Os Centros Sociais A Esmorga de Ourense, A Revolta de Vigo e o local de AMI inserto no CS A Gentalha do Pichel de Compostela, son obxecto dun rexistro a fondo por axentes encapuchados que buscan información sobre os movementos sociais e os activistas independentistas da Galiza. Así mesmo son rexistrados os pisos nos que residen os detidos e os seus respectivos lugares de traballo. Un deles, deseñador gráfico, soporta como a GC requisa os computadores do seu traballo, co consecuente desconcerto do encargado do mesmo.
Durante estes rexistros desaparecen considerables cantidades de diñeiro e son subtraídos obxectos persoais (fotos, revistas, música, libros), cunha apropiación carente de sentido para a importancia da investigación. Pódense constatar do mesma xeito o roubo dos cartos da Asociación Cultural A Fouce de Ouro, a hucha de apoio á organización CEIVAR do CS A Esmorga ou a substracción da caixa de aforros e a lista de socios do CS A Revolta.
Non quedan aquí as detencións : en decembro é detido o webmaster da páxina de AMI cando regresa a Galiza polo nadal. Parece que en todo este vórtice o primeiro obxectivo policial é claro : deter aos membros do Consello Nacional de AMI, organización política que desafía abertamente o monopolio da violencia do Estado. O segundo obxectivo pasa por determinar o nivel organizativo e asociativo do independentismo galego. Para iso, utilízase a antiga táctica de sacarlle a auga ao peixe, hoxe en día especialmente en boga en Euskal Herria : atácase ao movemento que conta cunha reivindicación máis aló do nacionalismo, atácase á construción político- social. E non se atopan responsables deses movementos, que funcionan horizontalmente, senón grupos de 50 a 100 persoas que se moven ao redor da organización autónoma de cada centro social.
Mentres, o sumario da causa serve para manter aberta unha investigación contra os movementos sociais e independentistas, un sumario que permite, como o seu propio nome indica, ir sumando aos poucos información sobre a base social que sustenta o movemento galego, un suma e segue que fai que hoxe se manteñan abertos cinco procesos, en mans de tres xuíces. Un deles é o xa tristemente soado Grande-Marlaska, que afirma que o nacionalismo galego loita por defender un “dialecto”. En fondo e forma a acción policial recorda á iniciada en 1998 en Euskal Herria, aínda que alí o índice de represión, ataque e derriba aos movementos sociais foi moito maior, proporcional quizais á maior autonomía e construción de alternativas ás institucións estatais. Xa vimos que aquela ofensiva viu o seu desenlace no xuízo 18/98 realizado nove anos despois. Isto dános unha pista fiable sobre a intención que pode planear sobre a Operación Castiñeira.