Paula P. Álvarez

 No mundo, nas nosas vidas, ocorren a cotío multitude de sucesos que, en ocasións, se transforman en noticias e pasan a formar parte dunha realidade construída que excede ao individuo, dunha realidade social que afecta á comunidade enteira. Á selección do repertorio das historias que son quen de converterse en protagonistas dos informativos –e dos medios en xeral– dedícanse moitos profesionais nas redaccións coa pretensión de elevar ao coñecemento do público o máis importante do acontecido; escollen uns feitos, danlles forma de nova e intégranos nunha unidade maior: nun xornal, nun informativo, nun programa…

Desde esta premisa, dáse por suposto que hai sucesos que, obxectivamente, son máis importantes ca outros e, polo tanto, son os que teñen que ser coñecidos1 por vía da súa conversión en noticia. Estes eventos son os acontecementos públicos, os sucedidos2 que teñen importancia dabondo para virar parte da experiencia en calidade de noticias (Molotoch e Lester, 1975).

Da multitude de sucedidos diarios os traballadores e traballadoras dos medios articulan as noticias, manipulan e danlles forma a anacos desa realidade para presentárnola como unha sucesión de microrrelatos, de maior ou menor duración, que se poden aprehender –na forma e no fondo– e que conforman un relato maior e pechado, un informativo de televisión.

O traballo cotián faise desde diferentes posicións: desde a ideoloxía, desde a política, desde a profesionalidade, desde a independencia… pero o punto de partida e o fin sempre son os mesmos: presupoñer que unhas historias teñen máis importancia ca as outras para o conxunto da sociedade e que, polo tanto, teñen que ser emitidas.

Se ben é certo que a selección de que acontecementos son públicos e cales non o son é discutible, tamén o é que algúns sucedidos son, sen dúbida, de interese xeral e teñen que ser de dominio público, hai que informar acerca deles necesariamente, e unha das funcións dos medios de comunicación públicos é precisamente esta. É responsabilidade deles que as persoas saiban o que pasa ao seu redor3. O afundimento do Prestige fronte ás costas galegas en novembro de 2002 e a vaga de lumes que sufriu Galicia en agosto de 2006 son dous exemplos. Ambas as dúas catástrofes foron o suficientemente importantes como para que os medios públicos e o poder usaran a súa capacidade de convertelos en acontecementos públicos.

Os medios de comunicación públicos –e privados– tiñan a obriga de incluílos nas súas axendas. E así foi, aínda que de xeito ben diferentes. Tamén as consecuencias foron diferentes, tanto no acceso da cidadanía á información como en canto á súa resposta con respecto aos medios (en particular cara á TVG).

A primeira nova que tiven do afundimento do petroleiro foi cando vin saír do seu despacho a entón directora de informativos da TVG berrándolle a toda a redacción: “Non hai marea negra!”. A deriva deste intento de ocultación coñécena moi ben os profesionais que eses días saían gravar as zonas afectadas e eran recibidos ao grito de “televisión: manipulación!”, os que quedaban na redacción esperando as imaxes que non sempre chegaban ás súas mans e a poboación que non tardou en facer zapping e marchar a unha televisión estatal, Tele 5, que, como boa empresa privada, deseguido aproveitou o nicho abandonado pola Administración para facerse un oco nos fogares galegos obtendo así os mellores resultados de audiencia en Galicia.

É imposible obviar o tratamento que Tele 5 lles dá as noticias, inequivocamente sensacionalista. En calquera caso, naquel momento, os galegos e galegas pensaron que esa información era mellor que a que recibían da TVG. Cando menos lles mostraban as costas e os seus habitantes, cando menos podían ver aos seus veciños limpando e chorando e, así, recoñecéronse e identificáronse con estes informativos. Identificar a realidade co que lles mostraba a televisión foi a chave para que Tele 5 fose a canle elixida polos galegos para saber do afundimento e posterior marea negra.

Cando no verán de 2006 ardeu Galicia, o que houbo naquela redacción foron présas e cheiro a fume. Non é que os editores, xefes de informativos, etc… deixaran de supervisar o traballo dos cámaras e dos xornalistas, non é que se deixara de construír unha realidade para a súa emisión, o que non houbo foi intención de esconder unha realidade que dificilmente se pode agochar. Ademais de dedicarlle moitos minutos nos espazos informativos diarios, durante a peor semana dos lumes levouse a cabo un programa especial todas as tardes. O programa informativo contaba cun presentador ou presentadora (alternaban dúas persoas), invitados no set de televisión (diferentes cada día e de distintos ámbitos), conexións en directo cos xornalistas a pé de lume e vídeos sobre o asunto. Nesta ocasión, o público respondeu véndoo, informándose –en galego– do que estaba a acontecer ao carón da súa casa.

