Beatriz Hauser
Observatorio Metropolitano: Crisis y revolución en Europa. People of Europe, rise up! Madrid, Traficantes de Sueños, Octubre 2011.
“Nuestra verdad es que la buena vida, la vida que merece la pena ser vivida, pasa si no sólo, si en buena medida, por el reparto de la riqueza y la reinvención de la democracia. En este camino sólo nos falta perder el miedo, y conquistar la alegría de un mundo que todavía hoy, bajo la amenaza del inicio de una larga decadencia, es más rico que cualquiera de sus precedentes” (Observatorio Metropolitano. La crisis que viene. Algunas notas para afrontar esta década. Madrid, Traficantes de Sueños, Marzo 2011: 143)
Con este pasaxe remataba o Observatorio Metropolitano o seu anterior libro, La crisis que viene, anunciando non só a reiteración implacábel da suposta “crise”, senón a revolta inda por vir. Dous meses máis tarde o 15M foi a resposta colectiva, dende longo adiada, a esa crise no estado español. O libro de marzo era o terceiro que editaba ese colectivo híbrido xunto con Traficantes de Sueños. Os anteriores –Madrid: ¿la suma de todos? (2007) e Fin de ciclo: financiarización, territorio y sociedad de propietarios en la onda larga del capitalismo hispano (1959-2010) (2010)- eran dous longos, rigorosos e moi detallados estudos que abordaban dende unha perspectiva crítica a evolución socio-económica da comunidade de Madrid e do estado español respectivamente. Partindo de posicións económicas críticas como a economía ecolóxica -a traza de José Manuel Naredo déixase sentir- eses textos son magníficos expoñentes dun novo xeito de produción de saber, vinculado coa práctica e emprazado fóra das institucións, no que a investigación militante combina unha rigorosidade extrema cun estilo que foxe da retórica técnica e tenta resultar claro e accesíbel. Unha esixencia que é xa política.
Crisis y revolución en Europa, o seu novo texto, continúa co mesmo ton de La crisis que viene -máis preto do libelo ou do texto de circunstancia- repetindo, en parte, as análises alí expostas sobre a orixe e desenvolvemento da crise, descritas polo miúdo no libro do 2010, e ampliándoo cunha análise breve das diferentes respostas á mesma no ciclo recente de mobilizacións: dende Islandia até o 15M, pasando pola primavera árabe e as revoltas gregas. Crisis y revolución en Europa leva a cabo unha observación máis detida do contexto no que xorden estas respostas: o dunha nova xeopolítica europea con fendas profundas entre os países centrais e os socios periféricos. Da xeografía da crise, porén, emerxe tamén unha xeografía da revolta, que reúne nun lugar común ámbalas dúas beiras do Mediterráneo. As teses de fondo non cambiaron, e dalgún xeito as revolucións en marcha reafirmáronas: a convicción de que a crise económica é unha crise politicamente inducida e reproducida, a esixencia dunha redistribución da riqueza (e o cambio necesario na súa definición tendo en conta os custos ambientais da produción e reprodución humanas), o control do capital financeiro para poñerlle freo á especulación coa débeda soberana, a chamada a reinventar a política para facer fronte a unha organización nova do poder, a imposibilidade de volver a unha saída socialdemócrata á crise, o divorcio radical entre a xente e a institución (que pon en quebra a suposta lexitimidade democrática baseada na representación), a necesidade apremante de artellar unha resposta supranacional dado que a xestión da crise desborda, como se viu en Grecia, o ámbito da soberanía nacional e mesmo a cuestiona, etc. Porén, malia a agudeza da diagnose, as propostas resultan pálidas. Os entrecruzamentos entre economía e política son cada vez máis complexos e a perda de fe na intervención estatal para controlar a economía, que todos compartimos, déixanos ante o abismo dun suxeito constituínte radicalmente novo. O discurso oscila neste punto. A necesaria redistribución da riqueza a través doutra política fiscal, o mantemento aló menos dos restos do estado do benestar en forma de bens públicos e a necesidade de control dos fluxos financeiros semella remitirnos a unha toma de control da economía polo estado a través de mecanismos legais de protección. A posibilidade de control supra-estatal é inane e, como ben sinalan os autores, a función da Europa dos lobbies e do BCE é poñerllo inda máis sinxelo aos grandes movementos especulativos. A fenda total entre a xente e as institucións abre un espazo para posibilidades inauditas, mais de momento o que parece imporse é a pura brutalidade do estado, sen ningún control democrático e con absoluta indiferenza do que diga a rúa. Un novo internacionalismo, outra Europa -a dos excluídos, cidadáns ou non- son sen dúbida imperativos; mais resulta difícil ver como superar o estado-nación, que máis que estar periclitado, parece transformarse en puro instrumento de control, nun espazo europeo fragmentado en situacións nacionais diversas e no que quizais está a revelarse “a verdade” do proxecto dunha Europa común. Como a maioría do que se está escribir sobre o 15M, dende o 15 M, o libro do Observatorio resulta sobre todo unha celebración de que algo estea a acontecer. Niso todos caemos no mesmo, e falo en primeira persoa. As mutacións do capitalismo e do poder puxéronnos na máis difícil das situacións. Nunca soubemos tanto o que está a acontecer, mais ese saber non prescribe a acción. Todas as certezas políticas e económicas das xeracións anteriores perdéronse. Non hai xa programas e a relación entre o saber e o actuar agarda reescribirse. Hai que pensar a política dun xeito radicalmente novo, a esa esixencia sométenos o Observatorio; mais de momento a inercia sistémica leva a dianteira. Mais esa é a nosa obriga. O importante é manterse abertos ao porvir e tentar producir discursos heteroxéneos aproveitando os recursos dispoñíbeis nesta era de medialidades.