O sistema de produción capitalista non entende de comúns. Como disposición sociopolítica das intensidades e os obxectos, aséntase sobre un réxime de propiedade construído coa cadencia da historia, e implantada violentamente niso que Wallerstein chamou a Economía-Mundo. É posibelmente aquí onde podamos entender que a dinámica de acumulación do Capital se confronta necesariamente con formas de vida e organizacións políticas comunitarias, e que a súa coexistencia epocal está envolvida en continuos conflitos que desembocan, parece, nunha loita a matar. Ou desaparece o sistema, ou desaparecen os comúns.

Sr. X presenta: Coloquios Históricos, Hoy: Nietzsche y Marx (fuera del trabajo...)

Sr. X presenta: Coloquios Históricos, Hoy: Nietzsche y Marx (fuera del trabajo…)

É na chamada acumulación orixinaria onde Marx se propón descubrir e comprender o elo perdido da dominación, o factor desencadeante do sistema de produción capitalista que emerxe naquela teórica “idade de ouro das clases subalternas” do século XV. A razón que lle move a suscitar tal hipótese, a dunha primeira fase de acumulación, é a necesidade dun principio fundacional, a procura da ferramenta inicial que permitiría á nova clase social dominante a apropiación lexítima do tempo-traballo do proletariado reificado na mercadoría: No esquema marxista do sistema de produción capitalista, o control/propiedade dos medios de produción é esencial para soster o esquema de dominación de clase, a hexemonía, do mesmo xeito que o é a desposesión radical do campesiñado, que non ten máis opción para sobrevivir que a venda da súa forza de traballo.

Así pois, a progresiva transición desde o sistema de produción feudal, cos seus dispositivos propios, os seus arranxos, as súas estruturas e procedementos, até a lenta conquista e imposición do modelo actual de acumulación, descansaría sobre unha usurpación inicial que transforma o réxime de non-propiedade, e que conta como aliado co poder político; necesariamente. Marx describe a desposesión de feudos e comunais en Inglaterra acompañada de toda unha batería de modificacións lexislativas que fan viábel tanto o furto como o desprazamento sociocultural que supón tal transformación das “formas de vida”:

O preludio da transformación que había de botar os cimentos para o réxime de produción capitalista, coincide co último terzo do século XV e os primeiros decenios do XVI. O licenciamento das hostes feudais […] lanzou ao mercado de traballo a unha masa de proletarios libres e desherdados. O poder real, produto tamén do desenvolvemento burgués, no seu desexo de conquistar a soberanía absoluta acelerou violentamente a disolución destas hostes feudais.

[…] Baixo a restauración dos Estuardos, os terratenentes impuxeron legalmente unha usurpación que en todo o continente se levou tamén a cabo sen necesidade dos trámites da lei. Esta usurpación consistiu en abolir o réxime feudal do chan, é dicir, en transferir os seus deberes tributarios ao Estado, «indemnizando» a este por medio de impostos sobre os campesiños e o resto das masas do pobo, reivindicando a moderna propiedade privada sobre leiras nas que só asistían aos terratenentes títulos feudais e, finalmente, ditando aquelas leis de residencia (laws of settlement) que, mutatis mutandis, exerceron sobre os labradores ingleses a mesma influencia que o edicto do tártaro Borís Godunov sobre os campesiños rusos. Marx. A chamada acumulación orixinaria

Do mesmo xeito, as estruturas de poder instituído interveñen na “produción –biopolítica– do obreiro industrial” coa prescrición do traballo como obriga, nun momento que demanda moita man de obra para mobilizar o proceso produtivo –acumulación capitalista, valorización de/nas mercadorías–.

Os continxentes expulsados das súas terras ao disolverse as hostes feudais e ser expropiados a abalóns e pola forza formaban un proletariado libre e privado de medios de existencia, que non podía ser absorbido polas manufacturas coa mesma rapidez con que aparecía no mundo. Por outra banda, estes seres que de súpeto se vían lanzados fóra da súa órbita afeita de vida, non podían adaptarse coa mesma celeridade á disciplina do seu novo estado. E así, unha masa deles foi converténdose en esmoleiros, salteadores e vagabundos; algúns por inclinación, pero os máis, obrigados polas circunstancias. De aquí que a fins do século XV e durante todo o século XVI se ditase en toda Europa Occidental unha lexislación sanguenta perseguindo a vagabundaxe. Deste xeito, os pais da clase obreira moderna empezaron véndose castigados por algo do que eles mesmos eran vítimas, por verse reducidos a vagabundos e esmoleiros. A lexislación tratábaos como a delincuentes «voluntarios», coma se dependese da súa boa vontade o continuar traballando nas vellas condicións, xa abolidas. Marx. A chamada acumulación orixinaria 

Esta primeira estratexia que pon en marcha a transformación radical do mundo occidental a partir do século XV, e que se vai a unir a toda unha serie de procesos que viron a luz en diferentes recunchos de Europa na saída da Idade Media –comercio, crédito, colonización, etc.–, forma parte do ADN do “Sistema” actual; non se pode obviar. Aínda que podemos percibir e celebrar a anulación do vello espazo estriado feudal e a apertura do campo do posíbel que implosiona en múltiples confrontacións micropolíticas, non podemos tampouco evitar ese “pecado orixinal” da nova orde mundial. É a propiedade hipostasiada no “uso exclusivo e excluínte” o vector que organiza o novo arranxo –“o Capital como CsO do ser capitalista”–.

