D@n Hauser

1. A proposta ecosófica. Félix Guattari e as tres ecoloxías

Situamos, en primeiro lugar, a problemática a abordar no eixo que, pensamos, determina a urxencia da revitalización do procomún e da súa defensa: a ecosofía, entendida esta como o discurso que conecta os riscos ambientais ecoloxía ambiental, coa degradación social que provocan os desaxustes capitalísticos1 de acceso ós bens e recursos ecoloxía social, e cunha determinada produción do individuo que aparece coa emerxencia do novo sistema mundia e que vai orientada á introdución do corpo e a vida na máquina de produción material ecoloxía mental. De aí, quereriamos extraer algúns elementos fundamentais para a apreciación do fenómeno da expansión da acumulación do capital cara aos ámbitos que sobreviviron até o de agora a esta operación, así como á implantación dunha lóxica política aínda máis agresiva de priva(tiza)ción, que está a permite-la anulación dos novos e vellos territorios do común. A referencia básica para esta aproximación inicial é, pensamos, o traballo de F. Guattari, que leva a súa análise da produción de subxectividade ós terreos da materialidade do campo social e ambiental.

Dentro do seu percorrido analítico, resulta de vital importancia o desembocar na corrente ecolóxica, tanto a nivel político: membro do partido ecoloxista nos anos 80, como dende o ámbito teórico, coa publicación do seu derradeiro traballo Les trois écologies. A destrución medio-ambiental faise manifesta xustamente nun momento de máximo “esplendor” e “logros” da potente economía de mercado. Os excesos produtivos, a demanda cada vez maior de obxectos manufacturados, a explosión demográfica e a entrada de novas “potencias” no círculo pechado dos países “desenvolvidos” leva a una aceleración da degradación planetaria e a unha toma de conciencia dos riscos globais, de non se producir ningún cambio na dinámica económica, de non establecer ningún tipo de restricións ás agresións capitalísticas. Paralelamente, aínda que quizais non no conxunto global da poboación, imponse unha certa ideoloxía da irreversibilidade do proceso produtivo, baseada nos “logros acadados”, e unha lexitimación dos seus procedementos en medio dunha situación eclosionada2. Diríase que o consumo masivo funciona anulando as externalidades negativas que produce, e que se asume de forma xeneralizada a suavidade no tratamento dun problema que ameaza a totalidade da vida. A potencia mediática traballa xerando un clima de tranquilidade, pese ó constante fluxo de efectos negativos.

A situación cambiou?

Supostamente, a cuestión medio-ambiental é hoxe unha preocupación prioritaria nas políticas estatais3 e nos cumios internacionais onde se discute o imprescindíbel dun xiro no comportamento en e cara ó medio ambiente, porque o ritmo acelerado da produción e do mercado está a provocar paralelamente unha aceleración na degradación planetaria e nos atentados ambientais incontrolados, que ameaza ese suposto “benestar”. Parece que a incógnita en torno á supervivencia da especie nun planeta requentado, superpoboado e esgotado pola carencia de recursos, reactivou a concienciación colectiva, así como as estratexias de marketing empresarial. É a chamada “Economía verde”, que promove o “desenvolvemento sostible” instaurando unha nova ideoloxía que cuantifica dun xeito interesado e in-sostible os efectos ambientais. No canto de promove-la redución do consumo enerxético e material, aparecen as enerxías verdes que non solucionan, e aínda ás veces amplifican4, os efectos de degradación social e ambiental.

Mais o problema non está en deseñar un modelo enerxético ecolóxico, con recursos finitos para unha poboación mundial en crecemento exponencial, senón a proposta dunha reorientación existencial e social que produza unha redución efectiva na demanda (a tódolos niveis: material, enerxética,…). A cuestión ecosófica é a de como lograr un cambio na relación coa materialidade-mundo que deteña o proceso de deterioro, transformando as formas de vida capitalísticas. Trátase de entende-la relación que existe entre o Capitalismo Mundial Integrado (CMI), co seu sistema de produción de subxectividade, destinado a incrementa-lo consumo e en consecuencia a produción industrial, os modos de vida capitalísticos, cos seus sistemas de valores, relacións e equivalencias, e a destrución ambiental. Entender que un posicionamento ecoloxista ten que traballar á vez tres frontes: a das relacións sociais ou ecoloxía social, a das subxectividades ou ecoloxía mental e a do medio ambiente. “Só unha articulación ético-política que eu chamo ecosofía entre os tres rexistros ecolóxicos, o do medio ambiente, o das relacións sociais e o da subxectividade humana, sería susceptible de clarificar convenientemente estas cuestións”5. Unicamente unha acción conxunta sobre os tres estratos pode levar á reorientación do tráxico destino planetario e á supervivencia da especie humana sobre a Terra. “A crise ecolóxica remite a unha crise máis xeral do social, o político, o existencial. O problema aquí exposto é o dunha sorte de revolución das mentalidades para que cesen de avalar un certo tipo de desenvolvemento baseado nun produtivismo que perdeu xa toda finalidade humana”6. Levar a cabo un proceso de hixienización mental, que evidencie os procesos de subxectivación e desvista os dispositivos operantes, unha revitalización das relacións sociais que se deixen de rexer polos esquemas mercantís, para que se poida producir un cambio nos modos de vida que leven a unha convivencia co/no entorno, do cal dependemos, e á resolución dos conflitos sociais que produce o réxime acumulativo.

