As categorías intelectuais da doutrina do libre mercado están tan enraizadas na nosa conciencia que moitas veces resulta difícil ver o mundo como realmente é. Quen queira entender a evolución da internet ten que ter moi en conta iso, pois moitos aspectos da cultura dixital non se axustan aos principios económicos neoclásicos. En termos xerais, as contornas de rede tenden a funcionar máis naturalmente como un procomún que como un mercado. E con todo, as categorías de mercado dominan por completo o diálogo público e as políticas que se adoptan, mentres que o procomún segue a ser un concepto escuro e mal entendido.
Nesta terra de ninguén realmente carecemos das ferramentas conceptuais necesarias para comprender moitos tipos de comportamentos en liña. O noso discurso económico só ve un mercado cheo de consumidores potenciais e non un ciberestado que debera cumprir coas nosas necesidades máis amplas en canto que cidadáns e seres humanos.
Un dos problemas, penso eu, é que non conseguimos recoñecer a dinámica do procomún [the commons]: un modelo para xestionar recursos baseado na comunidade. O procomún é accesíbel a todos en canto que dereito civil, e non só aos que poden permitirse o acceso. É un sistema alternativo para fomentar dun so golpe a creatividade, a riqueza e a comunidade.
O discurso imperante ao falar da internet é o do mercado. A teoría do mercado dá por feito que os individuos son os principais actores da vida económica e que eses individuos tentan de maximizar os seus propios intereses económicos comprando e vendendo nun “mercado libre”. Isto considérase a quintaesencia da “liberdade”. Segundo a teoría de mercado, o ben público se maximiza ao permitir a todos elixir libremente, sen interferencia dos gobernos. Tales eleccións individuais son vistas como libres, mentres que as colectivas (normalmente realizadas polos gobernos) se consideran coercitivas.
Este discurso é realmente moi estreito de miras, aínda que estea estendido no mundo desenvolvido. Non admite que existe unha importante dimensión da sociedade que traspasa os límites de mercado e do Estado. Esta dimensión, o procomún, é a economía social e moral de carácter informal do “Nós, o pobo” [We the people]. Na vida política, polo menos na norteamericana, o “pobo” está considerado como soberano e con máis lexitimidade que os gobernos ou os mercados. Neste sentido, o procomún rodea o mercado e o Estado, e actúa como complemento necesario de ambos.
A internet potenciou as identidades sociais e os intereses non económicos da xente, converténdoos nunha forza con moita influencia nas redes electrónicas. A crecente popularidade do sistema operativo GNU/Linux e do software de fonte aberta [open source] confirman rotundamente o poder do procomún en liña. Hai outros moitos, como os sitios web de colaboración, os servidores de listas por grupos de afinidades, as redes sen fíos, os arquivos en liña para eruditos, e os arquivos compartidos entre iguais [peer-to-peer]. Todas estas modalidades do procomún son novas formas de colaboración humana que resultan extraordinariamente produtivas.
Pero á teoría do mercado –tan centrada no individuo e no que se pode medir e vender– cústalle aceptar este feito. Non consegue entender como unhas comunidades estruturadas sobre a confianza, o traballo voluntario e a colaboración poden ser máis eficientes e flexíbeis que os mercados convencionais do “mundo real”. E é que non consegue valorar nos seus xustos termos o potencial en creación de valor da “produción entre iguais” [peer production]. Quizais sexa porque no mundo dos negocios se busca o máximo rendemento nun prazo curto, mentres que esta produción entre iguais é sobre todo un proceso social continuo que xira ao redor de valores compartidos. Nos negocios procúranse recursos que sexa fácil converter en bens de consumo e vender, mentres que o resultado do traballo nestas relacións entre iguais tende a ser produtos inalleábeis que pertencen a toda a comunidade.
De feito, esa foi a razón principal para crear a Licenza Pública Xeral (GPL [como siglas de General Public License]) para software libre: que as comunidades que desenvolven software poidan seguir controlando a súa produción colectiva. A GPL permite o acceso libre e polo tanto fomenta o uso do código do software e a introdución de melloras no mesmo. Pero tamén impide que alguén “privatice” o código fonte e queira converterse no seu propietario para controlalo. O máis importante de GNU/Linux é que a GPL permite asegurar que os froitos do procomún se manterán no procomún, outorgándolle unhas importantes vantaxes estruturais sobre o desenvolvemento de software promovido por empresas.
