Algo no que todas as especialistas (non só) económicas parecen concordar é en que a chamada “financiarización” da economía supuxo unha das últimas transformacións relevantes do capitalismo. Nós imos propoñer a lectura deste proceso desde unha categoría decisiva que hoxe se converte xa en urxente e global: a débeda. E para iso apoiarémonos na última obra do filósofo italiano Maurizio Lazzarato: La fabrique de l’homme endetté (Paris, Amsterdam, 2011).

lazzarato_fabrique

Lazzarato parte da seguinte tese: a financiarización non é tanto unha modalidade de financiamento dos investimentos como un enorme dispositivo de xestión das débedas (persoais e públicas) e, xa que logo, da relación acreedora-deudora. Por iso Lazzarato non fala de “finanza” senón de “débeda” e “interese”. Non é senón a relación entre a acredora e a debedora a chave de todo o proceso das finanzas.
Outro punto importante a resaltar, de entrada, é que as finanzas non van ser un exceso de especulación que se podería regular se houbese vontade (por parte de, por exemplo, un Estado ou un conxunto de Estados) nin a expresión da avaricia do ser humano (como sen ruborizarse ilustrarían moitas conservadoras: “é a condición humana”, repiten con cinismo). As finanzas non son máis que unha relación de poder. «A débeda é a finanza do punto de vista do debedor que debe reembolsala. O interese é a finanza do punto de vista dos acredores, propietarios dos títulos que lles garanten beneficiarse da débeda» (Lazzarato, p. 23). Deste xeito arguméntase como o corazón estratéxico das políticas neoliberais é xustamente a fabricación da débeda, que non é algo negativo que impida o crecemento senón, ao contrario, o motor económico da actualidade. Por iso a fabricación da débeda é o desenvolvemento da relación de poder entre acredoras e debedoras.

Desde logo, a multiplicación da débeda a nivel global dáse a partir da aparición do que outras chaman “financiarización mundial”. Un dos principais motivos é o derrubamento do sistema de Bretton Woods (vixente de 1944 a 1971, cando Nixon declarou a inconvertibilidade do dólar en ouro e viceversa). Como explica Andrea Fumagalli, «co paso a un réxime de cambios flexíbeis, o nivel de incerteza sobre os pagos internacionais crece de modo exponencial, especialmente nun contexto de fortes oscilacións das taxas de cambio. Esta situación favorece a actividade especulativa a través da compra-venda de divisas internacionais e, ao tempo, fai máis arriscada a solvencia das transaccións comerciais entre países» [Fumagalli, A.: Bioeconomía y capitalismo cognitivo. Madrid, Traficantes de Sueños, 2010, p. 48]. É dicir, o tipo de cambio fica ao arbitrio do mercado.

A primeira consecuencia disto é a multiplicación exponencial da cantidade de billetes impresos cos riscos evidentes de desvalorización e de sobreacumulación dos mesmos, algo que non afectaba soamente aos EUA senón, entre outros, aos países da OPEP.

Segundo a soada teoría de David Harvey da “acumulación por desposesión”, o capitalismo soporta os seus desequilibrios producindo axustes espazo-temporais que se fan cargo da sobreacumulación, ben de capital, ben de forza de traballo. As alternativas non son máis que a depreciación do valor dos mesmos ou, como alternativa, que eses excedentes se absorban. Os axustes son espazo-temporais porque se levan a cabo mediante expansións xeográficas que contan necesariamente co tempo no sentido de que son investimentos feitos a longo prazo (por exemplo, os investimentos que se fixeron na África subsahariana e en América Latina nos 70 e que foron o comezo da súa débeda externa).

Este foi o camiño mediante o cal, a través da manipulación do crédito e das prácticas de administración da débeda, as administracións gobernaron impulsando axustes neoliberais. O Fondo Monetario Internacional (FMI) cobre á administración e asegura que os países paguen a través de axustes estruturais, eufemismo que agocha a privatización dos bens comúns, levando consigo unha nova “reacumulación”.

Pois non outra cousa son os plans de “austeridade” que a troika (FMI, Banco Central Europeo, Comisión Europea) impoñen aos países da Europa do sur (Grecia, Portugal, España, Italia): privatización e liquidación dos bens comúns.

Poder, control, subxectividade

Deste xeito ten lugar o xiro da conversión dos cartos en débeda e da débeda en propiedade. E por iso, volvendo á tese de Lazzarato, o crédito, a débeda, e xa que logo a relación acredora-debedora, constitúen unha relación de poder que implica modalidades específicas de control e produción da subxectividade.

Chegados a este punto é onde Lazzarato avanza respecto á concepción foucaultiana de homo aeconomicus, pois onde para Foucault o concepto agochaba o feito de que a persoa consumidora producía acotío (a súa propia satisfacción), para Lazzarato o que agocha é o deber que a consumidora ten de restituír a débeda contraída. Deste xeito a nomenclatura empregada por el é a de l’homme-endetté, é dicir, o humano-endebedado. Para Lazzarato, «a relación acreedor-debedor superponse ás relacións capital-traballo, Estado de benestar-usuario, empresa-consumidor, e transforma aos cidadáns, traballadores e consumidores en “debedores” (Lazzarato, p. 28).

