Almudena Rodríguez Vila
A minaría na Galiza sempre representou un dos motores fundamentais no desenvolvemento económico da rexión. Porén, o aumento da competencia internacional ofrecendo un produto moito máis barato, o descenso das vendas pola caída da construción e a crise económica mundial, así como a crecente sensibilidade da poboación cara á conservación da natureza, golpeou negativamente a este sector, palpándose nun aumento do desemprego local e o peche de numerosas empresas.
Non obstante, paralelamente a esta crise na que se atopa inmerso o sector, emerxeron algunhas das sinerxías existentes entre esta actividade especialmente agresiva co medioambiente e aqueles elementos que o integran, a sociedade e os propios ecosistemas.
Nestes últimos anos, tanto os organismos públicos como as propias empresas privadas tomaron novas iniciativas na nosa comunidade que se achegan ao tema tratado neste (con)texto: o uso da arte en espazos mineiros co obxectivo do achegamento do sector á sociedade. Así, pódense citar os certames de Pintura Rápida en Explotacións Mineiras de Galiza organizadas pola Cámara Oficial Mineira de Galiza e o Grupo DFG, a Asociación de Canteiras de Galiza e a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galiza. É significativa, ademais, a participación da Cámara Oficial Mineira de Galiza no Congreso Nacional de Medio Ambiente (CONAMA) no pasado ano 2009 coa comunicación “De Robert Morris a Eden Project: outras formas de rehabilitación mineira para uso público” onde se defendía o uso da arte como forma de rehabilitación mineira para uso público. Nela faise referencia aos primeiros artistas que deron nacemento nos anos sesenta á corrente coñecida como Earth Art, Land Art, arte da terra ou arte ambiental (environment art). Na Galiza cóntase cunha intervención desta natureza nunha canteira de Arteixo, O Bosque, de Camilo Rodríguez (2006), obra con fins puramente estéticos.
A Lei 3/2008, do 23 de maio, de Ordenación da Minaría de Galiza nace co fin de regularizar legalmente todas as explotacións mineiras galegas. A aparición desta lei evidencia a existencia de numerosas explotacións abandonadas que non foron restauradas por non pasar polos trámites legais correspondentes (Real Decreto 2994/1982, do 15 de outubro, sobre restauración de espazos naturais afectados por actividades extractivas). Por outro lado, aquelas que si foron restauradas, fixéronse baixo os criterios das técnicas de restauración convencionais: estendido de terra vexetal, revexetación a base de sementeiras, hidrosementeiras e plantacións. A eficiencia destas técnicas é dubidosa despois de observar os resultados da evolución destes espazos ó cabo do tempo: instalación das especies de carácter invasor e aquelas características de solos erosionados como son aquelas do xénero Cytisus, entre outras. É dicir, o resultado é o mesmo que se non se aplicasen as anteditas técnicas de restauración.
En consecuencia, na actualidade existe na nosa comunidade unha superficie significativa de solo sen ningún tipo de aproveitamento económico ou social, ademais de representar puntos perigosos para as persoas así como espazos propicios para actividades ilegais como son os vertedoiros incontrolados. Parece polo tanto que nos atopamos nunha intersección de realidades económicas, sociais e ambientais onde se fai necesaria a proposición de novas técnicas de tratamento así como novas alternativas de uso para estes espazos. Nesta liña son coñecidos os usos lúdicos (escalada en canteiras, deportes acuáticos en recheos de ocos de explotación, etc.), culturais-educativos (rutas organizadas con guía) e en casos excepcionais, como xa se comentou, artísticos onde se inclúe a land art. Esta última opción, as intervencións artísticas no medio natural, preséntase como unha alternativa cunha forte potencialidade como ferramenta dinamizadora da restauración ecolóxica dos espazos degradados por actividades extractivas. A restauración ecolóxica caracterízase pola procura da activación dos procesos naturais dos ecosistemas co fin de favorecer a recuperación estrutural e funcional destes. Esta técnica diferénciase da restauración e da rehabilitación convencionais en que precisa menos coidados posteriores á intervención humana, xa que o que se busca é a instalación de ecosistemas autosuficientes.
Este tipo de intervencións no medio, deseñadas baixo criterios técnicos e ecolóxicos, ademais de artísticos, representarían a propia obra de restauración. Terra Nova Project, de Herman Prigann (1990-2000), na área mineira de Cottbus (Alemania), é un dos casos que máis se aproxima a esta nova perspectiva: nel deseñouse unha rede de humedais interconectados (watergardens) creados para facilitar a rexeneración natural de vexetación hidrófila e, en consecuencia, a depuración da auga interceptada pola explotación antes de ser vertida á rede hídrica natural. Porén, non se encontraron referencias acerca do estudo técnico-científico da traxectoria ecolóxica do ecosistema intervido. De existir, Terra Nova Project converteríase, posiblemente, no primeiro proxecto de restauración ecolóxica de espazos degradados por actividades extractivas co uso da arte como ferramenta estratéxica.
Tanto en Galiza como no resto do planeta, esta alternativa para a recuperación de espazos degradado presenta unha serie de oportunidades e externalidades positivas que se considera que non deberían ser obviadas tanto polas administración, empresas extractivas e técnicos da restauración ambiental:
-
Maior implicación da sociedade nos proxectos, o que garante unha maior probabilidade de éxito dos mesmos.
-
Diferenciación e valor engadido tanto aos traballos realizados como aos espazos creados.
-
Creación de novos eidos de traballo nun contexto social de elevado índice de desemprego.
-
Complementariedade coas novas tecnoloxías da información.
-
Interesantes sinerxías con outras actividades económicas como o turismo, así como aquelas relacionadas coa arte, deporte e investigación.
-
Nun momento de importantes recortes na investigación e educación pública, posibilidade de xustificar a súa necesidade e de amortizar as infraestruturas e estudos financiados con fondos públicos.
-
Unha vez alcanzado o equilibrio (dinámico) do ecosistema intervido, posibilidade de transformar o seu uso ou aproveitamento económico, como podería ser a agricultura ecolóxica ou o aproveitamento complementario dos produtos do monte. Non se debe esquecer que tanto land art como natureza, son efémeras.