EDITORIAL
Seguramente un dos camiños que a novidade ten para saír adiante é a partir da repetición –é algo sabido–, da decisiva influencia que se dá no presente tanto dende a insistencia do pasado coma dende o asedio continuo do porvir. Claro que esa insistencia do asedio fai irromper novas pegadas, novas pistas cara o perdido, un perdido que non se procura para achalo, mais que abre os pasos e a remitencia continua cara o que non somos, cara o encontro co outro.
Partindo desa repetición infinita na procura do outro, que leva de seu unha novidade, un(ha) arrisca e aposta porque os encontros imposíbeis poden darse… por iso o Derritaxes 11, desta volta, repite e resignifica o devir-outro que fai xunto ás Escrita(s), percorrido que se iniciou o pasado ano. Por que un segundo volume aquí e agora? Porque hai que insistir, porque non podemos fuxir daquilo que nos asedia, porque seguimos querendo aprender co outro, porque xa non somos nós mesmxs, porque nunca o fomos.
Non hai lugar para os restos
A alteridade non é Outro, garante da orde simbólica, senón nós-outras, residuos que impiden o seu feche.
Quen porta(n) os restos (ou tamén a quen lle importar hoxe os restos?), e no caso ao que nos conectamos (porque hoxe importa) Marx é entón o que pregunta quen son +s portador+s dos restos, pero tamén quen conxura, quen desvía, que universaliza e exclúe ese portar os restos. Ou como preparación para as nocións de lugar, memoria, historia e corpo no aquí, quen herda a Castelao e tamén quen herda a Rosalía e quen ao corpo do outro enfermo, quen en definitiva porta o desvío o desencaixe, martirizado pola exclusión da lei.
(…)
Que musculatura señora Spivak!
Rostros marondos
Corpos sobre – determinados.
Si mais, se ti non foses aí no percutir do meu facer, que apenas se asoma se estraña do outro, non habería Mundo. E moito menos rostrosmarondos.
Si, unha marca, un corazón da intelixencia subalterna.
Unha sensibilidade e polo tanto unha estética e polo tanto unha ética e polo tanto unha política e polo tanto un disenso.
Os bombardeos e a imposibilidade das cartas sen marcar. Logo esta im-posibilidade que posibilita a chegada do exceso, das marcas de texto, e da mancha no chan da cociña para que ti me fales e para que eu para ti cociñe.
“Papá, xa ves a sobreproximidade do desexo + a angustia do outro, déitome aquí neste campo de exterminio, arrodeado desta memoria, * pre-natal * desbordada * deconstruída * maronda, próxima e situada a un golpe seco a unha pedrada”.
A escritura poética ou a douta ignorancia
“… para dende o seu “propiamente”, dende o seu “en canto tal” , dende o seu “en si mesma” saír fóra, ao fóra dunha totalidade para expropiarse a si e pregar a hipérbole. Moito máis alá dunha economía soberana o subxectil: o poema, neste caso o animaliño traballa un pensamento do don”.
Entón alguén se adianta e lanza unha idea desequilibrada, que desequilibra non só o reino senón tamén os seus aforas. Alguén outro en nós falara dunha exapropiación e dixera:
– Se acaso chamarémoslle a este asunto aquí tratado exapropiación, un exceso dobre, un exceso sobre a propiedade do propio. Escribe J. Derrida:
“O que chamo exapropiación é ese dobre movemento no que me dirixo cara ao sentido coa intención de apropiarme del, pero á vez sei e desexo, recoñézao ou non, que siga sendo estraño para min, transcendente, outro, que fique alí onde hai alteridade”.
Unha tolemia, un orneo. Cua cua cua…
Ventriloquizar o silencio
Ritornelo do caracol, baba…
Todo isto é o silencio, caoidea.
* Unha conversación, non aínda un pacto e menos un pacto social.
* Un fóra de si, un afora absoluto, non aínda un ritornelo.
* Podémonos preguntar se é o que ocorre en absoluto o que nos saca de nós e se é esta operación a que produce o ábrote dos demos.
* En calquera caso a forte conciencia do que está ocorrendo en absoluto viaxa canda o ritornelo.
* Que cousa o maquínico das fontes –o debuxo cartesiano da princesa bi-polar–, o burbullar das cañarías –un barroco que libera a potencia–, un baixo terra dos xardíns – un portugués ateo–, underground.
* Ocorre a necesidade corpuscular de axenciar conversadoras e ocorre a necesidade corpuscular dun afora para toda conversación.
* Sucédense zonas de pacificación, zonas de aterraxe e de desterro e moitas moitas batallas.
* Sucede –pois é un asunto que sinala (sin-sal) unha ruptura, unha inquietude, un desprazamento que procede a trans-tornar a convención da lei sobre a que gravita a vida no planeta–.
* Non un en-si, non un para-si.
* O ocorrer do tempo acae no fóra de si do para-si.
* Entón o tempo volta por uns momentos ao seu ocorrer en absoluto, a princesa bi-polar lexisla descabezada –e xa para sempre teimuda a idea barroca da potencia vence– e o humano asoma.
* Compor un posible ou un potencial que nos trae o recordo do que a intelixencia do amor lle dona aos corpos en composición.
* Mais en definitiva o que se nos mostra case nun incomprensible da carne é outra maneira de regular as velocidades de composición.
* O silencio é unha caoidea da que chegan e á que se achegan múltiples ritornelos cas súas edificacións.
Telegrafías
Pero sobre todo, máis que nada, facemos todo o posible para evitalos
Senta, ponte parado: cálmate.
Si pero sobre todo, pero sobre todo: máis que nada.
Pero sobre todo máis que nada: todo o posible.
Si pero sobre todo, todo o posible, toda a potencia, toda a forza: para tropezar: para evitalos.
Para evitalos: tropeza.
Se tal, sentar canda o outro, canda un outro mesmo alporizado.
Un problema co espazo se non fose un problema co tempo tropezar eternamente co mesmo caramelo.
Mais non, sobre todo toda a forza para tropezar no mínimo posible: no máximo.
E velaí que planeamos a cita.
A telegrafista emite unha pulsión, a pulsión dunha escrita que ela transporta ao través do dactilar amputado que lle dá ritmo ao trebello que traballa por relación a partires do entre dun desvío (en tanto non queda outra) que pon a andar cerebro man e artefacto.
Curiosa a ferramenta que ia transportar lonxe os tropezos cos outros.
Ferramentas artísticas como metodoloxía de intervención política
Ola (xa non se pode cantar: “durmir forever, durmir o xusto”.
Cheguei á conclusión que para non sufrir de insomnio é importante que no lugar no que se vai morar haxa moitas “cousas que facer”.
Verdade que ti non sofres de insomnio?
O dormitorio diferénciase do resto da casa porque nel está moi presente o acto de durmir, e tódalas cousas dentro del acompañan o ritual. O ritual de pasar do mundo do facer ao mundo de facer máis, do mundo dxs vivxs ao mundo dxs mortxs…
A(x)s nenxs dicíaselles que, se non podían durmir, contasen ovellas: 1,2,3… que as imaxinasen visualmente. Isto a min nunca me funcionou. Eu prefería durmir pensando nun mozo que me gustara, ou nun proxecto que pensara facer eses días no que estivera ilusionada. O que non sei realmente é se durmía!!! O que si sei é que nese cuarto imos estar a maior parte das nosas vidas. O dormitorio pasa así a ser un lugar estraño…
Cando falamos desas “cousas que facer”, estas teñen que conectarnos co acontecer dese cuarto, para iso cómpre que cumpran dúas regras: que poidan ser realizables e que nos emocionen. Eu nunca pensei en ter tantas ovellas coma as que podía.
Agora que tampouco sei se é que durmía!
Dous modelos
Peter Hutton contesta a unha pregunta sobre cine mar e mariñeiros:
Noite tras noite. Ó final, os ollos comezan a ver cousas que non imaxinaba que puideran ser visibles: o reflexo das estrelas na cuberta, a exposición do plancto fosforescente sobre a superficie da cabina … Ó insistir, as cousas fanse visibles.
Arqueoloxía e dispositivos. Cousas, que cousas!
Relacións de poder, condicións materiais, forza de traballo subalternizada, mercadoría(s), medios de produción, exercicio de estratexias… publico.
Medios de produción que no caso que nos ocupa son publicamente públicos.
Pero que publico: pero que di aquí publico, cal é o desgaste do publico, ao tempo cal é o desgaste d+s operari+s que traballan de cara ao publico? Cal é a súa capacidade de resistencia? A súa, a nosa? A dos operari+s, a do publico?
Que resistencias?
Un publico stressado, competitivo, glamouroso, rutinario?
Uns operari+s no mesmo estado e ánimo?
Diariamente os uns e os outros expostos ás rutinas non xa dun traballo precarizado senón dun lecer de espectáculo – espectacular? Pero cales os dispositivos de resistencia e mudanza contra esta “ordenanza” das mercadorías que implementa o formato t.v.?
Nós insistimos:
subalterna e produtora acaso nesas marxes do sistema onde o que in-forma deconstrúe o medio no que opera, e insiste –ó igual que o plancto fosforescente sobre a superficie do barco– no dragado da produción de imaxes.
Texto obxector
As criaturas son os calquera, pouco a pouco elas chegaron a diferir a decisión, non por falta de vontade ou por carecer da idea de potencia e liña de cadeira senón sinxelamente porque optaron pola preferencia de non facer, de non ter que dividir a acción.
Logo se ían saír movidas ao desencadrar nas placas, os poucos pensaron en que definitivamente ían desaparecer e polo tanto non se ían deixar impresionar polo arte das escrituras despóticas.
Definitivamente marcharon, esfumáronse e deixaron o carrete a salvo da ditadura do significado. O diagrama di: pensar sen culpa, sen razón, sen lógos, sen significado despótico; acaso nas marxes ou acaso pensar o porvir a partir da descousificación do valor de cambio?
Preferiría non facelo se a placa de placas impón o sentido. Desbórdome sobre a placa a partir do tatexar que incorporan os berros, escoito os berros que desbordan a placa, a fita devén impresión, o que resta da emulsión; a luz que entre-con-cruza o quiasma, as velocidades do sentido, o tempo en apuros.
Para que unha imaxe acade movemento ao se producir o quiasma da banda da espectadora polo entrecruzarse da experiencia do seu corpo e a velocidade ca que a aquel chega á luz, preciso de 25 imaxes.
Cada imaxe emite un movemento, un tempo, unha des-conexión, unha dis-continuidade de afectos, un intermedio que non cesa de producir variacións no percepto.
Elas, para tratar co mundo, non cesan, pois, de producir afectos. O mundo insiste, pois pon a cada corpo en escena. O noso corpo repite e difire a anunciación do afora para el ser afora. E se é que repite e difire o mundo é porque se estraña da fenda que se instala na porosidade múltiple ca que trata. As fendas son entre-polos que pasan fluxos de merda, de seme, de moeda, de política…
Pedra e carniza intelixente
“Desviadas” as escritas producen contra un estado de cousas no que as relacións de explotación regulan os plus-valores dos corpos en réximes escravistas.
Ferrín, María do Cebreiro, O Leo, Antón Fortes, Chus Pato, Valentina Carro, Xiana Arias, Raida Rodríguez, Manuel Outeiriño, Oriana Méndez, Samuel Solleiro, Manuel Rivas…
Abondarían entón os restos destes corpos para que o que medre en nós sexa a intelixencia.
A pregunta sería: segue a que enuncia a adversativa de posibilidade “Pero hai que salvarnos nós mesmas” a bailar mal? Son os ocos que abrimos no real aquilo que aos poucos dan nun real que aos poucos fai posible A ESCRITURA, o baile, a respiración, a vida? E xa que logo a pedra e a carniza intelixente viven aí, nese esforzo común da intelixencia?
Nesa cércana comuna que abre o tempo da razón.
Un xeito de escrita analfabeta e campesiña que turra do que aínda non foi escrito dende o im-político pola existencia.
En definitiva, falamos dun esforzo que trans-torna o subalterno da forza de traballo.
Unha preocupación sobre o como e o dende onde escribimos.
PRO-TESTA
O cogito comunitario que di “penso porque penso canda vós”, fronte o cogito do xerarca militarizado que redunda sen diferir no “penso porque pénsome e bástome a min mesmo”.
Para que os signos tracen as liñas, as xunturas, os cortes, as fendas dun xeito máis gozoso. Para que as escrituras nos arrexunten aos calquera nun sema por liberar.
Escribir sobre os seres amados, escribir sobre a morte violenta dos seres amados, escribir despois dos campos de traballo, escribir despois da xornada de traballo na cadea de montaxe dunha téxtil externalizada baixo o dominio do imperio, escribir o estado actual da diseminación da racionalidade que produce os campos e as proliferacións múltiples do corpo social sen xustiza.
Dicir CON o que trata de ser borrado polo imperio.
Corpus corporum Maquina de guerra Estirpe Hordas de escritura É Non son de aquí … Contra maquieiro …
Sentimos non poder pasar do condicional, e seguimos pensando que non haberá mellor editorial ca da burra. Agradecidxs pola ilícita proposta e pola hospitalidade, a previa e a por vir.
Derritaxes
desenvólvese mediante un percorrido imposíbel á
procura das pegadas, lembranzas e retornos
daqueles que perseveraron con e por ela. Fai dó, así
mesmo, polxs amigxs inesquecibeis.
Derritaxes, á fin, edítase na memoria de
Paco Vidarte.
ARTIGOS
Restos da lingua · Beatriz Hauser
Como gardar os restos do que nos foi subtraído, da negación da lingua propia sen facer deles monumento, nova instancia da Lei? Esa cuestión percorre o trazado que vincula a cuestión da memoria co da suxeito/soporte como acontecemento da inscrición (subxectil) e propón unha xustiza cara aos restos máis aló do traballo. Neste “aquí e agora” sempre diferido trátase de reinscribir os restos da lingua e a lingua como resto seguindo as súas pegadas na escrita, e os efectos que esa reescritura ten para as nocións de lugar, memoria, historia e corpo.
Ventriloquizar o Silencio · Miguel Prado
O 8 de Abril de 2011 e en resposta ao convite de Claudio Pato para participar nas Escrita(s), fixen unha presentación na galería Sargadelos da Coruña baixo o título Silencio en branco. Experimentación, ruído e correlacionismo, baseada na exposición do texto Silencio en blanco (Prado, 2011). Unha aproximación ao uso do silencio na música experimental e composición contemporánea. De que forma o silencio pode remitir a un encontro directo coa realidade ou pola contra (e baixo unha perspectiva fenomenolóxica) pasa a ser reducido a unha forma sonora ou estética reificada que obvia que ningunha situación é neutra.
Aproveitando a oportunidade brindada pola publicación Derritaxes de derivar, actualizar ou pór en orde e por escrito aquilo que foi conversado nas Escrita(s). Tratarei de expor e poñer ao día o dito naquel momento baixo a forma dunha continuación, apuntando ao que creo de interese á hora de pensar no silencio en relación coa produción musical e as condicións que determinan a realidade das situacións.
A escritura poética ou a douta ignorancia · D.Rocha Hauser
O poema en tradución do saber, a súa suspensión, como o seu contrapaso, aparece aquí como o resto do saber, en suma, o saber mesmo que xa non sabe. A-identitario, a-poietico e a-humano/animal, o poema deixa latexar o seu corazón robotizado e pon en xogo, antes que ao saber absoluto, ao poema mesmo.
Rostros marondos ou sobre como reler a poesía erótica dos 90 · Gonzalo Hermo
Este traballo ten por obxectivo propoñer unha lectura alternativa da poesía erótica da autoría feminina dos anos 90 en Galicia. Para este fin, empregaranse ferramentas tiradas da Teoría Queer e do feminismo literario que contribuirán a fixar un horizonte teórico posible da evolución do discurso poético galego máis recente en materia de xénero e de identidade sexual. Ademais disto, abordaranse escritas que, malia sobordaren os límites temporais e xenéricos que se anuncian neste traballo, son susceptibles de lérense en clave queer. O artigo preséntase máis como detección dunha determinada tendencia literaria ca como estudo exhaustivo de autores e escritas, procurando sinalar vías hermenéuticas diferentes ás prepondentes na crítica galega deste período.
Telegrafías. Tentativas para tropezar con outros · Oskar Hauser
Onde é que atopamos aos outros? Saímos na súa procura, rexistramos a nosa experiencia, anotamos as súas ausencias, debuxamos mapas, escribimos cartas, procuramos pistas, deixámoslles mensaxes, damos voltas ao redor da posibilidade: reservamos mesa, planeamos a cita; pero sobre todo, máis que nada, facemos todo o posible para evitalos.
CON-TEXTOS
Dous Modelos. Acontecementos · Paula P. Álvarez
Ferramentas artísticas como metodoloxía de intervención política · Edita Oca
CONVERSA
Conversa con… Claudio Pato: “Está todo volto do revés, enrevesado; e hai moita policía.”
DERIVAS
Pedra e carniza intelixente. Poesía comunal 2000-2008 · Ana Salgado
Taller Obxector · David Castro
RECENSIÓNS
Cantaruxadas da caixa de ferramentas · Adela Hauser/ Celia Hauser
ILUSTRACIÓNS
Sao Hauser
http://santatorpeza.wordpress.com/