A partir de aquí Lazzarato abre unha liña de análise de corte moral a partir da lectura da Xenealoxía da moral de Nietzsche, baseada na explicitación dunha “moral da débeda”, onde o par “esforzo-recompensa”, clásico no ámbito laboral, pasaría a ser substituído pola moral da “promesa” (honrar a débeda) e a “culpa” (por habela contraído). De feito Nietzsche lembra como a palabra alemá Schuld (culpa) provén de Schulden (débedas), inaugurando unha moralización da débeda que inclúe tanto a desempregadas como a traballadoras como a poboacións enteiras. De aí que cando o goberno alemán tacha ao pobo de Grecia (e do sur de Europa en xeral) de “parasito” mostra en todo o seu esplendor a violencia da culpabilidade que supura a economía da débeda. Do mesmo xeito os media, políticas ou banqueiras non transmiten máis que unha mensaxe: “sodes culpábeis”.

Así vemos até onde chega o proceso de produción de subxectividade: unha é libre mentres a súa vida sexa compatíbel co pago da débeda contraída. Deste xeito ensínase desde o principio a vivir coa débeda. E esta operación encadraríase, seguindo esta liña, na do biopoder ou a biopolítica, referíndose ao control férreo da vida.

Lazzarato postula que a débeda é o carácter xeral das relacións de poder actuais do capitalismo. Inclúe a todo o mundo, pois até as que son tan pobres que non poden acceder a un crédito deben pagar os intereses a través do pago da débeda pública (mediante as condicións impostas pola troika e os gobernos, que afectan á vida de toda a poboación); pois até os Estados que son tan pobres como para non poder dotarse dun Estado de benestar deben pagar os intereses. Lazzarato chega a asegurar que «cada novo bebé francés nace xa con 22.000€ de débeda» (Lazzarato, p. 29).

En base a iso, seguindo a Deleuze (quen á súa vez segue a Nietzsche), asúmese que verdadeiramente é o crédito –e non o intercambio– o arquetipo das relacións sociais (que, xa que logo, son desiguais desde o comezo).

Crédito, débeda e promesas

Pois, que son o crédito e a débeda? Non son máis que unha promesa de pago. E un activo financeiro (acción, obrigación)? A promesa dun valor futuro. E estes conceptos (promesa, valor, futuro) tornaranse fundamentais no obxectivo das relacións de poder, que non é senón fabricar unha subxectividade capaz de manter unha promesa, e capaz de recordala, de ter memoria, é dicir, capaz de levar no seu interior a relación acredora-debedora.

A promesa implica memoria e esta fai que o fundamental sexa a confianza (en devolver a débeda, debido á suposta confianza que a acredora depositou na debedora). E a memoria non é soamente do pasado senón tamén do futuro, pois iso é o crédito, a promesa de restituír a débeda nun futuro.

Así, a débeda é tempo. E os intereses da débeda implican e supoñen un traballo futuro que dea os froitos para pagalos. Deste xeito unha perde o dereito que tiña sobre ese tempo futuro, que pasa, xa que logo, a estar colonizado. Desaparece toda opción de decisión e aparece a percepción de vivir nunha sociedade sen tempo, nunha sociedade na que nada pode ocorrer.

E esa apropiación tamén chega a todo aquilo que o soado Welfare conseguira transmitir: fundamentalmente seguridade. Unha das derivas actuais a este respecto é a transformación do mesmo (que entre outras cousas aseguraba un salario cando unha estaba desempregada) en Workfare (é dicir, o deber de traballar sen salario cando unha está desempregada). Esta deriva provén seguramente da xeneralización coa que os Estados promoveron a noción de “emprendedora” (opoñéndose con iso ao que sería o outro polo do conflito, o do dereito, por exemplo, a unha Renda Básica de Cidadanía).

Así vemos como entra en xogo a biopolítica, pois a estratexia é facer que a persoa, a vida da cidadá, a súa subxectividade, se adapte á oferta de emprego de cada momento, converténdoa en capital humano. A noción de empregabilidade axusta a vida das persoas coa posibilidade de engrosar as listas do paro: ser-empregábel leva consigo unha serie de actitudes, comportamentos e estilos de vida que deben ser acordes ao mercado. En caso contrario, a persoa nunca accederá a un emprego.

Por outra banda, o feito de fabricar emprendedoras, como tanto lle gusta repetir aos gobernos actuais, leva consigo o asumir os riscos da economía neoliberal sobre as súas propias carnes. Como dicía Foucault, e recorda Lazzarato: facer de si-mesmo unha empresa. Con iso dáse o paso que Deleuze afirmaba da sociedade disciplinaria á sociedade de control, onde nesta o control se interioriza no individuo: é produción de subxectividade controlada.

Por iso a débeda é infinita –sentenza soada de Deleuze– e coa infinitude chega a culpabilidade por non poder pagala. Así, convértese tamén en “débeda interior”. Se Nietzsche puña o acento na débeda que temos desde a orixe do cristianismo (débeda ante Deus, culpabilidade polo pecado orixinal e a expulsión do paraíso: unha débeda interior transcendente), en Deleuze a débeda materialízase no capitalismo como débeda inmanente. É dicir, a valorización capitalista pasa a ser infinita, no movemento do capital que se autovaloriza e, grazas á débeda, supera os seus propios límites.

Concluíndo, o crédito (como arquetipo das relacións sociais) parte do desequilibrio, o desaxuste e a desigualdade, por iso no devir do capital a débeda se torna infinita a través da continua autovalorización que o capital fai sobre si. A débeda non é senón o motor actual do capital e o feito de non poder pagala non é senón unha consecuencia do mesmo. Esa certeza é a que leva á produción e control férreo da subxectividade endebedada e á (de)formación dos corpos (tanto individuais como colectivos, tanto usuarias como cidadás ou Estados). A única pregunta que cabe facerse é: É posíbel a resistencia?

 Sören Hauser

Este artigo publicouse en castelán no número 56 de Pueblos – Revista de Información y Debate, abril de 2013.