1. Tradición e innovación: monumentos culturais
A incompetencia profesional, que é anticuada (pola dereita) ou irregular e autodidacta (pola esquerda), dos profesionais da filosofía é xa unha tópica propia da filosofía no estado español (Ripalda,1996:258) con especial incidencia, non ía a se-la filosofía unha excepción, no ámbito galego. Da máis que obvia ausencia dunha tradición académica vencellada á filosofía e, por extensión, ó pensamento xorde esa incompetencia, que volve, a súa vez, alimenta-lo museo académico con profesionais mal cualificados. Sempre partindo, por suposto, da premisa de que a tradición escolástica non é unha tradición que mereza moito interese como metodoloxía a empregarmos actualmente na investigación e na docencia no marco da filosofía. A problemática con todo está lonxe de seres algo accidental.
Malia que un entramado conceptual de corte escolástico e unha certa erudición filolóxica poden ser virtudes aproveitables, non poden agocha-la certidume dunha procura limitada por definición no seu alcance. Por un lado esa estrutura conceptual pode, como é o caso, ser impotente para pensa-lo mundo contemporáneo. Por outro, o sempre desexado acceso as fontes é, especialmente para os máis recentes investigadores que tiveron a posibilidade real de saír a investigar á terra prometida, un camiño sen retorno. No mellor dos casos, podería rematar estabilizándose no cultivo periférico dun historicismo banal, non só innecesario senón social e academicamente prescindible no contexto actual. Se a aprendizaxe dun oficio de xeito autodidacta, como é o noso caso, pode ser desesperante e ad infinitum, con todo o meirande baleiro é a falta dunha certa escola, non necesariamente tamén no ideolóxico, máis que a existencia dunha tradición: un certo camiño andado, unha certa experiencia e un lugar onde intercambia-las problemáticas e as experiencias. Por que se algo é a investigación, ademais dun esforzo individual, é ante todo unha aprendizaxe compartida, especialmente na súa xerarquía horizontal. Porén, mellor que a apropiación dunha estrutura conceptual pechada, é dicir, unha tópica teríamos que volver a falar dunha u-tópica nun sentido máis aberto. Sen que iso supoña unha renuncia, unha certa nostalxia, senón a posibilidade de transitar camiños diferentes coa certeza de que xa non é posíbel un peche doutrinal.O meirande risco que temos que aceptar é que a innovación tamén se transforma, por necesidade, nunha procura de novos mercados para o capital. Se ben, o tradicional levantamento de monumentos culturais sempre resultou moito máis apetecíbel para a propia e desexada rendabilidade do capital que o pulo da innovación.Con todo, ao aceptarmos a faciana, digamos, máis negativa, tamén aceptamos a posibilidade de pensares conxuntamente con múltiples puntos de referencia, atendendo a materiais diversos e á procura de ferramentas de traballo, non dun saber conformado. A operación polo tanto, consiste en deixardes de entende-la filosofía como algo illado dun contexto social e económico, illado do seu contexto local e global e das prácticas discursivas nas que se inscribe. Cómpre falarmos dende un lugar que incorpore no seu discurso a reflexión aberta sobre a súa propia posición discursiva, dende un aquí e un agora.De igual xeito, o feito de pensarmos nunha lingua escindida por definición e por contexto, amplifica a propia performatividade da linguaxe como actividade, o seu carácter paradóxico, que é por isomorfía máis un estímulo que un atranco para o pensamento. É a proba de que a lingua é o medio onde se desenvolve o conflito social e que dificilmente se deixa inscribir nun sistema de oposición binario, senón é por mor dunha operación ideolóxica primaria. A singularidade entón como a procura dun intercambio cun contexto aberto por medio dunhas prácticas que tratan de achegarse á innovación máis que ó cultivo do monumento, á contaminación do contemporáneo máis que á importación dun suposto pensamento producido e exportado para xeral ilustración.