2. Procomún e ecoloxía mental

Comemos orde.

Nunca naceremos

J. A. Valente

Se partimos entón do primeiro polo desta pirámide ecosófica, atravesada pola problemática do procomún e das ameazas ás que este se ve sometido, enfrontámonos á cuestión da privatización e control dos dispositivos de enunciación. Así mesmo, abordariámo-la posibilidade da articulación de prácticas culturais que superasen esa apropiación por parte das estruturas capitalísticas, cara a unha reorientación na produción das subxectividades. O debate en torno a como se deba organiza-la cultura, o artellamento simbólico, a produción significante, pasaría a primeiro plano na intención de apertura do porvir. Que deba formar parte do procomún a este nivel, será fundamental para mante-las marxes de seguridade necesarias nos espallamentos de enunciacións diferenciais.

Asumindo entón a transformación do modelo ontolóxico subxacente a toda a análise esquizanalítica, e o xiro cara á multiplicidade operante na constitución do mundo capitalístico, dos seus significados e formas, das súas conciencias e comportamentos, é imaxinable pensar nunha mutación parella nas prácticas de re-existencia, condicionada sobre todo pola inversión rizomática na lectura do CMI e do seu produto final: as subxectividades. “Os sistemas arborescentes son sistemas xerárquicos que implican centros de significancia e de subxectivación, autómatas centrais como memorias organizadas. Corresponden a modelos nos que un elemento só recibe informacións dunha unidade superior, e unha afectación subxectiva de unións preestablecidas”7. Se o suxeito desaparece, desprazado pola emerxencia máis tanxible das subxectividades, o modelo analítico freudiano-marxista non vale. Se as estruturas arborescentes das modelizacións psicanalíticas ou os esquemas trazados polos marxistas escolásticos non abondan, será que falla o propio modelo constitutivo, o plano de acceso ó sistema. Polo tanto, nin superestrutura-infraestrutura, nin consciente-inconsciente, son útiles para unha proposta crítica porque partimos dunha cartografía que procede da inversión radical das ontoloxías clásicas; asumímo-lo rizoma contra as transcendencias sistémicas. Tomámo-la esquizanálise como modelo analítico e definímo-lo CMI como unha inmensa maquinaria que ten por obxectivo prioritario a produción de subxectividade.

Será fundamental ademais ver cal será a lóxica de análise, para asumir unha lóxica de resposta na organización dos dispositivos procomún. “Toda problemática micropolítica consiste, exactamente, en intentar dispoñer os procesos de singularización no propio nivel no cal emerxen. E isto co fin de frustra-la súa coopción pola produción de subxectividade capitalística”. “A cuestión micropolítica é a de como reproducimos (ou non) os modos de subxectivación dominantes”8. Tomando como referencias as cartografías esquizanalíticas, a praxe política será desprazada dos grandes procesos revolucionarios até as accións micro, centradas na análise das modelizacións capitalísticas, nos seus dispositivos e todo o traballo enunciativo que produce efectos significativos-significantes na totalidade das relacións sociais. A dinámica sistémica modela o conxunto das accións humanas, determina o seu comportamento social coa mirada fixa na conservación e desenvolvemento do propio sistema. O traballo máis importante será o moldeado conciencial, as determinacións axiolóxicas que se volven visibles coa culpabilidade manifesta trala transgresión da norma imposta, o establecemento dunha subxectividade en consoancia co proceso de produción en marcha. E iso afectará á totalidade da vida: relacións familiares, vida conxugal, relacións laborais. Todo debe quedar articulado, e toda relación social pasará a ser dalgún xeito parte das funcións capitalísticas.

Como inverter esta tendencia?

Guattari distingue dous tipos de ordenamento: molar e molecular. Enténdese a orde molar como aquela que “corresponde ás estratificacións que delimitan obxectos, suxeitos, as representacións e os seus sistemas de referencia”9. En xeral é o tipo de organización característica do CMI, que elabora un peche de significados e delimita o campo do real-posible. Moleculares son as cartografías rizomáticas do real, asumi-lo devir, os fluxos de intensidades, os entrecruzados de enunciados subxectivantes. Paralelamente teremos dous modelos de acción-resposta, en función de se se asumen ou non as formacións clásicas de resistencia ou se se propoñen modelos alternos tanto analíticos coma pragmáticos. Certo que Guattari non se separa completamente dos modelos de acción molares, no sentido de que incluso as institucións son útiles en determinados momentos, ou os partidos políticos poden ter a súa función no proceso de confrontación, pero si que bosquexa a posibilidade dun novo modelo baseado nos resultados esquizanalíticos. As revolucións moleculares deben de entenderse como ese traballo constante de desvelamento dos procesos de subxectivación, asumindo a súa transversalidade característica, froito do entrecruzamento rizomático da acción dos diferentes dispositivos que nos leva a ese traballo micro, a esa acción sobre os diversos elementos, para tomar distancia e liberar ó individuo da sobrecodificación totalitaria. As accións micropolíticas atenderán, en primeiro lugar, a xerar dispositivos de análise que sinalen as operacións capitalísticas de arranxo enunciativo, as formacións de desexo e as súas continuas singularizacións, e buscarán despois na produción de disposicións de enunciación colectivas alternativas, que teñan unha finalidade outra ca da produtividade capitalística, e buscando unha recuperación vitalista do tempo e do corpo. Precisamente Oury e Guattari buscaban aproveita-las patoloxías mentais dos enfermos tratados en La Borde para construír, a partir do seu estado de desconexión con tódolos mecanismos e semiotizacións operantes no mundo “dos normais”, novas posibilidades enunciativas que deran lugar a formas de vida alternativas, entendendo así a patoloxía mental como unha posibilidade emancipatoria. Á fin e ó cabo do que se trata é de crear espazos de liberdade no interior (xeográfico) do Capitalismo Mundial, que ameacen a orde semántica dada por medio de pequenas fisuras que esnaquicen a uniformidade do discurso capitalístico.

