Eva Cañizares
Saldo, rebaixas, 2×1, medo, inseguridade, delincuencia, protección, seguridade, alarmas, vixilancia, videovixilancia, esforzo, sobresforzo, sacrificio, flexibilidade, e dúas palabras que marcan os ritmos e os rituais: CRISE e GRATIS.
Crise, que se utiliza xa para todo e como excusa de todo.
Gratis, que garda no bandullo os desexos daqueles que non poden acceder ás rebaixas e pola que babexan institucións e empresas que se deixan adormecer por unha sinerxía de subvencionismos.
A palabra Crise da moito xogo. É un pouco máxica. Con ela nos beizos pódese despedir mellor, reducir salarios mellor, esixir máis horas extras. Todo con menos remorso rabuñando na conciencia.
A palabra Gratis, produce excitación, e da man coa anterior, unha mudanza de criterios no funcionamento interno dalgunhas entidades que se guían máis pola gratuidade do persoal que polas súas capacidades profesionais. Xa non se valoran as características individuais senón que os procesos de selección se basean principalmente no custo que suporán os/as candidatos/as. Así, moitas persoas que son elexidas para desenvolver diferentes postos de traballo, son rexeitadas no mesmo momento no que sae a relucir que participaron nun contrato subvencionado pola administración nos tres últimos anos, xa que de ser contratadas, a entidade perde a nova subvención. É a consecuencia directa da implantación de certo tipo de programas de “axuda á contratación” que provocan grandes dificultades á hora de integrarse no mundo laboral para quen a viven, pois son excluídos/as da feira dos saldos a onde acuden en masa todo tipo de entidades en busca das maiores gangas.
As políticas de emprego impulsan esta dinámica xa dende o ano 2002, cando o PP en Galicia fixo estragos co aclamado e anunciado Plan Labora Xuventude con experiencia (Decreto 148/2002/ de 18 de abril) que ía acabar con todos os problemas de inserción laboral da xuventude dun plumazo, garantido.
A partires dese momento, comezaron a rodar por todos os concellos galegos multitude de mozas e mozos que traballaban por primeira vez e que deron o mellor de sí, coa esperanza de seguir traballando despois.
Nada máis lonxe da realidade. O que se creou foi unha dinámica enfermiza na que as empresas e concellos comezaron a contratar sen ton nin son, e no caso de moitos concellos, sen saber moi ben que tarefas realizaba tal ou cal persoa. Que mais daba se era gratis! O que fixeron: contratos a esgalla, un tras outro, a vila enteira, así pasaban todas e todos por alí, coma quen fai cola para sentarse no regazo dos reis magos. O que á súa vez provocaba na cidadanía un sentimento de “agradecemento” extrano e silenciador que recorda aos anos de gloria caciquil.
A oposición política daquel momento criticou duramente estas medidas e en concreto o Plan Labora, argumentando todo tipo de cotradicións con respecto ás boas prácticas e ás consecuencias nefastas para as e os traballadores, derivadas da implantación de dito programa, ademáis de afirmar que esa medida non era máis que a reunión de políticas xa existentes baixo un nome. Estiveron ben esas críticas, pero non foron máis que críticas. Chegado o momento, baixo o goberno do bipartito o Plan Labora foi derogado e extinguido polo Decreto 54/2006 de 9 de Marzo (Dog 32 de marzo de 2006) pondo de manifesto a pouca seriedade e efectividade de dito programa. Pero os/as que tanto aclamaban a dignidade da xuventude e o dereito ao traballo estable substituíron o Labora por outros similares, cuxas diferencias máis salientables son os nomes e os/as destinatarios, que xa non son somentes traballadores sen experiencia laboral. Ata hoxe (que voltamos ao goberno do PP en Galicia, con tendencia á baixa, na súa liña) as “políticas activas de emprego” seguen baleiras de contido, non ofrecen ningunha alternativa e son programas ocos, propostos dende unha visión sesgada e fóra da realidade, seguen as mesmas liñas do goberno anterior con outro envoltorio.
Un exemplo en Galicia son os Programas de Cooperación a través das Deputacións (pódense consultar na Orde de 29 de decembro de 2008. D.O.G. nº 7 de 12 de xaneiro de 2009), creados supostamente para axudar á empregabilidade. Ridículos. Deixando en evidencia a cara dura da política deste país, son medidas tomadas dende a despreocupación e dende unha ideoloxía paternalista, de migallas, de sobras de banquetes. Pseudopolítica do favor e non do dereito.
Este programa foi revisado e modificado recentemente. Decidiron reducir a nove meses o contrato que anteriormente podía ser dun ano. Antes da revisión deixábanos fóra de xogo tres anos. Agora tamén sen dereito a subsidio por desemprego.