2. A estética da resistencia: o desalentador panorama da investigación en filosofía na Galiza
Gustaríanos facer unha análise máis polo miúdo para facernos unha idea de como está a situación. O elemento central que debería artella-la investigación en filosofía na Galiza é sen dúbida, por moi incríbel que semelle, a propia facultade. Agora ben, cando se atende ó número de proxectos de investigación financiados na actualidade na facultade o panorama é desolador. A facultade ten dous departamentos. No departamento de Lóxica e Filosofía moral tan só existe un proxecto en marcha. Trátase do proxecto que a sección de filosofía da ciencia e filosofía analítica vén sostendo honrosamente, todo sexa dito, dende sempre. Na área de Filosofía moral e política non existe ningún, situación que se repite no outro departamento (Filosofía e Antropoloxía Social).Se ben sabemos que os criterios do ministerio para as distribucións presupostarias non son sempre os máis idóneos, ó noso entender neste caso trátase dun claro desentendemento acerca da labor investigadora e da carencia dunha visión de futuro para a facultade e para a investigación, como pouco a pouco iremos confirmando. Non existe interese por fomenta-la creación de novos grupos e a formación de novos investigadores, co que se corta de raíz a única posibilidade de futuro. Como nulas poden cualificarse as ansias do profesorado por formarse como investigador, non só pola falta de interese propio, senón por unha certa deixadez no que se refire a solicitar proxectos e abrirlle as portas a outras xeracións. Na facultade a día de hoxe existe tan só un proxecto para solicitar bolsas, co cal a cousa está realmente complicada. Moito máis se pensamos que se trata dun proxecto do ámbito da filosofía da ciencia e a teoría do coñecemento.En consecuencia, o número de bolseiros de investigación da facultade na actualidade non pode ser máis ca absolutamente pírrico. Un no departamento de Lóxica e Filosofía Moral e outro no departamento de Filosofía. A preocupación investigadora do profesorado redúcese ó agravio comparativo producido polos diferentes tamaños dos despachos, argumento que foi esgrimido como esencial cando se pensaba na conveniencia do traslado da facultade a un novo edificio. O outro argumento complementario era o feito de poder aparcar ou non na zona vella.Nesta liña, un dato estremecedor é que a primeira promoción que se foi de Erasmus foi a nosa (no ano 2000), tras pelexar durante dous anos co departamento, posto que nos dicían que queriamos ir de vacacións pagas e que non íamos deixar quedar ben á facultade, que non cumpríamos os requisitos de idioma ou de coñecementos como para deixar á facultade a bo nivel. Este foi un episodio penoso. Resumimos mellor así.En xeral, este último punto dá boa mostra da imaxe de pequenez mental dun profesorado que se sentía ameazado ante alumnos con maior curiosidade e maior disposición que eles mesmos e que incluso a pesar da seguridade do posto de funcionario ollaba ameazada a súa postura simbólica de dominadores de coñecementos.Os Institutos onde a investigación en filosofía debería ter presenza e non a ten:– Cortello da Cultura Galega. Digo Cortello, porque así lle chaman os que traballan nela, pese a que grazas a un proceso de “normalización – consolidación” lles regalarán este ano a praza de funcionario a oito deles. Unha destas prazas era para a sección de filosofía e tecnoloxía, aínda que o perfil finalmente seleccionado no se correspondeu con dita área. Polo que se refire á súa actividade podemos dicir que é puramente testimonial. A sección de Filosofía e Pensamento naceu no 2004. Até agora elaborou un Dicionario enciclopédico do pensamento galego, que ninguén sabe para qué serve nin a quen vai dirixido. Falta de ideas total, proxecto para queimar cartos sen aportar nada novo. O mesmo sucede co proxecto Álbum de mulleres, recolección da vida das mulleres galegas destacadas.– Aula Castelao de Filosofía: anquilosada noutros temas e noutras épocas, dependente no económico de certos poderes políticos que condicionan claramente as súas orientacións. E alén diso: sen capacidade para renova-lo panorama filosófico galego. Resumindo, e empregando a nefasta linguaxe taurina: podían ir dando a alternativa.