Os espazos de contaminación non propietaria traballan á marxe dos intereses do CMI. A centralización dos focos de enunciación, a mans de corporacións mediáticas, é unha apropiación ilexítima dos canais significantes e supón a anulación de posibles vías alternas, que se ven desprazadas pola potencia virtual dos dispositivos molares. A cuestión é a de considera-lo carácter procomún dos dispositivos de enunciación, i.e., a necesidade de que os espazos onde se produce a fixación significante, permanezan nas marxes non utilitarias, por tanto se rixan por un sistema de normas alleas á lóxica capitalística, aberta ós pulos utópicos do in-esperado. A apropiación destes dispositivos polas estruturas do sistema conduce inevitablemente á posta ó servizo deste, polo tanto a un traballo sobre as subxectividades orientado á permanencia do proceso acumulativo, e polo tanto condenado a seguir na dirección do esgotamento material e enerxético, así como da perpetuación da conflitividade social.

Opoñer grupo-suxeito a grupo-sometido, toma-las rendas do proceso enunciativo, sempre colectivo, sempre socializado. O grupo-sometido adopta o discurso dominante, asume e incorpora as categorías que dicta o sistema a través dos diferentes dispositivos enunciativos. Os mass-media, as estruturas familiares, as xerarquías sociais,… Todo un universo maquínico para dar forma ó informe acontecido. É preciso organiza-lo real para conxura-lo caos. É necesario un plano de orientación na diversidade inconexa das intensidades. A cuestión é a de se o modelo ten que ser raíz ou rizoma; asumi-las disposicións de enunciación colectivas, singularizadas por procesos discursivos mediatizados e capitalizados, ou dar orixe a múltiples discursos, colectivos e emancipatorios. Queremos afronta-la transversalidade da subxectividade ou voltar á organización que ditamina un sistema desposuído de calquera posibilidade de pervivencia? O grupo-suxeito postúlase fronte; fai fronte á norma. É posible dar lugar a enunciacións colectivas con fins libertarios, partindo do modelo analítico da esquizanálise, e levando a cabo un desenmascaramento xeral das estruturas capitalísticas. Funcionará como grupo e en calquera lugar onde se abra a necesidade dun cuestionamento xeral dos modos de vida, dos contidos da conciencia, do comportamento ecolóxico. “Non se trata de volver os basamentos arcaicos dun déjà-là cultural da subxectividade; polo contrario o que se buscaría rescatar é a necesidade de crear condicións para a produción dun novo tipo de subxectividade, que sexa capaz de singularizarse e que atope as vías da súa especificidade”10.

Manter e promover dispositivos de enunciación colectiva é, neste sentido, vital de cara a provoca-la emerxencia das formas de vida outras. A procomunalidade destes dispositivos será fundamental se queremos preserva-la enunciación á marxe das produtividades capitalísticas, e permiti-lo nacemento ou apertura ó imposible. Mante-la neutralidade da internet, hoxe ameazada tralas presións internacionais estadounidenses, coa forma da ACTA11 (Anti Counterfeiting Trade Agreement), tentativa de unifica-lo control sobre as redes de comunicación, baixo pretexto de defende-los “mercados creativos” de falsificacións e “piratería”, é de vital importancia. Os movementos de territorialización das comunicacións, inevitables mais revertibles, son a meirande ameaza contra a proliferación de espazos de contaminación, de procesos de enunciación colectiva12.

