Comando Esbardalle

 

poesía; destrución da linguaxe e rexeneración das palabras

 

A lingua na boca da poesía serve para achegarse ao divino, forma de expresión de realidades superiores que realmente non poden estar contidas na linguaxe… No contexto actual, no que os medios de desinformación constrúen unha opinión publicada que se confunde, interesadamente, cunha opinión pública, as palabras están lastradas de significados construídos artificiosamente, caendo nun pozo de pesadas asociacións mentais das que é difícil elevarse, e encadeando unha serie de consecuencias xa contidas na palabra desencadeante.

Dous dos moitos exemplos que se atopan sen azar nas mañás de churros ou café, coa bata ou co chuvasqueiro:

  • Faise moi sinxelo para un xornal desprestixiar con palabras como “anarquista”, cun traballo previo de asociacións feito dende tempo atrás, suxerindo terrorismo, desorde, bombas e cadelofrautas… con este método, toda posible abordaxe crítica afógase no adxectivo, que xa contén unha conclusión para nada fortuíta. Un discurso cíclico no que non se pensa, só se activan resortes mentais: Boinng!. Decisións construídas a base de frases feitas…”maloserá”.
  • E na tele a “política” sempre asociada ao monolito “pesoepepé” ou ao estado actual da demoniocracia e os seus altofalantes. Quen pode ser capaz de propoñer outra forma de facelas cousas, quen pode falar doutra organización das pólis? Se existen heroes capaces, que a “Xustiza” (si, si, con maiúscula) os deteña!

E velaquí, a poesía, capaz de construír novas asociacións e alixeirar as ideas, a partir de outorgar liberdade ós conceptos para escoller caer nun ou noutro verso, poñendo palabras en contextos que lles outorgan significados novos; proceso que pode destruír as asociacións interesadas que imos atopando na rutina, e con sorte sen caer no tope da mesma ruta, sorteando.

O Comando Esbardalle (- Presente, Kameraiden!!) adícase a facer principalmente Timbas Poétikas, nas que se pretende que a poesía feita polo pobo chegue ao pobo sen intermediarios; recuperar a dimensión oral e pública da poesía, fronte ao carácter escrito e privado que ten maioritariamente dende hai tempo. Recitais abertos, coa oportunidade de expresión de todo aquel que teña algo que dicir ou balbucir, creando un espazo que non remata no escenario, onde o público ten a oportunidade de abandonar o seu papel de cu plano na butaca e facerse artista; dende a improvisación, na música ou na pintura, poñendo a disposición o material necesario. Único requisito é a creatividade que todas temos, para a que non parece existir máis sitio nesta “sociedade” que a soidade, a represión, ou os soños segredos que saen só ás veces. Vemos necesario reventar o espectáculo pasivo, e sacar da cotidianeidade os espazos onde a xente deriva polo leito capitalista. Recitais nos autobuses, nos bancos, nos ascensores, nos bares; canto menos afeitos aos culturetas mellor, sacade os vosos cerebros da cotidianeidade, saian os soños ás rúas!

Este Comando é aberto, e funciona de maneira asemblearia, con libretas, horizontalidade e toda a parafernalia; incluso con internet, fillos aleatorios do caos e do século vinteún (esbardallepoetico.tk; no caralibro: esbardalle). Pretendemos invadir con cada Timba unha parcela das vosas/nosas/súas vidas aburridas e normais, e ledos por conseguir xuntar elementos, persoas ou obras que chegaron sen saber a qué, autocociñando con eles un novo caldo co ingrediente da diversión, coas burbullas da tolería que pode desmoldar, quizais, as almas dos obedientes. Imaxinación retroalimentando ao Comando.

Funcionamos cun bote que medra coas Timbas nas que se cobra. A entrada é sempre gratuíta, facilitando así o acceso de calquera, ata o escenario se cadra; o bote tamén engorda con publicacións conxuntas, ou con estafas de luva branca. Dentro destas formas de comercialización da poesía (de algo hai que xantar) destacamos aquí a Poematrix, enxeño poétiko-tecnolóxico multimedia. No bote non hai só cartos; están tamén obras (poemas, teatro!) escritas de maneira colectiva e publicacións que alguén doou no seu momento. E se a alguén lle sobra un automóbil, agradeceriamos a súa doazón ao bote.

O bote permítenos/permítevos/permítelles facer outras Timbas en sitios ou circunstancias que non dan cartos mais interesa facer, pagando cogorzas colectivas cando sexan necesarias ou transporte cando hai desprazamento, pois somos un Comando interprovincial que pretende facerse pouco a pouco internacional e incluso intergaláctico, sendo xa interdimensional. O bote (Dadá salve ao bote!) permítenos tamén tolerías de maior calado: fotocopias, atrezzo ou, se fixera falla e cando medre suficiente, tanques.

E si, nestes tempos nos que a Orde autoimposta serve de maneira ditatorial aos vampiros autoencumbrados, nós queremos expandir o Caos, facer oco nas cacholas saturadas coas balas da poesía, con bombas expansivas de creatividade e coa sabotaxe do escándalo organizado; que o vento leve as cargas dos fillos do capital, renunciando á súa herdanza gris de crecemento canceríxeno ilimitado. Os que se autodeclaren normais, que se queden no seu autoconstruído fogar mental, e se non, que se autoateñan ás consecuencias.

E para rematar, unha peza feita cun método de creación colectiva, un PimPamPum: consiste en xuntarse uns cantos elementos, escoller un tema, cada un/ha poñer unha condición …e escribir, cada persoa unha parte coas condicións do xogo. Unha vez lidas as partes autosuficientes, ordénanse, e xa ao final vén o título, que neste caso é:

 

Tranxformaçón / da Bandeirada / , e ?Boicotiada / da Ra$$ón !

 

———

Honde o Teatro Noutrora Chegaba

Agora, Xa Non Nos Queda Nada

Mais Que Costumes e Manias…

———

¡Ahisi estasa! ¡Velaipi o tespes!

Coma un cempes, esbarando polapas cuncasas dos teus-seus ollos,

a piqueses de caereses ao chanSan,

 

feitasa nun intrese dun DioPía con presa

¡e sense mesasa para xantarsa!

¡Pim! ¡Pam! ¡Pum! ¡Estalou a guerrasa!

 

e tipi estassas chorando de alegria…¡por finSin o comprendiches!

¡adiante soldado! ¡sen medo!

cando todo termine seras distinguido con moitas palabras

e moitos mais honoreses…

———

eesefose aisí cómo quérela viví-la-vita dende adentro dunha verde boteia,

Edebebebéla astraveses dos verdes cristai que che aísla

¡¡Morre a túa esenza edesesperanza?? Naquiestaísla

¡¡Vívela-sófrela morta malfieita feitisada maldtia crructa esenzia..

 

————————–

 

1/ facer unha estrofa cada participante, 2/ transgredir regras gramaticais e ortográficas, 3/ utilizar como fío condutor un elemento aleatorio de calquera panfleto dispoñible elixido aleatoriamente, 4/ utlizar a estrutura de rima ABBA.