Faltan os nomes e quedan as datas. O 15 de maio prendeu simultaneamente en moitos lugares do Estado español un movemento que escapa, nas súas derivas heteroxéneas e na complexidade dos seus artellamentos, á asignación dun nome único. No inicio, unha convocatoria por internet no nome dunha “Democracia real ya” sacou ás prazas do Estado español a milleiros de persoas “indignadas” pola xestión da crise e a situación política; porén, esas etiquetas non se mantiveron moito tempo como significantes hexemónicos ou aglutinadores. Como no caso das revoltas no Magreb as redes sociais e o uso masivo de internet fixeron posíbel a extensión dos chamamentos; mais o que comezara na rede tornouse nunha reocupación do espazo público e nunha afirmación doutro xeito de facer política fóra das canles da representación. Algo estaba a pasar nos bordos de Europa; e iso que acontecía o facía quizais de xeito intempestivo. Había ben tempo do inicio dunha crise cuxo principal efecto, esperado ou inesperado, era conformar novas subxectividades ao servizo do capital e impoñer a retórica económica como marcha natural das cousas. O 15-M xurdiu como un acontecemento que máis que propor un programa político, afirmaba na súa indecisión outro xeito de política e de constitución do común.
Nun proceso case simultáneo á súa xestación, o “movemento” deu lugar a achegamentos diversos en forma de artigos e libros colectivos: o 15-M é tamén a serie de discursos e imaxes que o produciron performativamente. Aquí e agora ese movemento continúa; mais resta quizais por pensar, e darlle tempo. O 15-M, ou calquera dos múltiples nomes cos que se lle chama, pode encadrarse nunha serie de revoltas periféricas que aínda están, como el mesmo, por vir.
Que a urxencia de dar máis tempo a ese “15-M”, a nosa propia urxencia dende unha condición periférica e aínda residual, caia neste novo número de Derritaxes. Que máis podemos dicir, aquí e agora, nós? Dende ese nós, cuxa incompletude estrutural o estende nun movemento continuo, queremos convidarvos a todxs a tomar o tempo de darlle unha volta (de) máis ao que nos está a acontecer.
Derritaxes
desenvólvese mediante un percorrido imposíbel á
procura das pegadas, lembranzas e retornos
daqueles que perseveraron con e por ela. Fai dó, así
mesmo, polxs amigxs inesquecibeis.
Derritaxes, á fin, edítase na memoria de
Paco Vidarte.
DOCUMENTOS
15M ou a relación entre o común e o acontecemento – Sören Hauser
Estamos a vivir tempos convulsos no capitalismo, en Oriente, en Occidente, en Europa, no Estado español. A convulsión é froito de moitas continxencias, de moitas realidades vividas ao mesmo tempo, pero tamén de certo malestar, dunha indignación, dun desexo (do) común, a saber, a esixencia de democracia, dunha democracia real, dunha democracia absoluta, reivindicación fundamental do movemento español coñecido polas siglas 15M.
Outras políticas: lingua, tempo e as diferenzas – Beatriz Hauser
Neste artigo téntase percorrer o xeito no que o común acontece dende as diferenzas a través da experiencia dos conflitos en torno á Comisión de feminismos de Sol. Partindo da relación entre o feminismo e a política, e os artellamentos con moitos outros que poden darse aí, exponse a necesidade dunha noción distinta de universalidade e dunha política fóra do consenso e do programa. Isto require un darse tempo que é, como se revelou nas prazas, xa un acto político.
Dislocando conceptos vellos: Bensaïd e o 15M – Thomas Hauser
A aparición de movementos contestatarios críticos coa situación xerada a raíz da crise económica xurdida no 2008 fai que sexa cando menos relevante formularse a posibilidade de que conceptos que caeran en desuso –revolución, clase, partido– poidan volver ser repensados á luz da nova situación económica, política e social actual. Inténtase amosar dende unha reactualización de tales conceptos –tomando como referencia teórica principal certos textos de Daniel Bensaïd– como aínda seguen mantendo unha carga crítica capaz de axudar á construción dun proxecto crible alternativo á democracia liberal e á mundialización económica.
Unha ollada ao movemento 15-M dende a filosofía orteguiá – Jacobo López Castro
O día 15 de maio de 2011 ficará na nosa memoria colectiva como aquel domingo no que comezou o movemento dos «indignados» e «indignadas» en España, en medio desa ola de manifestacións que tanto o precederon como o continuaron noutros países. Neste ensaio queremos atravesar a costra deste «feito histórico» tomado puramente polo seu lado externo e introducirnos e profundar no seu sentido interno. Faremos isto partindo dun par de frases das tantas que se foron plasmando nos cartaces exhibidos nas manifestacións e nas ocupacións das prazas e apoiándonos, á vez, nun texto filosófico que, malia estar escrito nos anos vinte do pasado século, ofrece magníficas claves de interpretación da nosa actual indignación: falamos de El tema de nuestro tiempo de José Ortega y Gasset.
En torno ó 15-M e a deconstrución do relato transicional español – Manuel Artime
Neste artigo trátase de establecer unha relación entre as mobilizacións cidadás do 15-M e as que tiveron lugar nos anos previos e posteriores á transición democrática. Seguindo a reivindicación que fan os ‘indignados’ de outra democracia máis real, tirarei do fío histórico sobre a participación política fóra dos partidos no Estado español, e sobre qué artificios se frustrou. En concreto, defenderei que a desmobilización de hoxe ten as súas orixes nun relato determinado que se fai da transición, como un logro vertical e de progreso, e que á súa vez ten moitas continuidades con certos mitos cultivados pola ditadura.
CONVERSA
Entrevista a dous participantes na asemblea do 15-M Lugo – Proxecto Derriba
DERIVAS
Manifestación – Drocha Hauser
RECENSIÓNS
Observatorio Metropolitano: Crisis y revolución en Europa. People of Europe, rise up! – Beatriz Hauser
CONTEXTOS
ILUSTRACIÓNS
Sao Hauser
http://santatorpeza.wordpress.com/
http://copygrafias.wordpress.com/