A política, o político, non é un territorio ben delimitado; senón un espazo agonístico no que as súas redefinicións discursivas son xa accións políticas, e a inversa. Na esixencia de atender aos nosos contextos concretos e repensar, dende unha teoría sempre situada, os lazos entre as palabras e as accións, propoñemos neste obradoiro un percorrido polos diversos efectos que as revoltas inda en proceso están a ter no xeito de facer e pensar a política nun momento de fin de ciclo e mutacións globais. Como pensar a relación entre corpos, accións e discursos na era das mallas sociais? Que implican os procesos de resignificación para termos como “democracia”ou mesmo “política? Que impulsa a xente a saír a rúa co obxectivo de tornarse en axentes dun cambio social? Como contestar a legalidade dende unha xustiza que deslexitima os poderes de feito? Que pode facer unha multitude que se quere constituínte para arranxar as diferenzas sen abolilas? Que implica para o campo enteiro das nosas posibilidades e desexos a irrupción do común como acontecemento? Esas liñas diversas, que non tentan esgotar o obxecto, propóñense como outras tantos percorridos polos que pensar entre todos o que está a acontecernos. Este obradoiro, que se pretende un camiño de ida e volta entre a tradición filosófica recente e a nosa artefactualidade, vai dirixido a calquera que queira participar nun proceso común de pensamento.
Dossier en pdf: Proxecto Derriba Obradoiro Revoltas Globais