Abri-los ollos. E aparecer. Ao outro lado. Do soño. Do silencio. Da soidade. Do deserto. Na maxia. Porque levabamos moito tempo camiñando sen sabelo (in-conscientemente). Abri-los ollos e atoparse: na naturaza nova, plena, certamente contaminada, mais o suficientemente entusiasmados, concentrados, entregados, profundos… como para non ver; o que está de máis. De máis hai moitas cousas; que sobran. Residuos. Fumes. Dentro de nós mesmos. Padeceres. Dores. Paixóns mal encamiñadas. Torcidas. Viciadas. Mais nin sequera elas se amosan, elas calan, non cantan, neste momento de encontro. Ser un paxaro, ou unha formiga, camiñar no invisíbel, por dentro da terra, no escuro-profundo, cando a noite non é noite, “a plena luz do día”, a escuridade da dimensión, a escuridade do que é; caos e desorde, paixón e enerxía. Unha nova filosofía, un novo pensamento, do que acontece e da natureza, da galiza e da paciencia, do saber agardar e do organizarse, do sobrevivir nesta época e momento precario e mesmo empregalo, ese instante, para facerse forte. Para facernos fortes. Nós. Nosoutras. Unha nova xeración. Unha re-xeneración. Dos nosos valores. Das nosas manías. Das nosas visións e das nosas metafísicas. Unha metafísica para ser vivida. A cada instante. Unha postura elegante, consciente. Un facer conscientes e transcendentais tódolos nosos xestos, e viver delo, desa intensidade do pensamento, que nin sequera fala. Que posa. Teatro pedagóxico! Proxecto de Renovación Metafísica! Instauración dunha nova orde cognitiva, e mediática. Afirmación e confirmación das canles invisíbeis. Activación. Transmisión de datos. Arquivos en multiplicación e proliferación infinita. Amplificación absoluta da poténcia.