Estaleiro editora é uma associaçom cultural sem ánimo de lucro que se rege por assembleia com o propósito de desenvolver um projecto de ediçom independente, capaz de abrir novos caminhos dentro do sistema literário galego.

Pretende-se referente daquelas criadoras e consumidoras que, como as integrantes deste projecto, demandam uma alternativa ao circuito oficial da literatura e do pensamento subsidiados e tem como objectivo a criaçom de um espaço de liberdade para a dinamizaçom cultural, a inovaçom literária e o pensamento crítico.

Constitui-se assim como um projecto de difusom cultural que, optando por vias de distribuiçom alternativa, rejeita a política dos subsídios e pretende uma ediçom de qualidade a preços reduzidos, cujo mínimo lucro esteja destinado unicamente à produçom de novos materiais e à promoçom e distribuiçom dos já publicados, renunciando autores e editores a qualquer tipo de retribuiçom económica polo seu trabalho.

Editará sob licenças Creative Commons, permitindo e ainda fomentando a possível reutilizaçom das suas publicações, só exigindo ser informada da ediçom dos novos materiais, que esta se faga sob o mesmo tipo de licença, citando a ediçom original e também sem ánimo de lucro.

Editará em galego, respeitando a opçom normativa das autoras e/ou das responsáveis polos trabalhos publicados.

Proxecto Derriba: Contádenos un pouco como foron os vosos comezos no ámbito da edición galega… Contábades con algún referente que fixese algo semellante ao que vós pretendíades?

Estaleiro Editora: Fai catro anos –cando Estaleiro naceu– falábase pouco do Creative Commons… E de feito, nin nós mesmos o chegamos a discutir moito, pois a pretensión inicial era liberar os libros –o ámbito do libro– sempre que houbese unha oportunidade para facelo. En Galiza, cando nós comezamos, había algunhas experiencias que se achegaban ao formato independente, como algunhas editorias pequenas, por exemplo Letras de cal, que, se ben non usaban licenzas libres si era un proxecto social moi amplo. As outras referencias coas que contabamos referían máis ao Estado español –por exemplo Traficantes de sueños e Virus– ou mesmo alén deste –como o caso da Wu Ming Foundation de Italia.

P. D.: Como consegue unha editorial pequena visualizarse entre os representantes industriais, se quere seguir mantendo unha xestión alternativa?

E. E.: Para un proxecto pequeño coma o noso, a tentativa de facerse visíbel é moi difícil de conseguir. Ao nivel da distribución comercial, nas librerías, por exemplo, os libros pasan un mes antes de que estas os compren ou devolvan e, así, é difícil visualizarse nelas. Por iso mesmo a mestura de Internet con actos de socialización –tipo feiras– e unha medida óptima para conseguilo. Agora que un está xa acostumado a traballar só no formato de Internet, consideramos moi importante sacar os libros en soporte físico, precisamente para axudar á visualización do proxecto. As feiras, por exemplo, cumplen un papel moi importante a este respecto.

P. D.: É posible manterse á marxe da industria e seguir editando libros?

E. E.: Estaleiro quere demostrar que é posíbel a produción e venda de libros dunha maneira distinta á habitual da industria, mais non naceu coa vontade de publicar unha serie de textos en concreto –xa decididos de antemán. Había moita confianza en que os contidos chegarían por si sós. En todo caso, o manterse á marxe é un asunto complicado pois en Galiza, que ten precisamente os seus centros de lectura moi concentrados en poucas cidades, é moi difícil conseguir que non se che integre no eido editorial tradicional. Por exemplo, algúns medios convencionais acaban poñéndose en contacto contigo para que lles mandes libros e facer recensións deles, etc. Aínda que Estaleiro pretende ser independente, é consciente de que a independencia no mundo da edición é algo moi difícil de delimitar.

P. D.: Pode o Estado contribuir ou facerse cargo do control dos bens comúns –por exemplo apoiando o uso de licenzas libres– ou a posición de poder non é compatíbel co común? Como o vedes?

E. E.: O Estado pode realmente usar licenzas libres, por exemplo, mais seguramente o faga por unha cuestión utilitarista (por aforrar cartos). Quizais non sexan conscientes do capital simbólico que tal iniciativa leva consigo. Mais, atendendo ás converxencias co Estado dun proxecto coma o noso, sempre se correría o risco de que o poder acabase fagocitando a súa actividade ou directamente que o proxecto acabase dependendo das institucións. Isto é algo moi común en aqueles que dependen das subvencións públicas. E é un dos motivos polos que Estaleiro renuncia a esa opción, mantendo un traballo que sempre é voluntario. Desde logo, a postura clara é facer algo distinto ao que pode facer o Estado, sexa con ou sen licenzas libres. Se o poder normalmente absorbe o que está á contra, manténdose á marxe pode ser máis doado resistir a ese pulo. Son moi típicos os exemplos nos que a institución fai súa unha idea mudándolle os elementos conflitivos –ou aqueles dos que non pode tirar proveito– para levar a cabo un proxecto externo –xa fagocitado– e que se converte en algo normalizado. Así é como se asimilan as ideas contrarias.

Por outra banda, as edicións dependentes de subvencións atópanse con máis problemas, por exemplo o da sobreprodución dos libros –ínflanse os prezos e a tiraxe para que a porcentaxe que cubre a institución sexa suficiente para recuperar o investido… A conclusión é que moitos deses libros rematan na trituradora.

P. D.: Por que distribuides, entre outros espazos, en Centros Sociais?

E. E.: A relación cos Centros Sociais é importante porque, aínda que non son os pontos de venda que máis rendemento sacan dos libros, si apoian o proxecto independentemente dos contidos, e é un espazo xa gañado.

P. D.: Como se consegue aguantar un proxecto baseado no traballovivo?

E. E.: Desde logo, se vendemos os libros é para conseguir que o proxecto continúe en funcionamento. Os movementos económicos que facemos son practicamente circulares –sempre hai un mínimo que se escapa no movemento–, é dicir, os cartos invístense na produción de máis libros, e por iso mesmo é tan importante e delicado o tema do reparto do traballo –especialmente nun colectivo que non pasa dunha ducia de membros activos.