Taller Obxector

David Castro

Aquí estamos a falar cunha certa ou total usura dun estado de “taller” onde se intenta extraer ou desprazar unha doenza, sen éxito nomear un “xesto”; dun cadro xeral apuntamos e erramos a decisión cara a un “obxecto”, mais é un obxecto vivo, un “campo”, un obxecto que non colabora.

O “obxector” é un ente e non unha cousa, é un calquera. Non é aínda nada que poidamos nomear como “un suxeito ou produto”: “unha multitude”, “un corpo esgotado”, “un edificio burocrático”, “unha mesa” onde, por certo, nada ou moi pouco esperamos.

É aparentemente nestes escenarios onde se organiza un oratorio a partir dun estado de desposuimento, un desprazamento do privado ao sector público (sen recoñecelo tampouco como “público”): obxectos da non pertenza.

Se hai unidade “asible”, non hai obxecto nin obxector; pois a acción é desprazada pola presión dun malestar, ou ben é unha materia que rexeita: “obxectora”.

En fin, no termo obxector hai un algo sufrinte, un pathos, unha angustia; non é aínda un obxecto ou ser insurrecto.

A relación co simbólico na fabricación de “obxectos útiles” dá unha oportunidade para pensar as cousas manufacturadas, como entidades, como corpos e como suxeitos fóra de cadro.

Neste contexto poden darse distintas técnicas e estratos que oscilan entre o facer e o non facer.

Podemos explorar un valor de uso naquilo que podería ser semellante a unha operación de montaxe prohibida?

Este valor de uso viría dunha vez como evidencia; non como vontade senón como resistencia total ou parcial dunha situación atopada e sentida a posteriori. Este “valor” atopado ten a importancia dun lugar, dunha sorpresa retardada, dunha non-sorpresa.

Quizais, pode ser esta unha oportunidade para lexitimar un obxecto, un xesto ou circunstancia que antes non comprendíamos. Mais lexitimar qué, comprender o que?

Podería someterse a tratamento a presentación dun suxeito que está aplicando a súa forza de traballo na forma que enlaza ou “choca” sen conflito coa súa mesma continuidade.

É o caso dunha personaxe de Kafka: “Martelar para el é un martelar real e ao mesmo tempo nada”. Walter Benjamin fala neste sentido dun xesto “citable” e “sen apoios” ao tempo que o inscribe na organización dun traballo nun contexto desaxustado ou desproporcionado (“A muralla chinesa”).

A crítica do obxecto vén da súa contraposición cun exterior, unha distancia, situación que fai que o valoremos de distinto modo. Ao mesmo tempo a crítica debe ser completa, o xesto desaparece no contexto ou tecido do que vén a formar parte: o filme, a escrita.

Der Film: ein schwer zu fassendes Objekt!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies