(Esta entrevista, con Roberta Pellizzoli e Haram Sidibé, tivo lugar o 4 de Abril do 2009)1
Pregunta: O G20 concluíu con diversas propostas para encarar a crise económica e financeira global. Cales consideras ti que son as causas de fondo da crise?
V.S: A raíz da crise está na desrregulación, que está permitindo ás forzas da ficción e da cobiza dirixir o mundo sen ningún goberno. Quero significar con ‘cobiza’ que as institucións financeiras e os bancos poden crear instrumentos que poñen en risco a xente da pé. A crise das subprime é un bo exemplo: mentres os propietarios perden as súas casas, os inversores marchan con grandes beneficios; primeiro a través das hipotecas, logo da securitización2, e despois das obrigas colaterais á débeda; foron creando un instrumento tras outro. Se eu fixese algo semellante como científica, se creara unha ecuación e a ecuación non reflectira a realidade e pensase que mediante a creación de novas ficcións me estaría achegando máis a ela, chamaríanme tola. Porén, ese é o sistema no que tivemos que desenvolvernos.
Polo que respecta ao G20, eu vivo nun país do terceiro mundo e sei o que fixo o Fondo Monetario Internacional; asegúroche que non foi ningún beneficio para a xente do Sur. O balance do G20 presentouse como “agora o FMI vai dar máis empréstitos ao Sur”. Basicamente o que fará o FMI será darnos máis préstamos a uns intereses moi altos, e os mesmos inversores e negocios que están hoxe en colapso sobrevivirán incrementando o peso da débeda do Sur e forzando a pasar do sector público ao sector privado dirixido polas corporacións globais, sexa na minería, na electricidade e na enerxía ou nos alimentos. Vexo ese trillón de dólares destruíndo o Sur co fin de que os negocios do Norte sobrevivan un chisco máis. Penso que isto é criminal, mais tamén penso que os ricos e poderosos do Norte acostumáronse a estar tan lonxe da realidade que mesmo os mellores dos líderes, incluíndo o noso querido Obama, pode enganarse ao imaxinar que o que está pasando é bo. Non atende a cada anaco de papel, non entende o que suporán eses instrumentos. O Fondo Monetario Internacional causou máis danos que ningún outro organismo. Poñelos a eles ao cargo dun plan de rescate é como deixar aos carniceiros a cargo da vida do cabrito ou do polo que van sacrificar.
Por iso, eu sinto que o que realmente necesitamos é un novo movemento cidadán que diga “conxelade ese préstamo” até que o Fondo Monetario Internacional se reforme e as condicións venzan. Os movementos están sempre tendo lugar, o que sucede é que cando teñen lugar dende abaixo chámanos disturbios, non movementos democráticos da xente.
Pregunta: Para encarar os retos globais na actualidade, incluíndo a crise financeira, que papel pode xogar un modelo “territorial” ou local de desenvolvemento?
V.S: Penso que só unhas economías locais fortes poden rescatar hoxe en día o sistema económico, e isto é vital por moitas razóns. A primeira é que só na economía local pode xerarse o traballo ou o sustento que a xente necesita. A economía globalizada explota unha rexión e logo a abandona. Hoxe, viaxando cara a Florencia, lía que Intel se apoderou de rexións enteiras de Filipinas e cando marchou, miles de persoas foron abandonadas á súa sorte. En Hungría certa xente mercou e construíu casas no contexto dunha economía do lecer e agora coa recesión están abandonando esas áreas onde a xente comezaba a depender do turismo. Ese control externo non pode ser sostíbel.
A segunda razón pola que a economía local é absolutamente vital reside en que nas economías locais a xente escolle as súas prioridades. A xente escolle que a comida é importante, que a auga é importante, que as mulleres son as que xogan un papel máis relevante. A economía global fai moitas promesas. A globalización foi de feito parte desa promesa que vimos desenvolverse diante dos nosos ollos. Non fai nin 15 anos da Organización Mundial do Comercio e agora ollámola completamente paralizada; estamos vendo como as institucións que conduciron á globalización están elas mesmas en crise, sexan os bancos ou as grandes industrias do automóbil. O tempo para o grande xa rematou: son os dinosaurios dos nosos días. Agora necesitamos o tempo e o espazo para a evolución e a rápida adaptación do pequeno: e iso é o que nos vai permitir xestionar a crise financeira, a crise climática, a crise alimentaria e as múltiples crises que nos afectan.
Pregunta: Unha das causas que abrazaches foi a preservación da diversidade agrícola, que consideras está sendo atacada pola crecente industrialización e globalización do mundo da agricultura e do subministro de alimentos. Na túa opinión, como pode ser preservada a diversidade agrícola?
V.S.: Eu penso que o primeiro que debemos facer para protexer a diversidade e a agricultura local é respectalas. A razón pola que é tan sinxelo destruír a diversidade é porque a xente a percibe a través do que eu teño descrito como “a cegueira do monocultivo da mente”: se o único que ves e solla, plantarás solla e comerás solla. Mais se caemos na conta de que no mundo hai unha enorme diversidade que atende ás necesidades humanas, entón protexeremos esa diversidade que garante a seguridade alimentaria. A este respecto hai que destacar un feito moi importante: son as mulleres as que fan medrar a biodiversidade. Tiven que dar unha conferencia para a FAO, van alá algúns anos, e lembro que investigando para esa conferencia lin que o 5% da terra que as mulleres controlan en Nixeria, en hortas domésticas, produce o 50% do alimento do país. O 5% da terra! Velaí un exemplo para tódalas sociedades: pequenas parcelas de terreo coidadas con amor e dotadas dunha enorme biodiversidade. Podemos maximizar a produción de alimento por acre de terra. É importante non ter a idea falsa de que a xente que traballa na terra, no campo, vive unha vida degradada. En tódolos meus anos en India a xente máis orgullosa, as mulleres máis orgullosas que coñecín eran labregas, e aínda así dende fóra sempre se escoita a mesma queixa: “o campo é unha actividade horrible, un traballo penoso, unha maldición”. A xente que se dedica ao campo non o olla como un traballo penoso, porque para eles é un modo de vida, ao igual que para unha nai criar o seu bebé, cambiar cueiros ou ter que espertar no medio da noite nunca é un traballo penoso. Para un labrego, coidar a terra é un acto que lle proporciona satisfaccións. Penso que esa cultura de prexuízos contra o traballo do campo é probablemente o maior obstáculo co que nos enfrontamos á hora de facer esa transición; e ese prexuízo é sostido por xente que nunca traballou o campo. Se tivese que tomar unha decisión no mundo, esta sería poñernos a todos a aprender a traballar a terra. Non poderíamos facer nada, non poderíamos ser políticos, nin doutores, nin enxeñeiros, até que non traballásemos seis meses no campo: aí teríamos unha revolución humana!
A terra é o único que non medra, no senso de que non é elástica, mais pode medrar co coidado humano, e a súa fertilidade pode desaparecer se non a coidamos como cómpre. Estou moi preocupada polo feito de que Bill Gates e a súa enorme fundación están a dar cartos a África coa Alianza pola Revolución Verde para África para mercar fertilizantes químicos. Os fertilizantes químicos son o peor abuso contra a terra, deixan a terra desertizada, matan os seus microorganismos, destrúen a capacidade do chan de manter a humidade, provoca riadas, contribúen ao cambio climático… combinan todos eses impactos. No 2009 confiar cegamente nunha tecnoloxía que xurdiu fai cincuenta anos do contexto da guerra económica é tráxico, e para alguén que cre atoparse emprazado na tecnoloxía punta resulta moi primitivo. Coido que o coidado da terra significa que debemos facer unha agricultura ecolóxica; o coidado da terra significa que temos que devolverlle á terra o que tomamos dela.
Pregunta: Poderías explicarnos o traballo da Comisión para o futuro dos alimentos e da agricultura. Cal é o papel que xogan os gobernos rexionais e locais?
