Conclusións de Toni Negri e Michael Hardt no encontro cos movementos sociais o 7 de outubro de 2011 no Centro Social Autoxestionado La Tabacalera de Madrid.
Logo de estar o 6 de outubro dando unha conferencia no Museo Reina Sofía de Madrid diante dunhas 300 persoas, Toni Negri e Michael Hardt achegáronse ao CSA La Tabacalera para coñecer de primeira man a visión que diversos colectivos e movementos sociais teñen sobre o 15M. O encontro tivo lugar o día 7 de outubro pola tarde e durante case tres horas unhas cen persoas ateigaron a sala de traballos manuais do centro para responder, cada un ao seu xeito, a 5 preguntas propostas por Negri-Hardt a modo de debate. A participación foi moi alta por parte de asociacións, colectivos, centros sociais, membros de casas ocupadas e mesmo sindicatos independentes.
O que aquí presentamos son as conclusións finais, practicamente o único momento no que Negri-Hardt tomaron a palabra, pois como eles mesmos dixeron varias veces, viñeran aprender.
Michael Hardt: Ante todo, agradecido. Decotío, cando un vai de viaxe por aí para dar unha conferencia, non adoita aprender moito. Esta foi para nós unha experiencia distinta, de aprender moito, porque foi unha discusión moi rica e xenerosa, cunha grande abundancia de paixóns políticas.
Hai dúas cousas que querería comentar. A primeira é que en moitas das intervencións percibín a preocupación polo fracaso ou o éxito do 15M.
Podería dicir que o éxito viuse confirmado xa no proceso de politización da xente, algo que me parece esencial. E confirmouse tamén, como dicía Nick1, polo que pasou en Wall Street. En todo caso, é difícil, e quizais non sexa moi útil situar aínda o éxito ou o fracaso do movemento, porque é demasiado cedo.
Unha segunda cousa que me chama moito a atención é o desexo de experimentar novas formas de institución; a relación, digamos, cunha nova democracia, o desexo de non se institucionalizar de forma burocrática, tradicional, senón de experimentar con novas formas. Teño que pensar máis, pero todas as intervencións tiveron algo rico e interesante. Toni, podes dicir algo ti?
Toni Negri: Eu realmente o que podo facer é repetir cousas que xa dixo Michael e que xa dixemos antes. Aprendemos moitísimo e ficamos moi agradecidos. Neste período estamos a traballar, Michael máis eu, sobre un proxecto de constitución para agora, para xa; e impresiona ver a correspondencia que atopamos. É impresionante a coincidencia de puntos. Pagaría a pena, realmente, facer unha recompilación do que se dixo aquí para relacionalo, tamén, cun esquema teórico, un esquema que non se superpoña senón que se compoña co discurso que se fixo aquí. Porque a importancia dos discursos está en chegar desde dentro da realidade. Aquí hai moitos spinozistas que entenden isto [risos], e que, ademais, o ensinan ben.
Eu creo que esta historia da constitución semella sempre algo moi abstracto, pero en realidade é moi concreto. Lembraba antes unha compañeira como xa desde a Carta Magna se regulan as relacións entre dereitos e propiedade, ou entre os dereitos e o uso do bosque, e era algo fundamental. Hoxe atopámonos nunha situación na que o problema son os novos dereitos, esta apertura realmente nova que vós estades a experimentar, esta apertura da praza, este descubrimento do “estar xuntos” que se conecta con algo completamente novo.
Aquilo de Cochabamba2… ¡de acordo! ¡O común! Mais que é o común? Pois que non é o privado nin é o público. Que é este común? Como se constitúe o común? Como institucionalizar o común? Como se converte en algo de todxs, de maneira continua, permanente, sistemática? Eu penso que todo isto está dentro dos vosos discursos, dentro deles está esta pregunta.
E hoxe exercitar contrapoder non significa opoñerse a un poder de xeito simétrico. Significa impoñer esta asimetría na confrontación, unha asimetría que non é máis que aquela do común contra o privado, dos dereitos do común, do común construído contra o privado, é dicir, contra a explotación, o endebedamento, a alienación, a mediatización, o encarceramento, o empobrecemento, o desclasamento, e todo o que hoxe esta sociedade produce a partir do nivel financeiro.
Hai outro elemento importante tamén. Eu tiven a fortuna de estar en Sevilla no período en que naceu o movemento do 15 de maio. E de seguido estiven a falar co(a)s compañeirxs sobre o que estaba a pasar en Madrid e sobre aquilo que era o 15M. Intentei explicalo en Italia mediante unha serie de artigos. E aquilo que me pareceu realmente impresionante foi o xeito en que se cubriu un baleiro político, de maneira inmediata, e que sucedeu de forma case milagrosa. Mais cando digo “milagrosa” refírome a que o 15M cubriu un baleiro que está hoxe en todas as constitucións occidentais.
Desde ese punto de vista, penso que efectivamente ten razón o compañeiro colombiano, cando dicía: “Vós aínda non entendestes o que fixemos”, pois nos últimos dez ou vinte anos houbo un movemento análogo en América latina, que desde logo non resolveu todos os problemas, pero non hai dúbida de que a experiencia arxentina, a experiencia boliviana e tamén aquela grande experiencia brasileira de Lula, da transformación do movemento obreiro nunha gran forza de goberno, foron grandes experimentos dunha nova xestión do común, e de transformacións radicais das constitucións, sobre todo, evidentemente, das constitucións coloniais. E nós aquí estamos a nos botar enriba dun proceso de transformación das constitucións democráticas, das constitucións tal e como nolas ensinaron os pais fundadores no século XVIII. Rematou ese período de dominio da burguesía, e polo tanto, da propiedade privada. Morreu o conto. Mais, que quere dicir avanzar no terreo do común?
Foi fermosa, por exemplo, a descrición que fixo a compañeira –que penso era de Barcelona–, repetindo aquilo que contara a Levi3 sobre esta especie de clima novo; un clima que non se atopa fóra, senón que se constrúe na conciencia, nesa directa e inmediata transformación da linguaxe, nesta inmediata transformación da paixón, neste “estar xuntos” que non é un estar xuntos amoroso ou erótico, senón que é algo profundamente, amorosamente construtivo, dese elemento que –non o teño moi claro, e quizais a lingua me traizoa– chaman “creacionista”, e que é innovación, algo profundamente materialista. E penso que isto é realmente o que se está a ensinar.
Outra relación continua que me parece moi interesante –propiamente desde o punto de vista constitucional– é a da relación entre o pequecho e o grande. Esta reconquista, por exemplo, de puntos de raizame na cidade, na praza, no pobo é extremadamente importante, porque é o momento de adhesión central, mais se expresa como unha representación que xa non é máis unha representación do poder que captura. Porque a representación, segundo a fermosa definición de Carl Schmitt –que é un gran fascista, pero tamén realista– que di que “a representación é a presenza da ausencia”. Esta é a representación burguesa: a presenza da ausencia.
Como podemos facer para transformar esta ausencia nunha presenza? O problema fundamental é o da reapropiación da representación.
En Italia, nos anos ‘60 e ‘70, reapropiámonos de todo aquilo que podiamos coller coas nosas mans. Como podemos facer para reapropiarnos as cousas coa cabeza, co cerebro, coa vontade, coa intelixencia? Isto vólvese fundamental. Como podemos facer para reapropiarnos esta ausencia que, de feito, está ocupada pola propiedade privada, polo mando ditatorial, por un mando completamente externo, que é o mando disciplinario, de control, de todas estas transformacións que veñen desde fóra? Como podemos facer para volvernos, de novo, autónomos? Porque a autonomía non está dada de antemán. A autonomía debemos construíla. Este é o paradoxo. Dun lado temos a autonomía e do outro o común. Non se confunden, senón que unha constrúe o outro e viceversa. Por unha parte, o pequeno común, que debe ter unha presenza, e, por outra, o welfare xeral, para todxs. Esta capacidade para moverse entre estas dúas cousas é a que debemos construír.
No que respecta ao 15O, polo menos en Italia hai un gran movemento. Mais a gran diferenza que existe entre o que vemos aquí e en Italia é, en efecto, que en Italia aínda viven os grupos. O movemento aínda non foi quen de transformarse –digámolo así– nunha forma sen líderes, non estruturada, cun programa que naza de maneira autónoma e profunda, senón que se manteñen dentro dunha forma burocrática.
Por outra parte, vexo que algúns sodes optimistas con respecto ao feito de que coa vitoria da dereita, o movemento será, por si mesmo, máis forte. Eu non o creo, porque penso que, efectivamente, a relación de forzas é unha relación que fai dano, tamén a nós. E a relación de forzas non determina simplemente a posibilidade dunha alternativa tranquila. Pode facer moito dano. Tivemos moitas experiencias extremistas, non só nós senón toda Europa, e é algo que precisamos evitar até onde sexa posíbel, obviamente, porque os camiños do Señor son infinitos [risos]. Veña logo. Agradecido.
Trad. Sören Hauser
___________________________________
Notas:
1 Participante estadounidense que falou da experiencia da ocupación de Wall Street como unha deriva consecuencia do 15M [N. do T.].
2 Referencia á intervención dun compañeiro que ilustrou a loita da auga acontecida en Cochabamba (Bolivia) no ano 2000 como unha loita polo común [N. do T.].
Vídeos de las intervenciones en Tabacanal