“Os traballadores e traballadoras que se contraten deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e, con carácter xeral, os que foran contratados no marco destes programas por un período superior a nove meses nos últimos tres anos, non poderán volver a ser contratados ao abeiro destas subvencións ata transcorridos tres anos”
(DOG nº 7, de 12 de xaneiro de 2009).
“Sentímolo, pero non es gratis”
Para as persoas que traballamos no ámbito da educación, o caso das Ongs, é particularmente sangrante. Dende que a sombra da famosa Crise comezou a planear, destapouse quizáis con máis evidencia o funcionamento interno de moitas delas, viciado e seguidista, ideoloxizado e tremendamente paradóxico.
Partindo da base de que unha Organización non Gubernamental ten este nome precisamente pola súa independencia, vemos como moitas delas cada vez dependen máis do Goberno e das súas subvencións.
Partindo da base de que as Ongs traballan para garantir os dereitos individuais e a convivencia social, atopámonos con que os valores que moitas promoven cara fóra non son vividos dentro, onde o persoal contratado é despersonalizado ata tal punto que cumprir cos requisitos profesionais que piden significa non ter horarios, non ter cargas familiares, nin fillos, parella a poder ser tampouco, someterse á causa, non cuestionar nada, e estar absolutamente agradecida por te permitir formar parte de tan importante e nobre labor. O último requisito engadido e cada vez máis decisivo: ser Gratis.
Por todo elo recibirás un salario mínimo e moitas veces correspondente a unha categoría profesional inferior. Algunha Entidade de Iniciativa social concreta e que traballa directamete para a administración, ofrece sen ningún tipo de pudor un contrato con horarios esclavistas por un “salario de 750 euros ao mes coas pagas extras prorrateadas”, literalmente. Isto se aceptas, solidaria coa crise, senón, xa haberá outras persoas máis entregadas, máis sacrificadas.
“O dereito laboral estase a reducir ao dereito de traballar polo que queiran imporche. O traballo é o vicio máis inútil. Non hai no mundo mercadoría máis barata que a man de obra. Mentres caen os salarios e aumentan os horarios, o mercado laboral vomita xente. Tómeo ou déixeo, que a cola é longa”
Eduardo Galeano. Patas arriba. A escola do mundo ao revés. 1998
Non se trata porén de demonizar as ongs, afortunadamente non todas funcionan así, precisamente por iso é tan necesario cuestionar estes comportamentos e actitudes pasivas. O efecto sedante que producen as subvencións hai que combatilo. É a súa reponsabilidade loitar en primeiro lugar pola dignidade laboral do seu propio persoal. Qué valores se pretenden se non?
Lograr qué obxetivos, a costa de qué, de quén?
En troques, a tendencia é preferiblemente a busca de persoas gratuitas. Ciclos e máis ciclos aparecen como fungos para substituír alegremente a calquera formación universitaria a baixo custo, e avalados polo Ministerio de Educación ( Animador/a sociocultural, Axente de igualdade, Monitor/a de Tempo libre, Mediador/a intercultural, prospector laboral…), que segue uns principios de competitividade laboral e capacitación profesional inspirados na última campaña das rebaixas, xa que, por unha banda, crea profesionais que van malvivir con salarios miserables e pouca formación, e por outra banda, crea outra barreira na lista de dificultades de empregabilidade das/os que nos formamos nun campo específico como a Educación social, desacreditando así a nosa función e invisibilizándonos máis. Tendencia á especialización-deshumanización. Onde está o beneficio? Qué tipo de educación se promove? Universidades como Canteiras para empresas? Empresas con formas xurídicas de ong? A Educación ao servicio de qué propósitos? Da formación integral de persoas que aprenderán a Vivir ou da preparación de obreiros/as á disposición do sistema productivo?
As Ongs non son empresas, porén, cada vez, os seus mecanismos de funcionamento son máis parecidos, estando adscritas moitas delas a convenios obsoletos e que poñen aos profesionais en situacións de absoluta precariedade laboral. O cambio radical da estructura interna debería ser o primeiro paso a dar por todas as entidades de iniciativa social que sexan merecedoras de tal nome. O contrario vai contra a nobreza e o bo traballo das entidades que fan unha labor seria e cuxa credibilidade é cuestionada por culpa deste tipo de comportamentos.
É comprensible e aceptable que calquera entidade acepte con agrado axudas e subvencións. De sobra é sabido que se necesitan moitos recursos para levar a cabo funcións sociais tan complexas e necesarias. Incluso é positivo que os gobernos tomen estas iniciativas de apoio (ao fin, estánlle aforrando moito traballo). Pero ben esbozadas, con actuacións previstas para situacións coma a que se está a dar (mesmo parece que algunhas políticas deste tipo son alegres presentes para as empresas en lugar de medidas para frear o desemprego).
