Thomas Hauser

Falando do cotiá, do que continuamente se nos está informando, deformando?, nos medios de comunicación oficiais: estamos en crise. Crise económica, claro, crise do capitalismo, claro. Falemos claro logo, trátase dunha crise da especulación, dunha crise feita polos yuppies ou os brokers, ou calquera ridícula verba como esa que refire a eses señores que o parecer xogan coa vida de tanta xente (inocente?). Trátase de bulir con cartos que en realidade non están, un xogo de ficcións que dende o punta de vista filosófico até podería ser incluso bastante atractivo, sobre todo se consideramos que a realidade é asimesmo ficción, que non hai obxectividade, que non existen feitos senón só interpretacións…etc. Por que non é así como funciona o mercado bursátil? Un xogo de confianza-desconfianza, de apreciación e devaluación de cotizacións de empresas que se sostén sobre determinados supostos que están en? Agora ó parecer dáse unha crise de confianza porque non hai cartos para restablecer tódalas débedas que diferentes empresas, de inversión xigantesca, foron acumulando nas súas diversas operacións que, ós ollos dos non entendidos en materia económica, penso case tódolos cidadáns, nos recordan a unha desas partidas de Monopoly, onde se caías na casa equivocada perdías tódolos cartos dun golpe. É dicir, repito, basicamente, non hai cartos, pero que cousa máis sinxela. Poderiamos analizar o feito dende varios puntos de vista que parecen poderían ser interesantes. Por exemplo un que me parece particularmente atractivo é o feito de enxergar até que punto o capitalismo como sistema económico, é continuamente capaz de auto-rexenerarse dende unha situación de crise, retroalimentándose e facéndose máis forte cada vez, como até o de agora parece que nos demostrou a historia (anulando e escravizando á maioría da poboación mundial, eso si, pero esto para qué dicilo?), e se tal situación será a que de feito aconteza para os vindeiros anos. O cal leva directamente a sinalar a verdadeira situación dos movementos de esquerda, e como tales, anticapitalistas, neste contexto. Onde (aquí debería aparecer penso un “coño”, un “ostias” ou algo así, deixémolo en) raios están metidos os movementos de esquerda internacionais, globais, nacionais ou mesmo locais na situación que de feito acontece? Estarán a espera dun “xa volo dicía eu” pasivo que espera a ver como se desenvolven os acontecementos e polo tanto a propia lóxica interna inherente ó capitalismo para resolver a situación? Ou será que están tan silenciados que eu, que por outra parte estou bastante xordo, non os escoito?. Un exemplo de política próxima: resulta que o coordinador xeral de Esquerda Unida, vai e dimite no medio do suposto terremoto que asola ó sistema que supostamente ten que criticar e superar. Na Galiza, será porque agora se está no goberno, (os de esquerda, quen serán?) non din nin pío, preocupados porque a suposta crise non apareza por aquí antes de que cheguen as eleccións á volta da esquina, suponse. Tamén pode explicarse a apatía crítica dos movementos de esquerda (pero qué é iso da esquerda?) polo feito de que igual somos tan pobres que para nada nos afecta tal crise, non temos hipotecas, non xogamos na bolsa, non temos traballos que perder…Pero de qué se tería que falar logo? Igual dun cambio, dun “hai cousas, procedementos, actitudes, maneiras de entender e estructurar a economía que xa non se poden permitir máis?”. Dun “é evidente, tan evidente! que a política, demostrado queda en que as medidas que se están tomando dende as principais institucións estatais mundiais non serven para paliar minimamente a crise, non pinta nada no desenvolvemento económico mundial?” Dun, “os Estados son marionetas, incapaces de xestionar unha situación ó parecer conflictiva, porque non tiveron ningún tipo de control, e quizais un profundo descoñecemento, das actuacións que levaron a esta actual situación, e agora instigados pola alarma social, emanada polos propios medios de comunicación, toman medidas desesperadas a contracorrente e a defensiva?” Pero logo onde queda a esquerda crítica?.

Con todo eu quería facer notar precisamente a retórica dos políticos, alomenos dos coñecidos, para presentarse como totalmente capaces de rexenerar a situación no medio da súa obrigada incapacidade (no contexto de dominio absoluto do económico sobre o político). Eso volo deixo da vosa man, escoitádeos pois, pero ó facelo tende en conta isto. Oliver Sacks, un neurólogo divulgador con pretensións literarias, por certo bastante agradable de ler, nos chama a atención ante unha curiosa situación que vou a intentar describir moi resumidamente.

No pavillón dos enfermos afásicos e dos agnósicos tonais graves, escoitábanse grandes risos ó ouvir o discurso do presidente. Qué acontecería? Qué tiña de gracioso o que dicía se máis ben estaba artellando un discurso ben serio sobre certa xustificación de algunha guerra preventiva? (esto último, síntoo, é engadido meu) Antes unha breve aclaración de qué son exactamente os pacientes afásicos e agnósicos. A afasia é un trastorno neurolóxico que afecta a comprensión directa das palabras, de tal xeito que estes teñen que recorrer a outros mecanismos para facilitar a comprensión. Así dado que a linguaxe falada está chea dunha expresividade diversa, complexa e sutil se pode completar a significatividade implícita en calquera discurso. A esto temos que engadirlle que os afásicos teñen moi potenciada tal capacidade. O afásico non pode entender as palabras, pero precisamente por iso non se lle pode enganar con elas.

Os Agnósicos tonais en cambio pásalles exactamente todo o contrario, é dicir entenden literalmente o significado das palabras, pero non son capaces de completar o sentido se existe ironía, burla, alegría, tristeza, engano…teñen perda do linguaxe evocativo, falan e entenden, digámolo así, só en prosa.

Ós afásicos graves e ós agnósicos tonais facíalle gracia o discurso do presidente, pois o primeiros captaban á perfección os acenos e os histrionismos, os xestos, as cadencias e os tons tan rematadamente falsos. Os segundos en cambio percibían perfectamente a retórica vacua do discurso e a incorrecta e ocultista expresión das palabras utilizadas polo señor Dirixente, Representante Máximo da Nación. A conclusión paradoxal tómoa directamente do propio Sacks na que remarca o noso propio carácter bufonesco e grotesco: “A nós individuos normais, coa axuda indubidable do noso desexo de que nos enganen, engánasenos xenuína e facilmente. E o uso enganoso das palabras combínase con ton enganoso tan picaramente que só os que teñen unha lesión cerebral permanecen inmunes, desenganados”. Para que logo digan que a saúde o é todo.