Programa:

 

 

21.04.2012 / oscar rodriguez de dios / telegrafías. tentativas para tropezar con outros/
Onde é que atopamos aos outros? Saímos na súa procura, rexistramos a nosa experiencia, anotamos as súas ausencias, debuxamos mapas, escribímos cartas, procuramos pistas, deixámoslles mensaxes, damos voltas ao redor da posibilidade: reservamos mesa, planeamos a cita; pero sobre todo, máis que nada, facemos todo o posible para evitalos.

26.04.2012 / abraham rubín /deconstrución e outro. unha fantoloxía do acontecemento /
Hai silencios, marcas, secretos, outros, que non son senón fantasmas que se repiten, asedian e esixen unha concepción de tempo afastado da presenza, onde o pasado insiste no presente e a apertura ao por-vir é precisa. O fantasma aparece, ve e d i marcas secretas e silenciosas que condicionan o noso ver e o noso facer na procura da apertura que deixe paso ao acontecemento.

04.05.2012 / beatriz blanco/ restos da(s) lingua(s): a escrita como síntoma /
“…+ o fin dun sistema económico pode deixar sobre a terra os mesmos sucos cunha guerra total” Como gardar os restos da negación violenta dunha lingua sen transformala en lingua maior, nunha nova instancia da Lei? Trázase así o problema do arquivo sobre o problema do suxeito ou soporte da escritura (subxectil o chamaremos seguindo a Derrida); tamén a esixencia dunha xustiza cara os restos máis aló do traballo. Tentamos neste “aquí e agora”, sempre diferido, reinscribir os restos da lingua e a lingua como resto seguindo as súas pegadas na escrita, e os efectos que esa reescritura a contrapel ten para as nocións de lugar, memoria, historia e corpo.


11.05.2012 / ramiro ledo/ reciclar a carraxe /

Tirando proveito do que aprendemos de Peter Weiss n’A Estética da Resistencia, sabemos que moitas das operacións que se poñen a andar na súa escrita se reflicten hoxe no cinema cando se trata de filmar a Historia. Videos e outras cousas, tamén ao redor da ocupación dun edificio en vésperas dunha folga xeral antes do 15M.

25 05 2012 /clara gayo/ sempre que penso no medo me ataca o amor /
Hai case tres anos escribín un texto sobre o medo que resultou un panexírico ao amor. Creo que dende aquela xa non volvín falar doutra cousa. É algo que sei agora, ás veces escribes sen saber o que. Isto é un simple paradoxo, non unha traxedia, eu tamén preferiría non ter que sair. Asi que aproveitarei a miña quenda para falar sobre o medo e construir de paso un culebrón. Non é a miña culpa, é o que vexo dende a ventá. Casas sen xente e xente sen casa. Voces sen rostro e rostros sen voz. Cousas asi. Variadas. Se queres que mude o tema, ponme un piso.

08.06.2012 /marta pérez pereiro/ errantes e místicas. andar sen rumbo no cinema contemporáneo/
“A embriaguez apodérase de quen camiñou longo tempo polas rúas sen meta ningunha. A súa marcha gaña con cada paso unha violencia crecente; a tentación que suporen tendas, bares e mulleres sorrintes diminúe cada vez máis, tornándose irresistible o magnetismo de cada esquina, dunha masa de follaxe ao lonxe, do nome dunha rúa. Daquela chega a fame. Ela non quere saber nada dos centos de posibilidades que hai para calmala. Coma un animal ascético, deambula por barrios descoñecidos ata que, totalmente esnaquizado, se derruba no seu cuarto, que o recibe friamente no medio da súa estrañeza”.

15.06.2012 /miguel mosqueira/ a xentileza da desesperación/
Polo xeral a xente non gosta de rir cando le. Talvez por unha tradición que asocia a lectura a un proceso penitencial, polo cal para aprender, para culturizarse, é preciso sufrir un pouco. Isto agudízase a partir do século XVIIi, momento no que o sistema capitalista comeza a eclosionar. A partir de aí, dentro da institución literaria non está ben visto, a priori, o aspecto humorístico. Desta maneira tentaremos detectar e analizar manifestacións de humor (humor negro en todo caso, aquel que se basea en elementos tristes e desagradables da realidade) en autores de prestixio da literarura universal que van de Kafka a Cid Cabido, pasando por Angela Carter, Ingeborg Bachmann, Raymond Carver, Rubem Fonseca…etc. Porque hai libros que só son tristes para persoas con sentido do humor, é dicir, só os lectores con sentido do humor saberán apreciar verdadeiramente a súa tristeza. Veremos en qué consiste tal sentido do humor e qué finalidade subersiva agocha por tras.

22.06.2012 /delmiro rocha/ a escritura poética ou a douta ignorancia/
-De verdade, alguén quere aínda hoxe ler poesía? de verdade? non ler “poesía de verdade” —pois todo indica que nunca foi unha verdade— senón: “ler poesía”!? mesmo escribila? O seu espazo está rematado e non tanto por infumable coma por inconsumible. É un produto pouco rendible. Ademais, de que falas? Como se anuncia? e para que? Non entendo. Dime, pois, que é? Que é, verdadeiramente? Que tipo de escritura é esa? -A escritura poética? a douta ignorancia…