E seguimos no mundo dos paradoxos. Porque estas políticas non só nos afectan terriblemente ás/aos profesionais. Tamén se levan por diante a calidade do traballo das entidades e a efectividade da labor coas persoas destinatarias, sexan familias, individuos ou grupos sociais. Así, multitude de ongs, concellos e empresas entran nunha dinámica de traballo pechada e circular. Ano tras ano repítense as mesmas tarefas porque hai que instruír ao novo persoal que, cando comeza a integrarse ben e a desenvolverse, xa está firmando o finiquito. Isto provoca agotamento e falta de motivación para os que cumpren a función de instrutores dentro da entidade, e frena a capacidade de inventiva, de creatividade, de construcción e crecemento do traballo. En definitiva, de eficacia. Produce estancamento, desmotivación, eterna repetición, sopor, tedio.
Namentres, nos períodos de entresubvencións, moitos e moitas profesionais deste país vivimos no limbo. A eterna espera. Sempre coa maleta a punto para coller rumbo a algures. Sempre esperando a que nos dean luz verde dende mercados virtuais que nos envían en misións imposibles, coa nosa vida flotante, incerta, gaseosa, esperando… Ás veces no limbo, danos por delirar e soñamos con traballos decentes.
“Na Gran Bretaña son cada vez máis numerosos os traballadores que permanecen nas súas casas, sempre dispoñibles e sen cobrar nada, ata que soa o teléfono. Entón traballan por un tempo, ao servizo dunha axencia contratista. Despois, voltan ao fogar, sentados esperan que o teléfono soe de novo”
Eduardo Galeano. Patas arriba. A escola do mundo ao revés.1998
“O traballo decente resume as aspiracións das persoas na súa vida laboral, aspiracións en relación a oportunidades e ingresos¸ dereitos, voz, recoñecemento, estabilidade familiar e desenrolo persoal¸ xustiza e igualdade de xénero… O traballo decente resulta fundamental no esforzo por reducir a pobreza, sendo un medio para acadar un desenvolvemento equitativo, inclusivo e sostible”
Obxectivos establecidos pola OIT 2009
“O tempo de traballo non reflicte a calidade, a intensidade ou a eficiencia do traballo”
Resolución sobre a medición do tempo de traballo revisada en 2009 pola OIT
O curioso é que estamos nunha situación socioeconómica que requiriría a lucidez de invertir máis que nunca en recursos sociais e educativos. En políticas laborais modernas, xustas, dinámicas e, sen embargo, estamos recurrindo a plans de salvamento obsoletos, retrógradas. Camiñamos cara atrás. Estanse dando as respostas que se daban fai dez ou doce anos. Véndense case que as mesmas mensaxes: apretar o cinto e non esixir moito que non están os tempos para iso. O mellor é estar caladiños. Coidarnos moito da delincuencia e agarrarnos ben ao que temos. Ao final, parece que hai que lembrarlles aos partidos políticos, e ao Goberno en concreto, o que parece unha obviedade: Están onde están por e para a cidadanía, para representarnos e para xestionar a calidade de vida individual e colectiva. Por iso, ten que estar preparados para analizar e cambiar as políticas que non funcionan e desenvolver accións serias e responsables. Non nos vendan idearios nin sentimentos.
“A felicidade ten escasamente que ver coa xestión pública. As instancias políticas nada teñen que ver co destino humano, senón co feito de que a pertenza a unha sociedade poida resultar máis ou menos grata ou máis ou menos convulsa a interacción e a convivencia….Hai que devolverlle á política a súa sobriedade, a súa función social, a reslolución de necesidades primarias… e deixar os outros horizontes de sentido, as expectativas estéticas e intelectuais, a necesidade espiritual do ser humano, para a filosofía, o coñecemento de si mesmo, a arte de vivir”
Xesús Manuel Valcárcel. Animal Sentimental. 1997
Estamos en crise, si, pero estructural, política, de valores. Parece mesmo que repetimos a historia unha e outra vez. Se revisamos a situación sociopolítica e económica da década dos 90, cando se deu unha situación de crise sonada e dura, podemos intuír que se viviron momentos ben semellantes aos actuais, e as respostas políticas foron tamén similares. Cuestión de perda de Memoria histórica? Non o creo. Penso máis ben que a cuestión está intimamente relacionada coa tendencia cada vez maior de pensar a política dende unha perspectiva de mercado. Económica. De producción. Mentres esta visión mercantilista do Mundo non mude, repetiremos unha e outra vez a mesma situación. É agora cando habería que apostar por aquilo que precisamente se está a aniquilar. É agora cando máis hai que coidar a educación, a saúde, o traballo, os dereitos sociais e a solidariedade. Do Romanticismo e da Vida xa nos encargamos nós.