Aristóteles distinguía tres clases de propiedade: 1) propiedade común con uso privado; 2) propiedade privada con uso común; e 3) propiedade común con uso común. […] Aristóteles desdeñou a cuarta posibilidade lóxica dunha propiedade privada con uso privado. Pero non a desdeñou o dereito romano; ao contrario: a propiedade privada con uso exclusivo e excluínte é unha das nocións máis importantes do dereito civil romano, e desde logo, é a noción de propiedade que fixo primordialmente súa o mundo capitalista moderno. Domènech. Dominación, dereito, propiedade e economía política popular.

Domènech describe como, por algunha razón, a Idade Media non incorpora totalmente o dereito romano. “A propiedade inmóbel privada tipicamente feudal –o señorío– era, particularmente en Inglaterra, un dereito de uso sobre unha terra real ou imperial, un dereito de uso subrogábel de distintas formas a distintas clases de terceiros (vasallos, parceiros, viláns, servos, escravos)”. E haberá que agardar até as revolucións burguesas para ver como se integra definitivamente na espina dorsal das democracias modernas. A propiedade privada de uso exclusivo será recuperada como potencia determinante e preponderante do CMI na modernidade.

A contrarrevolucionaria pasou pola recuperación da idea romana de propiedade privada exclusiva e excluínte para usala como ariete na reacción expropiadora contra commoners, Allmendere e ejidatarios que empezou a librarse en serio en Europa occidental a finais do século XV por parte das clases dominantes (nobreza, alto clero e burguesía urbana). Domènech. Dominación, dereito, propiedade e economía política popular.

Poderiamos entón categorizar o Capitalismo Mundial Integrado, e na medida en que non se despraza, nas súas diferenzas, do esencial do arranxo capitalista orixinario, como resultado dunha confrontación política, social e cultural que termina por impoñer un plano de dominación, unha estrutura de poder baseada na propiedade e apoiada no acaparamento –enclosure– de bens non suxeitos a propiedade ou de propiedade colectiva, dentro do réxime de propiedade burguesa –Negri & Hardt. Commonwealth–.

No funcionamento esencial ao sistema capitalista está entón o sometemento ao réxime de propiedade burguesa de todo aquilo que conte cun potencial de valorización que se fai evidente e imprescindíbel nun determinado momento.

En segundo lugar, hai un principio motor e reitor do esquema de sobreacumulación capitalista no Valor. É a posibilidade de produción, unido á valorización do valor a través da captura de tempo-traballo na mercadoría o que move o “progreso-desenvolvemento”. Neste sentido, toda a máquina capitalística baila ao son da valorización desde a orixe, e non se pode entender o sistema capitalista sen unha “produción crecente de valor/riqueza” en paralelo a unha acumulación crecente en poucas mans. No momento en que a taxa beneficio cae, a partir dos 70, coas conquistas salariais, a crise enerxética, a competitividade e a tecnificación, faise necesaria unha “innovación” radical das formas de valorización. Chega a financiarización e unha nova cerca a comúns e bens públicos –desmantelamento do Welfare State–.

Como non trazar entón unha liña que debuxe o discorrer da máquina do Capital, sen recoñecer que non hai posibilidade de convivencia pacífica entre procomún e un sistema sociopolítico que avanza a golpe de cerca? Seica non é o Sistema de produción capitalista radicalmente incompatíbel coa xestión común dos bens comúns, na medida en que se fundamenta esta nun réxime de non-propiedade incompatíbel coas formas capitalísticas e a medida que se esgotan as súas fontes de valorización e as súas posibilidades de reprodución? Non debemos asumir que a fórmula de acumulación capitalista pasa pola priva(tiza)ción dos bens comúns, na medida en que sempre foron apropiábeis –comúns naturais–, ou na medida en que apareceron novas posibilidades de apropiación –tradución da realidade a linguaxe codificado–?

É a privatización xeneralizada do mundo –é dicir, non soamente dos produtos e os servizos, senón dos coñecementos, do vivo, do espazo, da violencia– o que fai de todo unha mercadoría vendíbel. Asístese así, a maior escala, a un fenómeno comparábel ao que se produciu a principios do século XIX cunha ofensiva en toda regra contra os dereitos consuetudinarios dos pobres: privatización e mercantilización de bens comúns e destrución metódica das solidariedades tradicionais (familiares e aldeás onte, dos sistemas de protección social hoxe) Daniel Bensaïd. A saúde ten un prezo? E o coñecemento? Existe un dereito incondicional ao aloxamento, á educación? 

… E comezar a imaxinar outro escenario.

@danhauser