regrado polas convencións sociais: non se pode respirar demasiado forte no rostro doutro ser humano a non ser que un se vexa forzado a facelo. Para a súa exhalación industrial, o aire é un procomún regrado máis extensivamente na forma de controis de polución. O procomún de maior éxito, e obviamente regrado, nas paisaxes contemporáneas son as beirarrúas, rúas, estradas e autoestradas que cobren a nosa terra e conforman o fundamento da nosa habilidade para desprazarnos dun lugar a outro. Pero o recurso máis importante que gobernamos como un procomún, sen o cal a humanidade non podería ser concibida, é todo o saber e a cultura previa ao século vinte e moita da ciencia contemporánea e da ensinanza académica.

3. É sostible o procomún?

Cara finais da década dos sesenta Garrett Hardin acuñou un tropo inmensamente efectivo: “ a traxedia do procomún”1. Orixinalmente encamiñado a explicar porque os incentivos privados levarían ás empresas a contaminar o seu propio entorno incluso en contra dos seus intereses a longo termo, e polo tanto a xustificar controis da polución, o tropo tomou vida propia. Rematou por converterse na afirmación de que todo procomún é tráxico, e que os dereitos de propiedade son precondición necesaria dunha xestión eficiente, ou incluso sostible, dos recursos. Nos últimos vinte anos, aproximadamente, asistimos ao desenvolvemento dunha literatura que cuestiona esta compresión, até entón ao uso, do procomún. Onde mellor chegou a cristalizar ese esforzo foi nos traballos de Eleanor Ostrom. Unha revista e un ensaio bibliográfico recentes de Hess e Ostrom nos ofrecen unha panorámica excelente da súa literatura. O quid da maior parte do seu traballo radica en que hai certas circunstancias nas que os réximes de propiedade común son sostíbeis, e moi posibelmente máis eficientes que os réximes de propiedade individual.

De modo máis xeral, pode dicirse que o procomún e a propiedade existen nun espectro de disposicións institucionais. En que punto dese espectro o sistema de xestión dun recurso debería ser máis sostíbel ou eficiente depende das características tecnolóxicas do recurso e nos patróns de uso nun momento histórico dado. Carol Rose identifica axiña que os recursos que teñen beneficios crecentes no lado da demanda, como a externalización de redes, son particularmente bos candidatos para procomún. Ela emprega esta idea para suxerir porque as estradas e os canais, medios clásicos para o comercio, tenden a gravitar cara modelos procomúns incluso se nun principio eran propiedade privada. Ellickson describiu respecto á terra un fenómeno segundo o cal o tamaño do grupo de propietarios –de un a moitos –é unha función do uso da terra e dos probábeis erros aos que poida estar sometida a súa xestión. No que respecta aos sistemas de información, cultura e comunicación, xa expliquei como os recursos necesarios para eses sistemas poden ser xestionados en procomún de xeito que sexan sostíbeis e desexábeis.

A información é un ben público no sentido económico estrito do termo, e é tamén un input no seu propio proceso produtivo. Por esas características inusuais, poucos, por non dicir ningún, economistas argumentarían contra a proposición de que un área substancial de procomún nos bens informacionais non só é sostible, senón que, aínda máis, é necesaria para manter sistemas de produción innovadores e eficientes.

Máis aló do carácter de ben público da información, o entorno de redes dixitais está tamén permeado por recursos que, se ben non son bens públicos nun sentido estrito, funcionan, sen embargo, ben nun modelo procomún. Representan instancias onde compartir recursos en procomún tende a reducir a escaseza e se comportan mellor que sistemas baseados na propiedade. Xa escribín máis detalladamente sobre a razón pola que a capacidade de comunicación inarámica ten tamén esta característica, e porque a creatividade humana a gran escala, tal como as colaboracións baseadas en internet, o software libre e outros proxectos de produción entre iguais, comparten esta mesma característica.

O núcleo común deses eidos diversos de recursos para a produción e comunicación de información é que hai algúns aspectos de certos recursos –como a capacidade de comunicación inarámica, a creatividade humana, a capacidade de procesar distribuída, o almacenamento distribuído –que resaltan nun mercado particularmente árido, caro e ineficiente. Neses casos, as comunicacións a baixo costo e os procesadores baratos, que forman unha parte integral da produción e intercambio de información, fan que maduren as condicións para colaborar e compartir recursos a gran escala baseadas no procomún, mellor que en disposicións institucionais orientadas cara á propiedade.