V.S.: Penso que tivemos un modelo de globalización que traballou dende arriba. Foi unha globalización para as corporacións globais, unha globalización baseada en institucións globais como o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional ou a Organización Mundial do Comercio. Unha das grandes cousas da Comisión Internacional para o Futuro dos Alimentos e da Agricultura de Florencia no 2003 foi que creou outro modelo de internacionalización. Trátase dun goberno local, un goberno rexional, apoiando unha rede global cos mellores expertos e movementos relacionados coa agricultura. Eu síntome a nivel persoal enormemente privilexiada de ser a presidenta desa comisión xunto con Claudio Martini, presidente da rexión da Toscana, porque coido que ter levado xente como Wendell Berry e Carlo Petrini á mesma mesa, mudou o xeito de definirmos as cuestións alimentarias e agrícolas. Terra Madre saíu desa comisión, porque quedou claro que até que os labregos do mundo se unan, non seremos capaces de definir outro modelo. Até agora o modelo global foi un modelo Monsanto de monopolio das sementes mediante organismos modificados xeneticamente e patentes; foi un modelo Cargill de libre comercio con enormes subsidios. Agora necesitamos outro modelo e ese modelo é a cooperación descentralizada. A descentralización, como xa sabemos, non é o illamento. A descentralización significa autonomía, significa soberanía, significa traballo en rede. Podemos ter dominación xerárquica da elite global, o que sucede coa actual globalización, ou podemos ter un traballo en rede empoderado ao longo do mundo a través da cooperación descentralizada. A Comisión internacional polo Futuro dos Alimentos é un exemplo desa cooperación descentralizada, co papel destacado dun goberno rexional.
Pregunta: Un dos obxectivos do proxecto Navdanya “Sementes de esperanza” é traer puntos de vista do Sur escasamente ouvidos para catalizar solucións para cuestións globais de xustiza social e medio-ambiental. Como poden as universidades e centros de investigación, do Norte e do Sur, contribuír a isto, partindo do feito de que o coñecemento indíxena e local é a miúdo marxinado polas tradicións científicas dominantes?
V.S.: Navdanya é efectivamente un movemento que ten como fin a conservación de semente para a agricultura ecolóxica e a venta directa de produtos ecolóxicos. Ao longo da pasada década fomos testemuñas de que douscentos mil labregos en India se suicidaron polas débedas causadas por mercar sementes non renovábeis, incluíndo algodón Bt xeneticamente modificado. Hai dous anos, facendo unha peregrinación –que chamei “a peregrinación das sementes”- pola rexión na que tiveron lugar os suicidios, dinme conta de que o motivo polo que os labregos se endebedan cada vez máis e máis é porque perderon as súas sementes. Foi así como comezou “Sementes de esperanza” a distribuír semente non modificada xeneticamente e a formar labregos na agricultura ecolóxica. Hoxe en día os labregos que traballan con algodón orgánico gañan dez veces máis cós que traballan con algodón Bt.
Como poden as universidades e os centros de investigación ter un papel nisto? Pois poderían facer o tipo de investigación que nosoutros fixemos. Nosoutros investigamos os efectos que o algodón Bt tiña sobre o solo e atopamos que o 23% dos organismos do solo morreran a causa dun xene tóxico. As universidades deberían atender ao que lle sucede ao chan cando se introduce o algodón GM, deberían atender ao que está pasando cos pesticidas cando son empregados na agricultura, deberían facer análise socioeconómica entre os labregos dun xeito honesto en troques da propaganda amañada dos grandes negocios agrícolas. Monsanto afirma que os labregos indios se fixeron millonarios, mais o certo é que están morrendo; e nos vimos de rematar un informe que mostra que o 84% dos suicidios de labregos na India na área de Maharashtra, onde se desenvolve o programa “Sementes de esperanza”, está directamente conectado cos endebedamentos causados polo algodón Bt. De entre todos estes aspectos destacar un: que sucede coas mulleres que quedan como viúvas? Cales son as alternativas? A agricultura ecolóxica, como amosamos, pode ter unha incidencia moito máis positiva.
Por que non hai máis investigación dende as universidades que participan nas comunidades labregas para establecer que a agroecoloxía funciona moito mellor para os labregos, que o coñecemento local é moito mellor para eles? Agora contamos con avaliacións internacionais sobre a tecnoloxía e a ciencia na agricultura e no desenvolvemento agrícola que amosaron que o coñecemento ligado ás pequenas explotacións agrícolas, o coñecemento tradicional, é a mellor maneira de garantir a seguridade alimentaria de cara ao futuro. Estas necesidades teñen que ser confirmadas unha e outra vez polas universidades e polas rexións das áreas onde radiquen. Penso que non se trata só dunha cuestión de entusiasmo –aínda que eses estudios son estimulantes para a mente e é estúpido continuar reproducindo material morto para un cerebro-morto nas nosas torres de marfil–; senón, sobre todo, de obriga social: investigadores e profesores de universidade reciben diñeiro público, se lles paga para que desenvolvan un traballo público, e unha parte dese traballo público está relacionado coa sociedade, especialmente coa crise agraria, con desenvolver solucións e con revelar a falsidade de certa propaganda.
Pregunta: Como poden as xeracións máis novas implicarse nese proceso encamiñado a preservar e compartir o coñecemento local?
V.S.: Penso que o primeiro que debemos é, definitivamente, involucrar as xeracións máis novas en todo o noso traballo. Temos un programa enteiro dedicado ao coñecemento da biodiversidade para transmitirlles ás futuras xeracións o coñecemento, que teñen moi especialmente as mulleres anciáns, sobre toda esa biodiversidade que pode ser cultivada e empregada. A razón pola que a xente nova está abandonando o campo non é porque o coñecemento tradicional non sexa valioso ou rentábel: están deixando o campo porque a economía global asegurouse de que os labregos sexan enganados e explotados, non obtendo ningún diñeiro co seu traballo; o dumping3 está arrebatando aos labregos do terceiro mundo a súa parte lexítima de beneficios. Cando a OMC de Cancún fixemos un cálculo respecto á baixa dos prezos ligada aos subsidios e ao dumping, resultou que a India e os labregos indios estaban perdendo 25 billóns de dólares cada ano, e só a calculamos sobre cinco mercadorías. Se a estendemos a tódolos produtos agrícolas, a tódolos continentes, estamos falando dun rescate moito maior do anunciado polo G20, agás no caso dos campesiños pobres que están pagando o rescate dos ricos negocios agrícolas, e no proceso a xente nova ve os seus país endebedados, miran as súas comunidades sen futuro e din “eu non vou quedar aquí”.
O paso máis importante que hai que dar para manter a xente nova apegada á terra e beneficiarse do coñecemento tradicional para o noso futuro é asegurarse de que eses falsos prezos non funcionan como norma. O colapso de Wall Street é un colapso dos falsos prezos, incluíndo a especulación. É o momento de botalos a un lado. O G20 non dixo unha palabra sobre os falsos prezos das mercadorías: penso que temos que continuar destacando ese feito e penso que os africanos novos non deixarían África se os explotadores do Norte non lles estivesen arrebatando o seu futuro. Tamén a migración debe conectarse en profundidade coa destrución de África, en lugar de criminalizar as vítimas, que é como está sendo tratada a emigración.
Pregunta: A agricultura de subsistencia en África foi sempre unha competencia das mulleres; porén, as mulleres africanas que viven no rural están atopando maiores dificultades para acceder a sementes e a inversións. Nun contexto onde as posibilidades para o emprego rural son moi limitadas e o prezo dos alimentos está a incrementarse, isto supón unha ameaza para a seguridade alimentaria de moitos fogares rurais. Como están encarando esta cuestión os gobernos e institucións locais?
