MONOGRAFÍAS DE PENSAMENTO CONTEMPORÁNEO

Colección. Materiais e ferramentas Procomún.

Co obxectivo de avanzar na forxa dunha linguaxe e un vocabulario específico en galego que se faga cargo da problemática filosófico-política contemporánea; e co obxectivo, así mesmo, de afastarse da mera tradución do castelán no que a este punto respecta, propoñemos unha liña de textos monográficos sobre autores contemporáneos dirixidos tanto ao público universitario en xeral, como aos docentes de Filosofía que poidan ser empregados para iniciar unha investigación propia na obra dun autor, para cubrir un baleiro especifico dentro da teoría en lingua galega, e ao mesmo tempo poder dispoñer dunha escolma de textos do autor e para fixar un vocabulario conceptual inexistente en galego. Os textos os elaboran os investigadores/as do colectivo Proxecto Derriba tratando de que a precisión técnica e contemporaneidade non sexan un impedimento para o seu carácter pedagóxico.

Para a creación desta colección de volumes monográficos de pensadores/as se escolleron aqueles que se axustan á liña de investigación de Proxecto Derriba que colle os seus pulos na postmodernidade como aquel espazo vital que aínda se está pensando e que fusiona en homoxeneidade as distintas facianas da cultura, economía, política e, por suposto, filosofía. A visión da que partimos é de intervención, resistencia e oposición, en certa medida, con esta realidade de homoxeneización. Por elo, varios autores dos tratados parten dunha concepción emancipatoria da filosofía e da teoría en xeral e que cada un desenvolve ou innova ao seu xeito. Tanto Antonio Negri, como Fredric Jameson ou Slavoj Žižek desenvolven unha tradición marxista, dende a experiencia do laboratorio italiano, a crítica cultural ou a psicanálise lacaniana respectivamente. Félix Guattari representa o traballo na psicanálise por un camiño persoal e diferente e configura un armazón teórico moi potente para asumir a produción de subxectividade revolucionaria en oposición ao “Capitalismo Mundial Integrado”, chamado “Capitalismo tardío” por Jameson ou “Imperio” por Negri. Ademais Guattari foi colaborador habitual de Gilles Deleuze, influencia clara nos tres autores mencionados e fundamental na elaboración do pensamento postestruturalista en Francia xunto a Jacques Derrida, autor que non poderemos obviar na colección de monografías, por ser o cabalo motor da estratexia da deconstrución, tan útil na situación postmoderna actual.

Con todo, para profundar no concepto de postmodernidade alén de Jameson, buscamos tamén unha postura pouco sospeitosa de marxismo e vista dende unha perspectiva europea, tales son os casos de Richard Rorty e Gianni Vattimo; este último unirase, á súa vez, a Ulrich Beck no que respecta á reflexión sobre Europa e o seu papel na globalización capitalista.

Por último, non queremos rematar a colección sen propoñer unha pensadora de fonda raíz feminista que tamén desenvolve e asume a contemporaneidade dende a filosofía e o activismo político queer: Judith Butler.

Así mesmo, non vemos esta colección como pechada senón como posibilidade aberta ao afondamento noutras perspectivas e á ampliación do colectivo de escritores sempre dentro da liña indicada. Autores con posíbel tratamento andarían polo rego de Alain Badiou, Maurizio Lazzarato, George Bataille, Louis Althusser ou mesmo Jacques Lacan, Alexander Kluge e Oskar Negt.

Descarga aquí

Puntos á venda