A teoría económica convencional ten problemas para entender como funciona a “economía do don” [gift economy] do procomún. É filosoficamente incapaz de explicar como pode darse un software creado en liña por un colectivo de voluntarios. Ou é que a lei de propiedade intelectual non insiste en que a xente non traballa a menos que a súa “propiedade” teña unha forte protección legal e que se lles remunere economicamente polo seu traballo? Pero resulta que aquí temos a miles de bos programadores repartidos por todo o mundo que traballan gratis, sen o respaldo de aparello empresarial algún e até sen mercado!
Son todos estes integrantes do procomún excepcións, ou até aberracións, das que as ciencias económicas e os lexisladores poden facer caso omiso?
Esta non é só unha grave tentación; é o que levan décadas facendo os teóricos da economía convencional. A estratexia recorrente é agrupar todo o que non segue as leis do mercado e rexeitalo cualificándoo de irrelevante.
Na lexislación sobre propiedade intelectual [copyright], por exemplo, o dominio público das obras sen copyright é visto como un depósito de ferralla cultural onde se acumulan todo tipo de libros, pezas musicais e ilustracións absolutamente carentes de valor. As obras valiosas, disque, son propiedade do que se preocupou de protexelas. O dominio público non pasa de ser “a estrela escura na constelación da propiedade intelectual”, en palabras do catedrático David Lange.
Igualmente, os economistas consideran a contaminación e as rupturas sociais causadas polo mercado como meras “externalidades”: efectos secundarios que carecen de importancia comparados co núcleo central da teoría de mercado: o acto de comprar e vender. A economía de mercado até construíu o seu propio modelo de comportamento humano: enxalza os comportamentos “racionais”, os que “maximizan a utilidade” e os que “buscan o interese persoal”, pero rexeita outros trazos humanos como a moralidade, as emocións, a identidade social, tachándoos de forzas irracionais de pouca transcendencia.
Falar do procomún é, pois, recuperar importantes aspectos do comportamento humano, da súa cultura e natureza, que o discurso de mercado refugara. O procomún establece unha nova vara de medir o “valor”. O “valor” non é só unha cuestión de prezo; é algo que está inserto nas comunidades e nas súas relacións sociais. Falar de procomún é dicir que o diñeiro xa non é o único valor importante: pertencer a unha comunidade coa que se comparten valores morais e obxectivos sociais pode ser unha potente forza creativa por dereito propio. Semella que, actualmente, a liberdade significa algo máis que maximizar a utilidade económica dun mesmo.
A internet non é o único campo no que se están a desmascarar as ficcións do mercado ao tempo que se recoñece o valor do procomún. Os economistas da conduta, hai tempo frustrados polos fráxiles modelos formais da actividade económica, están a desenvolver novos modelos empíricos máis rigorosos para describir como se comportan os mercados na vida real. No canto de dar por sentado, por exemplo, que todo o mundo ten cantidades ilimitadas de racionalidade e uns coñecementos perfectos, están documentando como se integran no mercado as emocións e as normas sociais. Os teóricos da complexidade tamén están a mostrar as serias limitacións dos modelos económicos ríxidos e cuantitativos e de ficcións teóricas como o “equilibrio de mercado”. Un achegamento máis convincente, argumentan, consistiría en examinar os camiños evolutivos propios do desenvolvemento económico e os principios do cambio autoorganizativo e non lineal.
Estamos nada menos que a asistir ao xurdimento dunha nova cosmovisión e dunha economía de posmercado. Estase vendo que algunhas das limitacións inherentes ás convencións sobre a lei de propiedade do século XVIII e a súa filosofía económica non resultan axeitadas para o século XXI. O que aínda non se conseguiu é articular un novo modelo que describa a reintegración da actividade económica e o seu contexto social e humano.
