A Dexectora Castro
O avogado defensor intentaba convencer ao xurado popular de que a rapaza mexicana á que se estaba a xulgar pola morte dun meniño de 21 meses fora víctima dunha presunción de culpabilidade. A rapaza, que cruzara ilegalmente a fronteira con EE.UU. e que se gañaba a vida en Austin, Texas, coidando aos fillos doutras familias mexicanas, cumpre agora unha condea de 99 anos de cárcere.
Todos sabemos que a lexitimidade dun sistema xurídico institucional en materia penal se fundamenta no principio de presunción de inocencia. E tamén son moitas as veces que temos escoitado ao policía léndolle os seus dereitos ao detido. Unha boa chea de pelis de Hollywood deberon de ser para que case que poidamos todos nós repetir ese momento instaurativo da neutralidade do proceso, de boca e en mans do seu corpo máis represivo: Vostede ten dereito a permanecer en silencio… Seica a rapaza non coñecía os seus dereitos, e falou, e o que dixo foi empregado na súa contra. Isto é, foi empregado para alimentar os prexuízos que xa enchían todo o proceso, imposibilitando así calquera instauración de neutralidade.
Mais faise aquí inevitábel recorrer de novo ao noso imaxinario colectivo hollywoodense, en concreto a ese grande mito sobre a fundación do Estado: os wésterns, narradores privilexiados do conflito decisivo entre a lei brutal dos axustamentos de contas e a lei estatal da mediación, a neutralidade e a obxectividade. Resulta así paradóxico que o sistema xudicial estatal caia agora niso mesmo fronte ao que no seu comezo, presumibelmente, se voltaba xusto: a consecución dun castigo dende unha presunción de culpabilidade non demostrada. Convértese, polo tanto, nunha sorte de vinganza institucionalizada, que, así e todo, fai practicamente inviábel, polo seu propio poder incontestábel, o desenrolo da lei do talión.
Agora ben, esta dicotomía, reitora do que normalmente entendemos por facer xustiza, entre coller a xustiza pola propia man e delegar a acción nun terceiro imparcial, sostense nun máis que cuestionábel presuposto de que a neutralización dos prexuízos se acada cun mero golpe de bastón de mando, coa suspensión do tempo e do traballo que aos implicados lles podería supor. A institución xurídica lexitímase, pois, a si mesma no poder de romper, cortar, poñer entre parénteses, o fluxo continuo da presunción de culpabilidade, pero o problema, amais de que o acusado en cada caso quede sempre sometido ao maior ou menor achegamento a ese ideal, radica sobre todo en que este sexa o modelo, xunto coa súa dicotomía constituínte, a partir do cal pensarmos e esixirmos a xustiza.
O bo do avogado insistía en mostrarlles aos do xurado que dende o momento da morte do neno non deixaran de funcionar unha serie de prexuízos sociais cara á inmigrante, respecto aos cales só se precisaba unha sorte de suspensión pola súa parte –en tanto que se lles outorgara o poder de xulgar– para facer xustiza. A sentencia xa a coñecemos. Non houbo xa que logo xustiza para a mexicana. Foi pura e simplemente unha vítima. Non fai falla máis que ver o documental que dá testemuño da súa historia, Mi vida dentro (Lucía Gajá, México/USA, 2008), para decatarse da súa inocencia, para sentir a súa propia impotencia, e enfermar de carraxe por unha tal inxustiza.
Non sería moito xeneralizar se afirmo que a impresión que resta deste testemuño cinematográfico é o gran motor da política de esquerda, a forza emotiva desa loita pola igualdade ou, cando menos, da loita contra as inxustizas xeradas por certas desigualdades. Mais tampouco é moito xeneralizar considerar que o caso da rapaza mexicana non é xa tan só un exemplo da situación dos inmigrantes mexicanos en EE.UU. ou mesmo dos inmigrantes nos distintos países do primeiro mundo, senón unha mostra máis incluso de toda forma de discriminación ou marxinación. Pois tampouco hai que pasar por un proceso xudicial para ser considerado presuntamente culpábel. Só é necesario deixar de entrar nunha normalidade, nunha lei. Esta devirá facticamente inxusta na medida en que teña, como foi neste caso, o poder de imporse ante as excepcións.
Polo tanto, o perigo rolda por tódolos movementos que se queren facer cargo destas inxustizas, o perigo de que a xustiza esixida se entenda como a desaparición da marca da singularidade inalleábel do outro, isto é, como a suspensión da presunción de culpabilidade. Certo que a presunción de culpabilidade, tal e como a estamos plantexando aquí, é unha forma de non asumir ao outro na súa alteridade, sendo o castigo, podería dicirse, a realización efectiva da exclusión daquel e da reafirmación na propia lei. Certo, tamén, que a presunción de inocencia abre a posibilidade da non exclusión, mais só pode operar coma hipótese do cumprimento dunha regra, coma presuposición do reino da normalidade. Por iso, queda sempre ao servicio do sistema de control, apuntando permanentemente ao correctivo, e confirmando que a xustiza ten lugar cando o dano é retribuído.
Sen dúbida, a presunción de culpabilidade é, como nos mostra a tráxica radicalidade do caso do documental, un modo de inxustiza, pero –da mesma maneira que nos wésterns coa fundación da lei estatal– a impotencia do avogado ante o fracaso da súa estratexia de defensa indícanos así mesmo que para reparar ese dano se precisa do poder de impor a lei na que esa singularidade xa non sexa unha excepción á normalidade que tal lei constitúe. E sexa como sexa, esa imposición require dun marco de lexitimación para seguir considerándose xusta. Que deveña inxusta é só, como vimos, cuestión de ir atopándose coas súas propias excepcións.
Sendo o sistema xudicial unha arma de dous gumes, cuxa neutralidade pode tanto quedar ao servicio dos oprimidos como xogar un rol decisivo na súa opresión, habería que replantexarse até que punto este leva funcionando na esquerda, máis que coma intrumento necesario para a loita, coma modelo a partir do cal entendermos a xustiza e a súa cumprimentación. O declive destes movementos na política representacional son xa de sobra coñecidos, abafados pola urxencia de acadar un poder que non queda precisamente do seu lado.
Por iso, faise necesario traballar outros camiños, outras posibilidades de acción que non tomen o castigo como único acto xusto, que asuman que a presunción de culpabilidade encerra no seu cerne esa alteridade radical respecto á cal cabe facer xustiza, e que esta, a xustiza, non se xoga na dicotomía entre a vinganza violenta e persoal e a delegación nun terceiro alleo da propia incapacidade de asumir ao outro. A acción xusta, pola contra, só pode ter lugar perante ao outro singular, e se en algo consiste é precisamente en asumir esa alteridade que nega a validez da propia lei. Aí ocorre ese axustamento polo que loitan os movementos de esquerda, cada un segundo a súa realidade social, e claro que acontecementos deste tipo son raros, mais non por iso debe deixarse de traballar na apertura dos espazos nos que poidan ter lugar.
O xusto tería sido que o policía e o xurado non proxectasen na rapaza mexicana toda unha serie de valores negativos que serven para protexerse fronte ao descoñecido. O caos violento contra o equilibrio racional. Inmigrante tiña que ser para perder os estribos cun meniño choromicas e optar por meterlle violentamente papeis na boca coa fin de facelo calar. O resto de veciños, enfermeiros e policías que axudaron, co boca a boca e as máquinas de osíxeno, a que a bola de papel se fose introducindo máis e máis até asfixiar completamente ao neno, tiñan só boas intencións. Por suposto que, unha vez no proceso, era preciso facer todo o posíbel para salvar á rapaza da condea, pero, con todo, aquilo no que hai que loitar por manterse é no camiño que vai dende a presunción de culpabilidade até a indecibilidade entre a culpabilidade e a inocencia.