Este libro podería presentarse como unha introdución á filosofía de Judith Butler –inda que quizais resulte ser máis ben unha prótese á súa obra, que ten que afrontar o risco que supón escribir sobre outra viva, sobre un corpus non fechado–; mais sobre todo é unha aposta pola necesidade de pensar (dende) a precariedade, de poñer doutro xeito en escena a vulnerabilidade, de atopar o lugar para outra forza, que tire os seus pulos dun certo impoder. En Butler non atopamos en ningún caso un programa. Trátase máis ben de artellar doutro xeito o universal, o presuntamente común e por todos sabido; trátase de confrontar no seo mesmo da presunta normalidade do réxime heterosexual todas as súas pantasmas e mostrar que non hai corpos, nin desexos normais, senón “normalizados”. A filosofía non queda indemne dese intento de pensar os corpos e as vidas que nos afectan. Aquí e agora, dúas décadas despois de Problemas co xénero hai lugar para interseccións e lugares de encontro que antes semellaban imposíbeis. Outro común puido emerxer para todos os corpos indóciles do escoitarnos nxs outrxs. O lugar de encontro pode estar na tradución sen orixe, no pulo de atender a precariedade da lingua e dos corpos.
pdf completo (versión revisada)