Ramiro Ledo Cordeiro
Resumo:
Guiándonos pola novela de Peter Weiss A estética da resistencia (1975-1981), trátase de superporlla ao noso día a día e de facermos o posíbel para tirarmos proveito dela. Gardando respecto polas características formais do texto, entraremos no edificio do Banco Español de Crédito, na Praza de Cataluña de Barcelona, a través do Hotel Colón, sede do PSUC en 1937, na véspera da folga xeral do 29 de setembro de 2010. As discusións da asemblea desa noite hanse ver confrontadas co cotiá dos personaxes que protagonizan o filme: cinco amigos anónimos que xa non son nin adolescentes nin militantes comunistas, coma os personaxes da novela, pero que tentan porén arrepoñérselle ao estado de cousas coma os que protagonizan o libro de Weiss: o narrador, Hans Coppi, Horst Heilmann, Karin Boye e Charlotte Bischoff.
VidaExtra xorde por dous camiños que se me impoñen xuntos no irromper dunha folga xeral: a novela de Peter Weiss, Die Äesthetik Des Widerstands, que naquela altura me acompañaba, e maila reocupación por un grupo de xente do edificio do Banco Español de Crédito, que abrangue unha metade da cara noroeste da Plaça de Catalunya de Barcelona, a véspera da folga xeral do 29 de setembro de 2010.
A outra ocupación dese mesmo edificio, cando se chamaba Hotel Colón, executouna a poboación de Barcelona leal ao goberno republicano cando cercou dentro os últimos militares golpistas e recuperou a cidade o 19 de xullo de 1936 ás catro da tarde. O Hotel Colón pasou a ser a sede do PSUC (Partido Socialista Unificado de Catalunya, os comunistas cataláns) durante a Guerra Civil.
Dalgún xeito, os distintos colectivos e anónimos agrupados no “Moviment del 25” (pois o edificio foi xa ocupado o 25 de setembro de 2010), estaban a repetir 1936.
Na novela de Weiss, o narrador protagonista, alistado nas Brigadas Internacionais, entra en tren a España por Barcelona camiño de Cueva La Potita, Albacete, e unha tarde de 1937, após quedar fascinado pola Sagrada Familia, volve á Plaça de Catalunya e detense diante do Hotel Colón “cuxo portal estaba flanqueado por dúas faixas desde as que un Lenin carraxento ollaba como sorría o seu Secretario Xeral”.
Esa noite de 2010, as dúas estatuas que flanqueaban a porta de entrada estaban vestidas de festa. Nas paredes do edificio líase en grande “Isto non é crise, chámaselle capitalismo”.
VidaExtra comeza no interior do Hotel Colón, a principios do século XX. A través de fotos e postais da época visitaremos os seus salóns modernistas, a nova fachada novecentista e sairemos á Plaça de Catalunya mediante unha sucesión de imaxes que nos levan de 1902 a 1940, cando comeza a construírse o que xa será Banco Español de Crédito na España gobernada polo fascismo. Unha imaxe da fachada do Hotel Colón en 1937 lémbranos a súa ocupación durante a Guerra Civil e guíanos cara á súa reocupación en 2010.
Sobre a fachada dos grandes almacéns “El Corte Inglés”, ao pé do edificio ocupado, proxéctase dende a asemblea un cartaz: “Xa é folga en El Corte Inglés”. Nese edificio tiña pousada o protagonista de Die Äesthetik Des Widerstands, en 1937 Hotel Victoria, onde se xuntaba a recadación dos servizos públicos socializados baixo administración da CNT-FAI. E ese cartaz sobre a fachada do centro comercial enlaza co fragmento da novela de Peter Weiss, cando o seu protagonista percorre estes espazos.
Para manter o concepto formal da novela, estruturada en longos bloques sen puntos aparte, este fragmento desenrólase na pantalla en forma de bobina de texto en continuidade, e faise visíbel por medio dunha caixa de luz, a través dunha pequena ventá recortada na pantalla que nos centra no que imos lendo.
Achegámonos de a pouco dende a praza ao interior do edificio, onde vai dar comezo a asemblea.
A parte visual é apenas materia que tenta abrollar dende o corazón do edificio e impide a identificación dos intervenientes. A atención desprázase á banda de son, onde se libran as discusións. No programa: a organización de piquetes para afrontar a folga xeral do día seguinte, a utilización dese espazo durante os días vindeiros, a discusión de propostas encamiñadas á reapropiación da vida cotiá.
Xa na casa, o que se falou esa noite confróntase co cotiá dos personaxes que protagonizan o filme: cinco amigos anónimos que xa non son nin adolescentes nin militantes comunistas, coma os personaxes da novela, pero que tentan porén arrepoñérselle ao estado de cousas coma os que protagonizan o libro de Weiss: o narrador, Hans Coppi, Horst Heilmann, Karin Boye ou Charlotte Bischoff.
Barcelona, setembro de 2012
VidaExtra (Trailer galego) from Ramiro Ledo Cordeiro on Vimeo.