V.S.: Penso que a rede “Mulleres e biodiversidade” iniciada en Florencia, que traballa conxuntamente coa rede “Mulleres pola diversidade” iniciada por Navdanya, está encarando a cuestión do sustento e o desenvolvemento rural en mans das mulleres a través de poñer a biodiversidade nun lugar central, e iso significa que cada aldea debe ter un banco de sementes controlado por mulleres. As sementes son algo que as mulleres poden reproducir, algo que poden compartir, e que desaparezan nunha vila non ten porque supoñer que desaparezan todas. Este é o tempo dun rescate. Certas corporacións como Monsanto destruíron as sementes en moitas partes do mundo, mais no programa “Sementes de esperanza” levamos as sementes de rexións onde non desapareceron e reconstruímos a agricultura como unha agricultura que pode soster a vida en lugar de levar ao suicidio. Penso que esta ten que ser unha resposta global. A rede “Mulleres e biodiversidade” tamén reforza o coñecemento tradicional das mulleres, valórao, e ao valoralo e respectalo, faino parte das tendencias maioritarias e di “isto é o que nos cómpre para o futuro”. Coido que o papel máis importante que, por exemplo, a rede “Mulleres e biodiversidade” pode xogar é mostrar que a economía do futuro resulta da combinación de pequenas hortas ecolóxicas e traballo artesán. A economía do industrialismo estivo baseada nos combustibles fósiles, que nos levaron ao cambio climático. A economía dos combustibles fósiles remata por destruír a creación artesán de produtos fermosos: malgasta a creatividade humana. Non seremos capaces de resolver o problema climático, non seremos capaces de resolver a o problema da crise económica até que non sexamos capaces de reintroducir nos nosos cadros a creatividade da man humana e da mente humana. A artesanía é a expresión máis fonda desa creatividade, pois mentres resolve un problema económico, crea máis beleza: non hai nada máis feo có mundo plástico que os petroquímicos nos deixan. E tempo de retornar ao natural, e ao natural non como un luxo, senón como unha economía que rexurde dende a base para reconstruír a economía e rexuvenecer o xeito de gañarmos a vida.
Pregunta: En Mali, Aminata Traoré está a desenvolver unha loita simbólica para apoiar a capacidade das mulleres locais de producir produtos artesáns, como as bolsas de algodón orgánico. O seu obxectivo é involucrar a cooperación internacional para apoiar esas iniciativas locais. Na túa opinión, que papel poden xogar esas iniciativas?
V.S.: Ben, como sabes, nós tamén estamos producindo bolsas para Sementes de Esperanza, non se trata só de algodón orgánico, senón que están tecidas do xeito que chamamos en India “khadi”, fiado a man. O tecido a man xera sustento en cada elo da cadea de produción; mentres que, cando as industrias fan plástico, unha única factoría xigante con arredor de cen empregados só produce lixo que logo se acumula nos nosos vertedoiros. Ademais, sabemos que alí onde as mulleres son economicamente produtivas, reciben maiores niveis de respecto. Así que as mulleres son arroxadas do sistema produtivo, temos maiores niveis de violencia contra elas, e maiores niveis de penuria no seu traballo; por iso este é un punto moi importante, o traballo é algo moi importante para o desenvolvemento das mulleres. Diso se trata co khadi, o que Gandhi converteu nunha fábrica de liberdade, do xeito no que acadamos a nosa liberdade neste período de colapso global.
Entrevista realizada por Roberta Pellizzoli e Haram Sidibé. Universitas Forum, Vol. 1, No. 2, Maio 2009. Editada cunha licencia creative commons 3.0.
1 Vandana Shiva (en escritura hindi: वंदना शिवा;), nada en Dehradun (Uttaranchal) o 5 de novembro de 1952, é unha científica, filósofa e escritora India. Activista a favor do ecofeminismo e da agricultura ecolóxica, defensora das sementes tradicionais e contraria aos cultivos transxénicos, recibiu o Premio Nobel Alternativo en 1993.
2 “La Securitización es el diseño de instrumentos financieros (bonos de renta fija o variable) respaldados por flujos provenientes de activos de distinta naturaleza. Lo anterior se perfecciona a través de una compra a término del activo por parte de un Patrimonio Separado que a su vez lo financia con el bono de oferta pública colocado en el mercado. Los activos securitizables definidos en la ley son:
Letras hipotecarias y mutuos hipotecarios.
Contratos de arrendamiento con promesa de compraventa y sus respectivas viviendas.
Créditos y derechos sobre flujos de pago emanados de obra pública, de obra de infraestructura de uso público, de bienes nacionales de uso público o de las concesiones de estos bienes u obras.
Otros créditos y derechos que consten por escrito y que tengan el carácter de transferibles.
Derechos sobre flujos de pago.
El requisito básico para la securitización es que en el acto en que se transfieran los activos (Flujos) a securitizar, éstos no deben estar afectos a embargos, gravámenes o prohibiciones de ningún tipo, como tampoco de medidas judiciales restrictivas del dominio” (http://www.santander.cl/securitizadora/con_sec.asp).
3 Venta duns bens exportados ao estranxeiro a un prezo inferior dos custos de produción para rivalizar cos produtores autóctonos.