O paradigma do procomún, así e todo, parece resultar bastante prometedor. Ofrece novas formas de explicar fenómenos que a economía convencional e os teóricos da propiedade non son quen de comprender. O catedrático Yochai Benkler, un dos principais teóricos sobre os aspectos legais do procomún, sinalou que a produción entre iguais moitas veces é sinxelamente máis produtiva e innovadora que a baseada na propiedade. Considera que quizais os incentivos do mercado non poidan competir coa produción entre iguais, a cal é realizábel en pequenas unidades modulares, para ser despois integrada nun conxunto maior (exemplos poden ser Linux, os proxectos compartidos para corrección de probas ou os mapas de avistamentos de aves).
Na actualidade, a Comisión Federal de Comunicacións (FCC) dos Estados Unidos está estudando a idea de que un procomún pode ser máis eficiente e máis equitativo á hora de xestionar o espectro electromagnético que un réxime de asignación de dereitos de propiedade. No canto de que o goberno conceda (ou poxe) os dereitos exclusivos sobre o espectro, a xente podería explotar as novas tecnoloxías para permitir que todos o compartan, igual que todos comparten a infraestrutura da internet. Ademais, ao permitir que máis voces utilicen un recurso público, un modelo de procomún recoñecería que o espectro pertence a todos e non só ás compañías que teñen a licenza.
Hai razóns poderosas para afirmar que o procomún é un tema económico. Mais non ir máis aló é desperdiciar a oportunidade de ampliar os límites do debate. A promesa do procomún consiste na súa capacidade de volver integrar o económico e o moral, o individual e o colectivo, nun marco novo e máis humanista.
Un reordenamento conceptual baseado no procomún permítenos falar de roles, de comportamentos e de relacións que a teoría de mercado non é quen de captar axeitadamente. O léxico do procomún vai máis aló da “linguaxe do mercado”, para a que todos temos que ser ou produtores ou consumidores. E tamén vai máis aló da “linguaxe da propiedade”, para a que todo ten que ser propiedade dalgunha corporación ou dalgunha persoa. Permítenos ir máis aló dese pensamento a curto prazo que só quere aumentar os beneficios, e pensar en obxectivos máis amplos e a máis longo prazo que quizais non xeren moitos beneficios para os investidores actuais, pero que si son útiles e socialmente construtivos.
En resumo, o procomún resitúa o que entendemos por produción creativa, que pasa dun contexto de mercado a ese outro máis amplo da nosa vida social e da nosa cultura política. En lugar de constrinxirnos coa lóxica do dereito de propiedade, dos contratos e das impersoais transaccións de mercado, o procomún inaugura un debate máis amplo, máis vibrante e máis humanista. Pódense renovar as conexións entre as nosas vidas sociais e os valores democráticos, por unha banda, e por outra entre o rendemento económico e a innovación. Gañan unha nova lexitimidade teórica temas que, de non ser así, se deixarían de lado, como as virtudes da transparencia, o acceso universal, a diversidade dos participantes ou certa equidade social.
Non hai dúbida de que o procomún xoga un papel vital na produción económica e social dos nosos días. Cando se aceptará plenamente ese papel, ou como afectará ás nosas futuras accións, son os asuntos aos que temos que facer fronte.
(Trad.: A Dexectora Castro)
Copyright © 2003 David Bollier
Este artigo publícase baixo a licenza Creative Commons
Attribution-NoDerivs-NonCommercial.
1 David Bollier é un estratego, xornalista e consultor independente que se ocupa dunha ampla variedade de temas de interese público. Gran parte do traballo máis recente de Bollier centrouse na defensa do procomún como novo paradigma da política, a economía e a cultura: un tema que examinou no seu libro Silent Theft: The Private Plunder of Our Common Wealth (Routledge, 2002). Dende 1984, Bollier colaborou co guionista e produtor televisivo Norman Lear en numerosos proxectos, é membro do Norman Lear Center no USC Annenberg Center for Communication. Bollier é tamén cofundador de Public Knowledge, unha organización de defensa do interese público e que representa os dereitos do público en temas de propiedade intelectual, tecnoloxía e internet. Os escritos de Bollier pódense consultar en <http://www.bollier.org>. Vive en Amherst, Massachussets, Estados Unidos. Esta edición aparece en galego por primeira vez no número 5 da revista Derritaxes, que leva o título de “O Procomún. Aproximacións”.