O tratamento dos sucesos foi diferente desde o primeiro momento e, aínda que isto non é un intento de polarizar, censurando a actitude dunha directiva e loar a da seguinte, si está claro que o público recoñeceu que nunha ocasión pretenderon contarlle outra realidade e que noutra houbo interese por mostrar o que sucedía. Mentres que no primeiro caso tentouse fabricar un non-acontecemento4, no segundo, o poder –a saber, a dirección de informativos e da TVG– usou a súa capacidade para dar a coñecer un acontecemento público. Actuou con máis dilixencia e responsabilidade e a xente decatouse.

Lonxe das primeiras teorías da comunicación sobre uns medios omnipotentes que inoculaban a súa mensaxe no público sen que este fose quen de opor ningún tipo de resistencia, e unha vez superadas as teorías que entenden os medios como reforzadores de actitudes e opinións preexistentes, no paradigma actual existe a teoría da dependencia, que semella máis axeitada.

Segundo esta liña de investigación, a dependencia dos receptores en relación aos contidos dos medios varía en función do nivel de relación entre o sistema social e o sistema dos media. A capacidade dos individuos para informarse está en parte, pero só en parte, condicionada polo sistema de medios ao seu alcance.

Hai tres niveis de dependencia (Wolf, 1992): a cognitiva, cando os receptores non teñen máis fontes de información e de verificación dos feitos que os propios medios. A dependencia na orientación, cando a información e o contido das mensaxes dos medios son esenciais para as relacións cotiás e interpersoais; non podemos esquecer o seu papel socializador, tanto dando a coñecer a realidade como fornecendo aos telespectadores de temas de conversa nas relacións interpersoais directas. E a dependencia na actividade de ocio, cando os medios son unha simple distracción con fins sociais.

A máis dependencia, maiores serán os efectos da mensaxe e menor o labor crítico do público; “os media teñen un impacto particularmente poderoso cando presentan coñecementos que van máis alá da experiencia directa do espectador ou lector” (Lippman, W., cit. en Wolf, 1992); a influencia dos medios esvaécese de maneira inversamente proporcional á proximidade chegando a –practicamente– desaparecer cando a comprobación é directa.

Canto máis lonxe sexa o sucedido, menos posibilidades teremos de verificalo directamente e máis poder terán os medios para darlle forma e crear opinión. Pero, canto máis preto acontece, máis interese esperta, máis posibilidades temos de verificalo directamente, máis medra a implicación e máis diminúe a influencia do relato mediado.

Se a verificación é directa, o vivido, o escoitado ou o sentido dan a medida da realidade, da verdade, do acontecido. E se, ao prender a televisión, o que están a contar é contrario ao vivido, ao escoitado e ao experimentado, rompe a ligazón entre a experiencia primaria (a experimentada in situ ou por medio da comunicación interpersoal) e a mediada (aquela transmitida a través dos medios). Algo vai mal: o público cre que lle menten, non se implica e a credibilidade do medio esvaécese.

Ao sentaren os cidadáns diante da televisión para ver os informativos, entre eles, como público, e o medio establécese un pacto de veracidade por mor do cal esa persoa vai crer o que lle din. Isto non implica que se vaia comportar como ese público totalmente pasivo –relatado nas primeiras teorías da comunicación– ao que se lle pode contar calquera cousa; quere dicir que a súa predisposición é crer que lle contan a verdade, crer que iso foi o que realmente aconteceu no mundo.

Esta credibilidade refórzase co feito de que a base da liberdade de información (e, tamén en parte, da liberdade de expresión, sustentos dos medios nas sociedades democráticas occidentais) é a veracidade dos feitos relatados. A veracidade non implica a non construción do relato: implica que o feito foi real, que esa información se pode comprobar. Claro que a xente non vai por aí comprobando todos os feitos, non o precisan, xa sabe que ocorreron porque os ve na televisión.

As televisións son inseparables das audiencias, unha televisión que ninguén ve non ten sentido, por iso a súa pretensión primeira (máis que influír ou manipular) é a de implicar ao público compoñendo unha representación variada e atractiva da realidade; canto máis implicados estean, maior vai ser a audiencia e, polo tanto, maiores van ser os ingresos. Tamén os programas informativos –teoricamente máis asépticos– pretenden “enganchar” o espectador.

Esta pretensión tórnase imposible cando a relación entre as persoas e a televisión quebra: cando o público pensa que lle menten racha co pacto de veracidade. Así aconteceu coa información a propósito do encallamento do petroleiro e coa posterior marea negra nas nosas costas5.

A realidade que os galegos e galegas6 vían cos seus propios ollos, o que lles contaban familiares, amigos e outros medios, difería en exceso da que atopaban na TVG. Sentíronse enganados. A experiencia mediada deixou de ser crible porque era moi diferente da primaria: o que vían desde as súas fiestras non era o que lle mostraba esa ventá aberta ao mundo que se supón que é a televisión. De feito, as dúas realidades chegaban a ser case incoherentes e, deste xeito, a dependencia cognitiva entre individuos e televisión desapareceu. O intento de crear un non-acontecemento fracasou e os telespectadores cambiaron de canle.

A emisión da TVG deixou de ter importancia á hora de conformar a axenda7 dos galegos e galegas, perdeu credibilidade –isto evidenciouse só durante un tempo– e pasou a non formar parte do cotián.

A credibilidade é fundamental para calquera medio de comunicación (o número de telespectadores, lectores, compradores, etc… ten relación directa coa credibilidade do medio) e depende de varios factores, a saber, do sistema de medios existente (plural e libre nas democracias e controlado nas ditaduras), da selección (preferencias persoais, tempo dedicado a consumir e contrastar información, etc…) e dos relatos que transmiten (Rodrigo, 2005), entre outros.

En novembro de 2002, a TVG articulou relatos que non convenceron á cidadanía, que rapidamente contrastou a información e elixiu outra canle que lle ofrecía relatos máis acordes co que vivían de primeira man, descartando, por falsos, os relatos da súa televisión. Fallou unha das variables máis importantes, aquela que se encarga de construír representacións cribles do mundo, e a credibilidade desapareceu.

Non foi así no verán do 2006, cando a mesma cidadanía recoñeceu como válidos os relatos da Televisión de Galicia e decantouse por esta para se informar do que estaba a pasar. Nesta ocasión, reforzouse o pacto de veracidade porque o relato mediado e o vivido asemellábanse o suficiente como para permitirlle á televisión conformar unha representación mental da realidade social –e ambiental.

É claro que os medios crean e ofrecen representacións da realidade, pero tamén o é que os receptores non están dispostos a aceptar calquera realidade que lles presenten. As características da poboación receptora son importantes e, aínda que talvez non exista o tan desexado público activo, a audiencia está moi lonxe de ser e/ou de comportarse como unha simple masa informe de persoas sentadas diante da televisión sen ningún criterio, crendo calquera cousa que lles contan.

Por iso o intento de converter un sucedido importante nun non-acontecemento fracasou e o tratamento doutro sucedido importante como acontecemento público obtivo o apoio da cidadanía.

Só cabe, pois, concluír que dado que os medios de comunicación públicos non son propiedade dun poder conxuntural, senón do conxunto da cidadanía, os seus directivos non teñen máis poder ca o de elixir, ordenar e dar a coñecer os acontecementos públicos coa dilixencia (outra das características necesarias da liberdade de información) que se lles presupón (ou deberiamos presuporlles). E quizais neste punto cabería preguntarse ata que punto é ético que a directora dos informativos da TVG no 2002 sexa, en marzo do 2013, a directora da Televisión de Galicia.

Bibliografía

  • Molotoch, H. e Lester, M. (1975): “Noticias de accidentes: o grande verquido de petróleo a xeito de suceso local e acontecemento natural”, http://teoriasdacomunicacion.com/
  • Rodrigo Alsina, M. (2005): La construcción de la noticia, Barcelona, Paidós,.
  • Wolf, M. (1992): Los efectos sociales de los media. Barcelona, Paidós,.

1Obviamente, esta non é a única explicación do que é unha noticia, pero si a máis aceptada e estendida pola tradición empírica e teórica.

2 “Definimos “sucedido” dicindo que é todo feito recoñecible que se dá no mundo”, en Molotoch, H. e Lester, M. (1975).

3Entendendo unha televisión pública como a TVG como o amplificador máis importante da realidade galega. En Europa apostouse polas canles públicas fronte ás privadas desde os anos cincuenta e sesenta como garantes de pluralidade e vixiantes da democracia. O papel inicial das televisións públicas era, ademais de informar, entreter e actuar de transmisores das diferentes culturas dos países europeos.

4 Como explican Harvey Molotch e Marilyn Lester (en 1975), o non–acontecemento é o interese en que determinados sucedidos que poderían chegar a ser acontecementos públicos non acaden a importancia que merecen.

5Por suposto, carezo de datos contrastados, pero si recordo o que foi traballar naquel momento e o que opinaba a xente da rúa cando sabían do meu traballo. Isto non pretende ser unha investigación empírica, senón un simple apuntamento sobre papel e a actitude do público con respecto aos medios e o exercicio de responsabilidade –ou non– dunha televisión pública.

6A poboación en Galicia está maiormente concentrada no litoral atlántico, de maneira que, máis directa ou indirectamente, todos fomos afectados pola marea negra da que non falaban na nosa televisión.

7Segundo a teoría da agenda setting os medios determinan a importancia dos temas e conforman os intereses e cuestións sobre as que trata a cidadanía.