4. Por que temos que preocuparnos?

Hai moitas razóns para preocuparnos pola inclusión de áreas significativas de procomún no noso entorno. Hoxe en día fálase sobre todo de preocupacións en torno ás políticas de innovación. Como Lessing explicou acertadamente, as áreas de procomún nos entornos da rede son necesarias para permitirlle á innovación progresar sen o permiso das partes interesadas, que tentarían restrinxir o camiño da innovación, axustando a senda pola que debería ir a tecnoloxía aos seus propios plans de negocio.

Pero o procomún na información, na cultura e no coñecemento non son, ou non primariamente, unha cuestión de innovación. O procomún é unha cuestión de liberdade. O procomún son espazos institucionais onde estamos libres das restricións que requiren os mercados. Cando falamos do entorno da información, do espazo cultural e simbólico que ocupamos como individuos e cidadáns, da diversificación das restricións baixo as que operamos, incluíndo a creación de espazos relativamente libres das leis que estruturan o mercado, imos cara ó corazón da democracia e da liberdade.

O entorno dos medios de comunicación comerciais creou dous efectos de central importancia para a democracia. Un pode denominarse o efecto Berlusconi: o poder político desproporcionado que a propiedade dos medios de comunicación de masas proporciona aos seus donos ou a aqueles que poden pagalos. O outro pode ser chamado o efecto Baywatch: o desprazamento sistemático do discurso público pola distribución de produtos de entretemento estandarizados. Eses mesmos medios de comunicación tamén crearon sofisticados modelos de marketing e publicidade encamiñados a conformar o xeito no que cada un de nós percibe o que hai, posto que miramos o mundo mediados por ese cristal, polo que as nosas observacións, os nosos desexos, as nosas accións están enfocados cara ós comportamentos que poden ser máis facilmente trasladados en consumo.

O que o procomún fai posíbel é un entorno no que os individuos e os grupos poidan producir información e cultura para o seu propio ben. Isto permite que a produción fóra do mercado e a produción radicalmente descentralizada desenvolvan ao mesmo tempo un papel substancialmente máis expansivo. Xa estamos vendo organizacións sen ánimo de lucro utilizar a web para proporcionar información ou puntos de intercambio con moito maior alcance e eficacia do que até agora fora posíbel. E non menos importante: a emerxencia da produción entre iguais [peer-to-peer] de información e cultura, fenómeno simbolizado polo software libre, pero que se está a espallar até incluír noticias e comentarios, como ocorre en foros abertos [slashdots], arte, ciencia, así como tamén en instrumentos de indexación e busca como o Open Directory Project2. A conxunción deses fenómenos –o aumento da eficacia e alcance de actores fóra do mercado e a emerxencia dunha produción de información radicalmente descentralizada– proporcionan un contrapunto de enorme importancia ao modelo industrial que gobernou a economía da información no século vinte.

Pero as vantaxes democráticas, a liberdade individual e o crecemento que se fan posíbeis mediante a innovación, pola emerxencia dunha produción non suxeita ao mercado e descentralizada, non xurdirán inexorabelmente. Os xigantes da industria que dominou a produción e o intercambio de información no século vinte non renunciarán facilmente ao seu dominio. A medida que transitamos cara unha economía de información en rede, cada punto do control sobre a produción e o fluxo de información tórnase un punto de conflito entre o vello modelo industrial de produción e os novos modelos distribuídos. No que respecta ao nivel físico, a propiedade sobre os cables e as licenzas sen fíos proporcionan un punto de apoio ao control. No nivel lóxico, os necesarios standards, protocolos e software –como os sistemas operativos– proporcionan un punto de control sobre os fluxos e, polo tanto, sobre as oportunidades de produción, de información e cultura. No nivel de contido, a propiedade intelectual e os modelos de negocios que dependen do control férreo da información e a cultura existentes –un input central da nova creación –ameazan con proporcionarlle aos seus propietarios a capacidade de controlar quen chega a dicir que a quen no que respecta aos significantes culturais claves do noso tempo.

5. Unha infraestrutura básica común

Para acadar os beneficios da liberdade e innovación que a economía de información en rede fai posíbel, debemos construír unha infraestrutura básica común ao lado da infraestrutura propietaria. Semellante infraestrutura común estenderase dende o mesmo nivel físico do entorno da información deica os seus niveis lóxicos e de contido. Debe ampliarse para que calquera persoa teña algún grupo de recursos de ditos niveis que lle fagan posíbel comunicar información, coñecemento e cultura a calquera outra. Non todos os instrumentos de información e produción necesitan estar abertos. Pero debe haber unha porción de cada nivel que calquera poida usar sen pedir permiso a ninguén. Isto é necesario para que haxa sempre algunha vía aberta para que calquera persoa ou grupo articule, codifique ou transmita o que el, ela ou eles queiran comunicar, sen importar o marxinal ou invendible que sexa.

