derritaxes_12_flyer

A política, o político, non é un territorio ben delimitado; senón un espazo agonístico no que as súas redefinicións discursivas son xa accións políticas, e á inversa. Na esixencia de atender aos nosos contextos concretos e repensar, dende unha teoría sempre situada, os lazos entre as palabras e as accións, propoñemos neste obradoiro un percorrido polos diversos efectos que as revoltas inda en proceso están a ter no xeito de facer e pensar a política nun momento de fin de ciclo e mutacións globais. Como pensar a relación entre corpos, accións e discursos na era das mallas sociais? Que implican os procesos de resignificación para termos como “democracia” ou mesmo “política”? Que impulsa á xente a saír á rúa co obxectivo de tornarse en axentes dun cambio social? Como contestar a legalidade dende unha xustiza que deslexitima os poderes de feito? Que pode facer unha multitude que se quere constituínte para arranxar as diferenzas sen abolilas? Que implica para o campo enteiro das nosas posibilidades e desexos a irrupción do común como acontecemento? Esas liñas diversas, que non tentan esgotar o obxecto, propóñense como outros tantos percorridos polos que pensar entre todos o que está a acontecernos. Esta convocatoria, que se pretende un camiño de ida e volta entre a tradición filosófica recente e a nosa artefactualidade, vai dirixida a calquera que queira participar nun proceso común de pensamento.

 

O colectivo de pensamento contemporáneo Proxecto Derriba avanza a convocatoria aberta para réxime de colaboración da revista Derritaxes (ISSN: 1988-9089) no que respecta ao seu número 12, previsto para o mes de Decembro de 2013 e que xirará en torno ao eixo temático Cartografías das resistencias.

Sen renunciar á libre creatividade e ó espírito crítico que nos anima e co fin de facilitar o traballo da edición da revista, consideramos precisa a observación das seguintes indicacións:

1. Derritaxes publica en galego, motivo polo cal anima a que as colaboracións sexan preferentemente nesa lingua. En todo caso, poden redactarse en lingua portuguesa, castelá, francesa, inglesa, italiana ou alemá, mais publicaranse suxeitas á dispoñibilidade que o equipo de tradución de Proxecto Derriba manteña e, polo tanto, non se asegura a súa publicación.

2. Os textos serán artigos de investigación ou recensións de libros con relevancia no pensamento contemporáneo e aparecerán adscritos a unha das seccións nas que se divide Derritaxes (Documentos, Recensións, Entrevistas, Con-textos, Derivas). Tomarán como referencia os seguintes parámetros por páxina:

  • Tipo de Letra: Times New Roman: 12 pt
  • Marxes: superior, 2,5 cm; inferior, 1,25 cm; esquerda, 3 cm; dereita, 3 cm
  • Aliñamento: xustificado; Espazamento entre liñas: 1.5 liñas.

3. Os artigos encabezaranse, necesariamente, cun breve Resumo Abstract.

 4. Recomendamos homologar as referencias bibliográficas de acordo ó sistema americano Harvard-APA. Cando se trate dunha cita no corpo do texto, poñerase ao remate da cita entre parénteses o apelido do autor, o ano de publicación e o número de páxina, podendo obviarse a páxina no caso de que a cita non sexa directa. Por exemplo: “…” (Vidarte, 2007: 20), ou: … (Vidarte, 2007). Como consecuencia as referencias completas das obras citadas compendiaranse nunha bibliografía ó final do artigo, seguindo os seguintes parámetros:

  • No caso de libros:
    • VIDARTE, P. (2007): Ética marica. Proclamas libertarias para una militancia LGTBQ. Madrid/Barcelona, Egales.
    • DERRIDA, J. (2005a): Apprendre à vivre enfin. Entretien avec Jean Birnbaum. Paris, Galilée.
    • DERRIDA, J. (2005b): Canallas. Dos ensayos sobre la razón [trad. cast. de Cristina de Peretti]. Madrid, Trotta.
    • BASCETTA, M., BONSIGNORI, S., PETRUCCIANI, S. e CARLINI, F. (eds.) (2001): 1968. Una revolución mundial (CD-ROM/libro) [trad. cast. de Luis Peña Molero, Carlos Prieto del Campo, Ricardo Russo e Francisca Sánchez Peiró]. Madrid, Akal.
  • No caso de artigos:
    • JAMESON, F. (2002): “Imaginarios de la globalización: cosas que nunca te dije”, en Archipiélago, 52, Madrid, pp. 27-34.
    • DELEUZE, G. e GUATTARI, F. (1988): “Aparato de captura”, en Mil mesetas [trad. cast. de José Vázquez Pérez e Umbelina Larraceleta]. Valencia, Pre-textos.
    • VIRNO, P. (2006): “El trabajo no nos hace libres”, en BALESTRINI, N. e MORONI, P.: La horda de oro (1968-1977) [trad. cast. de M. Bogazzi, H. Arbide, P. Iglesias, J. Bonet i Martí, D. Gámez, J. Gual, R. Sánchez Cedillo e A. Méndez]. Madrid, Traficantes de sueños.
    • HAUSER, O. (2007, Decembro): “Libra. Unha cronoloxía do azar”, en Derritaxes, 0. Tirado o 31 de xullo de 2009 de <http://derritaxes.proxectoderriba.org>

5. A identidade d@ autor/a será aquela coa que desexe publicar o seu orixinal, facendo constar o seu correo electrónico. A firma que identifique ó autor faino único responsábel da titularidade do texto. Derritaxesten por norma someter a avaliación, ao longo do mes previo á publicación, os traballos que edita coa finalidade de asegurar que cumpren as condicións aquí descritas.

6. O material citado debe enviarse en formato .odt (open office) ou .doc (word) por e-mail a derritaxes@proxectoderriba.org antes do 1 de novembro de 2013.

CREATIVE COMMONS.-Derritaxes considera imprescindíbel a achega de materiais que poidan orientar unha intervención no espazo social e político contemporáneo. Por iso considera que a libre disposición destes materiais para o común da sociedade debe primar por enriba dunha concepción individualista do traballo intelectual. Por este motivo edita exclusivamente mediante unha licenza Creative Commons que permite a libre distribución e reelaboración baixo as seguintes condicións:

Recoñecemento-Non comercial-Compartir Igual 2.5 España.