Asisto perplexo as incursións das vacas sagradas da intelectualidade española, nos asuntos procomún. Desta vez, fico atónito cun artígo de Savater publicado no Correo Digital o pasado mes de abril, e que casualmente descubro surfeando por algúns sites que visito con relativa frecuencia. Tratarei de comentar os meus pareceres -de forma totalmente gratuita, claro:

A revolución de Internet, como ben sinalara xa David Casacuberta no seu “Creación Colectiva”, non consiste no “gratis total”, nin sequera no acceso ós “produtos culturais” ou, como dicía alguén cuxo traballo respeto bastante máis que esta desafortunada declaración, “ás grandes creacións da humanidade”, nin todas esas cousas que parecen preocupar tanto ós sabios -sobre todo a quen realmente lles repercute que non se lles lea en formato vendible- creadores -quen é o romántico aquí, Sr. Savater-, sinon na posibilidade de que todo un modelo de xeración cultural sexa sustancialmente modificado -i.e. que cambie no esencial, que deixe de se-lo que era para pasar a ser outra cosa, aínda por definir-, de cara a acada-la incorporación efectiva do, até o de agora excluido como “público”. Este proceso de transformación, que topa coas resistencia habituais e perfetamente comprensibles de alguén que ve periga-lo seu sistema de vida coa aparición dun fenómeno que directamente volve innecesaria -in-útil- a súa tarefa, non ten nada que ver con supostas intencións perversas de apropiación do alleo -por certo: Pódese falar de “apropiación” cando o suposto suxeito roubado non deixa de posui-lo ben que teóricamente se lle sustrae?-, senón cun momento de desenvolvemento tecnolóxico que nos sitúa noutro plano, e produce un novo contexto no que se da a posibilidade de participación global na conformación da cultura -salvadas, obvio, as fendas tecnolóxicas e dixitais (así como as barreiras mentais).

Neste senso:

Un, como se di últimamente por doquier: “Non se lle poden poñer barreiras ó campo”. Frear unha revolución tecnolóxica como ésta, sería algo así como tentar queima-las primeiras imprentas, en tanto que o que representou a unha a nivel de difusión e de articulación do modelo de negocio actualmente en crise represéntao Internet na construción deste novo modelo en cernes. Ademáis e con independencia de que aínda existan “creadores” -moitos- que consideren que este modelo de negocio pode/debe segui-lo funcionamento dieciochesco do copyright, cos seus innecesarios intermediarios e os seus formatos de traballo tan fora de lugar -e de época-, cada vez máis empeza a haber conciencia entre os traballadores da cultura ou involucrados en prácticas artísticas e culturais -confeso que eu entendo por cultura algo más cercano a Taylor ou á UNESCO-, cuxa remuneración polo seu traballo non ten nada que ver co lucro da copia -algo relativamente recente na historia das práticas culturais- senón co directo. Brea: “el artista es un productor de directo”. Neste senso, é previsible que en breve empecen a descubrir canto lles perxudica un modelo de negocio do que a maioría non obten ningún rédito económico, e sí a industria que nacera para xestiona-los aspectos digamos “complementarios” do proceso produtivo, para mediar entre público e “creador”; quizáis os traballadores da cultura nalgún momento empecen a confiar na nova situación, e entendan que deben adaptarse a un novo contexto que, alén diso, lles será moito menos hostil.

Dous, penso que estamos todos xa un pouco fartos de ser tildados de “amigos do alleo”, de apropiarnos descaradamente do traballo dos demáis, etc… Por aí diría que: un, o caradura é o tipo que considera que a súa actividade profesional merece unha remuneración millonaria -deixémonos de falacias: os que obteñen rédito por dereitos de autoría non son os autores dun título cunha tirada de 1000 exemplares, senón o autor de best sellers, quen, por outra parte, xa está forrado pola suma de conferencias, premios e demáis beneplácitos concedidos polo mainstream cultural; dous, por que si nunca se considerou un fraude o préstamo dun libro, agora sí se considera o préstamo dun arquivo -por certo, que opina o Sr. Savater das bibliotecas públicas.

Tres, eu entendo que non todos podamos ser W. Benjamin -si, xa sei que o citamos demasiado…-, pero realmente paréceme fascinante que un tipo poida escribir algo como esto nos años 30, e os intelectuais do século XXI sigan falando de “creación”:

“La tarea consistiría por tanto en una refuncionalización de la forma concierto para cumplir dos condiciones: suprimir la oposición entre el ejecutante y el oyente y suprimir la oposición entre la técnica y el contenido”

El Autor como Productor, 1934

A técnica e a súa aplicación prática -a tecnoloxía- están facendo cada vez máis posible a intervención direta de toda a sociedade nas práticas culturais. Dalgunha maneira estaríamos ante a posibilidade de resolver esta oposición público/produtor e tódalas desproporcións que esa oposición xera a nivel social. O intelectual non debería pretender unha perpetuación -motivada polos placeres de palacio-, senón a incorporación da cidadanía ós procesos deliberativos que implican a cultura, a cal dará forma semántico-simbólica ó mundo de tod@s. Quizáis conveña replantexarse o papel do intelectual no mundo actual e, dende a miña modesta opinión, ese debera se-lo camiño a seguir dende as políticas culturais -políticas públicas, de todos y para todos-, non o subvencionado para manter un sistema cultural que fai augas, nos guste ou non.

Catro, dende logo é un fraude auténtico o feito de que entidades de xestión -SGAE, CEDRO e demáis…- recauden en nome de tódolos “creadores”, ignorando a aqueles que non se atopan efetivamente asociados a ditas entidades. Polo mesmo, gravar tódolos dispositivos de almacenamento de datos cun canon, implica supor que todos eses dispositivos serán empregados “para fins fraudulentos” -a xa mítica presunción de culpabilidade-. Javier de la Cueva comentaba fai non moito que os xulgados españois tamén pagan canon, dado que tódolos materiais que se rexistran nas sesións, se fai en formatos gravados con esta nova medida.

Pero sobre todo alucino con que este home, catedrático de Ética dunha das máis “prestixiosas universidades españolas”,  esté en contra do libre acceso de todos ó coñecemento producido por todos. Persoalmente non volverá caer outro dos seus panfletos nas miñas mans.