NÚMERO 12. Decembro 2013

pdf completo

Portada

 

Editorial

 

O presente texto leva por título “Cartografías das resistencias”. Mais leva inserido un subtítulo: As transformacións da praxe política ou as revoltas globais”, e neste caso, quizais a mellor vía para a construción dunha editorial que dea conta do que aquí se vai falar sexa analizar o propio título.

A cartografía nomea, para usar a afortunada expresión de Fredric Jameson, a tentativa de facer un mapeo cognitivo, ou o que é o mesmo, tratar de entender para tratar de saír da confusión na que moitas vivimos nestes tempos tan duros e complexos. Por suposto, a tentativa de entender non ten nada que ver con construír un discurso que guíe os posibles procesos de resistencia, é dicir, non ten nada que ver co papel das vangardas. Nós cremos nas vangardas, cremos na súa existencia e na imperiosa necesidade de eliminalas. Nós desde logo non as precisamos nin as queremos substituír. Pola contra, se a tentativa é compoñer un esquema teórico, é precisamente para que ese discurso secompoña coa acción, que non se superpoña a esta. E é totalmente imprescindible que esta composición se faga en común.

Tamén é importante recoñecer dende xa que coa palabra resistencia tamén se está a asumir unha posición que asume que nas relacións de poder actuais que se dan no capitalismo e que conforman as relacións sociais é necesario formular espazos ou accións de resistencia fronte aos ataques descarnados que se fan desde as posicións de poder (tanto político como económico e tantos outros…).

Así mesmo co termo transformacións referímonos ás resignificacións que operan na linguaxe política nos últimos tempos, reaccionando fronte aos ataques privatizadores (neoliberais, empregando ao seu antollo a palabra democracia, ou directamente apelando á ditadura non só económica). Esta reacción formula a posibilidade real dun contrapoder. Dun contrapoder que non significa opoñerse a un poder de xeito simétrico, senón o que leva consigo impoñer precisamente esta asimetría na confrontación. E esa asimetría é a do común fronte ao privado.

Finalmente, con revoltas globais referimos ao sucedido a partir do ano 2011 en certos países tanto árabes como occidentais –incluído o estado español– e que marcaron ao noso xuízo estas resignificacións da praxe política. Isto vai ser, se cabe, máis importante hoxe en día, que están a suceder episodios contrarrevolucionarios como reacción a eses acontecementos do 2011, que foron un bo exemplo da nova praxe política ou, polo menos, dunha certa nova maneira de reformular os problemas políticos. Estamos a vivilo en Exipto mais tamén no Estado español.

En toda esta formulación unha das temáticas fundamentais que están presentes é a da relación individuo-sociedade, ou individuo-colectividade, e unha das posibles armas que podemos ter para mergullarnos nela desenvólvese a partir do desexo… Como pensar o desexo expresado nos individuos? Levan cara un malestar individual ou social? Son ambos termos excluíntes ou teñen unha relación de influencia directa un sobre o outro? Veremos diferentes reflexións a este respecto. Unha das conclusións que se poden sacar cara un ou outro sitio gravita sobre a organización. É imprescindible ou non unha organización dos esforzos de resistencia? Sobre todo se pensamos a organización afastados da vangarda, tal e como dixemos, é dicir, a organización como algo aberto e dinámico que se compón xunto ao desexo dos individuos, ou das multitudes, e que non trata en ningún caso de guiar a ninguén cara ningún sitio nin de pecharse arredor dunha idea fixa.

Así mesmo, tamén será decisiva a cuestión da representatividade, ou dito doutro xeito, a cuestión da relación entre o común e a diferenza, mesmo entre o individual e o social. Polo tanto, non referirse a unha representación do poder que captura, senón á posibilidade de reapropiarse da representación, dunha representación non excluínte das diferenzas, e pensar, de feito, se iso pode existir.

Tamén, en relación ao desexo, o tándem individual-social, común-diferenza, entre outros, nos levará a pensar o vínculo entre o local e o global e como afecta este ás nosas posibilidades reais de resistencia nun sentido práctico e efectivo, no que respecta aos problemas cotiás que sufrimos. Do mesmo xeito, haberá que reflexionar a temática da legalidade ou a posibilidade da desobediencia civil en relación a leis ilexítimas que xustifican as agresións do poder.

Deberiamos pensar pois, se é válido e útil resignificar os conceptos e certas actitudes das que nos podemos valer ou, pola contra, buscar un comezo novo, con novas ferramentas que nos leven cara ao descoñecido sen ter ningunha seguridade sobre se o porvir nos deparará un lugar máis catastrófico ou máis inicuo… Tal é a imposibilidade do acontecemento.

Quizais nas revoltas globais unha das cousas que sería factible argumentar sería como nas prazas tiveron lugar unha serie de respostas a preguntas aínda non formuladas, de aí a imposibilidade de diálogo cos poderes establecidos, e de aí, tamén, a amalgama de xente diversa que formaban aquel movemento. Isto leva tamén cara un concepto complexo de tempo, no que existe un desaxuste temporal entre certo porvir por chegar que xa deixa trazos e marcas no noso presente, que, á súa vez, tenta reter dentro da súa configuración conceptual o que xa é pasado e non pode pervivir. Isto sucede namentres nós pensamos todo isto nos episodios de contrarrevolución coa que os poderes reaccionan fronte a ese acontecer e cos que intentan seguir controlando aquilo que seguramente xa se esparexe de por si, ao igual que os textos que configuran este número 12 de Derritaxes.

Derritaxes

desenvólvese mediante un percorrido imposíbel á

procura das pegadas, lembranzas e retornos

daqueles que perseveraron con e por ela. Fai dó, así

mesmo, polxs amigxs inesquecibeis.

Derritaxes, á fin, edítase na memoria de

Paco Vidarte.

 

ARTIGOS

O malestar na cultura: individuo ou sociedade? · Francisco Conde Soto

Neste texto trátase de expor como a teoría psicanalítica sitúa a causa principal do malestar do suxeito no plano individual e non no plano colectivo-social. Partindo da teoría da cultura de Sigmund Freud no seu texto O malestar da cultura (1930) e diferentes textos de Jacques Lacan en torno ao capitalismo, principalmente os seminarios XVI (De un Outro ao outro) e XVII (O enverso da psicanálise) e Radiofonía, trátase de defender como o malestar do suxeito na sociedade ten unha orixe primordialmente individual.

A democracia como o an-arkhé ou o poder dicir de “calquera” . Thomas Hauser

Debido á conxunción de diversos factores –que englobamos en tres categorías vertebradas polo concepto “crise”: crise económica, crise ecolóxica e crise de representación– consideramos ao paradigma vixente en franca disolución. Centrándonos no que chamamos a “crise de representación” intentarase desenvolver unha noción de política e de democracia que substitúa á lóxica policial e representativa, propia do paradigma actual, que sexa berce doutra maneira alternativa de entende-las relacións sociais.

Relato(s) situado(s) a través das xeografías do mancomún · [montenoso]

A investigación arredor das experiencias dos comúns como alternativas reais nas marxes da xestión capitalista dos bens é un exercicio necesario e urxente. O coñecemento profundo destes saberes e prácticas tradicionais é fundamental neste momento de mudanza social. Malia a súa difusión polo territorio, a xestión comunitaria de numerosos bens fundamentais (os montes veciñais, a auga, os camiños públicos) vén sendo agochada e marxinalizada pola administración, polo sistema educativo, polos medios de comunicación.

Son saberes considerados coma non prácticos, obsoletos e non extrapolables noutros contextos. A súa redescuberta social pode dar chaves para a enunciación de alternativas ao mundo no que nos atopamos. É urxente pois recoñecer e visibilizar as comunidades de persoas que traballan de forma colaborativa na defensa e mantemento dos comúns.

Este artigo é un relato polifónico, colectivo, cos pés na terra, hiperlocal; a través das experiencias en varias Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do país. Percorremos espazos considerados periféricos pretendendo elaborar unha (re)lectura dos comúns en permanente construción.

O afecto indignado e outro desexo · Rebeca Baceiredo

Cales son os motivos polos que, a pesar das situacións de opresión, as oprimidas e os oprimidos non se organizan contra a súa escravitude? A magnitude do poder é inversamente proporcional á potencia dos individuos. Sen potencia, hai indignación (con sorte), mais non revolución. E o estado de cousas non pode máis que empeorar, por unha serie de relacións causais.

CON-TEXTOS

Stop Desafiuzamentos A Coruña · […]

DERIVAS

Agora que (ou) que facer un eloxio da resistencia · Felix Hauser

Timbas poétikas, kaos e botes revolucionarios · Comando Esbardalle

RECENSIÓNS

A declaración do común, o acontecemento das revoltas · Sören Hauser

ILUSTRACIÓNS

Sao Hauser

http://santatorpeza.wordpress.com/