As estratexias primarias para construír unha infraestrutura básica común son as seguintes:

– Construír un nivel físico aberto mediante a introdución de redes inarámicas abertas, ou un procomún de espectros.

– Facilitar un nivel lóxico aberto mediante unha política sistemática que dea preferencia aos protocolos e estándares abertos sobre os fechados, e apoiar as plataformas polo software libre, que non poden ser controladas unilateralmente por ningunha persoa ou firma. Máis importante aínda é reverter e refusar a adopción de medidas coercitivas que dean preferencia aos sistemas baseados na propiedade sobre os sistemas abertos. Aquelas inclúen patentes sobre plataformas de software e o conxunto emerxente de mecanismos paracopyright como o United States Digital Millenium Copyright Act3, encamiñado a preservar os modelos de negocio industriais de Hollywood e as industrias discográficas fechando o nivel lóxico de internet.

– Un nivel de contido aberto. Non é necesario que todos os contidos estean abertos, pero os dereitos de propiedade intelectual descontroláronse salvaxemente na pasada década, expandíndose en alcance e forza como nunca antes. Hai unha necesidade apremiante de abolir algunhas das regras encamiñadas a apoiar os modelos de negocios do século vinte. Esas leis foron aprobadas en resposta ao intenso lobbying dos grupos interesados, e ignoraron o enorme potencial que tiñan a produción fóra do mercado e a produción descentralizada e individual para tornarse compoñentes centrais, e non periféricos, do noso entorno da información.

– A reforma das estruturas organizativas e institucionais que se resisten aos sistemas de produción amplamente distribuída:

– O primeiro modelo con éxito a gran escala foi o software libre, coa súa rede social informal cinguida polo marco institucional formal das licenzas copyleft e de código aberto.

– Na ciencia, estamos a contemplar as primeiras emerxencias dos esforzos dos científicos para liberala do vello modelo de publicación industrial. A Public Library of Science4 e a Budapest Open Acces Initiative5son os primeiros esforzos nesta dirección. Prometen proporcionar un marco no que os científicos -os que xa fan a ciencia, revisan os artigos e editan as revistas máis ou menos gratuitamente- poidan xestionar o seu propio sistema de publicación sen ter que depender dos grandes editores comerciais

– Nas publicacións máis xerais, a emerxencia do Creative Commons6 é un marco de traballo institucional de enorme importancia.

– Nas comunicacións informais entre persoas, os blogs están xurdindo como un interesante espazo social para a produción de información libre, independente e amplamente distribuída.

En cada caso, as características particulares do tipo de información, as barreiras institucionais dos organismos interesados, e os patróns sociais de uso son dalgún xeito distintos. En cada caso as solucións teñen que ser dalgún xeito diferentes. Pero en todos os casos estamos vendo a emerxencia de estruturas sociais e institucionais que permiten aos individuos e aos grupos producir unha información libre das restricións impostas pola necesidade de vendela como mercancía nun mercado baseado na propiedade.

Estamos nun momento no que temos a gran oportunidade, e o reto para a nosa capacidade, de elaborar unha política que poña aos seres humanos no centro da sociedade da información en rede. As redes dixitais ofrécennos a oportunidade de mellorar a nosa produtividade e crecemento á vez que perfeccionamos a nosa democracia e incrementamos a liberdade individual. Eses beneficios teñen lugar, porén, a expensas das entidades interesadas, que se adaptaron ben ao modelo industrial de produción de información e están conseguindo dificilmente adaptarse a economía da información en rede que o substituirá. Estes organismos interesados están facendo presión e impondo lei, tecnoloxía e mercados co fin de modelar o século por vir segundo a imaxe do que xa pasou. Sería tráxico que triunfasen.

Construír unha infraestrutura básica común é unha precondición necesaria para que poidamos transitar cara a un modelo diferente do que se impuxo cunha sociedade pasiva de consumidores mercando o que vende un pequeno número de produtores comerciais. Existe a posibilidade de desenvolvernos cara a unha sociedade na que todos lle poidan falar a todos, e na que calquera poida converterse nun participante activo do discurso cultural, político e social.

(Trad.: Beatriz Hauser)

© 2003 by Yochai Benkler. This Work is licensed under the Public Library of

Science Open Access License, and the Creative Commons Attribution License.

1 HARDIN, G.: “Tragedy of commons” (1968) en <http://dieoff.com/page95.htm>

2 Víd. <http://www.publiclibraryofscience.org/>

3 En inglés: <http://www.loc.gov/copyright/legislation/dmca.pdf>.

4 En inglés: <http://www.publiclibraryofscience.org/>.

5 En inglés: <http://www.soros.org/openaccess/>.

6 Víd. <http://www.creativecommons.org>