– Centro de Humanidades Ramón Piñeiro: absolutamente entregado á tarefas filolóxicas. O que non se entende é que se chame “de Humanidades” cando a única disciplina traballada é o galego.As causas de todo este desbaraxuste son varias. Principalmente, o feito de que a facultade nace moi axiña mediante progresivas separacións dende a inicial Filosofía e Letras pasando pola Facultade de Filosofía, Ciencias da Educación e Psicoloxía até chegar á actual Filosofía, recentemente desprazada á praza de Mazarelos.As presas da última destas separacións alá polo ano 1985 fixo que se incorporara profesorado case sen estar licenciado e que en moitos casos rematou a súa tese con notable posterioridade. De feito, en catro anos incorporáronse polo menos 10 profesores que viñan de dúas ou tres promocións. Esta foi como tantas outras unha facultade home made. – A falta de renovación e de aliciente, o feito de telo todo bastante sinxelo, de non ter tido que saír ó estranxeiro desemboca nun ensino de baixa calidade, cunha metodoloxía e uns contidos moi pobres (e pese a todo segue habendo algunha que outra honrosa excepción). Hai unha clara endogamia (10 profesores titulares foron “formados” en dúas promocións consecutivas e comezaron a impartir clase sen o doutorado rematado)– O profesorado autóctono, os novos investigadores que tiñan intereses acabaron marchando, en moitas ocasións debido ó ambiente hostil dunha facultade chea de envexa. Os casos máis sangrantes: Arturo Leyte (Vigo) – especialista de prestixio mundial en Schelling e Heidegger. Felipe Martínez Marzoa (Vigo) – considerado hoxe o buque insignia da facultade de Barcelona.Pero sen ir a tempos tan pasados, hoxe en día nos atopamos cunha recua impresionante de doutorandos galegos distribuídos sobre todo por Barcelona e Madrid, obrigados a marcharse ante a carencia de disposición do profesorado para formar novos investigadores, renovarse e aprender todos xuntos, que ó final é do que se trata. A lista da xente que se marchou nos últimos dous anos é enorme: tanto por bolsas Séneca como para face-lo doutorado. A falta dunha estrutura de investigación con continuidade e a falta de motivación alén de manterse no propio posto son absolutas. E na maioría das ocasións non se trata dun problema de falta de formación, que tamén, senón de actitude. Onde está entón a pouca filosofía que se fai na Galiza? Na actividade que desenvolven individualmente certos profesores de ensino secundario. En caso contrario non teriamos nada que ler ou de que falar: Francisco Sampedro, Emilio Araúxo, Jorge Martínez Yagüe… E outros que intentan darlle certo aire de contemporaneidade a un nivel de investigación realmente pobre.
3. Versus: a tradución na Galiza.
O motivo deste apartado consiste en trata-lo desenvolvemento da tradución na Galiza. Esta actividade polo seu contido e a súa función, relaciónase profundamente coas políticas culturais que se fomentan dende os diferentes actores do sector cultural, sendo os máis destacados a administración pública e as editoriais. As prioridades deste organismo pasan por acadar unha maior proxección internacional para as nosas manifestacións culturais e artísticas, ademais de potencia-la creación cultural de base, achegar recursos para a formación dos xestores e contribuír ao desenvolvemento económico do sector cultural. A administración por medio das consellerías pertinentes tenta difundi-la nosa cultura baixo o epígrafe Que cultura queremos. Unha das liñas estratéxicas para consolidar este obxectivo e concretar cales son os camiños axeitados para facelo son as axudas para a creación e difusión cultural. Estas axudas pretenden acadar unha maior competitividade das industrias do sector e unha paulatina profesionalización dos seus axentes.As axudas repártense nas diferentes disciplinas culturais e artísticas que se orixinan no noso país, sendo unha das máis importantes a do sector do libro. O libro e a industria do libro son entendidos nas políticas culturais como sector cultural estratéxico e tamén como elemento identificador da Galiza. Segundo o noso punto de vista pensamos que este sector adoece dunha política cultural seria. Tódalas medidas que dende a administración se levan a cabo consisten en fornecer a rede de bibliotecas públicas e escolares de libros que apenas se usan ou que nin sequera se abren. Estamos de acordo en que o primeiro paso consiste en contar cos elementos necesarios, pero aquí estase a confundir volume con calidade. Que sentido ten a publicación se é só para agrandar unhas estatísticas nas que se pretende dar normalidade a unha cultura tan dependente da española coma a nosa? Que sentido ten ter as bibliotecas cheas de libros cando os textos que a mesma administración obriga a coñecer non están dispoñíbeis na nosa lingua? Para que facer unha lei que obriga a que a metade do currículo dun alumno sexa en galego cando os elementos pedagóxicos dos que dispoñemos son traducións mediadas polo castelán?O fornecemento de fondos ás bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galiza ou a promoción do libro e da lectura en galego non cumprirán o seu obxectivo se non posuímos os textos necesarios, e é aquí onde pretendemos situarnos, xa que a nosa asociación tenta, dentro do posible e cos nosos limitados recursos, cubrir este baleiro. Até o de agora tanto o sector público como o privado viraron as costas ante o problema de dispor de textos en galego. Coñecemos que a rendibilidade de traducir autores de libros de filosofía ao galego é mínima por non dicir nula. Polo que sabemos esta tarefa só se fixo de modo esporádico, ou con coleccións que apenas si son funcionais, como a que está levando a cabo a universidade de Santiago na súa colección Clásicos do Pensamento Universal. Esta eiva da nosa cultura implica que non teñamos un vocabulario propio que nos permita ser verdadeiramente creadores. A pesar dos tímidos esforzos que se están a facer neste campo, como a creación dun dicionario enciclopédico filosófico, como xa se comentaba no apartado anterior, non debemos obviar que o obxectivo máis importante é o de pór á disposición de calquera galego falante as ferramentas imprescindíbeis para ter un punto de vista propio. Se no campo da filosofía no que nós traballamos asistimos con tristeza ó páramo cultural no que a fontes se refire, que poderemos dicir no eido específico que supón o pensamento e a creación filosófica contemporánea. Asistimos a que, excepto iniciativas individuais que practicamente transcorren no anonimato, para a administración galega a filosofía non existe. O único que ten algo que ver co pensamento esta viciado pola súa raíz teolóxica ou filolóxica que lamentablemente empézanse a parecer demasiado.Así é como nós cremos que están as cousas, e por iso tentamos de sacudirnos o marasmo cultural que respiramos coa creación do Proxecto Derriba. Neste proxecto pretendemos crear unha comunidade dende a cal poder mirar o mundo no que nos atopamos; pode que o máis importante sexa a posibilidade de crear unha cultura da disensión na Galiza e en galego. Para iso procuramos verter no noso idioma toda unha serie de textos contemporáneos que nos permitan ter unha linguaxe mínima coa que, xa non dicimos interpretar, pero polo menos percibi-la realidade de forma propia, eliminar a dependencia doutra cultura para adquirir unha conceptualidade propia e difundir se se dá o caso a nosa produción cultural entendida como algo máis que ornamento.
4. Pensar na Postmodernidade
Tendo en conta todo o que acabamos de expor, semella sinxelo entender que a investigación na Galiza da época de pensamento contemporáneo é escasa, por non dicir inexistente. De feito, sempre foi sabido que o máis difícil á vez que estimulante era pensar a actualidade, pensar a realidade dende o noso tempo. Se cadra, nestes tempos é aínda máis complexo o aparello de pensamento e investigación, pois a globalización capitalista marca un antes e un despois e leva consigo un correspondente cultural chamado postmodernidade, onde os procesos de pensamento teñen como característica fundamental a homoxeneidade das súas facianas.Se a isto lle sumamos o predominio absoluto dos medios de comunicación no que refire á creación e manipulación dos desexos da poboación occidental, temos un caldo de cultivo dificilmente rexeitable no pensamento e na investigación.Se, pola contra, o departamento de filosofía da facultade de filosofía da USC non aposta por esta rama de investigación tan precisa hoxe en día, esta realidade non pode servir como escusa para frea-lo pensamento.Estas son algunhas das motivacións coas que contamos á hora de facer unha tentativa á marxe da facultade nunha asociación que busca dar cabida a boa parte dos novos investigadores contemporáneos que se viron obrigados a marchar da Galiza para facer realidade a necesidade da investigación actual. Hoxe forman xa parte da asociación doutores e doutorandos da UNED, da Universidade Complutense de Madrid ou da Universidade de Barcelona. Todos son especialistas nalgún ámbito do pensamento filosófico contemporáneo.Tendo como referencias inesquecíbeis os quizais derradeiros pulos de modernidade que a través da crítica buscaban unha restauración de sentido, como Marx ou Nietzsche ou a mesma psicanálise, a nosa investigación actualiza estas temáticas e as trae cara a realidade postmoderna. Así xorden as liñas de investigación e os autores que interesan preferentemente ao Proxecto Derriba:Dende a psicanálise de segunda xeración de Lacan ou o neomarxismo postmoderno de Jameson, avanza cara o polo neomarxista e psicanalítico de Žižek. Dende a reflexión europea de Ulrich Beck ou Alain Badiou até a proposta local e global de Toni Negri, sen esquecer a liña francesa de Deleuze e Derrida, cabalo motor da innovación filosófica (des)feita política, ou o estudio multicultural, verdadeiro paradigma da investigación postmoderna.
5. Copyleft. Difusión na marxe.
A nosa aposta forte, no que atinxe á difusión, chámase copyleft. Movemento contracultural aparecido na década dos 70 como resposta á mercantilización das manifestacións culturais, o copyleft é unha actitude que promove a libre circulación do coñecemento, tendo por ferramenta a devolución do dereito de decisión sobre o uso das creacións culturais ós propios creadores. Entendemos que a licencia clásica, o copyright de herdanza anglosaxona, vai dirixida á defensa dos intereses dun certo sector industrial, máis que a creadores e usuarios, e que esta decisión vai en detrimento da liberdade dos individuos e, extensivamente, do desenvolvemento da sociedade na que interactúan. A existencia dunha licencia única destas características: restrición total dos dereitos de explotación á decisión directa de quen os posúa (editoriais, discográficas, distribuidoras cinematográficas,…), leva a unha situación de absurdo, por canto que en certo sentido, o autor (propietario dos dereitos “morais”) non ten a liberdade de cede-la súa obra ou permitir que se faga con ela algo alleo ás operacións mercantís tradicionais. E dicimos tradicionais porque consideramos que a transformación tecnolóxica, que alén do seu papel na uniformización do pensamento, pon tamén a disposición da comunidade global o acceso a todo o saber producido, obriga a unha revisión dos mecanismos de difusión e acceso a este saber e cuestiona radicalmente un modelo de negocio restritivo que só defende os intereses dun certo sector económico. Contra esta tendencia á defensa dun sistema esgotado, e superado pola súa propia dinámica de desenvolvemento tecnolóxico continuo, promover a apertura de canles de comunicación aproveitando esta nova situación, que potencien a creación simbólica comunitaria e o libre acceso ás creacións de toda a humanidade.
Se nos 80 o movemento pola libre circulación do coñecemento non acadou moita difusión e, pola contra, se na época actual se está a producir un rebrote con moitas expectativas de futuro, hai que busca-la explicación na transformación nos medios de comunicación e a aparición de novas ferramentas tecnolóxicas, que están a provocar unha mutación nas posibilidades de acceso e difusión ás manifestacións culturais, semellante (moito máis potente) á producida pola imprenta. Na súa orixe, o copyleft fundamentou a súa praxe na implementación de sistemas rudimentarios de auto edición, que non acadaron a relevancia que debían polas dificultades de difusión coas que toparon. Hoxe sen embargo, as capacidades de difusión son absolutas; a rede abriu a posibilidade de ter todo o coñecemento a disposición, e fai viable agora ter toda información posible en tempo real. Isto lévanos a cuestiona-la necesidade de certos mediadores, que pese a ter unha función nada desdeñable no pasado, son totalmente innecesarios, e mesmo daniños, na actualidade. A aposta do Proxecto Derriba polas licencias Creative Comons, deseñadas polo mestre Lessing e, hoxe en día, utilizadas por milleiros de autores e axentes culturais en todo o mundo, ten por finalidade facer fronte a esta limitación na difusión, que afecta fundamentalmente ós artistas emerxentes, arruinando potentes posibilidades discursivas. No contexto sociolóxico galego, no que non hai que esquecer que estamos na segunda renda per capita máis baixa do estado español, é fundamental traballar nesta dirección polo ben do usuario. A liberación da licenza única persigue acada-la difusión do nacente, e que sexa a comunidade, e non a industria, a que decida a súa pertinencia. Ó mesmo tempo, non queremos esquecer a importancia da Free Software Foundation en todo este proceso. O traballo de Richard Stallman pola liberación do código en materia software seguiu dous cometidos: un, rompe-lo monopolio dunha empresa, Microsoft, que basea o seu enriquecemento nun sistema de licencias inxusto, e que protexe o seu negocio coa ocultación do código fonte; dous, unha ética de compartir o saber e de creación colectiva, herdanza da cultura hacker, que promove a apertura e publicidade do código coa intención de instar á comunidade net a participar na configuración de dispositivos de xestión do entorno (coñecemento). Dende a FSF, entenden que o software é coñecemento, e que, por tanto, toda a comunidade ten que ter dereito ó seu acceso. Ó mesmo tempo, potencian a creación colectiva, o cal pon en cuestión o concepto por antonomasia nesta disputa: a propiedade intelectual. A quen pertence algo feito pola comunidade global? Na Galiza, estase xa a traballar nesta liña de investigación e fomento de software libre, a través do proxecto público Mancomún. Estamos en total sintonía co traballo que se está a realizar e asumimos plenamente os postulados da FSF na súa aplicación a tódolos ámbitos culturais.En definitiva, a nosa intención é movernos nas marxes industriais; traballar contra as limitacións que impoñen desfasados modelos de xestión do saber, e pola difusión do patrimonio cultural que inevitablemente xera toda comunidade en constante movemento.
Bibliografía:
Badiou, Alan (1988). L´être et l´événement. Editions du Seuil, Paris
Bataille; George et ali. (2005). Acéphale. Editorial, Caja Negra, Buenos Aires.
Blanchot, Maurice (1983). La Comunauté Inavoulable. Les Editions du Minuit, Paris.
Brea, José Luis (2007). Cultura_RAM. Gedisa. Madrid.
Deleuze, Gilles e Guattari, Felix (1972). Anti-Oedipe. Paris, Les Editions du Minuit
Deleuze, Gilles e Guattari, Felix (1980). Mille Plateaux. Les Editions du Minuit, Paris.
Derrida, Jacques (1967) De la Grammatologie. Les Editions du Minuit, París.
Derrida, Jacques (1974) Glas. Galilée, Paris.
Derrida, Jacques (1993) Spectres de Marx. Galilée, Paris.
Foucault, Michel (1972). Microphisique du Pouvoir. L’Arc, Paris.
Guattari, Felix (1992). Chaosmose, Galilée, Paris.
Jameson, Fredric (1991). Postmodernism, or, The Cultural Logic of Late Capitalism. Durham, Duke University Press.
Lessig, Lawrence (2004). Free Culture. Penguin Books, London.
Negri, Toni e Hardt, Michael (2000). Empire. Harvard University Press, Cambridge Massachussets.
Negri, Toni e Hardt, Michael (2004). Multitude: War and Democracy in the Age of Empire. Penguin Books, New York.
Ripalda, José María (1996). De Angelis: Filosofía, mercado y postmodernidad. Ed. Trotta, Madrid.
Stallman, Richard (2006). Software libre para una sociedad libre. Mapas. Madrid.
VV.AA (2006). Copyleft. Manual de uso. Traficantes de Sueños. Madrid.
Žižek, Slavoj (1999). The Ticklish Subject. The Absent Centre of Political Ontology. Verso, London-New York.
-Institucións:
Aula Castelao de Filosofía <http://www.aulacastelao.com/>
Consellaría de Cultura e deporte: Liñas estratéxicas http://culturaedeporte.xunta.es/estamosfacendo/?lg=gal
Consello da Cultura Galega, Sección de Filosofía <http://www.consellodacultura.org/seccions/filosofia/index.htm>
Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social <http://www.usc.es/departamentos/fsfantg>
Departamento de Lóxica e Filosofía Moral<http://www.usc.es/departamentos/loxfimog>
Rede de Bibliotecas de Galicia < http://www.rbgalicia.org/>
-Recursos en liña:Creative Comons <http://creativecommons.org/>
Compartir es bueno <http://www.compartiresbueno.net/>
Critical Art Ensamble <http://www.critical-art.net/>
Blog de David de Ugarte <http://www.deugarte.com/>
Free Software Foundation <http://www.fsf.org/>Mancomun.
Iniciativa Galega polo Software libre <http://www.mancomun.org/>
Sin dominio <http://www.sindominio.net/
Biblioteca virtual de Sin Dominio <http://biblioweb.cc/>