Drocha Hauser

No marco da colección “La Philosophie en Effet“, dirixida inicialmente por Jacques Derrida, Sarah Kofman, Philippe Lacoue-Labarthe e Jean-Luc Nancy ­­­­­­­­­­­—aínda que só Nancy está vivo na actualidade—, a editorial Galilée publica en París o segundo volume do Séminaire La bête et le souverain que Jacques Derrida impartiu en París no curso 2002-2003.

Jacques Derrida dedicou a súa vida non só á produción dunha das obras filosóficas máis potentes e orixinais da segunda metade do século XX e principios do XXI senón tamén ao ensino: profesor na Sorbona, na École Normale Supérieure, profesor invitado en numerosas universidades de todo o mundo, e dende o ano 1991 e ata a súa morte en 2004, profesor tamén na EHESS (École de Haute Études en Sciences Sociales) de París onde impartiu un seminario titulado “Cuestións de Responsabilidade” no marco do cal reflexionou, ao longo de 13 anos, sobre o segredo, o testemuño, a hospitalidade e a hostilidade, o prexuízo e o perdón, a pena de morte, e finalmente, acerca da besta e o soberano. O volume que agora se presenta, conservando o estilo oral e a palabra “viva” de Derrida —aínda que revisado, retocado e comentado polos editores (Michel Lisse, Marie-Louise Mallet e Ginette Michaud)—, finaliza, sen pechar, ese longo seminario acerca da responsabilidade.

Así como no primeiro volume do seminarioDerrida fai un longo percorrido pola animalidade rompendo certo prexuízo entre a fronteira home-animal e poñendo de relevo os fundamentos ontoteolóxico-políticos da soberanía, aquí, no segundo volume, a súa estratexia é completamente outra. Aproxima dúas lecturas, en principio, completamente illadas: por un lado Robinsón Crusoe de Daniel Defoe e, por outro lado, Os conceptos fundamentais da metafísica. Mundo, finitude, soidade, de Martin Heidegger. Do a-illa-mento de Robinsón e o ascenso a soberano da súa propia soidade ata o seminario que Heidegger imparte entre os anos 1929-1930. Da literatura á metafísica, do século XVIII ao XX, do mundo anglosaxón á Alemaña continental. Derrida mostra como o concepto “walten” será fundamental na reflexión heideggeriana posterior ao seminario dos anos 30, así como abre unha vía de reflexión que despraza a soberanía máis alá do político, do ontolóxico e do teolóxico, unha reflexión acerca de certa violencia archi-orixinaria que constitúe a hiper-soberanía do walten á vez que a enfronta coa morte mesma.

Está xa en preparación o próximo seminario que xirará en torno á pena de morte e que, posiblemente, verá a luz no 2011.

* DERRIDA, J.: Séminaire La bête et le souverain. Volume II (2002-2003). París, Galilée, 2010.