3. Procomún e ecoloxía social

Móvanse, circulen gritou a policía

á congregación de mercadorías

J. Riechmann

Podemos dicir que estamos na primeira “orde mundial” en sentido estrito, por canto esta universaliza as súas prácticas, coa consecuente universalización das súas formas sociais, modos de vida, obxectos de desexo,… Ó mesmo tempo, forma parte do modelo económico que emerxía trala revolución industrial como Capitalismo, centrado agora sobre o capital-financeiro, cun sistema de equivalencias entre os valores de obxectos e suxeitos (tempo de traballo – forza de traballo) que se establece a modo totalizante, abarcando tódolos ámbitos da vida social. “O capitalismo, o “método” do Capital, será considerado como un procedemento específico de valorización das mercadorías, os bens, as actividades e os servizos, fundado nuns sistemas de indexación e de simbolización que dependen dunha sintaxe particular e que permiten sobrecodificar e controla-la súa xestión […]. Dende un segundo punto de vista, o capitalismo aparecerá máis ben como xerador dun tipo particular de relacións sociais; as leis, os costumes e as prácticas segregativas pasan aquí a un primeiro plano”13. É integrado no que respecta ó seu carácter omniabarcante da totalidade do planeta e de tódalas actividades humanas. Coa nova forma que toma o capitalismo a partires da desaparición dos bloques e a conseguinte anulación da bipolaridade Leste-Oeste, tódolos países quedan “integrados” no sistema de ordenación capitalística. A súa participación na consolidación do CMI queda patente coa apreciación de zonas dentro do que se denomina “Terceiro Mundo”, de sistemas relacionais, modos de vida vinculados ó “primeiro mundo” e viceversa. A ordenación xeográfica dos antagonismos de clases deixa de funcionar, e prodúcese unha nova estratificación que non respecta Estados-Nación nin clasificacións profesionais. Ademais, dáse unha desaparición dos límites xeopolíticos occidentais que se representa na inclusión do Terceiro Mundo nas economías mundiais, ben sexa no que respecta ás materias primas ou ós recursos enerxéticos14. O que dende agora suceda nestas rexións, teoricamente exteriores ás economías occidentais, será fundamental para os equilibrios financeiros dos países “ricos” e en consecuencia para todo o estilo de vida profesado, co cal o control sobre as súas cúpulas de poder será totalmente imprescindible.

A súa consolidación ven dada por un dobre movemento. Por un lado asistimos a unha práctica xeral de desterritorializacións, onde familia, relixións, comportamentos sociais “arcaicos” son anulados debido á súa incompatibilidade co mercado. Prodúcese entón unha especie de visión de liberdade xustificada coa desaparición de vellos sistemas de referencia social, de estratificacións e vínculos establecidos que simulan “libera-lo desexo”. Mais por outra banda e simultaneamente estase a producir un novo sistema de sometemento xeral dos neo-liberados que de novo cerca territorios, que de novo fixa os modos de vida aceptables, aínda que agora no contexto dunha inmensa maquinaria de alcance global e un sistema referencial sen disidencias internas nin externas. O Estado-Nación deixa paso ó mercado mundial que substitúe as súas institucións por outras novas que asumen a totalidade das súas competencias (F.M.I., O.C.M.,…). “Unha desterritorialización dos modos locais de semiotización dos poderes; modos locais, que caen desta sorte baixo o control dun sistema xeral de inscricións e de cuantificación do poder. Unha reterritorialización de este último sistema nunha formación de poder hexemónica: a burguesía dos Estados-Nación”15 De feito, o Estado xa non ten máis función que asegura-la orde interna, dispoñe-los corpos e as forzas de actuación para que a máquina mundial avance. As decisións saen agora dos desregulados mercados bolsistas, das xuntas directivas das grandes multinacionais, das reunións empresariais transnacionais. As decisións políticas xogan a favor dos mercados mundiais e instálase nas conciencias a necesidade do crecemento económico infinito, sen ter en conta as nefastas consecuencias directas. Os grandes beneficiarios: as burguesías primeiro-mundistas.

Guattari rexeita denominar países subdesenvolvidos á rexión que integra o Terceiro Mundo. “O que caracteriza ó Terceiro Mundo non é que os países son subdesenvolvidos, senón que son explotados e dominados. A noción de subdesenvolvemento é insuficiente, posto que se nega a ve-la vinculación orgánica entre o atraso de certos países e o adianto de outros”16. É dicir: pódese descubrir a un nivel básico a operación significante que relaciona as causas do desequilibrio mundial co “atraso” dos oprimidos, desentendéndose dos “danos colaterais” que produce o acopio masivo de recursos para favorece-lo consumo exacerbado nas rexións do mundo privilexiadas. Por outro lado, non hai que esquecer que podemos atopar no interior das economías occidentais amplas rexións terceiro-mundistas, froito do desenvolvemento diferencial promovido polas políticas económicas levadas a cabo polos países capitalísticos. O CMI promove as desigualdades dentro e fóra dos microsistemas, a súa dinámica de crecemento infinito dá lugar tamén a un proceso de decrecemento absoluto e miseria. A nova mirada, unha óptica crítica da situación mundial deberá de ter sempre en conta esta influenza mutua e necesaria entrámbalas partes da balanza global. Deberá amosa-la inviabilidade do sistema capitalístico, dado o seu potencial catalizador no aumento das desigualdades e o seu potencial destrutor de ecosistemas naturais.

O esencial do CMI é o cambio de obxectivos. Pasamos dun capitalismo centrado na produción de mercadorías, baseado na alienación do obreiro, a posesión dos medios de produción e o furto da plusvalía, a un novo sistema que ten por preocupación máxima a produción de subxectividades. A segmentaridade transmútase na escena global: da dualidade Leste-Oeste á bipolaridade Norte-Sur; difumínase no interior da maquinaria: a loita de clases desaparece coa fragmentación da clase subxugada. O concepto de clase social xa non serve; a análise agora ten que (des)estruturarse en estratos, concepto móbil, líquido, variable. Unha clase sempre é oprimida, mentres que un estrato funciona arriba e abaixo, oprime dende a propia situación de opresión. Un individuo no contexto laboral pode ó mesmo tempo estar exercendo unha labor de explotación sobre un inferior, e non ser máis ca un explotado a outro nivel, por un superior. “Os traballadores “trabállanse” a si mesmos no momento mesmo en que traballan para a produción de bens de consumo. Nun ou noutro sentido, todos participan na produción de control e de represión. En efecto […] nunha mesma xornada un mesmo individuo non deixa de cambiar de rol: explotado na fábrica ou na oficina, tórnase á súa vez explotador na familia, na parella, etc.”17. O CMI válese das máquinas de disposición de subxectividade para separar estratos en similar situación desfavorecida, dando lugar a unha multiplicidade de relacións de poder que non culminarán xamais no desenlace dunha acción social común e concreta. De aí a importancia do control sobre as conciencias, da disposición de subxectividades, dos mecanismos de enunciación e semiotización. Deste xeito, unha vez fixados mundo e significacións, que abarcan modos de vida, valores e valorizacións, planos de orientación inmóbiles, estruturas mentais e “boas conciencias”, o proceso transfórmase nun conxunto de máquinas funcionando coordinadamente para o seu autoabastecemento, que vai medrando en alcance, consecuencias e desastres, e en cuxo seo toda disidencia semella “unha tolemia”. “A orde capitalística pretende impoñer ós individuos que non vivan senón para un sistema de intercambio, para unha traducibilidade xeral de tódolos valores, máis aló dos cales todo está predisposto para que o menor dos seus desexos sexa percibido como asocial, perigoso, culpable”.18

O desexo dictamínao o sistema. O desexo sempre é “desexo de” e é o obxecto de desexo o que determina ou dá lugar á relación de desexo. Por iso é sempre primeiro colectivo (social) para individualizarse, singularizarse despois, unha vez manufacturado. O desexo prodúcese a través das disposicións colectivas de enunciación, elaboradas dende as máquinas-dispositivos que compoñen o CMI. “Un punto programático primordial da ecoloxía social será facer transitar esas sociedades capitalísticas da era “mass-mediática” cara a unha era pos-mediática, entendendo por iso unha reapropiación dos “medias” por unha multitude de grupos-suxeito, capaces de dirixilos cara a unha vía de resingularización”19. O característico no capitalismo contemporáneo é que distribúe a totalidade do tempo humano no interior das relacións de produción, incluíndo tempo de lecer ou o chamado “tempo libre”. Na medida en que a totalidade da vida está sometida a relacións mercantís, o individuo está inserto na cadea de produción a totalidade do seu tempo vital. “O conxunto dos valores de desexo é reordenado nunha economía baseada nunha dependencia sistemática dos valores de uso respecto dos valores de cambio, até o punto de despoxar de todo sentido a esta oposición categorial. Pasear libremente por unha rúa ou polo campo, respirar aire puro, cantar a viva voz, volvéronse actividades cuantificables dende o punto de vista capitalista. Os espazos verdes, as reservas naturais, a libre circulación, teñen un custo social e industrial”20. É nesta liña que podemos aprecia-la gravidade da estrutura e o específico desta mutación do Capital, na medida en que transforma o modo de ser humano en relacións de produción, e na medida en que universaliza o seu alcance e totaliza a súa influencia. Negarse ó consumo, ben sexa de bens “materiais” ou de “cultura de masas”, é estar fóra do sistema, é deslexitimar un modelo económico que garante as desigualdades, alimenta xenocidios e xera conflitos ”a distancia”. Pero quizais a pregunta hoxe en día sexa máis ben a de se a universalidade da potencia capitalística, que non o esquezamos, opera sobre significantes fixando a realidade do mundo, non deixa escasa marxe de manobra. Parece que, en calquera caso, aínda asumindo o lema alter-mondialiste do “outro mundo é posible”, si que urxe unha transformación dos modelos de análise e das estratexias de actuación. A visión macroscópica deberá ser substituída por unha atención ó pequeno que traballa no interior do sistema, a análise ten que enfoca-las sucesivas disposicións de enunciación colectiva e as accións revolucionarias constituírse molecularmente.

4. Procomún e ecoloxía medioambiental

Ó dicir de Naredo21, o xerme do capitalismo financeiro da mutación cara á inmaterialidade como reguladora da produción global poderíase cifrar no século XVIII, no momento en que se separan definitivamente os dous discursos sobre o oikosa casa dos gregos. “A idea de sistema económico que permitiu a consolidación da economía como disciplina, e que ven monopolizando até hai pouco a reflexión dos economistas, tomou corpo alá polo século XVIII, tal e como se detalla no libro La Economía en evolución (Naredo 2003). Foron os economistas franceses desa época hoxe chamados fisiócratas os que instalaron o carrusel da produción, do consumo, do crecemento e demais pezas constitutivas da idea usual de sistema económico22. Se até ese momento non se podía entender unha xestión da produción de bens e emprego de recursos sen ter en conta os límites da materialidade, a agotabilidade do sistema enerxético no que se atopaban os grupos humanos, etc., a partires desta separación, non supuxo un problema maior a idea de producir á marxe dos recursos dispoñibles. Pasouse entón a elaborar dous discursos separados e antagónicos: o da ecoloxía, por unha banda, que refire a certo coñecemento dos funcionamentos dos sistemas naturais, e o da economía, que regula as posibilidades de acumulación de capital e se materializa na ideoloxía do “crecemento indefinido”. Así mesmo, o outro fenómeno clave para o futuro da construción do sistema financeiro sería a Conferencia Bretton Woods23 (1944), na que se enfrontan a decadente hexemonía inglesa de posguerra coa nacente potencia imperial gringa. Keynes perde a negociación sobre a constitución dunha moeda de cuñación internacional, regulada por un banco transnacional, perante a proposta dos U.S.A., claramente nunha situación privilexiada para impoñe-lo seu criterio. Nese momento a moeda que regulará as transaccións internacionais pasa a estar controlada por un país, que ademais terá o poder de emitir cantos billetes queira en función das súas necesidades. Anos despois, nos 70 de Nixon, a correlación co ouro queda suprimida, co que se dá renda solta á especulación financeira. Segundo Naredo, o poder imperial dos U.S.A., baseouse nesta situación de privilexio monetario, que fai do país un reclamo para inversións do resto do mundo, e permite sufraga-la débeda externa máis elevada do planeta. Polo mesmo, esta capacidade infinita de endebedamento acelera o consumo material de recursos en áreas alleas ás fronteiras nacionais o consabido fenómeno das deslocalizacións, e a reorientación das economías ricas cara o sector servizos, seguindo a tendencia que marca a chamada “curva de notario”24.

Xa dende os anos 70, co famoso ensaio de Georgescu Roegen The entropy Law and the Economic Process (1971)25, discutíase sobre a agotabilidade do sistema natural en base á famosa aplicación do rumano da “Lei da entropía” na ciencia económica, así como sobre a necesidade de comezar un proceso de decrecemento sostible que revertese os signos de esgotamento enerxético e material que se estaban a dar coa aceleración do sistema capitalístico. Centra-lo modelo económico no crecemento indefinido é, para estes autores, un absurdo de orixe na alquimia, sen ningunha posibilidade de éxito, insostible a nivel ambiental, e que provoca os desaxustes xa mencionados a nivel social. O crecemento experimentado polo mundo occidental nas últimas décadas conduciu a un deterioro sen precedentes no que respecta a ambos factores, chegando a poñer sobre a mesa unha data non moi lonxana, na que se entraría nun irreversible. O Informe Medows, redactado polo Clube de Roma no 1972, sinalaba a imposibilidade de manter o crecemento actual de Occidente, e de estendelo ó resto do planeta, atendendo ó aumento insostible da chamada “pegada ecolóxica”26.

Neste proceso de acumulación de capital27, prima a privatización dos recursos naturais, agora xa só un elemento máis do proceso produtivo non o máis importante, e a agresión fronte ás fronteiras dos commons28. A necesidade cada vez maior de recursos para o movemento da máquina capitalística, leva á guerra polo control das fontes de surtido dos mesmos, fomentando a destrución ambiental e os conflitos socio-políticos. “A natureza libre e os bens comúns (a auga e o petróleo) véñense privatizando, ó tempo que se establecen mecanismos para dar un prezo á natureza -ós sumideiros de carbono-, e para xerar mercados para as transaccións de dereitos de contaminación na compravenda de bonos de carbono”29.

O pretexto para xustifica-las apropiacións, está baseado no que G. Hardin chamou The Tragedy of the commons (1968); non é viable unha xestión colectiva dos recursos dado que cada individuo tratará de obter da propiedade común o maior beneficio: é a ameaza do “abusón”. Polo tanto, a mellor maneira de optimiza-los recursos naturais, segundo Hardin, é facendo desaparece-los commons, pola vía da privatización. “A traxedia dos recursos comúns desenvólvese da seguinte maneira. Imaxine un pastizal aberto para todos. É de esperarse que cada pastor intentará manter nos recursos comúns tantas cabezas de gando como lle sexa posible. Este arranxo pode funcionar razoablemente ben durante séculos gracias a que as guerras tribais, a caza furtiva e as enfermidades manterán os números tanto de homes como de animais por baixo da capacidade de carga das terras. Finalmente, sen embargo, chega o día de axustar contas, é dicir, o día en que se volve realidade a longamente soñada meta da estabilidade social. Neste punto, a lóxica inherente ós recursos comúns inmisericordemente xera unha traxedia. Como ser racional, cada pastor busca maximiza-la súa ganancia. Explícita ou implicitamente, consciente ou inconscientemente, pregúntase, ¿cal é o beneficio para min de aumentar un animal máis ó meu rebaño?”30. A contra-argumentación pódese seguir sobre todo da man das investigacións de Elinor Ostrom, que no seu Governing the Commons: The Evolution of Institutions for Collective Action31, analiza varios casos de xestión comunitaria dos recursos procomún, procesos cun elevado grao de éxito. A forza do argumento de Ostrom estaría na evidencia do mantemento dun sistema de regulación interno a estes dispositivos de xestión, así como en defender a necesidade do mantemento dos commons como a mellor maneira de garanti-la súa supervivencia. Diríamos, entón, que a anulación dos procesos de xestión colectiva dos commons pode ser contradita, e que as estruturas sociais descentralizadas, de organización comunitaria para a administración dos procomúns, son desexables e eficaces. A súa defensa dos commons pódese levar na actualidade ó plano dos obxectos inmateriais, que fan emerxer novos territorios do pocomún, e que supoñen a punta de lanza das priva(tiza)cións propias do capital inmaterial. A apropiación de código xenético, patentes sobre fármacos e sementes, en definitiva a usurpación de coñecemento, é fundamental para estas novas prácticas de territorialización que funcionan no CMI. A nova propiedade reguladora, a propiedade intelectual, é a que determina a produción material e, polo tanto, a sobre-explotación dos recursos dispoñibles.

É certo que a chamada “desmaterialización da economía” coido que, cando menos ás veces, erroneamente confundida coas teses post-marxianas do capitalismo cognitivo, agocha a realidade da produción: que ten lugar máis aló das fronteiras imperiais, que no seu interior esixen cada vez máis, mentres se constrúe o discurso da sociedade da información. A “pegada ecolóxica” medra, a reclamo dos custes da vida dos primeiros mundos, e pese a ignorancia destes no tocante ós efectos das formas de vida capitalísticas. É interesante analizar esa construción ideolóxica, que ten na economía ambiental a base para a xustificación do “crecemento sostible”. “Sabemos que Decrecemento Sostible significa un decrecemento económico que sexa socialmente sostible. En troques diso durante vinte años, dende 1987 e o Informe Brundtland das Nacións Unidas, o slogan ortodoxo foi o Desenvolvemento Sostible, que significa crecemento económico que sexa ecolóxicamente sostible. Sabemos sen embargo que o crecemento económico non é sostible ecoloxicamente”32. A idea de que se pode intervir no desenvolvemento dos procesos de produción, sen renunciar ás teses do crecemento, é a ideoloxía máis arraigada do momento. Recordaremos que o nacemento do concepto de desenvolvemento de debe a Truman: “Wolfgang Sachs e os demais autores que participaron na redacción do Dicionario do desenvolvemento propuñan chamar por primeira vez “era do desenvolvemento” ó período histórico particular que comezou o 20 de xaneiro do 1949, día no que o presidente de Estados Unidos Harry S. Truman no seu discurso de investidura definiu por primeira vez ós países do Hemisferio Sur como “áreas subdesenvolvidas”33. Con este acontecer enunciativo, dáse entrada á ideoloxía dominante durante o resto do século XX e do que vai do XXI, lexitimando a expansión colonial de novo signo comercial, así como a ampliación das pretensións non-sostibles de occidente ó resto do planeta.

5. Procomún e territorios Tres frontes abertas

Pecharíamos entón este percorrido analítico cunha reformulación da problemática do procomún, adaptada á estruturación ecosófica:

Entendemos que un primeiro punto de incidencia, unha primeira estratexia de defensa, crucial para o cuestionamento das formas de vida, pasa pola reapropiación dos dispositivos de enunciación, á fin de garanti-la continua incidencia nos procesos de subxectivación. Esta fronte ábrese na loita polos procesos e prácticas culturais inclusivas, e pola implementación de áreas/espazos de contaminación e enunciación colectiva, ben sexan estes molares ou moleculares.

Un segundo plano vén dado polas estruturas socioeconómicas que se derivan dunha determinada produción de subxectividade, incidindo na posibilidade de organización comunitaria para a xestión de determinados procomúns. Alén diso, o cuestionamento das estruturas sociais que traballan pola individualización característica das lóxicas de libre mercado, buscando formas de organizacion social que manteñan e amplíen o procomún como forma básica de sostibilidade social.

Un terceiro lugar de incidencia está na defensa dos ecosistemas, dos recursos enerxéticos, na súa optimización e coidado, e na volta ó paradigma que vincula os dous oikos, entendendo entón a economía bioeconomía como a ciencia que ordena a correcta utilización dos recursos dispoñibles.

Versión en Castelán pdf

_________________________________________________________________________________

NOTAS:

1 Guattari emprega este termo para distanciarse do capitalismo entendido en sentido clásico-decimonónico.

2 Semella interesante o concepto de Wallerstein de “Economía-Mundo-Europea”. Cf. WALLERSTEIN, I.: El Capitalismo Histórico. Ciudad de México,Siglo XXI, 1988.

3 Inclusive con representación ministerial no caso dalgúns países.

4 Habería que botar unha ollada ós conflitos ecosociais en América Latina, coa entrada deste novo maná das enerxías limpas. Un caso xa popular é a instalación de campos eólicos no Itsmo de Tehuantepec, Estado de Oaxaca, México.

5 GUATTARI, F.: Las Tres Ecologías. Valencia, Pre-textos, 2000, páx. 8.

6 GUATTARI, F.: Caosmosis. Buenos Aires, Ed. Mananantial, 1996, páx. 145.

7 DELEUZE, G. – GUATTARI, F.: Rizoma: Introducción. Valencia, Pre-textos, 1997, páx. 37.

8 GUATTARI, F.: Micropolítica. Cartografías del deseo. Madrid, Traficantes de Sueños, 2006, páx. 155.

9Ibíd., páx. 370.

10 Ibíd., páx. 65.

11 <http://es.wikipedia.org/wiki/Anti-Counterfeiting_Trade_Agreement>

12 O caso español ronda o delirio. A proposta do Ministerio de Cultura, moi seguramente presionado polos lobbies “creativos”, de montar unha comisión paralela e allea ó poder xudicial para non ter que pregarse ás decisión dos xuíces que negan a legalidade dos procedementos que reclama a industria, pode conducir a unha situación moi perigosa. A posibilidade, xa sinalada e debatida polo movemento de resistencia que se xerou unha vez coñecida a intención do goberno, de que esa suposta defensa das “creacións” se empregue para pechar plataformas de enunciación na rede, é ben real e supón unha agresión contra estas dinámicas de organización social, dende un procomún como é a internet.

13 GUATTARI, F.: Plan sobre el Planeta. Mapas. Madrid. Traficantes de Sueños, 2004, páx. 99.

14 O economista libanés, Georges Corm, amosa esplendidamente ben as sucesivas incursións das potencias occidentais en todo oriente medio dende a desaparición do imperio otomano. Son de resaltar as relacións que establece entre as economías de ambos mundos e en especial as consecuencias que se derivan da “tímida” subida dos prezos do barril nos anos setenta. A chamada Guerra Fría, que non produce senón pequenas crises no primeiro mundo, cébase con esta rexión do planeta que intentan repartirse entre rusos e estadounidenses. Curioso que do desenlace dos conflitos árabe-israelíes, desfavorable para os grupos de influencia socialista e vitorioso para as monarquías wahabbitas e demais escisións radicais do Islam, apoiados e armados polos U.S.A, volve a ser relevante na escena global. Cf. CORM, G. : Le Proche-Orient éclaté. París, Gallimard, 2003.

15 Ibíd., páx. 75.

16 GUATTARI, F.: Nueve Tesis de la Oposición de Izquierda, en Psicoanálisis y Transversalidad. Buenos Aires, Siglo XXI, 1976, páx. 130.

17 GUATTARI, F.: Plan sobre el Planeta, páx. 92.

18 Ibíd., páx. 91.

19 GUATTARI, F.: Las Tres Ecologías. Valencia, Pre-textos, 2000, páxs. 65-66.

20 GUATTARI, F.: Plan sobre el Planeta, páx. 90.

21 Cf. NAREDO, J. M.: Raíces económicas del deterioro ecológico y social. Madrid, Siglo XXI, 2010.

22 Ibíd., páx. 4.

23 <http://es.wikipedia.org/wiki/Acuerdos_de_Bretton_Woods>

24 Medición que representa a alta valorización do sector servizos (actividades de alto valor engadido), fronte á baixa valorización dos sectores da economía produtiva.

25 Cf. ROEGEN, G.: The entropy Law and the Economic Process. Harvard University Press, 1971.

26 A ‘pegada ecolóxica’ é a que reflicte a cantidade de territorio necesario para produci-los bens que reclama un consumidor: “El área de territorio ecológicamente productivo (cultivos, pastos, bosques o ecosistemas acuáticos) necesaria para producir los recursos utilizados y para asimilar los residuos producidos por una población dada con un modo de vida específico de forma indefinida”. <http://es.wikipedia.org/wiki/Huella_ecol%C3%B3gica>

27 Cf. WALLERSTEIN, I.: Op. Cit.

28 Un caso tipo podería se-lo do millo mexicano, recentemente sometido ás agresións privatizadoras das corporacións que están a forzar a introdución dunha variante de planta transxénica, presumiblemente para facer de esta unha fonte de recursos enerxéticos “limpos”. Hai que considera-la destrución que a entrada desta nova variante produce nas cepas anteriores, ó quedar demostrada a incompatibilidade con esas cepas orixinarias froito de milleiros de anos de evolución e cultivo procomún. A nova variante introducida fará, segundo os científicos, que desapareza este procomún e se vexa suplantado por un control patentado da nova semente. Máis en <http://www.unionccs.net/>

29 LEFF, E.: “Decrecimiento o Desconstrucción de la Economía: Hacia un Mundo Sustentable, en ‘Unión de Científicos Comprometidos con la Sociedad’,

<http://www.unionccs.net/article.php?story=hacia-un-mundo-sustentable>.

30 HARDIN, G.: “La tragedia de los bienes comunes(1968), en

<http://www.eumed.net/cursecon/textos/hardin-tragedia.htm>

31 Cf. OSTROM, E.: Governing the Commons: The Evolution of Institutions for Collective Action. Cambridge University Press, 1990.

32 MARTÍNEZ ALLIER, J.: “Decrecimiento Sostenible”, en <http://reggio.wordpress.com/2009/02/23/decrecimiento-sostenible-de-joan-martinez-alier-en-sinpermiso/>

33 BAZZACO, E.: “II mito del desarrollo: the central organizing concept of our time”, en ‘Derriba de Textos’: <http://proxectoderrba.org>