d@n Hauser

“Todo aquilo que ten que ver co xogo das formas-de-vida
é susceptible dunha elaboración colectiva,
e que aí, onde este xogo se experimenta con sufrimento,
reside unha intensidade que o converte de entrada en algo político”

Cun rápido desprazamento dende aquelas figuras jüngerianas do traballador e o emboscado, trazadas coa intención de comprende-las claves existenciais do século XX que camiñan paseniño coas mutacións das condicións-de-vida en tanto que formas-de-vida, Bloom pódese ler como unha tentativa máis nesta necesidade de escaneo da presencia individual no presente capitalístico.

Como figura do “nihilismo consumado”, Bloom mana da evolución do Capital na era postfordista, do desvencellamento de calquera esquema inclusivo, ben sexa a nación, ben se trate do traballo -canto que profesionalización das formas-de-vida- ou calquera outra estrutura tecida a modo unitario: raza, sexo, relixión,… Bloom baleiro de suxeito, que rexeita o obxecto, Bloom interiorización da exterioridade que é NADA. Bloom oposto a -en guerra semiconsciente con- UN que pasa a se-la figura encontrada puxando por atrapa-la multiplicidade nómade do Bloom desarraigado dos liñamentos que esixiría a ditadura da mercancía autoritaria. Bloom non é NADA, máis como NADA asumida é a (im)posibilidade da emerxencia da diferenza, a partires da indiferenza ante calquera posibilidade de inclusión no UN. Bloom que foxe, bloom esquivo, inaprensible, e nese ser inasi(mila)ble a liberdade -máis a liberdade da emboscadura, a liberdade do “nihilismo metafísico”. Bloom Stimmung do CMI, ser-incompleto: “A incompletitude é o modo de ser de todo aquilo que se mantén en contacto coa potencia, a forma de existencia de todo o que está consagrado ó devir”. Bloom entón, como actualización desta condición inmanente.

Na era do Capitalismo cognitivo, Bloom fica preso da polaridade Espectáculo-Biopoder: esquema de mercado da obxectivación permanente, do fetichismo extensivo. Mais o que resulta non podería ter sido albiscado por ningún suxeito-de-poder na cúspide do sistema produtivo; das estratexias acéfalas pola inclusión na UNIDADE social que esixe a dinámica de mercado para o seu funcionamento, dos arranxos que promove con fracaso, á desubstancialización no estrañamento do Bloom que nos achega a un ethos da resistencia. A construción desesperada da identidade á que se forza ó individuo, o seu devir besta anómala no seo da aparente uniformidade, mostruo, é unha esixencia do mercado-UN quen, no seu transitar aleatorio, compón a ilusión do sistema, o Espectáculo. De aí ó avance acelerado cara a “militarización do desastre” ou a “Concentración da dominación”. Diriamos que a condición extrema do Bloom funciona como liña de fuga inesperada, a cal reclama accións directas para frear as posibilidades squizo que ameazan, e o seu verquido nas estruturas sociais e nos dispositivos de enunciación produto do mesmo proceso constituínte e constitutivo diso que chamamos o REAL. As ligazón sociais son mediatizadas polas relacións comerciais, e estas, á súa vez, producidas por un sistema de regulación non-material: o capital financeiro. Mais esta non-pertenza, estrañamento, evidenciación da incompletitude traballan como apertura cara o horizonte rizomático da diferenza: a alteridade é incluída no Bloom como determinación ontolóxica; a suplantación da unidade do suxeito pola vacuidade da NADA que revela esa incompletitude existencial inmanente. “Co Bloom queda ó descuberto a propia estrutura extática da presencia humana, a pura dispoñibilidade para deixarse afectar”

Non hai nada detrás: característica da máscara do espectáculo. A dualidade dentro fóra, interior (orgánico, meta-físico)-exterior (barreira, ilusión) desaparece. Valéry: “O máis profundo é a pel”. A TOTALIDADE do espectáculo co-incide coa negación do dualismo, pon en apuros ás resistencias arcaizantes que aínda beben das vellas ilusións platónico-medieváis da unidade, o ben e a verdade. En adiante, a construción ten que brotar da destrución, non da negación. “Non hai nada previo ó comunismo. Aqueles que pensaron o contrario, a forza de persegue-la finalidade, zozobraron con corpos e bens na acumulación de medios”