Komunikando.net: cibermovementos na música galega

Sören Hauser

Komunikando é un punto de encontro na música galega non subvencionada que vai para dous anos emitindo. Un foro de debate para cuestionar o panorama vixente, recoñecer carencias e crear unha rede estructural. En definitiva, un medio de socializar e democratizar a cultura e as expresións culturais.
A Galiza musical non é nova en experimentos colectivos: xa nos anos 90 o movemento Unión Bravú dera coa pedra no zapato: na Galiza había moitos grupos de rock que cantaban en galego, que compartían inquedanzas e gustos musicais, pero que non se coñecían entre eles. A Unión Bravú puxo en conexión a estos grupos entre si, heteroxénea e singularmente.
Daquela semente no ano 2000 xurdiu AMELGA (Asociación de Músicos en Lingua Galega), primeiro intento de asociación legal por parte de máis de 40 grupos de música que compartían a lingua galega coma medio natural de expresión. Pretendendo normalizar a lingua sen desmarcarse do obxectivo de promocionar a música pretendeuse crear un circuito de salas e concertos en Galiza, pero só se conseguiu a medias, pois viuse abaixo coincidindo co novo impulso que apareceu a finais do 2002, despois do coñecido como desastre do Prestige, que encheu de negrura, decadencia e falsidade o país.


Dentro da tremenda reacción popular contra as decisións políticas que se toman na xestión da catástrofe e as posteriores consecuencias, os músicos galegos volven ver unha oportunidade para asociarse e crear en común: nace a Plataforma contra a BURLA NEGRA, formada por todo tipo de axentes culturais galegos: poetas, actores, músicos, escritores, etc. A Plataforma ocúpase de organizar actos culturais de protesta contra a situación política do momento. Máis adiante, a plataforma mutará en asociación cultural (Arredemo, rede de información, acción e distribución a favor da cultura galega en xeral).
Pero a seguinte iniciativa musical colectiva non chegará ata o 2006; virá impulsada dende Catalunya e chamarase A Perloca. Neste Cd únense 19 grupos galegos e cinco invitados co obxectivo de promocionar a música en galego, dando lugar a toda unha serie de iniciativas dende a súa publicación.
O primeiro resultado é a presentación do Cd en Galiza mediante un concerto e unha serie de conferencias sobre a Per Loca Marítima, unha vía romana que atravesaba Galiza poñendo en contacto as súas xentes entre si, e que serve como simboloxía do que se pretende facer. Inmediatamente despois organízase a II Foliada no Ateneu Popular de Nou Barris, un barrio popular e traballador de Barcelona con forte presencia galega. Entre todo tipo de actos culturais ao longo de dous días e dúas noites hai dous concertos de grupos perloqueiros.
Mentras todo isto pasaba, a venda dos Cds autoxestionabase dende os mesmos grupos.
Boa parte dos beneficios serviron para montar o portal de komunikando.net, lugar de encontro musical que abrangue as novidades referentes a 50 grupos galegos e que conta cunha radio interna de difusión e co primeiro programa de televisión distribuido exclusivamente por internet: komunikando tv, dedicado exclusivamente á difusión e promoción.
Ademáis, komunikando.net actúa mediante un software libre, Joomla, protexido por GNU, e toda a súa información está baixo licenza Creative Commons. Toda unha declaración de intencións dunha comunidade aberta, inclusiva, lugar de encontro, de saída e chegada, de músicas tan singulares como comúns.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies